Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Planeta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Planeta. Amosar todas as publicacións

25/08/25

Te receto un gato

 


Aclaro: Xapón por un lado e Gatos polo outro. Quen se resiste? Eu non, por suposto. Quen me coñeza, saberá ben o porqué.

Antes de falar do libro temos que falar dunha corrente literaria que provén de Oriente: o "healing fiction" ou literatura que cura; historias cotiás que rematan con optimismo e que conseguen un ánimo positivo no lectorado, un respiro para o espírito canso occidental.

Syou Ishida é a autora deste Te receto un gato, publicado por Planeta. Un libro entrañable, que contén cinco historias diferentes cun só fío condutor: a clínica Kokoro, unha clínica peculiar que se sitúa nunha calella escura de Kioto un tanto misteriosa (é a clínica a que atopa ao doente e non ao revés). E esta parte foi a que menos me gustou, porque sería prescindible ese desconcertante dato máxico e deixar que a peculiaridade do tratamento psicolóxico fose máis real. Porque un gato, ou unha gata, é quen de axudar a cambiar as vidas dos clientes da clínica. Así nolo fai saber esta lectura. Por suposto, non tedes por que crelo. Pero eu convídovos a probar. Sorprenderédesvos. No libro, cada un dos protagonistas topa o seu espazo porque os gatos os levan a lugares aos que nunca chegarían por si sós. Porque ter un gato significa, asemade, preocuparse por alguén máis que por si mesmo.

Por outro lado, e a pesar de que teño o prexuízo de pensar que a literatura xaponesa é moi lenta, o libro narrativamente déixase ler con facilidade e mesmo con dozura. Porque vai engatusando ao lectorado como o farían os mininos curativos. A lectura flúe soa e deixa un pouso de calma cando se pousa o libro. Resulta ser unha lectura engaiolante e lixeira, xa que a pesar da dor dos protagonistas que precisan ir a unha clínica psicolóxica, todas as historias acaban sendo acolledoras, cómodas. Se aínda por riba unha lectora coma min coñece a fermosísima Kioto, xa se pode gozar plenamente. 

Respecto e amor polos felinos é o destacable. As historias, curtas e doadas de ler, séntense amigables. En conxunto, unha lectura acolledora. Coma a miña gatiña!!!



27/09/21

Verano de lobos

 


Con Verano de lobos comeza unha nonva serie, a de Haparanda. Publicada por Planeta, o seu autor é Hans Rosenfeldt. O libro é entretido e, por veces, orixinal, pero non me acabou de convencer, xa que nalgúns momentos facíase pesadamente lento e asemade pérdese nalgunhas subtramas que non viñan moi a conto. Supoño que o feito de que sexa a primeira entrega tamén é importante porque o autor nesta pretende presentar moitos personaxes e deixar clara a ambientación. Quizais a evolución destes dea máis de si en próximas entregas.


06/09/18

Sharko

Encantoume coñecer a Franck Thilliez e o seu investigador Sharko, que ademais dálle título a este libro, co cal quedei con ganas de ler toda a saga e comezar polo primeiro. A ver.
A pesar de ser unha saga, este libro pódese ler sen ter lido os anteriores, aínda que está claro que nos perdemos moitas cousas, sobre todo a evolución dos personaexes. Con todo, somos conscientes de que estamos ante unha obra mestra.
O libro comeza xa con fouteza, facendo que a partir do primeiro capítulo se desenvovla todo o libro e que esteamos enganchad@s a el continuamente. Ten moita potencia. É unha novela brutal, con moito ritmo que non permite pausa nin respiro, e que ademais aporta un toque científico moi orixinal que dá á historia verosimilitude. Os personaxes están cheos de matices e son moi reais; o feito de que se lle dea tanta relevancia a un secundario encántame, porque intuímolo cheo de dor e desesperanza (algo grave que ocorreu no anterior libro, sen dúbida). Esta dor provoca que viva nunha constante espiral de loucura que o autor reflicte especialmente. 
Do mellor da novela negra actual.
Publicado por Planeta.

06/04/18

No es país para coños

No club de lectura de 4º da ESO estamos a aprender moito sobre Igualdade e Feminismo. Temos tanto para ler! Na última sesión cada integrante pediu ler un libro diferente. Laura Soto escolleu No es país para coños, de Diana López Varela publicado por Península. E falou así:


No es país para coños é unha obra da xoven escritora galega Diana López, probablemente non escoitarades o seu nome ata o de agora, pero estou segura de que algún día será unha distinguida e portentosa escritora, bueno, portentosa xa o é, o que necesita é moito máis recoñecemento.
  O certo é que sen esaxerar dende que lin esta refrescante e rompedora obra feminista a miña vida mudou dalgún xeito. Non sempre fun feminista, de feito tan só hai un par de anos que me intereso por este tema, cousa da cal me avergoño, pero tampouco tivera moita marxe de tempo para saber que persoa quería ser. Pero agora hai unha parte do meu ser que ten clara o que é, e esta é a de ser feminista. 
A verdade é que non creo que este libro intente convencer a ninguén sobre o que ten que ser, simplemente penso que nos responde a todas esas dúbidas que algunhas persoas se poden chegar a plantexar sobre a necesidade dunha sociedade feminista, e tamén contribúe a abrirnos os ollos, xa que nos mostra pequenos detalles que antes podían ser imperceptibles, porén son estos pequenos detalles os que marcan a diferenza entre unha sociedade igualitaria ou non.
   Como dixen antes este libro convertiuse nun símbolo importante para min, porque comecei a ver as cousas doutro xeito moito menos común nesta sociedade de masas. Está claro que a muller sempre é a do carácter brando e que entón cede ás presións ou a aceptar as opinións contrarias con moitísima máis facilidade que os homes. Estas series de prexuízos están totalmente insertados nos cerebros de gran parte da poboación e ata o de agora eu sabía que tanto eses ideais como as persoas que os defendían eran totalmente repugnantes, entón intentaba ser o máis feminista posible, sobre todo co entorno que me rodeaba. Pero logo de ler este libro deime conta de que iso non é suficiente, Diana convídanos a loitar, a manifestarnos, a levantarnos cada día coa cabeza ben alta orgullosas de sermos quen somos, a que ninguén nos mande calar, a que non lle permitamos a ninguén dicirnos que baixemos a voz que así estamos máis guapas, porque non, non queremos nin eu, nin a escritora, nin ti calar, queremos liberdade, e berrar.

   Estou segura de que algún día por sorte, estes libros desaparecerán por moi fermosos que sexan, serán coma un libro contra a escravitude na España de hoxe en día.

15/03/18

La memoria secreta de las hojas

Publica Paidós este libro de Hope Jahren baixo o título La memoria secreta de las hojas, onde a autora nos fala de botánica dun xeito ameno, e onde deixa moi claro algo que deberiamos saber sobradamente na nosa terra: o país é verde se chove, senón, imposible. Pero aínda así temos que escoitar tantas veces que "xa está ben de tanta chuvia". Quizais sexa este un libro que debera ler a xente para entender un pouco mellor a natureza que nos rodea e para aprender a respectala. Asemade, o libro é unha autobiografía onde a autora fala das súas lembranzas como científica e da paixón que sente pola botánica. Aquí, biografía e ciencia son unha mesma cousa. Ela é a semente do seu propio pai, e ela tenta que a semente do amor á natureza prenda no seu lectorado.
De seguro que o conseguirá.
Hope é a única muller que gañou a Medalla para Xoves Investigadores en Ciencias da Terra. No libro tamén fala das dificultades de ser muller e investigadora. Que raro!

 

28/02/18

Supermujeres superinventoras

No meu afán de dotar de libros feministas á biblioteca do instituto cheguei a este Supermujeres superinventoras. Ideas brillantes que transformaron nuestra vida de Sandra Uve publicado por Lunwerg: un catálogo ilustrado de máis de 90 inventoras, unha por cada dobre páxina; a ilustración vén acompañada por unha breve biografía que nos informa que fixeron estas mulleres no munda da ciencia. Algunhas coñecerémolas xa polos libros publicados anteriormente con este tema, pero outras resultáronme descoñecidas.
O máis chamativo é o prólogo, onde nos informa a autora do seu traballo de investigación, posto que non lle resultou doado chegar ata todas elas, xa que non hai información nos libros e en Internet non todo é fiable. Sandra Uve lémbranos que había leis que prohibían ás mulleres rexistrar patentes no seu nome, polo que moitas destas están baixo o nome do esposo, e este aproveitaba para quedar co mérito.

“A medida que iba trabajando en el libro, pensaba en esas mujeres, cuyas responsabilidades eran muchas y algunas de ellas poco agradables: tenían que mantener el hogar; cuidar, educar y criar a una familia, a veces con muchos hijos; acudir a las actividades que se consideraban femeninas, permitidas por los hombres, como las reuniones para bordar y coser, los clubes de lectura sobre normas de comportamiento femenino; asistir a la iglesia, etc. Por no hablar del nutrido grupo de emprendedoras que aparecen en este libro, a las que les costó aún más salir adelante y dar de comer a sus hijos, porque se habían quedado viudas y sin capital o incluso con deudas. No hubo ni un día en el que no pensara: pero ¿cuándo y cómo han podido hacer sus inventos? Diseñar un invento es una tarea ardua, costosa y complicada, que en muchos casos necesita años para llevarse a cabo. Y la conclusión que siempre sacaba era que sin duda se trataba de supermujeres”.




23/01/18

Intemperie


Xa falaramos hai tempo desta marabillosa novela de Jesús Carrasco, que agora atopamos en cómic: Intemperie, de Javi Rey, publicada por Planeta. Se o libro era durísimo e impactante, o cómic aínda o é máis, porque atopamos esas escenas dun xeito explícito, mentres que antes podían ocupar a nosa imaxinación. Agora, temos esa violencia, esa soidade, esa desolación... diante dos nosos ollos. A natureza confúndenos e a sequía abáfanos. A histora en imaxes déixanos sen alento. O lectorado queda desolado por completo.




06/11/17

Las pioneras

A Premio Nobel de Medicina, Rita Levi-Montalcini, xunto con Giuseppina Tripodi convidan a unha reflexión sobre a situación da muller na ciencia, presentando unha antoloxía biográfica de mulleres científicas de todos os séculos en Las pioneras. Las mujeres que cambiaron la sociedad y la ciencia desde la Antigüedad hasta nuestros días. Con este libro publicado pola editorial Crítica, volvemos a comprender e sufrir coa cantidade de obstáculos aos que estas mulleres tiveron que se enfrontar por ser só iso: mulleres. Mulleres con intelixencia que só tiñan ante si o desprezo da sociedade patriarcal, o menosprezo dos seus traballos e memos tiveron que calar cando o seu froito era arrebatado polos compañeiros de profesión varóns.
Esta antoloxía presenta unha orde cronolóxica segundo a data de nacemento de sesenta e oito científicas e están agrupadas por épocas ou séculos, e máis ca biografías, do que se nos informa é dos avances científicos que elas protagonizaron, de xeito escueto. Hipatia, Ada Augusta Byron King, Marie Curie, Elisabetha Koopman-Hevelius, Trotula de Ruggiero, Mileva Maric-Einstein, Lise Meitner... cantas coñecedes/coñecemos?
Se estas mulleres foron capaces de tanto, pensemos como sería todo de termos unha sociedade igualitaria dende o principio dos tempos. Pero ás mulleres era mellor calalas ou queimalas por bruxas. A intelixencia só podía vir da parte masculina. Este libro convida a reflexionar sobre isto, sobre o talento oculto de miles de mulleres que xamais coñeceremos.

04/02/17

A Solas

 A Solas de Idalia Candelas, publicado por Planeta, é un álbum ilustrado para adultas, para amosar que é posible, feliz e chea, unha vida en soidade. Só hai que se querer a un mesmo, a unha mesma. Cando iso se consegue, a satisfacción é plena. É a soidade sinónimo de tristura? Este libro deixa claro que todo o contrario, que é unha opción persoal de cadaquén. E iso, tendo que loitar contra unha sociedade que aínda sinala coa punta do dedo a quen así vive rexeitándoca como "un ser estraño ou insoportable". Loitando, unha vez máis, contra todo tipo de prexuízos, temos unha autora que elixe este estilo de vida sen se preocupar polo que dirán, todo un esforzo en pleno século XXI. Pero se o libro fala da muller, como a propia autora, podería ser protagonizado por un home. Porque a liberdade persoal de opción de vida é a que verdadeiramente importa.
Debuxos, ilustracións, que representan actividades cotiás da solteiría por convicción.



22/01/17

Intemperie

Gustárame moitísimo a novela de Jesús Carrasco, así que cando vin que tiña adaptación a cómic, xa o merquei para a biblioteca do instituto. E non errei. Javi Rey é o artífice deste agasallo que publica Planeta: Intemperie segue a ter a forza que tiña a narración, a violencia, a soidade, a sequía (esa que semella chegou a Galicia)... Paréceme maxistral a obra que se nos presenta arestora, capaz de converter aquela forza e aquela violencia en debuxo, en imaxe, en narrativa visual, por tanto. É a hora da poesía visual, que se demostra en cada viñeta.
Como protagonista, a paisaxe. A aridez desta, a súa dureza, a súa ausencia de refuxio, como metáfora da violencia humana. Unha violencia que se respira en cada viñeta, na escolla do debuxo, na anguria infantil que nos quebranta.
Se non coñeciades a novela, arestora tedes unha nova oportunidade. Seguro que iredes despois a ela.



13/12/15

Un poco de madera y acero

Marabilla das marabillas este cómic sen palabras de Chabouté que publica Planeta Cómic: Un poco de madera y acero é ante todo unha idea orixinalísima: a historia dun banco dun parque. Un banco que nos conta a vida dende a súa perspectiva: as persoas que pasan cada día por diante del, o can que mexa sempre nunha das súas patas, o vagamundo sen casa que durme encima e é reprendico polo policía cada noite... Un banco dá unha gran vida a estas máis de 300 páxinas de morriña, amor, desasosego, tristura e realidade. E un final máxico.
Un cómic que se torna en imprescindible. Non cómpren palabras para vivir todo o que nel se nos conta. Os múltiples protagonistas que cruzan polas súas páxinas falan por si sós e amosan unha sensibilidade única. A vida, mísera e alegre, a vida que abraia, a vida, en fin, de cada un de nós. Esa é a vida que pasa por diante deste banco e sobrepasa as páxinas deste cómic.
Brillante.







05/03/14

El almanaque de mi padre

Sigo eu coñecendo o mundo do cómic (manga) xaponés lendo desta volta El almanaque de mi padre de Jiro Taniguchi, publicado por Planeta; un libro que me recomendou David Rubín. E acertou de pleno! Un libro sensible sobre unha historia familiar, sobre os silencios e os sentimentos agochados, sobre o rancor que se garda nunha gabeta para esquecer a chave... e cando esta se topa é demasiado tarde para abrir porque a pechadura está enferruxada. 
Un home que perde a seu pai rememora a historia da súa vida e o afastamento deste. Seguramente porque este era un gran descoñecido. No funeral descobre unha historia descoñecida totalmente e é entón cando comprende canto mal ten feito case sen percartarse. Porque ás veces chegamos demasiado tarde. E porque a vida poucas veces dá segundas oportunidades.
Unha gran obra, cálida e sentimental, que atrapa o lector dende un principio e que vai in crescendo ata o final. Boísima!


el-almanaque-de-mi-padre_5
 el-almanaque-de-mi-padre_3




11/01/14

Torso. El descuartizador de Cleveland

Boísimo. Se vos gusta a novela negra e se vos gusta o cómic, estades ante o libro perfecto. Porque o cómic é negro negrísimo. Unha lectura apaixoante. Torso. El descuartizador de Cleveland de Brian Michael Bendis e Marc Andreyko publicado por Planeta -unha mágoa a fráxil edición do libro que racha tan facilmente-, está baseado en feitos reais que nos levan a Cleveland, ao ano 1935, e a unha figura ben coñecida: Eliot Ness, que deberá enfrontarse ao primeiro asasino en serie de Estados Unidos. Chama a atención o xeito de distribuír algunha viñetas, ademais do labor de documentación dos lectores. Ademais saberemos da corrupción, das vidas dos protagonistas, da sociedade daquela época.
Este cómic obtivo o primeiro Eisner en 1999 e foi nominado ao International Horror Guild Award, nos Premios Eagle británicos e no Salón do Cómic de Angouleme.


 
















 .

 .

04/01/14

Monster

Dende agora mesmo, absolutamente fan deste manga de de Naoki Urasawa, publicado por Planeta. Monster fala do mal feito persoa. De aí que sexa un manga destinado ao público adulto. Sitúa a historia na Alemaña de pouco antes da caída do muro e o protagonista é un mozo cirurxián xaponés (resulta ben curioso que os propios autores xaponeses non lle poñas os trazos característicos da súa raza aos seus debuxos). O feito de salvar un neno desencadea toda a acción do cómic.
De momento só lin o primeiro libro, pero estou absolutamente enganchada, así que estou segura que vou ler os nove que me faltan. E falamos de tomos grosos!, pero, realmente a acción trepidante e a natureza humana que amosa a lectura ante un abismo de maldade, xunto coa gran calidade que coido ten o libro, conquistoume.







14/01/13

La marca del meridiano

A verdade é que me aledei moitísimo cando souben que Lorenzo Silva gañara o último Premio Planeta, posto que aínda que me confeso non seguidora deste premio teño por Lorenzo Silva unha grande estima despois das súas dúas visitas aos centros de ensino nos que estiven. E recoñezo que a miña alegría foi maior cando cheguei á casa de meus pais e vin que meu pai xa mercara este libro, o que para min supuxo un alivio económico.A verdade é que non debeu ser moi difícil adiviñar a autoría de quen ao premio se presentaba ao formar parte da serie protagonizada polos gardas civís Bevilacqua e Chamorro, pero esa é outra cuestión que a min, particularmente, non me afecta. La marca del meridiano é a novela negra de Lorenzo que máis presente ten o contexto socioeconómico no que se desenvolve a acción (non tanto como as novelas de Petros Márkaris) posto que xa sabemos que é un instrumento propicio para analizar tempos revoltos como o que estamos a vivir. Así poderemos ler como os recortes salariais aos funcionarios ou as tensións políticas Cataluña-Madrid axudan á manter esa ironía propia do protagonista que nos conquistou hai ben tempo. Aínda que a min deume a sensación de estar escoitando ao autor, non ao personaxe.
Así que, unha entrega máis, os seguidores desta saga estamos de parabéns. Non entanto, teño de admitir que a min non me gustou tanto como outras novelas anteriores, a pesar de que se introduce por vez primeira unha tensión antes inexistente entre Bevilacqua e Chamorro e se nos conta unha intensa historia de amor que intuímos marcou profundamente o carácter de Bevilacqua nas entregas anteriores. Todo isto coa corrupción de fondo, non menos importante. Así que reflexionemos e actuemos en consecuencia.







07/09/12

La Virgen del Burdel

Gustoume moito este cómic que conta co guión de Hubert e as ilustracións de Kerascoët: La Virgen del Burdel está publicado por Planeta. Os autores achegan unha trama de crime e misterio mentres reconstrúen a hipocresía da alta sociedade francesa: un thriller case erótico de cores luminosas que chaman a atención dende o comezo; altérnanse as cores escuras para as escenas de tensión y nocturnas e as cores claras para as escenas dirunas, conseguindo un cromatismo lascivo nas ocasións pertinentes. Ademais, os trazos son sinxelos pero eficaces.
E aínda que a trama sexa a procura dun asasino, quedámonos co resto: os burdeis, a perversión, o desenfreo, as tripas dunha sociedade parisina de comezos do século XX ben hipócrita.

"Yo diría que una chica como tú en una casa como esta es un enigma apasionante".

06/09/12

Deogratias

Publicado por Planeta, un cómic que se desenvolve en África e está protagonizado por africanos: Deogratias de Stassen. Estamos en Ruanda, lugar onde sucedeu un dos peores xenocidios da historia. A narración sitúase antes e despois deste, explicando as causas e amosando as consecuencias, co efecto tráxico no pobo que alí vive. Dá voz á incomprensión e ao horror, sen recrearse nel. Así, con flashbacks, asistimos á semente do odio: a rutura entre tribos hutus e tutsis. E entre todos eles, o protagonista, un home degradado case animal que se sente coma un can, un home que vai caendo na loucura e que forma parte activa e pasiva do que alí aconteceu. O dramatismo, que está presente ao longo de toda a obra, só se observa ao final da mesma.
Destaca o debuxo e o ambiente tan ben retratado, con imaxes nocturas e diurnas perfectamente diferenciadas en tons e trazos.


17/08/12

Juventud sin Dios

Marabilloume este libro de, e recoñezo a miña máis profunda ignorancia, un autor que non coñecía e que está considerado un dos mellores escritores en lingua alemá. Que quen é este? Chámase Ödön Von Horváth e o seu libro Juventud sin Dios está publicado por Austral. O libro, escrito en primeira persoa por un profesor de secundaria, amosa o dano que provocan os totalitarismos e o difícil que resulta facer o correcto cando é a maioría social quen presiona. De capítulos sumamente curtos, o libro lese deseguida e sen respirar, utilizando o monólogo interior para comunicarnos eses pensamentos tan necesarios para a consecución do relato e o que alí acontece: unha sociedade sen moral nin ética que crea mozos e mozas violentos e perigosos e que, sinceramente, dá medo. Pero queda sempre unha esperanza mínima porque descubrimos, canda o protagonista, algúns rapaces que aman a verdade e a xustiza ao igual que o noso profesor.
Escrito de xeito minimalista, posto que as frases son curtas, con imaxes poderosas e con tensión narrativa, estamos ante un deses libros que son imprescindibles na historia da literatura.
Grazas, Paramio, polo préstamo!

«¿Qué clase de generación va a ser ésta? ¿Insensible? ¿O simplemente brutal? [...] Que estos críos rechacen todo lo que para mí es sagrado no me parece tan grave. Lo que resulta más grave es cómo lo rechazan, sin conocerlo. Y lo peor de todo es que no quieran conocerlo de ningún modo. Para ellos, pensar es odioso».

13/09/11

Goldfish, historia de un crimen


Brian Michael Bendis é o autor desta curiosa novela negra en formato cómic, Goldfish, Historia de un crimen, publicado por Planeta. Unha obra que me sorprendeu moi gratamente e que require unha especial concentración de lectura para seguir acción e personaxes entre os matices do branco e negro, moi axeitados para o carácter de novela negra que ten o cómic.
No libro hai todos os ingredientes necesarios: estafas, pistolas, malos, rubias explosivas peores cós malos... todo xirando arredor dun só fin: a recuperación do fillo do protagonista.

15/10/10

El hombre de papel

Planeta publica este curioso cómic de Milo Manara, El hombre de papel. Ambientada no afastado Oeste, na máis pura tradición dos filmes americanos, dous homes ven como o exército quere acabar cos indios e eles tentan evitalo. Ademais, historia de amor mestiza con final tráxico: non podía ser doutro xeito.
O plantexamento do cómic é moi curioso pola mestura de personaxes principais: un ex-militar do exército británico un pouco turulato, unha moza india super sexy e un mozo namorado que percorre o Oeste en pos da súa amada... á que semella esquecer de seguida porque a oportunidade é outra. Como nas pelis, a ambientación está completa: o saloon, o exército americano, os indios en pé de guerra... con toques audaces de humor entre os que destacaría o do "indio contrario": fai todo ao revés.
Interesante sen chegar a ser imprescindible.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.