Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Serres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serres. Amosar todas as publicacións

05/07/13

El elefante encadenado



Moito me gustou este álbum ilustrado publicado por Serres, con texto de Jorge Bucay e ilustracións de Gusti: El elefante encadenado. Unha metáfora preciosa sobre o poder da escravitude mental, sobre ese "non son quen de facelo" que nos abafa e non nos permite loitar. Se nos impoñemos esta crenza, non somos capaces de tentalo sequera. E sobre isto vai este precioso álbum. De que debemos liberarnos de cadeas estreitas que cremos invencibles. As ilustracións son marabillosas, e son grazas a elas polas que merquei o álbum. Un acerto de pleno!



03/07/13

El punto


Peter H Reynolds é autor e ilustrador deste álbum homenaxe á arte e á pintura: El punto está publicado por Serres. Un libro sobre a inseguridade limitadora na nosa vida cotián, do desenvolvemento da nosa personalidade e do convencemento de que somos aptos para máis cousas das que nun principio criamos. As ilustracións ocupan a páxina e son quen de reproducir os sentimentos dos personaxes.
Lembra un pouco o publicado por Kalandraka O soño de Matías.




Algún día

Delicioso e tenro álbum especialmente indicado para mamás publicado por Serres: Algún día é de Alison Mcghee con ilustracións de Peter H. Reynolds. Resulta inevitable volver a el de cando en vez, para sentir a mesma emoción e lembrar o proceso de crecementos dos nosos fillos e fillas. As ilustracións son perfectas para acompañar o texto, logrando construír case un filme, a historia dunha vida dende que nace até que se transforma en nai. E o nexo: o amor.


(..)" Y cuando ese día llegue, mi amor, te acordarás de mí"




21/06/10

El libro triste

O texto de Michael Rosen e as ilustracións de Quentin Blake conforman El libro triste, editado por Serres. Un libro que é, en verdade, moi, moi triste. Tanto, que está escrito para falar da tristura que un pai sente despois da perda do seu fillo. Tanta tristura que só dá para falar dela, para compartila cun mundo que xa non é igual desde que o fillo partiu, un mundo que non comprende nin quere comprender ante unha inxustiza así. Un quere facer algo para saír desa tristura, tenta rir, comprender, ser mellor... pero a tristura é tan poderosa que nada pode facerse contra ela. Cando a tristura domina un corpo humano, este perde a súa vontade. Nada se pode facer: todo o que rodea ao protagonista é unha continua lembranza do seu finado fillo.
El libro triste é un libro triste, pero é moito máis que un libro triste, é un reflexión sobre a perda e a tristura que un sente ante esta.
Está claro que o autor pasa por esta dramática experiencia, facéndonos partícipe dela dun xeito moi curioso. Falamos moitas veces de álbums ilustrados, pero rara vez atopamos nalgún destes esta reflexión profunda sobre a tristura e as causas que a producen. Moi valente achegarse aos máis peques desde a tristura, un sentimento que nada ten de estraño pero do que semella evitar falar nos libros para eles. Que saiban e comprendan que o gris (como a portada) é unha cor máis das nosas vidas, que a conforma, igual que a tristura é un sentimento que non podemos obviar.

“Este soy yo cuando estoy triste. Quizá pueda parecer que estoy contento en esta foto. En realidad estoy triste pero finjo que estoy contento. Lo hago porque creo que no le gusto a los demás cuando tengo aspecto triste”

Tristemente fermoso.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.