Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Edhasa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edhasa. Amosar todas as publicacións

01/08/11

Luna Helada

Volvendo de cando en vez á novela negra, cheguei a este libro por unha recomendación -e préstamo- dunha experta neste xénero. Luna Helada é de Jan Costin Wagner e está publicado por Edhasa. Un libro que nos chega novemente dende o frío norte, Finlandia.
O libro engancha dende a primeira páxina. O autor ten a habilidade de presentarnos un detective que está a pasar o peor momento da súa vida, e nós camiñaremos ao seu carón acompañándoo nesa tristura infinita e inclasificable, a morte do seu ser máis querido. E ao mesmo tempo comezamos a coñecer un asasino diferente, un asasino con conciencia que tentará finalmente restaurar o que xa non ten solución. E así paseramos entre as páxinas do libro case sen respiración, porque as pausas serán o máis curtas posibles.
O policía, como adoita suceder na novela negra actual, e máis se é nórdica, é un personaxe "normal", nada extravagante, con problemas que calquera podería ter, e sempre respectuoso coa lei e cos seus compañeiros. Isto é algo que os afasta dos detectives americanos.
Teño que dicir que non me gustou moito o final, a "solución" non é para min a mellor posible. Pero é un libro moi recomendable para os amantes da novela negra.


20/08/09

Manual de la oscuridad

Cando mo regalaron, nun "Avance Editorial", temín o peor. Agora, por fin, lino, e... disfruteino. Manual de la oscuridad de Enrique de Hériz é moito máis que unha historia dun home (un mago) que queda cego, do seu rexeitamento e abandono ante as circunstancias adversas; é un libro sobre a historia da maxia, da familia, da existencia do ser humano, da importancia do amor, do sexo...
A novela está divida en dúas partes, das que me quedo coa primeira, quizais polos saltos temporais e narrativos. Nela, percorremos da man de diferentes puntos de vista narrativos a vida do protagonista, Víctor Losa, a súa infancia e os seus triunfos de tan só unha semana antes de que comece a primeira páxina, amén de nos informar sobre a maxia e os seus artífices principais do século XIX. Unha primeira parte que devoramos como por arte de maxia.
A segunda parte xa se centra na vida actual deste mago cego, inadaptado, enfadado co mundo. Nesta parte asistimos á evolución da súa vida presente grazas á introdución dunha nova personaxe que nos dará o seu punto de vista. E sentiremos a mesma rabia que eles senten por diferentes motivos.
Aínda que ás veces quizais se exceda nos detalles, é unha boa novela para reflexionar, fascinante en moitas das súas páxinas, recomendable de principio a fin. É áxil, fresca, rica, con forza. Sedutora.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.