Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Guerras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guerras. Amosar todas as publicacións

18/08/21

El espejo de nuestras penas


 D
evolveume Pierre Lemaitre a ilusión da lectura, algo que lle agradezo profundamente, pois xa tiña eu medo a tela perdido para sempre: esta crise lectora foi máis  longa que as anterioes; así que despois de comezar moitos libros e telos deixado porque me "pesaban" collín El espejo de nuestras penas -publicado por Salamandra-, que agardaba dende había tempo na mesa de noite; foi todo un acerto, porque por fin me peguei ás páxinas do libro e tiña eses anceios de volver a elas cando saía. Por fin!

Se xa me gustaran os dous libros antriores desta triloxía, este encantoume. Ler a Pierre Lemaitre é sempre unha saborosa viaxe polo mundo!

O libro non ten un só protagonista, senón que ten varios, tanto femininos coma masculinos, aínda que sobre todo podemos falar de tres, pero creo que todos eles son importantes. A vida vainos levando por diferentes camiños cara a un final bastante previsible (o que non lle resta interese á historia) e sobre todo destaca o humor, un humor que ben cómpre dada a situación: Francia está a ser invadida polos alemáns e pronto claudica ante a forza destes; en momentos tan tráxicos destaca o humor que lle infire o autor a algúns dos seus personaxes, e tráenos un protagonista inesquecible que é quen de interpretar todo tipo de picarescas (as páxinas de portavocía do goberno, as mentiras que destaca e a crítica que agocha son destacables, porque a manipulación informativa é un tema candente tamén hoxe en día).  E aínda que non falemos de coralidade, hai personaxes secundarios realmente valiosos que dan ese toque humanitario imprescindible que Lemaitre nos quere realzar neste libro.

Coma todos os libros deste autor, imprescindible.


25/04/21

Stella


 S
orprendida porque realmente non sabía que ía atopar, así foi o primeiro achegamento a esta lectura, unha obra que me atraeu e me disgustou a un tempo. Obviamente, rematada a lectura, e comprendida a dimensión adquirida, mergulleime na indagación para saber máis. E acabei de comprender. Stella é unha personaxe real e Takis Würger inventa unha historia para achegárnola: el mesmo di que se "inspira" na vida de Stella, pero logo crea unha historia de amor ficticia entre ela e o protagonista, un mozo suízo inocente que tarda en comprender a dimensión do drama humano que supón vivir no medio dunha guerra cruenta. Por iso, esta non é unha novela máis sobre o nazismo.

Cada capítulo comeza cunha rápida información do tempo no que se sitúa e os acontecementos reais daquela. Asemade, en cursiva atopamos anacos de expedientes xudiciais reais -actualmente conservados no arquivo histórico de Berlín- que nun principio nos desconcertan ata que pouco a pouco imos entendendo o que se agocha detrás.

A pesar de que falamos dunha historia de amor entre un mozo e unha moza, hai un terceiro personaxe en discordia, un mozo alemán enigmático que pertence ás SS pero que goza dunha vida pouco ortodoxa segundo os cánons do momento. E que tamén deberá pagar as consecuencias. Porque a novela é dura como a vida mesma. Como a vida da protagonista rela, unha muller xudía colaboradora da SS que delatou a centos de persoas. Pero quen somos nós para xulgar a ninguén? Ela quería salvar a seus pais. Que faría calquera no seu lugar? Independentemente de que a acción que aquí se nos conta sexa ficticia, a novela deixa un pouso de reflexión importante. Por iso a sensación que nos queda é agre e doce a un tempo. Pola disparidade dos dous personaxes, porque a inxenuidade e o amor semellan infinitas, pero tamén o é a maldade.

 

27/04/20

¡Y todavía dibujan!

 Chamoume a atención a publicación deste libro no seu momento e foi arestora cando volvín a el (en realidade, agora podo achegarme a un montón de libros mercados e esquecidos). Este libro compila unha serie de debuxos de nenos e nenas españolxs que sufriron a Guerra Civil e que debuxaron para Aldous Huxley, un libro que el publicou en Esgados Unidos para apoiar a República, ademais de ser un libro pioneiro en terapias psicolóxicas sobre traumas bélicos. Este libro, publicado por La Uña Rota, conta con prólogo, tradución e notas de Leticia Fernández-Fontecha. ¡Y todavía dibujan! amosan a indefensión, a vulnerabilidade, a desprotección ante a guerra. A nenez mira a masacre, e trata de se protexer. Pero nada está a salvo dunha guerra fratricida: nin as casas, nin as familias, nin a natureza: as bombas e o lume arrasan todo.
E o peor, é saber que non aprendemos.

10/04/17

En só tres minutos

A complexa guerra de Siria explicada en tres minutos a través dos ollos dunha nena


20/03/17

El mapa de los buenos momentos

Fran Nuño xunto coas fermosas ilustracións de Zuzanna Celej procura en El mapa de los buenos momentos publicado por Cuento de Luz un relato sobre os destrozos que causa unha guerra na vida das persoas. Estas teñen que fuxir dos seus fogares, deixar atrás todo canto construíron no día a día. O que ninguén lles poderá quitar, ningunha bomba, ningún fusil, serán os seus recordos, que permanecerán indelebles na memoria ata a volta. Por iso a nena protagonista desta triste historia, porque todo relato que proveña da destrución é triste, levará consigo ese mapa feito a partir daqueles lugares que a acompañarán no seu periplo de exiliada, lugares aos que volverá para proseguir a súa vida.

27/06/16

El ala rota

Encantoume, encantoume, encantoume. En plena crise lectora, chega Antonio Altarriba con Kim para volver a conquistarme, como xa fixeran con El arte de volar. El ala rota, publicada por Norma, pecha un díptico que narra as vidas difíciles dos pais do autor, para describirnos a historis política e social da España do pasado século, a invisibilidade das mulleres e a súa submisión, a de acatar o rol social de servidume. Servir? Servir fóra da casa e dentro da mesma. Sempre na loita dunha vida digna. Polas súas páxinas pasearemos por unha vida dura da España rural, abraiarémonos co poder da relixión, ocultaremos a falta de educación por ser muller, aprenderemos da historia recente de España e apenarémonos pola pobreza ou a miseria. Páxinas que convidan á reflexión de moitos temas, tantos que ás veces xorden en cada viñeta, en cada frase, en cada debuxo. Son 256 páxinas, pero voan. Sen romper as nosas ás.
Totalmente imprescindible.





 

19/06/16

Mujeres en pie de guerra

Sobre seis loitadoras antifranquistas, canción de Loquillo do 2004 :


27/02/16

Winnipeg

Laura Martel e Antonia Santolaya son as artífices deste cómic imprescindible publicado por Hotel Papel: Winnipeg. El barco de Neruda. Unha historia máis do noso pasado recente que non se coñece. A cidade de Valparaíso recibiu o 1 de setembro de 1939, día do comezo da II Guerra Mundial, un barco con 2500  exiliados da Guerra Civil, grazas ao compromiso de Pablo Neruda e da súa muller Delia del Carril co pobo español. Este compromiso qudou reflectido no poemaria "España en el corazón". Esta é, sobre todo, unha historia de solidariedade, unha solidariedade que esquencemos arestora co que ocorre ao noso arredor. É unha historia que debemos ler e debemos lembrar, sobre todo porque é unha hai máis que nos afecta e que seguramente é descoñecida. Quizais haxa detrás erros pero o resultado é o que conta. E este cómic paréceme que sabe describir sensacións e sentimentos.
A historia está ben narrada, cun labor previo de documentación importante. Pero grazas aos debuxos a lapis todo adquire un maior relevo. Un escenario en branco e negro que forma parte de nós como a historia triste do exilio do ser humano por razóns de ideoloxía. 




Neruda: “Que la crítica borre toda mi poesía, si le parece. Pero este poema, que hoy recuerdo, no podrá borrarlo nadie”.


30/01/16

Matriarcas. Mulleres en pé de vida

Montse Fajardo preséntanos en Matriarcas. Mulleres en pé de vida dez historias de vida e memoria sobre a guerra civil e as súas devastadoras consecuencias. Mulleres que sufriron e que grazas á autora forman parte da nosa memoria colectiva, dende todos os perfís. Porque sobre todo, o libro é un enxalzamento da muller, do seu traballo, do seu silencioso sufrimento. Matriarcas reflicte o que quedou, as consecuencias marcasa a lume para as mulleres. E tamén o machismo social. Porque a represión sempre vai máis alá do que está a simple vista, e a autora consegue entrevistar a estas mulleres reflectindo fielmente o que contan sen a súa intervención. A fame, tremenda, a violencia do fascismo, a crueldade, e o papel das mulleres como sustento, apandando con todo, sendo os piares fundamentais nun matriarcado que significa que as mulleres teñen que facelo todo, mesmo prostituírse, para sacar adiante a familia.
Gloria Lijó, Amalia Limeres, Pilar Iglesias, Waldina Pereira, Delia Núñez, Carmen Trigás, Luz Durán, Rosario Rodríguez,  Tareixa Navaza e Carmen Meaños deixan a súa voz na pluma de Monse Fajardo para que esta nos transmita canto de crueldade hai nun mundo que ás veces queremos esquecer.

29/01/16

Un cesto de mazás

Montse Fajardo ofrécenos en Un cesto de mazás un monllo de vidas, de penurias, de historias abraiantes que provocan a nosa repulsa cara a todo aquilo que somos: seres humanos. Por que? Por relembrarnos ata onde podemos chegar e a crueldade que podemos acadar por, simplemente, vinganza, ideoloxía, rancor. O peor é que a autora nada ten que inventar, todo estaba aí, neses testemuños que lle foron ofrecendo as familias dos represaliados. Montse Fajardo ofrécenos dende a valentía de contar aquilo que estaba agochado 16 relatos que provocarán, antes de nada, as nosas bágas. Como impedilas? Dentro do Horror, do Holocausto galego da guerra civil, hai lugar, incriblemente, para a tenrura, para a sensibilidade. Un mérito desta autora que coa súa voz potente e clara espertános do noso soño.


Asemade, este libro constitúe un exemplo marabilloso: facer historia a través da oralidade. Porque Montse recolle e logo traballa, documéntase, contrasta.

En Un cesto de mazás os protagonistas non son só Manolo de Socorra, Amando Iglesias Pérez, Paulo Novás, Josefina Arruti, Ramón Barreiro Rodríguez, Castor Cordal Garrido, María Vázquez Suárez, Antonio López Acuña, Luís Pereira, Ernestina Otero, Antonio Alejandre, Paco Reirís, Antonio Mojón, Ángel Huete, Celestino Carbia Campaña, Angelina Fernández Roces, Perfecto Allo, Urania Mella, Humberto Solleiro, Andrés Roo e Ramiro Torrado. A carón deles están as fillas e os fillos, as nais, irmás e netas: Tucha García, Rosa Iglesias, Carmiña, Josefina Arruti, Elena Barreiro, Josefina Cordal, Josefa e Teresa Mojón e tantas outras.

26/01/16

As escritoras inglesas e a Primeira Guerra Mundial

Documental onde a catedrática María Ángeles de la Concha Muñoz explica o gran impacto que tivo a Primeira Guerra Mundial na vida das mulleres, activando cambios sociais, e como esta guerra se reflicte na vida das escritoras Vera Brittain e Virginia Woolf.






Vía

21/12/15

El deshielo


 Gustoume esta nova proposta que nos fai a editorial A buen paso: El deshielo de Riki Blanco fala, ante todo, de Paz, o que o converte nun libro moi axeitado para traballar nas aula o próximo 30 de xaneiro, Día da Paz. Este álbum sobre o sensentido da guerra e a solución pacífica dos conflitos pode dar moito xogo, xa que fala, ante todo, de sentido común. E este leva aos habitantes das dúas vilas enfrontadas no libro a rematar cunha inimizade que nin sequera se sabía de onde viña. E é que ao final, todos e todas somos ben parecidos... Outra cousa serán os reis, que andan "á súa bola" diario.
As ilustracións, do mesmo autor,  son detallistas, evocadoras, humorísticas, delicadas: constrúen escenas cinematográficas en cada páxina que foxen da crueldade da violencia para evocala; moi acaídas para este álbum que nos dará, seguro, moito xogo.

31/10/15

Jan Karski. El hombre que descubrió el Holocausto

Moito me interesou este cómic que vén de publicar Norma baixo o título Jan Karski. El hombre que descubrió el Holocausto, de Marco Rizzo e Lelio Bonaccorso. Unha historia real, unha máis, que fala do terrible xenocidio que supuxo o nazismo e a Segunda Guerra Mundial. A historia dun heroe que denunciou por vez primeira os horrores do Holocausto pero que foi ignorado polos Aliados. Incrible. 
Este heroe pertencía á resistencia polaca e encargábase de facer coñecer a situación tanto do seu país como a dos xudeus. O máis incrible de todo, e sabemos que foi certo, foi como puido fuxir sempre das situacións límite que viviu. En 1943 reuniuse co Canciller británico e mais o Presidente norteamericano e contou todo o que tiña presenciado, pero non o creron ou non quixeron crelo: as prioridades políticas sempre están por riba das prioridades humanitarias.
Coido que por moito que leamos sobre este horror nunca estará de máis. A memoria, visto queda, é ben fráxil. Non esquezamos, por favor, non esquezamos...
 
 

21/10/15

Chosin: Baptized by Fire

Os horrores da guerra:


CHOSIN: Baptized by Fire from HOPR on Vimeo.

Vía

12/05/15

La guerra contra las mujeres

Colgueino hai un ano pero desapareceu o vídeo, polo que volvo a el:
Tres anos de rodaxe en dez país e máis de cen entrevistas nunha ducia de idiomas para dar voz ás mulleres que sofren violencia sexual nas guerras. Este documental de Hernán Zin é unha contundente denuncia da pasividade do mundo ante o uso do corpo da muller como campo de batalla. E unha homenaxe a estas mulleres que seguen adiante coas súas vidas a pesar de todo e que se animan a levantar a voz para que estes terribles feitos non se sigan repetindo.

20/03/15

Vals Con Bashir

 Documental animado, cine en estado puro, que trata sobre a memoria, a piedade, o horror da guerra. Estamos en Líbano, no ano 1982.


13/02/15

NON máis nenos soldado!

Segundo Nacións Unidas, en polo menos 17 países recrutan nenos e nenas para convertelos á forza en soldados, secuestrados nas aulas, nas rúas, forzados a saír das súas casas a punta de pistola sen que os seus proxenitores poidan facer nada.


09/02/15

A fuga do Fuerte de Ezkaba/San Cristobal

 Este mércores ás 20.30 na Casa da Cultura de Silleda haberá unha charla sobre os "Fugados de San Cristóbal" en maio de 1938.


A fuga do Fuerte de Ezkaba/San Cristobal foi a maior fuga carceraria coñecida en Europa, ocupou as portadas da prensa republicana e internacional antes de caer no esquecemento e interesada ocultación dos vencedores.
Unha multitude de 795 fugados documentados, lanzáronse cara á fronteira francesa o 22 de maio de 1938, entre eles 183 galegos. Atrás deixaron 206 mortos enterrados nos vales entre o forte e a fronteira; 14 fusilados en agosto como dirixentes. Outros 46 capturados que morrerían no forte até 1943. Só tres fuxitivos -quizais catro- alcanzaron a fronteira.
Na charla, Fermín Ezkieta expoñerá o plan de fuga, as rutas dos escapados, unha biografía dos tres afortunados que alcanzaron a fronteira e de outros como o pontevedrés Amador Rodríguez, último fugado en ser capturado logo de tres meses, Leopoldo Picó, cerebro da fuga e Antonio Valladares, de Silleda, outro dos organizadores; así como do papel protagonista de diversas mulleres, acusadas de complicidade, e que foron encarceradas.
Fermín Ezkieta Yaben é un investigador autor do libro Los fugados del Fuerte de Ezkaba e mantén e actualiza a web http://www.losfugadosdeezkaba1938.com/
Contaremos coa presenza de Alejando Breijo, familiar de Antonio Costoyas Ares, de Silleda, un dos que resultaron mortos na fuga, e Elia Valladares, sobriña de Antonio Valladares González, un dos promotores da fuga, que tamén resultou morto, sen que a familia tivese a oportunidade de recuperar o seu cadáver.
Na fuga tamén resultaron mortos outros tres dezaos: Adolfo Blanco Barreira, de Cristimil, José Carballude González, de Donsión e Manuel Cea Asorey, de Sabrexo (Vila de Cruces).
Outros dezaos tamén presos en San Simón que participaron na fuga e foron capturados:
- De Vila de Cruces: Manuel Blanco Fernández, Ramón e Rogelio Cajide Rodríguez (Sabrexo), Manuel Carballal Pena, Jesús Cea Asorey (Sabrexo), Guillermo Pampín Quiñoy, Ramón Ramos Lamas (Fontao), Alberto Villar Blanco e Luis Villar Cimadevila.
- De Lalín: Luís Agra Blanco e José Vázquez Fernández (Bermés).

29/01/15

Érase una vez en Francia


Máis cómics sobre guerras, agora imos novamente coa Segunda Guerra Mundial. Publicado pola editorial Norma en tres tomos,os autores son Fabien Nury e Sylvain Vallée quen se inspiran nun personaxe real para crear unha historia de se achega ao xénero negro e que nos lembra a unha serie mafiosa como poder ser "O Padriño". Todo isto nun París dominado polos nazis. 
Conta por tanto a historia de Joseph Joanovici, un home humildo feito a si mesmo, sen estudos pero listísimo para os negocios, capaz de negociar con quen sexa e ao mesmo tempo tentando defender aos seus, se iso non supón perigo para o seu estatus económico. Debuxo e historia conforman un cómic de impecable factura e extraordinaria realización, interesantísimo... durante os tres tomos.
Absolutamente recomendable!






28/01/15

Degenerado

Sigo coa lectura de cómics sobre guerras e chego a esta curiosa historia real que recolle Chloé Cruchaudet e que publica Dibbuks: Degenerado conta a historia de Paul Grappe e a súa cónxuxe Louise. El faise dersertor na Primeira Guerra Mundial e vese obrigado a agocharse para que non o deteñan. Como saír desa situación? Cambiando de identidade e converténdose en Suzanne. Apaixoante personaxe que se irá facendo dona do verdadeiro Paul, controlándolle a súa vida. Así, a lascivia nocturna, a liberdade sen prexuízos, será detonante para que a muller se apodere do home; isto terá como consecuencia a relación tormentosa coa súa cónxuxe, que non comprende o cambio do home e a aceptación total dunha nova identidade que non lle pertence.
Dez anos despois, os desertores son aministiados. Pode volverse á normalidade tantos anos despois? As consecuencias serán impredicibles.
O abismo, a sexualidade, as relacións de parella, a loita pola identidade... estes temas conforman un cómic que levou moitos premios, como por exemplo o  Premio do Público do Festival de Angoulême 2014.
Coido que é un cómic que paga moito a pena. Non só pola historia, senón tamén polo uso da cor da autora, xa que predominas as cores apagadas e entre elas resalta o vermello para destacar obxectos importantes dende un punto de vista narrativo.




cruchaudet dibbuks

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.