Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Patasdepeixe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patasdepeixe. Amosar todas as publicacións

09/04/17

Primeira semana na escola de vacas

A editorial Patas de peixe volve agasallar á nosa lingua cun divertido álbum de Andy Cutbill ilustrado por Russell Ayto: Primeira semana na escola de vacas é a continuación de A vaca que puxo un ovo que xa nos sorprendera daquela. Con esas ilustracións cheas de humor e un texto que nos leva da man cara á diferenza e a aceptación pero con xeito paseamos por unha escola onde as vacas aprenden aquilo que lles é "normal"... e se es filla dunha vaca pero es diferente??? Pois a escola tamén pode dar resposta a iso. Aínda que sexa cunha pequena axuda.

31/12/16

A meniña de LIBROS

Cando o vin por primeira vez, estaba nun escaparate dunha libraría de Santiago. Era noite e estaba pechado. Pero tan pronto o vin, só co título, souben que a editorial era Patas de peixe. Non me preguntedes o motivo, pero sóubeno. E iso que de nada informa esta portada, agás do título. Claro que unha portada como esta, con ese título, cun libro e unha chave, é máis ca suficente, non credes? Así que o libro conquistoume dende xa. Tamén teño que dicir que eu son unha facilona, deseguida namoro. Tampouco é que cumpra moito máis...
EStou a falar dun álbum de Oliver Jeffers e Sam Winston titulado A meniña de LIBROS, que vén a ser como unha homenaxe a toda a Literatura, xa que o libro transcorre por un mar de palabras que atravesan contos de fadas e montañas fantásticas, aventuras que só podemos atopar nos libros ou que só viven algúns escollid@s... todo aquilo que un libro nos proporciona está resumido aquí, nestas páxinas cheas de letras que forman paisaxes tipográficas nun abraiante poema de fomento de lectura.
Si, un deses álbums tesouro que temos nos andeis... 







10/12/15

A casa enmeigada


 A editorial Patas de peixe tráenos esta marabilla clásica en pop-up: A casa enmeigada de Jan Pienkowski. Se non coñecedes o autor, non deixedes pasar esta oportunidade. A primeira edición data de 1979, e agora a editora galega recupérao na nosa lingua e en feminino!. 
Cada páxina desta casa esconde segredos e ruídos, olladas que producen pánico e sorpresas devastadoras. Cada páxina é un abraio, un novo xogo, unha nova inquedanza.
Un tesouro máis para poboar as nosas bibliotecas persoais. Aínda máis, as bibliotecas escolares.


16/05/15

A filla do Grúfalo

Xa nos gustara descubrir o Grúfalo. E agora coñecer a súa filla encántanos. da man de Patasdepeixe editorial, A filla do Grúfalo é de Julia Donaldson e Axel Scheffler. Volvemos ter un rato moi, moi listo, e unha "grufaliño" moi inqueda que precisa ver o mundo cos seus propios ollos porque non lle son suficientes os consellos que lles dan. Con texto rimado, con forza narrativa, con humor, con amor, este álbum é absolutamente encantador. Como encantadores son os seus personaxes. Imposible non amalos no primeiro libro. Seguirémolos amando con este segundo, ben seguro!

14/12/13

O grúfalo


o-grufalo
Por fin temos a sorte de contar con este simpático álbum na nosa lingua, grazas á editorial  Patasdepeixe. O Grúfalo de Julia Donaldson coas ilustracións de Axel Scheffler é unha fábula sobre o poder do maxín, pero tamén do medo. Realmente, é un libro delicioso que xa é un clásico. Ten web oficial, na que nos conta as orixes deste conto rimado publicado en 1999, preséntanos á súa autora e ilustradora e mesmo oferta xogos.

18/11/11

Na busca dun fogar


A novidade que nos chega de Patasdepeixe é este simpático libro de Alexis Deacon ilustrado por Viviane Schwarz: Na busca dun fogar. Un grupo de irmáns que amosan a súa valentía buscando un novo fogar; no seu camiño toparán de todo: mares, montañas, monstros... pero eles proseguirán o seu camiño porque teñen que buscar un lugar axeitado para residir todos xuntos.
Un libro moi simpático e curioso. Tanto que a ilustración deixará paso á fotografía. E non digo máis!!!

05/02/11

O gran libro dos medos do Rato Pequeno


A editorial Patasdepeixe volve adozarnos a vida cunha nova entrega: estamos agora ante un libro de fobias ratonís que sempre estarán superadas polo medo humano, O gran libro dos medos do Rato Pequeno de Emily Gravett é unha delicia non só pola historia senón pola fermosura do continente: buratos, páxinas roídas, mapas, anacos de xornais...
Aprenderedes moitas fobias que non coñeciades e buscaredes a vosa propia, porque... todo o mundo temos medo de algo!
Vaivos encantar, seguro; ata teredes espazo para debuxar os vosos propios medos! O libro mereceu ser o gañador da Medalla Kate Greenaway no ano 2008.




26/09/10

Coidado, extraterrestres


A editorial Patasdepeixe sorpréndenos con este novo libro, Coidado, extraterrestres do francés Benoit Jacques. Non poderás evitar remtar o libro sen sorrir. Porque humor e ironía é o que máis abonda nesta fábula de humanos que se enfrontan con éxito -sen sabelo- á superior intelixencia dos extraterrestres. Un libro diferente, como diferentes son as súas ilustracións: esquemáticas, con dúas cores tan só, pero moi plásticas. Un libro que vos sorprenderá, seguro.

12/07/10

A vaca que puxo un ovo


O terceiro título desta mesma editorial que antes comentamos é A vaca que puxo un ovo, con texto de Andy Cutbill e ilustracións de Russell Ayto.
Unha vaca que quere facer algo diferente, para destacar entre as demais, e que pola súa simpatía e tristura é axudada polas súas amigas galiñas. Claro que a envexa non é boa conselleira e as súas "comadres" están seguras de que todo é unha gran mentira.
O final, sorprendente.
As ilustracións, chamativas.

Perdido?



Esta recente editora, Patasdepeixe (que nos engailou con O incrible neno devorador de libros), achegounos este último ano dous novos títulos. Un é este: Perdido? con texto e ilustracións de Oliver Jeffers do mesmo autor que aquel.
Un pingüín chama na casa dun neno, e este, pensando na súa tristura, tenta devolvelo ao seu mundo. Ata que descobre que en realidade é a amizade a que fai fuxir a tristura de onda nós. Cada páxina é case toda unha ilustracións, sensible e cercana.
Encantaravos.



19/09/09

O incrible neno devorador de libros


Por fin, posúo este libro, do que xa nos falou Charo hai tantos meses: Un libro que está para comelo.
E así é. Coma ocorre cos álbums ilustrados, a aparencia de libro infantil non significa que este o sexa, cando menos, exclusivamente. Porque O incrible neno devorador de libros, de Oliver Jeffers, traducido por Laura Sáez coa colaboración de Óscar Villán, non é tan só un álbum. É a primeira aposta dunha nova editorial cun nome tan suxerente como "Patasdepeixe", e é un libro que nos convence -se de cumprir for- da diversión que produce a lectura e dos seus beneficios. Porque un neno come libros e faise máis listo... ata comprender que o mellor é lelos.
Un libro para ler, reler, ollar, disfrutar... e comer!




O slide roubeino de aquí: grazas!



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.