Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta O Carballiño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Carballiño. Amosar todas as publicacións

06/07/10

Os vídeos do Día do Libro

Atrás quedou o curso e todas as actividades, das que tentamos deixar pegada aquí. Somos inexpertos aínda en moitas cousas e o Día do Libro tivemos un problema coa música, así que esta é tan só unha parte do resultado da performance que fixeramos:



E tamén a entrada "triunfal" dos pequen@s de 6 anos do concello que viñeron á nosa biblioteca para escoitar contos:


30/06/10

Exposición "nenos soldado"

A que foi derradeira exposición deste curso, prolífico en actividades. Agardo que esta non a perderades.

A exposición “Os nenos soldado: nenos na fronte de guerra” pretende reflectir a situación de milleiros de nenos e nenas que en diferentes partes do mundo participan directa ou indirectamente en conflitos bélicos. Cada ano, moitos nenos son forzados a combater nas frontes de guerra formando parte de guerrillas e de exércitos regulares de moitos países, aínda que estes teñan asinados tratados internacionais para a protección e o cuodado dos nen@s. A exposición pretende facernos reflexionar tamén sobre a militarización da infancia, xa que en moitos países que non están en guerra os nen@s son educados e adestrados en prácticas militares e manexo de armas, tratando de inculcarlles valores que nada teñen que ver coa paz, a solidariedade e a resolución non violenta dos conflitos. A través das fotografías que reflicten esta situación, intentamos que os nosos estudantes reflexionen sobre a situación da población civil, e sobre todo os nenos e nenas, cando se produce un conflico armado, que adoita conlevar a perda dos dereitos máis básicos e fai imperar a simple lei do máis forte. A partir de aquí trátase de entender as relacións entre esta situación e a nosa, como cidadáns de países onde si se cumpren en gran medida dereitos fundamentais das persoas, con protección especial á infancia, pero onde están situadas as grandes empresas armamentísticas que subministran o material bélico para os distintos contendentes nos conflitos. E todo isto para a obtención dun beneficio económico inmenso á marxe de calquera principio ético. Os países máis poderosos do mundo (o chamado G8) son os responsables da fabricación de case o 90% das armas que circulan polo noso planeta, armas que son en moitas ocasións exportadas a conflicos nos que participan nenos. Cando non ocorre directamente que sexan os grandes instigadores de ditos conflictos para provocar situacións que permitan a explotación dos recursos dos países en guerra para o beneficio das grandes corporacións multinacionais.





17/06/10

As Faíscas de María

Hoxe visitounos María Canosa. O alumnado de 2º de ESO lera Faíscas (editorial Galexia) previamente, e hoxe tivo a sorte de compartir un dos seus últimos días de curso con esta escritora agradable e cercana que lles falou do proceso de escribir, da importancia da literatura e da lectura, e que contestou cuestións sen descanso durante hora e media. Unha das preguntas que destacamos: "hai machismo na literatura?". E ela falou sobre todo do machismo na sociedade, posto que como enxeñeira atopa moitos atrancos para desenvolver en igualdade a súa profesión. Comezando polo salario.
Moi interesante e amena toda a conversa con ela, a quen lle damos a grazas por buscar ese oco necesario para vir ata o centro despois duns días de tanto axetreo.
O alumnado descubriu asemade que as Ciencias non reñen coas Letras, que todo se pode compartir, e que todo é igual de interesante.
Grazas María por esta lección de humanidade.
E novamente grazas á editorial Galaxia por me mimar deste xeito.


06/06/10

Obradoiro de regueifas

O luns 31 de maio tivemos no instituto unha das actividades estrela do mes das Letras: un obradoiro de regueifas para o alumnado de 2º de ESO. Temos que dicir que esta actividade foi subvencionada na súa totalidade polo concello d'O Carballiño, algo que agradecemos profundamente posto que foi, sen lugar a dúbidas, a mellor actividade de todo o ano: ás fotografías me remito, que caras!
Pinto de Herbón e Luís Caruncho non son bos, son espléndidos. A primeira media hora regueifaron á nosa conta (dos profes) e a conta propia, e do alumnado, canto quixeron. Rimos a esgalla. Logo, ensináronnos como facelo e o alumnado participou coma nunca. O tempo voou e cando nos demos conta xa tiñamos que marchar.
A sorte foi poder compartir tamén a hora do xantar con estes dous homes espontáneos cheos de habelencias lingüísticas.

06/05/10

Virtualmente marabillados

Cando hai meses me puxen en contacto con Agustín Fernández Paz non maxinaba a emotividade que ían producir as nosas palabras carteadas nin o noso encontro virtual que se produciu este martes día 4. Contestoume meses despois, e a súa carta deixoume tan impactada que eu mesma volvín tardar en responder. A partir de aí todo fluíu naturalmente.
Debido á imposibilidade de vir ao noso centro ofreceume realizar unha videoconferencia a través do Skype. Unha vez superados os problemas técnicos, realizamos o encontro. Que dicir del? Xa todos e todas sabedes da súa cercanía, da súa amabilidade, da súa enerxía positiva. Foi realmente extraordinario ver a todos os membros do club de lectura mirando a pantalla sen despegarse, escoitando atentamente para non perder esas palabras que ás veces, por mor da técnica, se nos esvaían nun espazo e nun tempo descoñecido. Falamos de Valados, claro, a obra lida, e falamos de toda a súa produción (toda non porque é imposible!) posto que cada un dos membros lera algunha outra obra del; falamos de literatura, falamos de música, falamos da vida e sobre todo falou el namorándonos coas súas palabras, coa súa amabilidade, co seu sentido do humor.

Se queredes saber algo máis, se queredes saber cal é a súa música e a súa literatura e outras sorpresas ide ao blogue do club: "Momentos de silencio compartido".

Para o meu ego, e para facerllo saber tamén ao meu querido compañeiro blogueiro, deixo algunhas das súas palabras, porque me encheron de orgullo e satisfacción:

" direiche que "Trafegando Ronseis" está no meu cartafol de "Imprescindibles", xunto con non máis doutros sete ou oito. O único problema (bendito problema!) é que non vos dou lido, tal é o ritmo das anotacións. Pero facedes un labor de divulgación e de reflexión extraordinario. Está ben que o saibades, estas cousas tamén hai que dicilas"


30/04/10

Paula Carballeira no centro

Antonte veu Paula Carballeira, única, polifacética, real, simpática, actriz, contadora, escritora, cercana... fixo as delicias dos oíntes, tanto grandes coma pequenos, deixando un sabor de boca amargo porque o tempo non chegou a nada. Contou historias de medo, de lobos, de pantasmas... fixo rir e asustou, pero sobre todo referiuse ao seu último libro O Lobishome de Candeán.



Abusando da súa xenerosidade, veu logo a contar un contiño ao alumnado de 1º de ESO onde eu tiña clases... e deixounos engaiolados. Berraron cos sustos e sobre todo namoráronse desa persoa que coñecían da tele. A algún case lle dá un desmaio!




Grazas, Paula, por todo, unha vez máis.

27/04/10

Feira do álbum ilustrado


Durante estas dúas semanas, co gallo do Día do Libro, temos no centro, grazas á xenerosidade das editoriais, unha mostra de álbums ilustrados. Toda unha delicia para os sentidos: verdadeiras obras de arte plásticas, estéticas e literarias nos rodean no vestíbulo. Lembrade que fixemos o tríptico coas recomendacións e que podedes collelos alí.
Acompañando a esta mostra, unha selección de marcapáxinas. Esgotáronse deseguida!


25/04/10

Thriller bibliotecario


Unha actividade que suscitou moita expectación pero que non saiu tan satisfactoriamente como pensabamos por un problema técnico foi a nosa particular recreación de "Thriller": uns zombis atacando a unha bibliotecaria á que volverán tola e rematará agasallando libros a todo aquel que o desexe. Por eses problemas técnicos dos que falamos non hai o vídeo previsto.







Contando contos aos máis peques


Unha das actividades máis fermosas que realizamos Día do Libro foi a de contar contos ao alumnado de 6 anos que desde os colexios públicos do Carballiño veu ao noso centro, á nosa biblioteca. Cando lembro a todos eses nenos e nenas subindo as escaleiras dos maiores, en ringleiras perfectas de dous, da manciña, caladiños e abraiados... logo, sentados no chan, nas cadeiras, contestando ás nosas preguntas e moi, moi atent@s a todos cantos contos lles contabamos... aínda me emociono. Os maiores non se querían perder este acontecemento e tod@s querían ser contacontos por un día. Houbo que restrinxir a sesión, porque non daba tempo para tanta intervención. E ao final, caramelos e bicos, moitos aplausos e moita ledicia.
Sinto non ter gravación: teredes que conformarvos con algunhas fotos (e faltan as do Kamishibai, que non se puideron facer!)
Grazas a tod@s, grandes e pequenos, por axudar e participar en tan fantástica actividade.
E grazas, coma sempre, á admirada Paramio, facho sempre alumeando.

Para que les?

Tal como comentamos o propido Día do Libro, unha das actividades que grazas ás compañeiras do PLAMBE se realizaron no centro foi a de contestar á pregunta "Para que les?". Algúns d@s nos@s compañeir@s, do noso alumnado, persoal do concello, o persoal non docente, e os escritores que pasaron polo noso centro reflexionaron sobre esta cuestión e nos agasallaron a súa aportación particular.
E este é, en parte, o resultado:


.- Visitas:



.- Profes:


.- Alumnado:



.- Desde o Segrel esta presentación para o mundo:



Para que les? noutras bibliotecas:

O Segrel


Mesturas

Malpica

Castro de Baronceli

Arzúa e aquí.

Vilán

Fiz Vergara Vilariño

Fernando Blanco

Bilioafonso
e aquí.

Ollos Grandes

CEIP Rosalía de Castro

Libroucho

CEIP de Aguuiño

Escola Sant Jordi Lleida

Raioteca e aquí.

Ponte Vella

CMUS de Lugo


IES Alexandre Bóveda

Brea Segade

24/04/10

Día do Libro III

Unha das actividades ralizadas esta semana co gallo do Día do Libro foi a exposición da Historia da escritura, con documentación e exemplificación con imaxes, libros antigos, calamus, tablilla, máquinas de escribir, ordenadores... e un facsímil de gran valor. Esta exposición completábase cun documental sobre este tema.

Guía de lectura do Álbum ilustrado

Con motivo do Día do Libro, estas dúas semanas temos, entre outras actividades, unha Feira do Álbum Ilustrado (xa traeremos fotos). Para guiarvos, elaboramos a seguinte Guía de Lectura:




Disfrutade da súa beleza literaria e pictórica! Son auténticas obras de arte en papel.

23/04/10

Abril mes dos libros, Maio mes das letras

Moitas e variadas son as actividades que estamos a organizar estes días, e das que vos iremos informando pouco a pouco, a medida que o tempo nos vaia ofrecendo respiros. Comezamos a Olimpíada do Saber para o alumnado da ESO, unha actividade que se prolongará ata ben entrado xuño, e estes dous meses tamén propuxemos o concurso "Fotografar a lectura" do que vos deixamos o cartaz:



Xa sabedes que se queredes participar tedes que mandar as vosas fotos a este enderezo:

carballopequeno@hotmail.es

O prazo remata o 11 de maio.

17/04/10

Nós tamén afogamos

Non literalmente, claro está.

Este mércores 14 fixemos co alumnado de 1º de Bacharelato o Roteiro de "A praia dos afogados". En Nigrán descubrimos en primeira persoa os lugares que anteriormente maxinaramos coa lectura deste libro. As opinións que a lectura provocou tédelas, naturalmente, nas Estelas dos Ronseis.
Unha actividade programada pola editorial Galaxia que resultou magnífica: a organización perfecta, o ambiente agradable, o autor encantador, os guías magníficos, o tempo impresionante (estaría encargado?)... non podemos poñerlle un só defecto, polo que lles damos as grazas por agasallarnos cunha xornada literaria diferente.
Así, logo de coñecer o autor -Domingo Villar-, quen nos contou a historia de como chegou a ser escritor, paseamos pola praia da Madorra, o Templo Votivo do Mar (tan semellante ao noso templo da Vera Cruz por ser do mesmo autor), Monteferro... da man de dous guías de excepción: Ana Carreira, deliciosa sempre, amiga xa dende que o outro día nos meteu medo no instituto, e un home cheo de enerxía e sabedoría mariñeira, o historiador Xosé Lois Vilar, presidente do Instituto de Estudos Miñoranos, que nos descubriu algúns dos segredos do mar (ese elemento tan afastado para nós, de terra adentro, e tan admirado e respectado) e gozamos coas vistas da nosa costa. E así como nunha boa comida non pode faltar o bo viño, por se fose pouco, todo o tempo nos levaron da man os inesgotables Fernando e Noelia, pendentes en todo momento de calquera detalle. Ernesto: botámoste de menos!.
Pola tarde, e aproveitando o día, visitamos o Museo do Mar.



Deixámosvos asemade esta recomendación:



16/04/10

Bicos con lingua

Onte o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu á representación de Bicos con lingua, posta en escena de Talía Teatro. A actividade estaba organizada por todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros da comarca do Arenteiro.



09/04/10

Contando... medo

Onte, grazas ao Concello de O Carballiño, en colaboración coa editorial Galaxia, tivemos a sorte de presenciar á contacontos Ana Carreira. Ana viña coa expresa idea de meterlle ao noso alumnado medo, moito medo; pero como o medo é libre, máis que sentir medo, pasamos un tempo moi, moi agradable e puidemos botar uns risos enormes coa súa locuacidade e o seu bo oficio. E isto sabendo que nos tomou o pelo! Aínda que xa sabemos como evitar que as ánimas nos queiran levar con elas ou evitemos toparnos coa Santa Compaña. Porque... nunca se sabe!
Moitas grazas a ambas institucións por agasallarnos con tan grata actividade.


27/03/10

Guía lectura banda deseñada

Con motivo das Xornadas de Banda Deseñada esta semana que remata, elaboramos a seguinte Guía de Lectura:

26/03/10

Xornadas sobre a Crise do Capitalismo

Esta semana combinamos a Semana da Banda Deseñada coa Semana sobre a Crise do Capitalismo, tanto no propio centro como fóra del. As conferencias foron as seguintes:
.- O consumo responsable como alternativa: o decrecemento a cargo de Xosé María García Villaverde, responsable da Área de Paz e Globalización de Verdegaia. Explicou a teoría do decrecemento e en que consistía o consumo responsable, facendo fincapé na necesidade de mudar o sistema xa que é insostible social e mediambientalmente.
.- Enfrontar a crise dende a política a cargo de Martiño Noriega, alcalde de Teo.
.- Alternativas ao modelo capitalista: proxección do documental "A Toma".
.- A banca ética en Galicia.
.- Taller realizado por dúas membras (Belén e Laura) do grupo de consumo responsable "Semente" de Ourense, que intentaron deconstruír o modelo consumista actual, e explicaron que é un grupo de consumo responsable a partir da súa propia experiencia.
.- Exposición no centro de Ecoloxistas en acción: A crise do capitalismo.


25/03/10

Con Roberto Salgueiro

Onte o alumnado de 1º e 2º de ESO disfrutou da compañía dun autor teatral, despois de ler o seu texto, algo ao que, segundo admitiron, non están acostumados e custoulles dobre esforzo, cun resultado positivo posto que o libro é divertido. Estamos a falar de Roberto Salgueiro e a súa obra Valentino Rufini e Akil Pillabán de viaxe a Milán.
Roberto falounos das súas intencións na escrita, da procura da igualdade dos seres humanos, da demostración de que todas as relixións son igualmente válidas, dos anacronismos da historia, da xestualidade e da interpretación dos actores... Un mundo novo que o alumnado descubriu grazas á súa presenza. Que agradecemos desde aquí.


24/03/10

Con Rosa Aneiros

Realmente, non sei como calificar o noso encontro onte con Rosa Aneiros. Descubrila tan afectiva, tan próxima, tan locuaz, tan "riquiña"... non pararía de buscar calificativos positivos para describila. Porque tivemos a sorte de gozala durante un tempo que a nada soubo e que non esqueceremos.
Rosa chegou pola mañá. No salón de actos dirixiuse ao alumnado de 1º de Bacharelato que tiña lido Resistencia. Non moi falangueiros nun principio, Rosa sabía en cada momento que dicir, de que falar, como manter a atención para que todos e todas a seguisen durante o seu proceso de creación, durante o seu proceso de documentación, durante o seu proceso de escritura. Con constantes referencias ao cinema, desenvolveu unha sesión máxica chea de figuras literarias e feitizo poético.

Compartir comida e acordos, descubrirmos xente en común e gustos literarios afíns... para logo participar nunha sesión do club de lectura onde disfrutei coas caras apampadas das miñas nenas (incluído Mauro) escoitándoa, seducíndonos continuamente coas súas palabras, envolvéndonos coa súa solidariedade, a súa ledicia, o seu máxico sorriso que quedou por sempre debuxado nas paredes da biblioteca... Foi o primeiro encontro do noso club este curso co escritor do libro; recoñezo un certo temor meu a que as cousas non saísen ben e cúlpome agora por ese medo innecesario: tanto dunha parte coma da outra a sesión resultou tan fluída que o tempo, literalmente, botóusenos enriba. E Sol de Inverno permanecerá nas nosas memorias como unha primavera florecente da man da súa autora.



Grazas, Rosa, por todo. E, agora mesmo, por esa carta que acabo de recibir túa, que leo e releo sentindo a inmensiadade do soño oceánico.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.