Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Everest. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Everest. Amosar todas as publicacións

15/05/14

Diario de Pichük


Na mesma colección de Everest có anterior libro que vimos de comentar está este que nos ofrece Manel Cráneo: Diario de Pichük. O longo longöbio de Longölia. Un científico que andará a buscar enigmáticas especies. O máis importante? A perseverancia. Esa que todo o pode. Porque o traballo e a constancia son a base para que calquera soño poida facerse realidade.

Ana xa chegou!



Novo texto de María Canosa para Everest con ilustracións de Dani Padrón: Ana xa chegou! destaca a orixinalidade da celebración dun nacemento dende un punto de vista ben diferente: o do seu moneco de peluche. Un libro que celebra a vida, a luz, o nacemento, os primeiros meses, a ollada perdida que busca e o cariño e a tenrura que rodea a felicidade de ter un bebé na casa e das sensacións novidosas que este pode sentir a medida que vai medrando: a auga, a nai, o espazo...

15/06/13

Viaxes de Inverno

Agora que comeza o verán, mirade que título máis acaído para ler arestora: Viaxes de Inverno de María Canosa con ilustracións de Dani Padrón, publicado por Everest. Un volume en gran formato absolutamente delicioso pola compenetración entre texto e ilustración, unha viaxe dunha pinga de auga moi amorosa que descobre como xira o seu mundo e a súa viaxe interminable polos diferentes elementos acuíferos nos que sobrevivir. Pinga atenta e doce, sempre disposta a aprender, atenta a todo canto hai arredor. Fermosa explicación para a rapazallada dos cambios de estación, da choiva e dunha parte da natureza que, iso si, o home estraga cada día.


  
Grazas, María, polo agasallo.

13/03/13

Bolboretas

Este é un deses libros que colles con xeito, para non estragalo. Porque antes de abrilo xa entendes que estás ante unha obra de arte que vén asinada por Xabier Docampo e Xosé Cobas. É dicir, a delicadeza flúe por todas as súas páxinas, revoa coma as bolboretas e permanece no ar unha vez pechado o libro. E cando o cerras, cando rematas de lelo, de contemplalo, de recrearte nel, comprendes que a dozura do momento apoderouse de ti e tentas apreixala para que non marche. Para non volver á crúa realidade. Falamos de Bolboretas, álbum publicado por Everest no ano 2004. 
Se o texto é ben fermoso, un poema en si mesmo cheo de tenrura e sensualidade, as sutís ilustracións de Cobas suxírennos un silencio gorentoso de amor e natureza. O equilibrio acadado entre estes autores é tal que se revela como un irmanamento total de comprensión de texto e silencio, de palabra e imaxe. O resultado é a delicada harmonía da arte.


11/11/12

Xardín de inverno

Ledicia Costas achéganos un libro de poesía indispensable: Xardín de inverno publicado por Everest, con fermosísimas fotografías de DNL (Daniel Puente Bello). Un canto á ausencia que poboa un xardín, unha ausencia-inventario daquilo que amamos e non está e por iso manca, e manca rebelándonos, non laiándonos, porque Ledicia non chora, prende unha candea na alma do lector para lembrar unha infancia segura que se esvae. Uns versos que conmoven e que nos falan de tristura e esperanzas a un tempo. Reconstrúe a autora unha intimidade infantil que decide partillar con tod@s nós para agasallarnos cun xardín fértil de figuras familiares, perdas e ausencia que poboan coma carballos libérrimos un bosque de luces e sombras que artellan poemas intensos.
As fotografías que acompañan o texto fanse necesarias ao mesmo tempo que precisas. Elementos naturais e arquitectónicos converten en metáfora cada nova páxina, nun paralelismo asimétrico co poema lido que converte o libro nunha dobre entrega poética.


no 1986 tivemos que cavar unha tumba
para que nacera a nena azul

daquela eu aínda pensaba
que para que viñese unha
era necesario que marchara outra;
como un intercambio de humanas
que pasan dun mundo a outro

co sol batendo na figueira
dilatáronsenos as barrigas,
as das avoas por inercia
e a miña por imitación

alá polo mes de xullo,
azul abriu a boca para berrar
nun hospital de camas grandes

pero en lugar da voz
saíulle de dentro unha perla
con forma de estrela mariña

20/11/11

Mans


Tiven a sorte onte de que Xabier Docampo me ensinase este libro que vén de publicar en Everest: Mans, con fotografías do seu fillo Daniel. Son estas as que dan base ao texto, as que inician a narración, as que dan a propia idea da existencia do libro, ao contrario do que adoita suceder. E realmente son as que chaman a atención: impresionan esas mans que piden, que choran, que bican, que queren, que odian. Mans brancas ou mans negras. Mans xenerosas e mans avarentas. Mans que falan. Mans que calan.
Pareceume un libro fermosísimo, aínda que o vin e lin a correr antes de entrar nas xornadas. Pero inda teño retidas esas mans que tanto teñen que dicir, tanto que foi Xabier quen lles puxo voz para combinar a idea fotográfica nun pequeno libro perfecto.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.