Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Thule. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Thule. Amosar todas as publicacións

17/03/20

A alma perdida

Fermosísimo álbum de Olga Tokarczuk con ilustracións de Joanna Concejo que publica Thule: A alma perdida é unha metáfora do ser humano contemporáneo, un tratado filosófico que sería imposible sen as ilustracións que o completan, unha invitación á contemplación, á serenidade, á paz... A ter momentos de introspección e saber que o mundo tamén pode agardarnos porque a melancolía e a ledicia forman parte de nós e ambas están representadas nestas delicadísimas ilustracións. Que sen alma non somos ninguén. Procuremos canda o protagonista o mellor da condición humana, porque debemos lembrar como  convivir con nós mesmxs e co planeta.
Agradecer á editorial Thule que publique este libro na nosa lingua. Desgraciadamente, non é algo habitual.

«Era unha vez un home que traballaba moi duro e moi rápido e que xa había tempo deixara en algures, lonxe, a súa vagarosa alma.»


28/07/18

El castillo sin sol

José Sanabria e Ayako Kato son os artífices deste precioso álbum que nos trae a editorial Thule: El castillo sin sol. Unha fábula, unha nena afouta e curiosa. Unha lenda. De fondo, o absurdo que resulta prohibir e non educar, porque as prohibicións non ensinan nada. E neste álbum dáselle a volta precisamente para demostralo. E será unha protagonista feminina quen terá ese poder, o poder de cambiar as vidas.


26/07/18

El sueño del caracol

Carlos Ortin e Raquel Catalina son os artífices de El sueño del caracol, álbum precioso publicado por Thule. Un libro que se basea no xogo da Oca: unha nena que vén de descubrir como se xoga e soña con ser ela a protagonista. Mentres fala, o pai permítese tomalo con humor e corrixir os erros da fala. A historia reinterpreta os acontecementos da vida con sorpresa, con aventura, xa que non todo é esperable, e todo é reinterpretable.
Un libro moi chamativo.

 





06/07/18

Los tres gibones


En Thule topamos este álbum infantil para o primeiro lectorado de Kenji Abe, Los gres gibones. Un álbum sinxelo tanto nas ilustracións como no texto, tres caras redondas con brazos moi longos para xogar e facer acrobacias, que xogan e cantan e sempre manteñen o seu sorriso. O sorriso da feliciadade e o bo humor. Porque este permítelles medrar mentres van descubrindo novas facetas da vida.


03/07/18

Los cochinos traviesos

Simpático álbum este de Manica Musil que publica Thule: Los cochinos traviesos é un libro infantil sobre o doado que é gastar bromas pesadas pero recibilas non o é tanto. Hai que aprender a lección para respectar a quen nos rodea: "non fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti" é a lección que podemos aprender coa lectura deste álbum que sorprende polas súas ilustracións "esfiañadas" e pola potencia da posta en escena destas.




20/05/18

La cometa perdida

Mario Onnis ofrécenos con  La cometa perdida un delicado álbum  publicado por Thule onde un neno se fai amigo dun dragón grazas á perda do xoguete. Ilustracións e texto compleméntase nun texto poético onde teremos un final sorprendente


18/01/18

Azul. Un cuento contra el abuso

Deses libros que poñen os pelos de punta, deses álbumes que sabes que falan de verdades que non deberían existir, deses libros que prenden na memoria porque obrigan a mirar a realidade que ás veces non queremos ver ou que, simplemente, esquecemos. Falamos de Azul. Un cuento contra el abuso de José Andrés Murillo e Marcela Paz Peña, publicado por Thule. Se é terrible sufrir abuso cando es pequeno ou pequena, como pode ser que logo non que fagan caso? A indiferenza é o peor que pode ocorrer no medio dese terrible sufrimento; que necesario é saber escoitar, que obrigado é crer e axudar a recuparar a confianza. Se o libro é tremendo, resulta aínda peor cando descobres que autor e ilustradora saben ben do que falan.
Tremendo.
E absolutamente imprescindible.


03/01/18

Pájaro

Se vén da man de Beatriz Martín Vidal, éxito asegurado. E non podía ser doutro xeito con este Pájaro que publica Thule. Con pouca cor (brancos e grises entre os que destaca o dourado) e sen palabras, este álbum conquista para falar de moitos temas diferentes segundo o lectorado escolla, pois de nós dependerá a interpretación que lle queiramos dar, ou sexa, seremos nós quen poñamos o tema e as palabras. O resto vénnos dado de agasallo. Sobre todo, o pracer de ollar, unha e outra vez.


02/08/17

Los cuentos entre bambalinas


Los cuentos entre bambalinas de Gilles Bachelet publicado por Thule proponnos un xogo: descubrir que conto hai en cada páxina. Así, descubriremos que Babar ou O Principiño van ao xastre, que o Lobo debe ir ao médico polas súas malas dixestións, que Pinocho quere unha operación estética de nariz... cada páxina é unha historia, un conto coñecido que debemos saber, contos tradicionais e non tanto, nun catálogo divertido de estampas en viñetas. Que segredos agochan os contos? Quizais con este álbum saibades -saibamos- algo máis. O que si podo dicir é que a min pareceume precioso, de principio a fin. Mirade a portada!
Unha homenaxe perfecta ao mundo da ilustración e dos contos.

28/07/17

Guía del viajero

Xenial e simpática esta Guía del viajero que nos propón Thule edicións da man de Jessica Lehrer, Rick Lightstone e Alice Murray. Unha guía imprescindible para repasar antes de planificar e realizar ningunha viaxe, xa que sobre todo vén cargada de advertencias que se nos poderían pasar por alto!
Para sorrir.

18/07/17

A veces la lluvia

Fermosísimo este álbum publicado por Thule de Ainara Bezanilla e Zuzanna Celej titulado A veces la lluvia, unha reflexión sobre o rápido que pasa o tempo dende que un fillo ou unha filla nace ata que se fai maior, dende que depende da súa nai e/ou de seu pai ata que se converte en independente. Un libro cheo de sensibilidade reforzada polas doces e suaves ilustracións que acompañan o texto. 
Aquelas que somos nais sentirémonos identificadas co libro, pero non cómpre selo para admiralo, porque a sensibilidade do conxunto atrapa dende a portada.


18/06/17

Querida tía Agatha




Namorei de Beatriz Martín Vidal dende que a descubrín en Birgit, un deses libros imposibles de esquecer e que debería ser obrigatoria a súa pertenza. Dende aquela, tento seguila. Así que cando onte recibín unha desas caixas emocionates chea de álbums ilustrados, desta volta da editorial Thule, só collín este libro (os exames e a fin de curso están a me afogar): Querida tía Agatha. Que auténtica marabilla! 
Tres mozas que quedan soas mentres a tía viaxa e que deberán medrar e aprender, dentro dunha fantasía imposible, a vivir. E isto xa dende a propia portada, na que comeza a carta que as tres mozas escriben contando á súa tía as peripecias polas que pasan. Pero o importante é a forza das ilustracións -semellantes aos cadros dos impresionistas-, que nos contan a súa propia historia, ou que non regalan a súa interpretación das palabras. 

Querida tía Agatha: Espero que estés disfrutando del viaje Por aquí todo va bien. Estamos cuidando unas de otras, y también de la casa.




03/01/17

Lucas y el huevo

 Tenrísimo álbum ilustrado sen palabras que publica Thule de Rebecca Dudley: Lucas y el huevo é unha historia de humanidade protagonizada por animais, esa humanidade que tantas veces botamos de menos nas persoas e que podemos atopar fóra da nosa especie, coma neste caso, xa que estamos ante unha historia de solidariedade. A destacar as ilustracións fotográficas que non precisan palabras: chama a atención sen ningunha dúbida esa creación de personaxes e escenarios  que forman imaxes vivas e vívidas que logo foron fotografadas.
Delicioso.



29/12/16

Qué es la Libertad

Moito me gustou esta proposta que nos fai a editorial Thule da man de Renata Bueno: Qué es la Libertad é un xeito de facer poesía a base de  ilustración sen palabras. Porque as palabras serven para preguntar por este concepto tan grandilocuente e necesario, pero a ilustración serve para dar resposta gráfica. Porque a liberdade é diferente, así nolo amosa o álbum. Mesmo podemos quedar sen resposta a pregunta tan complicada.
E ti, como a definirías sen palabras?

18/12/16

Enigmas

Se onte xa vos falaba do meu amor por Caperuza, que vou dicir hoxe deste Enigmas que publica tamén Thule de Beatriz Martín Vidal. Co seu estilo inconfundible, o tema a tratar é semellante, ou sexa, os contos tradicionias, aínda que este resulta moi diferente porque xira ante unha serie de preguntas sen resposta inmediata; estas preguntas están nunha dobre páxina cun pequeno motivo ilustrado en branco e negro, e a resposta virá a modo de ilustración na páxina seguinte, ou sexa, a resposta deberemos interpretala e está como afastada da pregunta, pero ambas, claro está, necesítanse. Así, unha soa ilustración pode ser concibida como unha pequena historia no maxín do lector, quen debe despregar as súas propias destrezas.
Unha gozada.

Caperucita Roja
¿Qué encontró?
Qué aprendió en el tiempo
que estuvo allí dentro,
en lo profundo del gran,
gran, gran lobo feroz?

17/12/16

Caperuza

Coñecín o traballo de Beatriz Martín Vidal en Birgit e conquistoume para sempre. Agora vólvoa topar nesta incrible Caperuza publicado por Thule. Unha versión da Carapuchiña de sempre, a clásica, esa da que coñecemos tantas versións diferentes que non sabemos nin cal é a real, e que aquí precisa da propia lectura persoal para darlle un significado pleno, xa que o relato sen texto necesita do noso coñecemento previo do texto. Así, as ilustracións resultan oníricas e mesmo podemos sentir a ambigüidade das Carapuchina versionada. Unha versión, esta, que se centra nos tres momentos máis importantes do conto: o momento de transformación da protagonista (“Enrojeciendo”), o encontro co lobo (“El juego de las preguntas”) e a loita e vitoria da nena sobre o animal (“Escapando”).






20/09/16

La guerra perdida

Este álbum que publicou Thule hai 8 anos segue estando plenamente vixente, unha fábula chea de ironía e sarcasmo sobre a gloria das guerras e a pechazón de quen se empeña en mantelas. Estamos a falar de La guerra perdida de Agustín Comotto. Hai dous personaxes que buscan unha guerra, desexan a gloria e as fazañas que a acompañan. Pero non hai ninguén máis que a procure. Pero, efectivamente, bastan dúas persoas para armala. Non precisan de ninguén máis. Por iso poderán atopar a guerra perdida. E quedará claro que ninguén, absolutamente ninguén, será o gañador.
As ilustracións que acompañan o texto son divertidas, frescas, que deixan ben claro o absurdo do tema. Podendo vivir en paz, por que, para que, as guerras?





22/07/16

La veleta y el espantapájaros

Pablo Albo e Pablo Auladell crean en La veleta y el espantapájaros publicado por Thule unha fermosa historia de amor perdurable no tempo a pesar das inclemencias e o paso do tempo, ou quizais deberiamos dicir que grazas a eses factores é polo que o amor persiste. En letras maiúsculas, para facilitar a lectura a quen comece nesta arte milagreira, este pequeno álbum encerra nas súas páxinas unha fermosa historia onde as ilustracións sempre en tons opacos chaman a atención pola súa forza.



16/07/16

¡Ojo, oso!

En Thule podemos atopar este álbum de Nicola Grossi, ¡Ojo, oso!, merecente do 2014 Premio Nacional Nati per Leggere (Italia) • e 2014 Premio Orbil, un libro que chama a atención polas ilustracións, que deixan o paso totalmente libra ao maxín, quen debe facer o traballo de visionar e escoitar, xa que atopamos círculos, liñas, manchóns e cores que nos guiarán por este camiño de acubillos de animais. Isto é o máis interesante, xa que resulta moi axeitado para ler e compartir en voz alta.




30/06/16

Lecciones de vuelo


Publica Thule este álbum de Pirkko Vainio Lecciones de vuelo. Un libro poético cheo de humor pero tamén de ironía que conduce á reflexión e a un espello onde mirarnos. Ten a capacidade de expresar moito máis do que semella, xa que detrás desas ilustracións e frases aparentemente infantís agóchase unha lección de vida para calquera idade onde reborda sobre todo o optimismo e a vitalidade, pero que poden resultar sabios consellos en momentos de debilidade. E habelos, hainos. Porque a autoestima, sermos nós mesmos, é máis ca necesario.






Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.