Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Fondo de Cultura Económica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fondo de Cultura Económica. Amosar todas as publicacións

22/02/20

Nosotras / Nosotros

Encantoume este álbum Nosotras / Nosotros de Ana Romero e Valeria Gallo que publica Fondo de Cultura Económica. Un libro "dobre" porque nos presenta dúas historias, comezando por anverso e reverso (cal é cal?) que converxen no centro cun maña que exemplifica a idea de igualdade e que chama a atención asemade polo seu formato alongado. O tema non é outro que a igualdade, tratado dende unha óptica no que tamén se aclara que o machismo patriarcal ten feito asemade moito dano aos homes, que foron educados na idea de que ter sentimentos non é propio da masculunidade, así como a intelixencia emocional. Na parte das mulleres faise fincapé naquelas situacións en que a muller tiña prohibido mesmo a capacidade de decidir. Con frases curtas e ilustracións que falan por si soas, este libro convértese nun deses álbums que pasearei polos cursos aos que vaia.
"Hace mucho tiempo se nos prohibían montones de cosas. Había verbos peligrosos a los que no podíamos asomar la nariz. Ni los ojos. Tampoco la boca", di ela.
 "Hace mucho tiempo nos obligaban a hacer montones de cosas. Había verbos que ejecutar con urgencia para mantenernos alejados de las peligrosas emociones", di el.

03/08/18

Noche antigua

David Álvarez é o autor de Noche antigua, álbum ilustrado sen palabras publicado por Fondo de Cultura Económico. Un álbum sen palabras que nos envolve na súa dualidade: o día e a noite, a vida e a morte, a escuridade e a luz. Todos os elementos que se opoñen para establecer o equilibrio do universo. Poderemos observar unha lúa que cambia de aparencia e unha noite que se transforma en día, grazas aos animais que xogan con estes elementos.


09/05/18

Ícaro en el corazón de Dédalo

Chiara Lossani xunto coas impresionantes ilustracións de Gabriel Pacheco fan posible este álbum publicado por Fondo de Cultura Económica: Ícaro en el corazón de Dédalo é unha reflexión sobre a paternidade que se inspira no mito clásico de Dédalo, construtor de máquinas incribles e arquitecto do Laberinto de Creta. O rei Minos encérrao co seu fillo Ícaro para castigalo por axudar a Teseo a fuxir. Aquí xorde unha historia de amor, esa que ás veces retrásase cando se dá por suposto que vén canda o nacemento. Pero amar significa protexer, ou tentar esa protección que non sempre é posible, posto que o destino, ou o que sexa, amosa recovecos cos que non contabamos. A vida segue, e debemos mirar para adiante, como poidamos. Os sentimentos seguirán agromando e mesmo aprenderemos a vivir canda a tristura.

30/04/18

El soñador

Pablo de Bella é o autor de El soñador, publicado por Fondo de Cultura Económica. Un álbum que me pareceu precioso e nada sinxelo, a pesar da súa aparencia. Que é realidade e que non o é? O noso protagonista durme diario, sempre ten sono e non sabe cando está dentro do mundo dos seus soños e cando está na realidade, cando está durmindo e cando está soñando. Por iso este xogo entre realidade e ensoñación é continuo no libro e convídanos a pensar sobre esta dicotomía. O libro remítenos insistemente ao soño dentro do soño e así sucesivamente. Esta é a filosofía da existencia.


04/03/18

El País de Jauja


Neste álbum publicado por Fondo de Cultura Económica destacan as ilustracións, ademais do humor do texto. El País de Jauja contén texto de Francisco Segovia e ilustracións de Kestutis Kasparavicius: unha fábula clásica con rima (en texto prosístico) e moito surrealismo, posto que nada semella ter sentido, agás as ganas de percorrer ese mundo de fantasía cheo de comida e lecer. Non hai nada como ter fame para andar por este país, mesmo sendo un lacazán ben grande! Asemade, ao final hai que volver a comezar, porque alimentarse de soños é importante: hai nubes de algodón de azucre, as árbores dan xelados, os porcos están asados e os peixes cocidos. Xa se sabe, isto é Jauja!


02/06/17

El bosque dentro de mí

El bosque dentro de mí é un fermosísimo álbum se palabras de Adolfo Serra publicado por Fondo de Cultura Económica que gañou o concurso de Álbum Ilustrado A la orilla del viento na súa XIX edición. A natureza é a absoluta protagonista do libro, cun personaxe que camiña entre bosques e paxaros, entre a néboa ou as estrelas. Mentres, preguntarémonos cal é o noso papel dentro dese percorrido, porque os humanos tamén procuran a súa natureza interior, e dentro dese mundo natural debemos medrar e descubrirnos.






14/04/17

Willy y la nube

Anthony Browne é un dos grandes e sempre paga a pena achegarse a algún dos seus álbums; desta volta tocou turno para Willy y la nube publicado por Fondo de Cultura Económica. O protagonista é coma decote o pequeno chimpancé, quen ten que se enfrotnar a unha nube que o tolea; outra vez mestura imaxes hiperrealistas con situacións absurdas para falar de sentimentos e superacións de situacións medoñentas.







04/03/17

La espera



Impresionante este álbum de Daniela Iride Murgia que publica Fondo de Cultura Económica baixo o título La espera. Encantáronme as ilustracións, sobre todo, porque son dunha dozura electrizante e enchen o álbum totalmente. Logo, a historia, un rapaz que debe aprender a entender un mundo de maiores que lle resulta equívoco, ao tempo que madura e procura un novo xeito de ver o mundo; supoño que é inevitable, aprender a agardar e tentar aprender o que temos arredor, saber agardar.


27/12/16

El animalario vertical

Xenial este libro que publica Fondo de Cultura Económica de Miguel Murugarren coa colaboración do Premio Nacional de Ilustración 2016, Javier Sáez Castán. Desta volta, estamos convidados a consegur todo tipo de fauna de pé, todo un espectáculo ao que entrar gratis e xogar coas ilustracións novamente. O espectáculo represéntase no Palacio da Evolución, e só temos que comprar unha vez o libro para asistir cantas veces queiramos. Unha gozada!

17/11/16

Bárbaro

Bárbaro este álbum de Renato Moriconi titulado Bárbaro e que publica Fondo de Cultura Económica. Tiña moita razón a Paramio cando mo recomendou, sabendo da miña debilidade polos libros sen palabras, onde o lectorado ten que pór as súa propias palabras... palabras que desta volta virán dadas pola sorpresa que nos ofrece este libro que se converte nun libro entrañable e tenro, tan afastado da imprensión inicial. Iremos pasando as follas contemplando a dura vida dun guerreiro que loitará contra toda clase de perigos, ata o final, porque non sempre é doado gañar. E da derrota tamén se aprende.
Cun final sorprendente.



22/08/16

Alex quiere un dinosaurio

Hiawyn Oram e Satoshi Kitamura son os creadores de Alex quiere un dinosaurio publicado por Fondo de Cultura Económica, un álbum ilustrado cheo de detalles que nos conta a historia dun soño que semella moi real ata chegar case ao final. Iso si, non todos os soños deben cumprise, algúns ata asustan polo disparatados que poden chegar a ser!



20/01/16

Max Ernst, el hombre pájaro

Impresionante álbum de Daniela Iride Murgia que publica Fondo de Cultua Económica: Max Ernst, el hombre pájaro é unha homenaxe ao artista alemán Max Ernst -(1891-1976), quen formou parte do movemento surrealista presidido por André Breton- e á británica Leonora Carrington. O personaxe que nos presenta o libro é un un neno iconoclasta, lector, pintor, imaxinativo, creativo, viaxeiro, poeta e soñador. O texto e as ilustracións son filosóficas, poéticas, artísticas, por iso é un libro ideal para ser gozado por un lector ou lectora adulto.
O álbum é unha versión surrealista dos "collages" sobre papel de Max Ernst e do seu cadro "Leonora en la luz de la mañana" e chama a atención dende as guardas pola súa fermosura.






07/01/16

Teléfono descompuesto

Publicado en gran formato por Fondo de Cultura Económica, este álbum sen palabras chamado Teléfono descompuesto é de Ilan Brenman e Renato Moriconi, que nos propoñen un xogo para crear historias divertidas onde o noso maxín vai ser o protagonista mentres polas páxinas pasean reis, cabaleiros, bufóns... e mesmo a Carapuchiña Vermella e o lobo. Un xogo que fala asemade daquilo que se transmite en segredo e que normalmente se deforma ou transforma. A idea de nos ofrecer personaxes tan dispares amosa a capacidade creativa do lector ou lectora posto que as historias semellan infinitas.


18/09/15

Las aventuras de Max y su ojo submarino

Sorprendente proposta poética e visual este libro que foi Premio Hispanoamericao de Poesía para rapaces no ano 2006 e que publica Fondo de Cultura Económica. Las aventuras de Max y su ojo submarino é de Luigi Amara e conta coas ilustracións de Jonathan Farr. Unha historia en verso e riamada onde a ironía e o maxín, xunto co humor, son os absolutos protagonistas. Realmente é unha ventá abraiante que nos descobre novos mundos en branco e negro, para soñar pola noite para fundirse nunha aperta constante de fantasía e soño.
Na primeira parte do libro, o protagonista perde o seu ollo e intúe que poderá seguir mirando dende el un mundo ao que el, fisicamente, non dá chegado. Na segunda parte describe personaxes familiartes recreando unha fauna extrafalaria que nos pode levar ata as gargalladas. Na terceira parte son animais os protagonistas, dándolle forza poética ás imaxes en lugar de á rima.

A Max le dolían los ojos
de tanto smog y aire insano
se tallaba las pupilas
como quien busca un gusano.

Por error su dedo extrajo
de golpe el ojo derecho,
no le dolió ni hubo sangre
peró gritó: “ ¡ Oh, que he hecho! “

El ojo rodó en el suelo
como una canica extraña
y fue a parar a la esquina
donde espantó a una araña. (…)



01/09/15

La vida sin Santi

En Fondo de Cultura Económica topamos este álbum de Andrea Maturana que conta coas ilustracións de Francisco Javier Olea: La vida sin Santi fala da separación de dous amigos, pero tamén do reencontro, porque neste álbum veremos como as boas amizades son para sempre e son irreemprazables. Iso non siginifica que debamos pechar o corazón para que ninguén poida entrar nel, máis ben ao contrario, o oco non o enchrerá ninguén pero temos a sorte de contar con moitos ocos no noso corazón.
No libro atoparemos mesturados a morriña, o baleiro, a soidade, coa ledicia e a esperanza.

24/08/15

Este alce es mío


Un dos "grandes", Oliver Jeffers, é o autor deste Este alce es mío que publica Fondo de Cultura Económica, premio Specsavers Children’s Book of the Year de los Irish Book Awards, no ano 2012. Un neno adopta este animal perdido e decide convertelo na súa mascota a base de regras. Pero o animal non está tan disposto a ser "domesticado" como parecía, ou iso cre o noso protagonista, que topa máis sorpresas das que quixera. De aí podemos extraer unha reflexión sobre a amizade e o poder, xa que ninguén posúe ao outro. Tamén nos aporta unha reflexión sobre a lealdade.



22/04/15

El sueño

Antonio Ventura e Jesús Cisneros son os autores de El sueño publicado por Fondo de Cultura Económica. Un álbum ilustrado que é poesía, tanto polo texto como polas ilustracións. Un libro que fala de cambios, deses soños que hibernan para espertar na primavera xunto cunha explosión de cor e arrecendos. E perseguir os nosos soños é fundamental, porque é a nosa existencia a que está en xogo canda eles. Todo o libro é, pois, unha metáfora que se presenta en forma de bidueiro e un carballo que decide axudalo.
A ilustración está definida en tons ocres, grises, marróns... a carón de paisaxes solitarias e do inverno que se transforma cando chega a primavera e explosiona a cor e a vida.
O soño da vida dá título ao libro e á lectura.




14/04/15

Carmilla


Hai alguén a quen non lle guste Ana Juan? Paréceme imposible. Eu, desde logo, son unha gran admiradora da súa obra, que tento ir conseguindo de a pouco. Hoxe falamos da obra de Joseph Sheridan Le Fanu (1872) reeditada por Fondo de Cultura Económica coas súas ilustracións. O libro considérase un antecedente do Drácula de Bram Stoker, con pantasmas e vampiros, mortes e misterio que van in crescendo nunha páxinas nas que o inexplicable e o pesadelo collen voz para converterse no tema principal.
Se o libro é un referente da literatura gótica, arestora coas ilustracións de Ana Juan convértese nun volume suxestivo e impactante

11/04/15

Hago de voz un cuerpo



Hago de voz un cuerpo é unha preciosa antoloxía poética de quince poetas realizada por María Baranda e ilustrada por Gabriel Pacheco que publica Fondo de Cultura Económica. O título dános o tema principal de todos os poemas, xa que estes falan de diversas partes do corpo humano, dende os pés á cabeza, afastándose dos clixés típicos que atinxen ao corpo, como por exemplo aquel poema no que fala de que o nariz é o “asilo del moco seco” e o “helipuerto del mosquito”. Asemade, os quince poetas compleméntanse harmonicamente, interactuando grazas ao labor da compiladora, que sabe outorgar ao libro un conseguido aspecto de uniformidade. Por suposto, hai poemas que nos gustan máis e outros que nos gustan menos, ou que nada novo nos din. 
Entre os poetas antologados temos a Eduardo Langagne, David Huerta, Natalia Toledo, Francisco Hinojosa...
Por suposto, mención para a ilustración, onde cada unha das ofertas ilustradas é unha representación visual do tema poético.  







08/04/15

Yo no soy un conejo



Dentro da colección "Los primerísimos" de Fondo de Cultura Económica, emotivo álbum de Pepe Márquez e Natalia Colombo, Yo no soy un conejo é ante todo un conto no que prima a imaxinación. Porque todas as características visibles dunha persoa, dunha cousa ou dun animal poden ser susceptibles de ser outra cousa... sobre todo e ante todo, pódese ser un zombi. Ata que algo moi, moi importante, demostre o contrario.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.