Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Biblos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblos. Amosar todas as publicacións

13/03/14

A fuxida


Un álbum sobre a guerra e o exilio. Isto é o que nos ofrece a prolífica autora Berta Dávila en A fuxida, libro publicao por Biblos que conta coas ilustracións de Inma Doval. Unha historia atemporal de calquera espazo e de calquera momento, porque puido suceder, sucede ou sucederá. Porque desgrazadamente hai moitos países actualmente que viven en guerra obrigando a civís a fuxir e buscar refuxio noutros lugares ou noutros países máis ou menos afastados. Un dos dramas da nosa civilización. Non temos máis que botar os nosos ollos cara a Siria para sentir a forza deste álbum, aínda que este é máis suave e a familia protagonista ten a opción de coller un avión para buscar un novo fogar, algo que é máis difícil que ocorra. A misera é unha constante e as circunstancias obrigan a opcións antes inimaxinables e reinciden na capacidade do ser humano para saír e seguir adiante.
E como son unha pelma, aí vai o que é para min un defecto de edición: hai páxinas nas que non se ve ben o texto, ou ben porque non destacan sobre as ilustracións ou ben pola cor elixida para a tipografía. Non sei cal é a razón, As ilustracións son moi chamativas aínda que non me acaban de convencer. E isto xa é opinión moi persoal.












15/12/13

A pantasma da Casa da Matanza

Onte namorei. Si, foi un frechazo que me sacodeu enteira e que me fixo vibrar. Tan só o puiden posuír uns minutos, o xusto para encherme del, para respiralo, tocalo, miralo, sentilo, lelo. Logo, pasou a outras moitas mans e o meu ataque ciumento foi in crescendo: custábame respirar. Agora, devezo por volvelo ver. Necesito telo comigo e ser a súa dona.
A ver. En que estaredes pensando? Cando vexades este libro, vós sentiredes exactamente o mesmo. A pantasma da Casa da Matanza, poesía -conto rimado- de Miro Villar e ilustracións de Xosé Cobas, está deliciosamente editada por Biblos. Aínda por riba, é unha homenaxe a Rosalía. Que álbum!
Unha vagamunda lectora que vive nas sombras da casa e que é fonte de inspiración para a mesma Rosalía. De seguro que tamén o será para vós!

 Xa vedes que non teño nin a portada. A ver se alguén me le e fose tan amable de ma enviar...




 

Moito xa se falou de min, malvados
e atravesados foron os comentos;
mais, queiran ou non, andan ben errados.
Estade, meus amigos, ben atentos
e escoitade esta historia ben sentados.
Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
Sonvos como a dozura da almofada.
Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecín a Rosalía.
Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.
Co recendo dos figos da figueira
olleina escribir versos nesa fiestra,
aproveitando a luz nesa cadeira.
E lía en alta voz coma unha mestra,
verso a verso, a estrofa toda enteira.
Escoiteina reler os seus Cantares
e os versos repasar de Follas Novas.
Eu corría detrás dos seus andares
na busca de palabras, vía as probas,
collía unhas, deixaba as máis vulgares.
Rosalía aprendeume devagar
os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar,
a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar.

24/02/13

Verdedades

Fermoso álbum de Yolanda Castaño con ilustracións de Xosé Tomás publicado por Biblos: Verdedades, unha aventura poética sobre plantas e aprendizaxe que mira á natureza e trata de recuperar o noso vínculo con ela utilizando metros clásicos a camiño entre o verde e as verdades; herbas aromáticas, infusións, plantas medicinais, especias, xeranios... todo está entre as verdades do mundo vexetal ricamente plasmado por un ilustrador que sabe unificar o texto e realzalo.

"Acompáñannos seguido
cego estás se non o ves:
ter un berce vexetal
ata a páxina que les."
 








30/11/12

Paxaro de mar e vento

Quen se pode resistir ante a beleza? Paxaro de mar e vento de Tucho Calvo con ilustracións de Xosé Cobas, publicado por Biblos, é un fermoso álbum que respira delicadeza por si só, porque iso é o que pretende, que sexamos quen de respirar ar puro canda el. Cobas presenta un tesouro de papel para dar paso ao maxín do autor que será capaz de facer nacer unha ave única nunca vista que nace do poder da aventura marabillosa de crear e soñar. Sensibilidade exquisita destilada en cada páxina, estímulo lector, universo fantástico, historia cómplice, nobelo de palabras que escorregan entre os dedos para quedar impresas na tinta esvaída do lector: as cousas só existen cando se nomean. Nomeemos a liberdade, a civilización, a educación, a cultura. Non permitamos que mornezan no escuro e atrasado recanto dun soño inmaterial. Permitamos que o astriófolo voe, mentres que o gastriedo observa o seu debullar no ceo pintado por Cobas. Onda exista o ceo de Cobas, existe o futuro. E permanece a esperanza.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.