Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Creotz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Creotz. Amosar todas as publicacións

09/11/15

En la cuna del mar

Recibo un paquete. Non coñezo de onde vén, aínda que, está claro: é un libro. Cando o abro, a sorpresa, magnífica, é maiúscula. Unha xoia refulxe. E cando a abro, a súa luz faise máis intensa. Dáme medo que esmoreza e péchoo con tenrura e abraio. 
Marcho para a casa. Con extremo coidado, volvo a abrilo para saber se segue a ocorrer o milagre da intensidade lumínica. E segue aí: unha luz cegadora despréndese de cada páxina. Unha luz que me envolve e me atrapa entre soños de mares e de flores, de versos que non murchan, de lúas que sorrín, de barcos que me convidan a navegar canda eles.
Un libro. Claro, a xoia non podía ser outra cousa que un libro de poesía escrito por Antonio García Teijeiro con ilustracións de Xosé Cobas. A editorial, toda unha novidade para min, Creotz, que vén de sacar unha nova colección que leva  mimos de produción: "Hilo de cometa". Porque con verdadeiro mimo é o único xeito de publicar así.
O libro vén asinado por dous grandes. E eu, máis pequerrecha ca nunca, deixo que a poesía da palabra e da ilustración me capture. Apértame un sorriso pícaro que sei que viaxa dende Cambre. A noite xa non é negra, porque unha Lúa xoguetona buscou versos para nadar, para andar, para percorrer montañas. As ondas dos versos mexen o meu berce con fonemas, sílabas, palabras que cantan dende un Vigo conquistador de mares.
Pecho o libro con esmero. Sei que seguirá brillando mentres os soños de baleas e gaivotas erguen canda min un voo de escuma. Volvereino abrir para cheirar o arrecendo do sal.



Fermoso. Doce. Delicado. POESÍA

¡Qué frías las aguas,
las aguas del mar!
Las luces del alba
se pueden helar.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.