Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Libro do Mal Amor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libro do Mal Amor. Amosar todas as publicacións

04/04/15

Libro do Mal Amor (X)

Pensabades que xa remataramos de falar do noso proxecto estrela deste curso? Xa vedes que estabades ben erradxs. Celso Fernández Sanmartín vén de sumarse a última hora e algúns profes decidimos que o noso gran de area aí tamén debía estar, a carón do noso alumnado. Este é o resultado, sempre magnífico grazas a Mar e a Arancha.





20/02/15

Libro do Mal Amor (IX)

Esta entrega fíxose de rogar, ben o sei, pero xa vedes que mereceu a pena. Hoxe traémosvos os haikus de Antonio Reigosa, Xavier Queipo e Rosa Huertas. Os dous primeiros ilustrados por Mar García e o terceiro por Arancha.





13/01/15

Libro do Mal Amor (VIII)

Catro novos haikus. Desta volta, contamos coa colaboración excepcional de Xosé Cobas, que escribe e ilustra o seu propio haiku. E ademais, haikus de Agustín Fernández Paz, Mar Benegas e Joan Manuel Gisbert; os tres ilustrados pola compañeira Aranzazu. Coido que son marabillosos!







16/12/14

Libro do Mal Amor (VII)

Nova entrega con catro haikus máis. Agradecemos desta volta a colaboración de Xabier Docampo, Jordi Sierra i Fabra, Oriana Méndez e Xosé Daniel Costa Currás. Por suposto, o noso agradecemento tamén para as incansables Mar e Arancha, grandes ilustradoras "haikuanas!":





02/12/14

Libro do Mal Amor (VI)

Agardando a cita de mañá con Ledicia Costas, a incansable Arancha non podía permitir que non tivese o seu Haiku ilustrado. A mala nova é que Ledicia vén de cancelar a súa cita! Pero o traballo aquí está e amosarémosllo na distancia. 
Ademais, os Haikus de Xesús Rábade Paredes -ilustrado asemade por Arancha- e os de Antía Otero e Marga do Val, ilustrados por Mar García.








29/11/14

Libro do Mal Amor (V)

Seguimos co noso proxecto estrela, que tantos alegrías nos devolve. Catro entregas anteriores dan idea de que estamos ante un traballo exquisito. Desta volta acompáñannos os Haikus de Alfredo Ferreiro, María do Cebreiro, Mercedes Queixas Zas, Raúl Vacas e Rosa Aneiros. Todos eles ilustrados pola incomparable artista Mar García.






24/11/14

Libro do Mal Amor (IV)

Imos xa pola cuarta entrega, o traballo non remata, pero... aínda somos incombustibles! Desta volta, Haikus de Yolanda Castaño, Mª Xosé Queizán, Rosalía Fernández Rial e Xina Vega. Ilustra Mar García os tres primeiros.  Arancha ilustra os haikus de Antón Riveiro Coello, Helena Villar Janeiro e Jesús Ge. Novamente, moitas, moitas grazas a todas.








21/11/14

Libro do Mal Amor (III)

Pasiño a pasiño, imos realizando o noso Libro do Mal Amor. Despois das dúas primeiras entregas, chega a terceira. Desta volta, cos Haikus de Chisco Fernández Naval, Dores Tembrás, Francisco Castro, María Reimóndez e Xoán Babarro, As marabillosas ilustradoras, Mar García e Arancha.
Grazas, moitas grazas a todas e a todos.







19/11/14

Libro do Mal Amor (II)

Xa vos falei o outro día deste proxecto que estes días ocupa o noso tempo e as nosas mentes: o Libro do Mal Amor, Haikus contra a Violencia de Xénero.
Amosámosvos daquela cinco haikus ilustrados. Nesta segunda entrega, van catro: de Ana Mª Fernández, Juan Carlos Martín Ramos, Concha Blanco e Miro Villar. Moitas grazas por participar.
Como vedes, dous están ilustrados por Mar García e outros dous por Arancha Diñeiro: grazas polo voso magnífico traballo!







14/11/14

Libro do Mal Amor

Se hai un proxecto que coido é do mellor que levo feito no ensino é este que nos ocupa estes días: o Libro do Mal Amor, Haikus contra a Violencia de Xénero (idea aprendida nun Obradoiro de Poesía con Raúl Vacas, a pesar de ser sempre unha mala alumna). Todo o alumnado do centro cavilou en forma poética sobre esta lacra que semella medrar e nunca reducir; e logo de escribir vén ilustrar. A última parte consistirá na publicación do libro... se hai cartos!
Pero non contentos con que sexa o alumnado quen escribe, decidímonos a dar un paso máis grande; de aí veu o atrevemento máis absoluto: pedir a poetas de noso que contribuísen no noso quefacer. E a xenerosidade non tardou nin segundos. Carlos Negro, o noso prezado amigo, foi o primeiro en sumarse. A seguir, Chus Pato, a poeta galega de voz internacional que imparte aulas no noso centro. Lucía Aldao non tardou ren...
 Pero houbo máis: María Canosa teceu unha rede de amizades que ata as arañas do meu patio morreron coa envexa e decidiron emigrar -antes de que eu pasase a vasoira-, avergoñadas pola inmensa tea que María foi quen de construír en tan pouco tempo. E que dicir de Antonio García Teijeiro, que non só escribiu senón que pediu e traduciu!!! 
Non podo nomealos a todos e a todas. Pouco a pouco, iremos publicando o resultado do traballo conxunto no blogue da biblioteca. Pero eu hoxe non podía calar ante tanta beleza e xenerosidade, non podía deixar de fachendear -perdóademe!- e non podía deixar de agradecer unha e mil veces que escritores e escritoras se sumen sen preguntar nin queixarse.
Ademais, contar con dúas artistas no mesmo centro, Mar García e Aránzazu Diñeiro é un luxazo! Grazas, grazas, grazas.



Chus Pato
Antonio García Teijeiro


 María Canosa

 Lucía Aldao

 Carlos Negro


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.