Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta China. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta China. Amosar todas as publicacións

05/02/12

Claro de luna




Faktoría K achéganos esta fermosura de Qingyun Huang con ilustracións de Peilong Liang: Claro de Luna son 43 poemas en chinés e castelán sobre o campo, os seus aromas, nun ton bucólico que se converte nun xogo para os nenos. As ilustracións, moi típicas, de belísimos trazos.
Unha marabilla ao voso alcance.



01/12/11

En algún lugar de China


Precioso texto de Ana Folgueira con ilustracións de Emilio Amade para este álbum: En algún lugar de China está publicado pola editorial Silabario. Pero estamos ante algo máis ca un libro, que por certo, é precioso, onde unha lenda conta como as familias adoptantes de nenas chinesas son escollidas por un paxaro que leva unha corda vermella para dárllelas. É máis ca un libro porque é un proxecto editorial que quere recadar fondos destinados á Asociación de Familias Adoptantes en China (AFAC), xestionando programas nos orfanatos chineses para operar nenos con necesidades médicas especiais e así facilitar a súa adopción.




05/07/10

El secreto de la garganta del ruiseñor

Isto non é un libro. É, sinxelamente, unha obra de arte. A editorial Barbara Fiore déixanos pampos unha vez máis con esta edición de luxo.
El secreto de la garganta del ruiseñor con texto de Peter Verhelst e ilustracións de Carll Cneut está baseado no conto "El ruiseñor" de Andersen. Unha extraordinaria historia sobre unha pequena ave que debe cantar diante do, coma sempre, insaciable emperador de China. Pero nesta versión hai outros personaxes máis importantes, como a nena que conta a historia do rousinol.
As ilustración son... que palabra empregar? Tons verdes, azuis, amarelos... misteriosos, envolventes. Maxestuosas.
E non digo máis, porque hai que telo entre as mans, ulilo, follealo, extasiarse con el antes de lelo... e logo de lelo miralo cantas veces queirades, porque non vos ides aburrir!



15/11/09

Outono fotográfico I

Froito do traballo conxunto entre o equipo da Biblioteca, o de Normalización e o Departamento de Filosofía, poderemos durante todo o curso disfrutar de exposicións fotográficas que cambiaremos cada mes. Trátase do Outono Fotográfico. Do 2 ao 30 de novembro gozamos coas fotos de Alfonso de Castro. Imaxes feitas na China nos anos 2001 e 2002. Céntrase na xente e as escenas cotiás dun país que comparte os seus segredos celosamente, unha visión inédita da vida en China.
Aquí vos deixamos algunhas:

30/05/09

Pola antiga China

Esta é unha famosa pintura existente en Shanghai. O cadro foi pintado entre 1085-1145 durante a Dinastía Cançao do Norte e repintado durante a Dinastía Quing. Mide 5,25 metros de ancho por 24,80 de alto.
O traballo multimedia permite percorrer o cadro de esquerda a dereita. Cando aparece un cadro branco ou vermello debedes premer nel e aparecerá unha animación coas personaxes en movemento.
Así de fácil: preme nesta foto e... a percorrer un novo mundo!!!








29/11/08

El Chino

O último libro de Henning Mankell é, polo de agora e por pouco tempo, a miña última lectura. Como xa sabedes, é un dos meus escritores preferidos en canto á novela negra se refire, aínda que recoñezo que cheguei a cansalo despois de tantos títulos. Pero agardaba esta novela con moito interese, por desprederse dos seus detectives habituais e polo que supuña de rastrexo no xigante asiático que ameaza con merendarnos o día que lles apeteza.
Nesta novela, o autor constrúe un relato aterrador a partir dun asasinato múltiple e fai que unha xuíza, Brigitta Rosslin, se convirta na investigadora principal. Tal como nos ten acostumados, o libro desenvolve unha trama asfixiante e emocionante, que nos atrapa desde a primeira liña até a derradeira. Porén, o que máis chama a atención do libro é a idea que subxace continuamente nas súas páxinas: a contada da evolución da sociedade chinesa, a súa preocupación pola expansión cara a África (algo do que xa temos falado), a saída do comunismo máis pechado á globalización, os novos ricos desa sociedade... unha lección da historia actual dun país que debemos ter sempre presente. Algo ao que Mankell decide enfrontarse disfrazándoo de novela negra.
Así pois, El chino é unha novela ambiciosa tanto documentalmente como estruturalmente, cunha investigación que baila entre os séculos XIX e XXI por países tan afastados como son China, EEUU, África, Suecia e mesmo Inglaterra, e que nos presenta un panorama desolador sobre a natureza humana e do que somos capaces de chegar a facer.
Un libro máis que recomendábel.

12/10/08

Resultados

Hai lugares onde só importan os resultados, nunca o xeito de chegar até eles. Quedamos marabillados nas Olimpíadas, pola organización e polo éxito acadado... pero que houbo detrás?

19/08/08

Boas relacións

Como é natural, a rivalidade só se palpa na propia competición. Unha vez concluída, os atletas relaciónanse uns con outros e establecen novas amizades e novos amores. Pero con coidado! Nas Olimpíadas de Pekín séguese un costume iniciado xa en Barcelona 92: o reparto gratuíto de preservativos entre os máis de 10500 habitantes da Vila Olímpica.
A marca de preservativos Elasun lanzou a súa campaña comercial olímpica dun xeito axeitado para a ocasión:




Vía Islas Cíes

08/08/08

Olimpíadas

Tal como esperabamos dos chineses, unha inauguración espectacular. Eu, polo menos, quedei pampa. Unha pasada:

05/08/08

O que non se ve en China

O 19 de outubro de 1995 Documentos TV emitía unha reportaxe titulada "As habitacións da morte"; esta reportaxe provocou que tod@s nós quixeramos adoptar unha nena chinesa, e moita xente así o fixo. Non pasou tanto tempo até hoxe, dous días antes de comezar os Xogos Olímpicos, cun presuposto de tres mil oitocentos millóns de dólares. Moitas veces temos falado destes xogos "do horror", e Amnistía Internacional vén denunciando a constante violación dos Dereitos Humanos neste país. Outro vídeo que podemos ver é aquel no que un grupo de escaladores británicos captou a soldados chineses disparando contra tibetanos desarmados. E esta fin de semana o Semanal amosounos máis horrorosidades deste país no que a xente, simplemente, TEN MEDO. Vívese en situacións infrahumanas: 760.000 mortos ao ano pola contaminación. Isto e moito máis será o que non vexamos nas Olimpíadas do 2008:









Ademais, o antigo Pekín estrutúrabase a base de "huntong", máis de 4500 calellas que foron tiradas para a construción de novos bloques de vivendas. Cando eu visitei esta cidade hai xa tres anos levaban aos turistas a velos como restos dun pasado en pos dunha "modernización" apresurada para lavar a cara da cidade. Os habitantes destes huntong non estaban especialmente felices por seren "invitados" a abandoar a súas casas ás présas: estas derrubábanse sen un acordo sobre a indemnización que debía pagar o Estado aos propietarios, uns cartos que non chegaban "nin para comprar un váter" segundo declaracións dos afectados.



(Se premedes nas palabras destacadas en azul teredes máis información e as vías)

02/08/08

Sabes a que se xoga en China?

A xa moi poucos días do comezo das Olimpíadas, Amnistía Interanacional lémbranos a continua violación aos Dereitos Humanos que en China se producen:



Vídeo YouTube

13/04/08

China conquista África

Pouco a pouco, a influencia e os intereses económicos o imperio chinés esténdense polo continente africano.
Desde o 2002, o comercio entre China e África pasou de 7000 a 40000 millóns de euros. Máis de 800 empresas chinesas, e aumentando, instaláronse aquí. Extraen petróleo en Sudán, cobalto no Congo, cobre en Zambia, cromo en Zimbaue; tenden raís en Nixeria, constrúen estadios en Ghana, aeroportos en Arxelia, presas en Gabón ou sés en Ruanda. En Sierra Leona, devastada pola longa guerra civil, erguen un centro de ocio que inclúe un hotel de luxo, paseos marítimos, campos de golf e pazo de congresos. China aférrase con unllas e dentes aos recursos naturais do continente africano, a cambio de soldos irrisorios, mentres os seus enxeñeiros se agrupan en pequenas e eficaces colonias.
A presenza cada ver maior de intereses e poboación chinesa xera en certas ocasións o rexeitamento dalgúns sectores locais. Algúns políticos esgrimen este tipo de reclamos nas súas campañas. Pero o certo é que China avanza por territorio africano, porque aínda que "non caian ben, eles non van para facer amigos". China comezou esta carreira xa nos anos 60 para interferir no dominio norteamericano e soviético. Sempre o mesmo prexudicado: o continente africano.

03/04/08

E ti, a que xogas?

Uns Xogos Olímpicos que dan moito que falar. Acudide á páxina de Amnistía Internacional. Veredes...

31/03/08

Pekín 2008

Comezan a escoitarse voces que nos falan do lado escuro destes xogos olímpicos. Mellor dito, do país que os acollerá. Porque, non o esquezamos, China é unha ditadura.


O plusmarquista mundial de maratón, Haile Gebrselassie anunciou que non correrá a proba raíña do atletismo a causa da enorme contaminación que padece o aire pequinés. Anteriormente, Steven Spielberg negouse a participar como asesor artístico nas cerimonias de inauguración e clausura pola actitude chinesa no conflito de Darfur: Pekín, que obtén de Sudán as dúas terceiras partes do petróleo que consome, non só vende armas ao goberno dese país, senón que coa súa presenza no Consello de Seguridade da ONU impediu que a comunidade internacional envíe forzas de pacificación a esa zona, onde xa morreron máis de 200.000 persoas e hai máis de dous millóns de desprazados.
Pero antes, Amnistía Internacional expoñía datos para botarse a tremer: China é o país do mundo onde máis condenas a morte se executan; a pena capital aplícase ata para castigar fraudes fiscais. Sospéitase que os órganos dos condenados sexan aproveitados despois para realizar trasplantes.
A liberdade de expresión non existe. Os medios de comunicación están sometidos á censura e control. Igualmente ocorre en Internet, onde nin sequera aparecen palabras como LIBERDADE.
Os que lixan a imaxe da cidade (toxicómanos, mendigos, prostitutas...) son detidos e enviados a temibles centros de reeducación.
E agora, o Tíbet, do que tamén falamos con Gonzalo Moure, por certo. Si, o Tíbet, invadido polos chineses e que agora sofre máis ca nunca a opresión da ditadura chinesa.




Pero nada disto importa. "Poderoso caballero es don Dinero". E sobre isto, os chineses teñen moito que dicir.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.