Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Astiberri. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Astiberri. Amosar todas as publicacións

30/08/17

Una posibilidad

Imposible non emocionarse coa lectura deste cómic publicado por Astiberri, a edición integral de Una posibilidad de Cristina Durán e Miguel Á. Guiner Bou, libro que compila dúas obras, Una posibilidad entre mil (2009, Editorial Sins entido) e La máquina de Efren (2012, Editorial Sins entido), ambas teñen en común que contan en primeira persoa as historia das súas dúas fillas. A primeira delas, Laia, nace con parálise cerebral infantil, e será tremendo acompañalos nos primeiros anos de vida; está tan ben reflectido, que será imposible non empatizar con cada pequena alegría ou con cada gran desgusto. E logo, a nosa propia reflexión, unha enfermidade que sempre os acompañará; hai un momento que me gustou especialmente, cando contan o difícil que resulta estar canda outros pais e outras nais que falan dos marabillosos avances que realizan os seus fillos a idades temperás: "¿Os habeis dados cuenta de la cantidad de niños superdotados que, según sus padres, nos rodean?" (páxina 126). Tal cal.
A segunda parte fala da adopción e de todo o proceso que hai que sufrir para chegar a ela. O país escollido é Etiopía, e destaca o cambio de cor nas viñetas para contar canto alí acontece. O proceso de adopción trae consigo uns trámites custosos e longos. Por riba, as dificultades que se presentan á volta a España, mesmo é difícil obter a tarxeta sanitaria.
Aínda que as dúas partes son moi diferentes e resulta moito máis intensa a primeira, ambas conseguen manterte pegado ao papel, saben transmitir uns temas tan persoais dun xeito preciso e emocionante sen cargar as tintas no negativo, senón que é un diario vívido dun pai e dunha nai que loitan pola vida, a deles e a da súa familia.

28/08/17

La grieta

Un deses cómics esenciais que debemos ter presentes para non esquecermos a realidade social: La grieta de Carlos Spottorno e Guillermo Abril, publicado por Astiberri. O libro, un foto libro, é un drama en si mesmo, o dos refuxiados. Dous xornalistas que viven en primeira persoa o que ocorre en diferentes partes da entrada a Europa, a carón deses muros que queren dividir a humanidade. Durante tres anos traballan nas fronteiras europeas para agora converter ese labor nun cómic que nos golpea de primeira man, que nos lembra a nosa pouca humanidade e a desesperación que atinxe a esoutra parte de persoas que foxen das guerras, da fame, da miseria, para atoparse aquí outra miseria diferente, a nosa, a que nós lles ofrecemos, a miseria humana, a peor miseria.
O título fai referencia á procura desas "grietas" nos muros que permitan cruzar para tentar estar a salbo: Melilla, Libia, Balcáns, Finlandia, Bielorrusia...: muros con grietas salvadoras que só teñen un significado, esperanza. Baixo este nome constrúen o seu futuro miles de persoas.
Imprescindible.


15/06/16

Como viaja el agua

A este libro chégase, sen dúbida ningunha, pola portada, que é, para min, magnífica, xa que convida a entrar nas súas páxinas sen nin sequera mirar a contraportada para saber a que nos enfrontamos. E, certo é, non contabamos ler o que se nos vén encima. Falamos do cómic publicado por Astiberri Como viaja el agua de Juan Díaz Canales. Un libro que nos achega á dura e crúa realidade da vellice, dun tempo que vivimos -ou viviremos- sen ilusión, agardando por un final que chega sen ameazas, sabendo que aí remata todo, que non hai nada máis; coido que é este o tema central, dese medo á morte que vivimos a cotío -eu son testemuña del todos os días- pero tamén da certeza de que logo non hai nada, a pesar de que o que nos venden as relixións é algo ben diferente. Tamén é un cómic social, que fala da crise e da solidariedade, de boas persoas que se axudan e de desalmados que se aproveitan. E tamén temos o tema das relacións familiares, das xeracións e os seus xeitos diferentes de enfrontarse ao mesmo mundo.
Supoño que estes días estou especialmente sensible con este tema da vellice e da morte, por circunstancias persoais, e as palabras e as súas imaxes chegan a min doutro xeito.
Chama asemade a atención o final, a ausencia de optimismo, as cloacas como motivo perturbador que nos atrae a unha falta de esperanza; quizais o leit-motiv da auga está xa ben explotado, pero as frases e os debuxos que nos agasalla o autor dálle un toque inesquecible a este cómic tan tristemente fermoso.



14/06/16

Malaria

Na editorial Astiberri topamos este curioso cómic de Jali chamado Malaria. Un libro sobre a dor da perda dunha filla, e a vixe que esta realiza noutra realidade, a do inframundo, e o terror que supón para eses pais imaxinala vagando por alí, en plena soidade. Pero o que nós vemos, lectorado deste cómic, non é iso, senón unha experiencia tenra que nos mantén atados ás viñetas por mor de descubrir esoutro mundo que non queremos nin maxinar. O surrealismo que nos ofrece fai da lectura unha experiencia diferente. Tanto, que a morte deixa de ser terrible para ser esperanzadora.



24/03/16

La casa

Gústame todo o que escribe Paco Roca, e  La casa (mellor cómic nacional 2015) publicado por Astiberri, gustoume moitisimo. Como non vai gustar algo que se escribe dende dentro, dende as entraña, dende o corazón, dende o amor? Este libro é unha homenaxe que realiza o autor a seu pai, mergullándose nas lembranzas, unhas lembranzas que ás veces non son outra cousa que recordos ingratos que temos aparcados na memoria, pero arestora o autor debe volver a eles, descubrindo en moitas ocasións que a realidade que vemos ou observamos non é a mesma que viven os demais. Por iso a lectura deste libro vai provocar diferentes sensacións e sentimentos, porque cada lector achegará nese momento as súas propias vivencias, comparando e rememorando a xustiza ou inxustiza de seu. Iso si, sentiremos como os obxectos e os lugares perténcennos, porque gardan todo aquilo que ás veces nós esquecemos, axudándonos a lembrar. Así pois, esta casa que lemos ou calquera outra casa é unha metáfora, un almacén de historias, de sentimentos, de vida ao fin e ao cabo.



23/03/16

Grandville. Bête Noire

Gustoume moito este cómic publicado por Astiberri de Bryan Talbot: Grandville. Bête Noire; "un thriller científico-romántico del inspector LeBrock de Scotland Yard". Vaia, que esta é a terceira entrega das aventuras deste inspector que semella seguir os pasos de Sherlock Holmes en cómic, cuns debuxos que son, sinceramente, incriblemente xeniais. Falamos dun cómic policial con tintes políticos claros, xa que aquí "os malos" son os empresarios ricos e capitalistas que conspiran contra unha democracia socialista; así, a banca e o mundo que a rodea son os xeradores de todo mal e por tanto de toda a miseria, amosando que con cartos todo é posible, mesmo o control da ciencia; deixa claro tamén o libro que a tecnoloxía máis avanzada cando cae en mans perigosas é sen dúbida o peor dos males, xunto co control dos medios de comunicación. Unha vez controlado isto pódese mesmo variar o gusto nas artes. O autor fala de que a arte abstracta foi unha ferramenta financiada pola CIA para evitar mensaxes subversivas nas obras figurativas (se vos gusta a arte aquí teredes para pescudar!). 
Queda claro, pois, que o guión non é nada sinxelo, como tampouco o é o debuxo. Un conxunto de sobresaliente, sen dúbida.





22/02/16

Una entre muchas

Publica Astiberri esta novela gráfica escrita por Una: Una entre muchas, un libro que fala de violencia de xénero, de abusos sexuais, do trauma que supón ser unha vítima e do difícil que é non sentirse, ademais, culpable. Abordamos o feito de que a sociedade non cuestione as agresións machistas e culpabiliza as mulleres que pasan de ser vítimas a ser responsables desas agresións, sendo vilipendiadas e cuestionadas sempre. Arredor da experiencia persoal da protagonista, xira unha vaga de asasinatos de mulleres (o Destripador de Yorkshire), cuxa investigación está mal dirixida por seren prostitutas. De novo, volvemos ter a responsabilidade social que bota terra por riba das mulleres e non cuestiona o porqué. De novo, a misoxinia social e cultural que non rexeita a violencia contra as mulleres como marca de sexualidade masculina.
A nosa protagonista terá que medrar entre a dor e a culpa, e sobre todo a indefensión e a incomprensión, para logo emprender un camiño polo que terá que andar paseniño para ser capaz de liberarse das secuelas dunha violencia que resulta demasiado cotiá e pouco criminalizada.
Os debuxos son, asemade, unha metáfora visual constante. A culpa en forma de gran saco que a moza leva ás costas, as ás fuxidías... os collages, os recortables...  Pareceume un deses libros necesarios para fomentar a reflexión sobre o machismo e a sociedade patriarcal na que vivimos.



05/08/15

María cumple 20 años

Un agasallo especial dun amigo especial este María cumple 20 años de María Gallardo & Miguel Gallardo da editorial Astiberri. Un libro que vén a ser unha segunda parte ou unha actualización daquel María y yo que tantos éxitos tivo. Achegarnos ao autismo a través do cómic e da mirada dos seus protagonistas. Volvemos ter a emoción do estilo directo a través dunha persoa que mira, que se relaciona, que berra, que belisca... e que provoca un sorriso especial. Hai moita tenrura ante un mundo que nos resulta descoñecido, pero que é vida. Vida. Unha vida ben especial. Como é especial a relación entre pai e filla, entre a persoa e a música, a persoa e o debuxo, a persoa e a arte. Todo iso é a Vida. Só debemos tentar comprendela. E facerlle caso. 
Non, non hai nada novo respecto ao anterior volume. A vida evolúe e as persoas cambian. Pero este libro volve ser un recordatorio de que todo canto acontece ao noso arredor merece a nosa atención e respecto.


30/03/15

Las Meninas

Foi Rosa Huertas quen me recomendou este cómic que publica Astiberri: Las Meninas de Santiago García e Javier Olivares. Unha obra moi curiosa que segue o fío da investigación dun funcionario que recolle testemuños para conceder a Orde de Santiago ao pintor. Con estas conversas, vanse despregando as historias que podemos ler fragmentadas, dende o seu comezo, a súa amizade con Zurbarán, as súas viaxes a Italia, o seu posto na corte como retratista... De fondo, a construción do cadro que dá título ao libro que temos nas mans. Un cadro que supón para Velázquez a procura do verdadeiro sentido da pintura.
Asemade, temos outros saltos temporais porque viaxaremos a outras épocas para comprobar como outros artistas valoran ese mesmo cadro: Dalí, Foucault, Picasso, William Merrit... mesmo Buero Vallejo. 
Esta complexidade non é outra que facer unha metáfora sobre o valor da cultura, sobre o papel do artista, ou tamén sobre o concepto de arte. 
Chamáronme a atención os vigorosos dos autores, os saltos temporais, as tebras, os niveis de lectura... Realmente é unha obra á que paga moito a pena achegarse.




23/03/15

La casa azul

Gustoume moito este cómic publicado por Astiberri sobre Frida Khalo e Chavela Vargas titulado La casa azul de Tyto Alba. O orixinal do achgamento a estas figuras radica en que o protagonista acode á Casa Museo de Frida Khlo en Cidade de México e tópaa pechada, polo que entra nun bar onde atopará unha vella que non será outra que Chavela Vargas, quen rememorará os seus días de xuventude co matrimonio Khalo-Rivera, retratando a vida naquela casa pola que pululaban continuamente grande personaxes daquela época. Ao mesmo tempo, o protagonista interrompe constantemente a narración de Chavela porque os datos non cadran, o que nos transmite asemade a fraxilidade dos recordos e as contradicións nas que incorreu a propia Chavela Vargas no libro Chavela Vargas. Y si quieres saber de mi pasado, de José C. Valés (Aguilar, 2002). O máis importante, a dor tremenda e constante de Frida e a súa experiencia vital que deixou constancia na súa arte. Por suposto, non estamos a ler unha biografía exacta da xenial pintora, estamos ante un exercicio literario que, coido, acada un bo resultado. No libro prima o sentimento máis que a necesidade de ser fieis á realidade vivida. Pero para iso xa temos biografías e estudos artísticos.




25/05/14

El gourmet solitario


Un manga de Jiro Taniguschi e Masayuki Kusumi publicado por Astiberri que interesará moito a aquelas persoas interesadas na cultura xaponesa, xa que El gourmet solitario é, sobre todo, un catálogo de comidas típicas daquel país. E parece ser que en Xapón o manga de xénero gastronómico, con ou sen fantasía, é o moi popular. Algo que a min, cando menos, chama a atención. Claro que tamén me chama a atención que este cómic estea publicado en sentido de lectura occidental, sen respectar a orixinal como debería ser, digo eu.
Este libro xira arredor dun personaxe que polo seu traballo ten que comer só. Iso constitúe a ponte para que as súas reflexións sobre gastronomía xaponesa cheguen a nós. E consegue interesarnos sen acción! Dividido en 19 capítulos de 8 páxinas, o protagonista pasea por Tokio ou Kyoto, e decide comer nun restaurante, o que da pé para falar de platos tipicamente xaponeses.




09/01/14

Los surcos del azar

lossurcosdelazarportada
Borda o seu último cómic Paco Roca: Los surcos del azar publicado por Astiberri é unha auténtica xenialidade, unha obra para a memoria e dende a memoria, tan necesaria sempre. Fala Paco Roca dunha historia ben interesante e descoñecida, a historia da 9ª Compañía da 2ª División Blindada da Francia Libre, formada na súa maioría por españois do bando republicano que sufriron unha vida tremebunda e derrotada cunha ilusión, derrotar o fascismo. Loitar contra os nazis é loitar contra os fascistas españois. Esa era a súa grande ilusión. Unha ilusión non cumprida: primeiro África, logo Gran Bretaña e finalmente Francia cunha máxima final: volver a España e derrotar a Franco. Algo que nunca conseguirían. Algo que danaría a súa alma e os enchería de pesar e dunha tristura inacabable.
Chama a atención nesta obra como decide o autor abordala: pasado e presente se intercambian continuamente variando a cor -o pasado a toda cor mentres que o presente está en branco e negro e os debuxos máis esquematizados-, utilizando o presente como un xeito de procurar solucións, máis ben respostas, a todo canto antes ocorreu. E así imos conformando unha parte da nosa historia máis recente conxugada cunha vida de soidade na que, por suposto, non falta o amor, fuxindo de estereotipos e tópicos. Así que tan pronto poidade achegádevos a este libro que retrata unha parte da complexidade da historia e do propio individuo, porque non todo é branco ou negro, senón que temos unha ampla gama de cores e non podemos reducir o noso compromiso nin o noso actuar a unha soa explicación.  Pero ler sobre a nosa historia, entender un pouco mellor as persoas que nos conforman porque forman parte de nós todos eles é importante, como o é recuperar a historia e saber que moitas veces a paz da que gozamos é debida a un sufrimento que ignoramos. E facelo dun xeito tan fácil e ameno parece inverosímil. E non o é.




surcosdelazarinterior


surcosdelazarinterior2


Para qué llamar caminos a los surcos del azar escribiu Antonio Machado quen tamén está nesta obra, cunha ollada perdida, homanexeado por Paco Roca.
 
149-copia

08/01/14

El libro de los insectos humanos

el-libro-de-los-insectos-tezuka-astiberri 
Xa vedes que me informo do mundo nipón! Novamente, manga -para adultos- que cómpre ler para atrás. Asemade, un libro que engancha e que me parece de gran calidade. A verdade é que a este cheguei por recomendacións varias: El libro de los insectos humanos de Osamu Tezuka está publicado por Astiberri. Unha historia que é un thriller con protagonista feminina, cruel e coñecedora dun mundo masculino que a trataría doutro xeito se puidese. Unha reflexión sobre o egoísmo levado ata as últimas consecuencias, xa que todos os personaxes -e hai bastantes- procuran o seu propio interese; no fondo subxace unha crítica ao sistema capitalista, devorador constante.
Unha obra que paga a pena ler de ritmos vertixinoso que non decae en ningún momento.

El-libro-de-los-insectos-humanos-Osamu-Tezuka-02

03/01/14

La peor banda del mundo

Publica Astiberri a obra máis premiada da historieta portuguesa: La peor banda del mundo de José Carlos Fernandez é unha obra constituída de historietas curtas de dúas páxinas, independentes entre si, que axudan a conformar entre todas elas a cosmogonía dunha cidade -sen nome-, onde os personaxes se cruzan entre si con ocupacións e preocupación inverosímiles, surrealistas e humorísticas. Un mundo onde a existencia vólvese artificiosa e paradoxal que vén a ser un catálogo daqueles segredos do ser humano levados mediante a hipérbole á loucura.
Este primeiro volume compila os tres primeiros tomos da serie: "El quiosco de la utopía", "Museo Nacional de lo Accesorio y de lo Irrelevante" e "Las ruinas de Babel".
E fixádevos nas profesións dos personaxes: Troquelador de selos, Comprobador metereolóxico, Criptógrafo de segunda clase ou Inspector Municipal de Mecheiros.
Así que, xa sabedes, non veñades ata estas páxinas dun xeito convencional porque non valerá: abride as vosas mentes e deixádevos seducir polo surrealismo maxistral deste autor portugués, aínda que "Steven Spielberg aínda non manifestou o seu interese por facerse cos dereitos, desgrazadamente". Por favor, non saltedes a biografía. É xenial.


la-peor-banda-del-mundo-portada

la-peor-banda-del-mundo-01

30/12/13

El cuento de una rata mala



Encantoume este cómic que publica Astiberri sobre malos tratos e abusos sexuais de Bryan Talbot -con introdución de Neil Gaiman-: El cuento de una rata mala é un clásico premio Eisner á mellor novela gráfica de 1995. Ademais de tratar o tema que vos dixen, a orixinalidade radica asemade en que a protagonista segue as pegadas de Beatrix Potter (a famosa literata infantil inglesa), percorrendo Inglaterra na procura da súa propia identidade. Así, o libro é quen de enganchar o lector/a dende o primeiro momento, cando descubrimos unha moza pedindo esmola cunha soa compañía: a dunha rata. Sabe manter o ritmo en todo momento grazas á verosimilitude da historia mesturada coa fantasía do debuxo e a presenza desa rata xigantesca que nos sorprenderá continuamente. E a pesar da dureza do tratado, a mensaxe que nos chega é de esperanza e optimismo.
Imprescindible.

Komic Librería: El cuento de una rata mala













“Una historia maravillosamente plasmada sobre, en última instancia, el significado y el valor del arte y la ficción, sobre lo que extraemos del pasado y aquello que queremos aportar al futuro. Una historia de coraje, dolor y supervivencia”. (Neil Gaiman).

Komic Librería: El cuento de una rata mala



Komic Librería: El cuento de una rata mala

Komic Librería: El cuento de una rata mala
.Komic Librería: El cuento de una rata mala



01/12/13

Desayuno por la tarde

 Desayuno por la tarde


Gustoume bastante este cómic de Andi Watson publicado por Astiberri: Desayuno por la tarde preséntanos unha parella que a piques de casar quedan no paro. E a partir de aí veñen os problemas. Como pagar a hipoteca, as facturas? A crise da parella irá en aumento a medida que a postura del sexa a de non-aceptación do momento polo que está a pasar mentres que ela decide loitar e encararse aos problemas. A historia, tan actual, está moi ben narrada e amosa a realidade dun xeito obxectivo sen caer no drama: a vida segue e haberá momentos para a ironía, para a bágoa, para o riso... 
Unha lectura a ter en conta.





02/11/13

Los pies vendados

Cómic publicado por Astiberri, Los pies vendados de Li Kunwu ofrécenos unha radiografía estremecedora dunha desgarradora tradición que recaía, por suposto, no sufrimento das mulleres. O libro conta a historia dunha muller xa maior que de nena sufriu estas dores inimaxinables para casar ben e medrar socialmente. Pero a revolución puxo un punto e aparte neste proxecto que se volveu inviable e só trouxo consecuencias negativas.
O partido comunista rexeitou esta tradición como símbolo da etapa feurdal. Así que esta moza converteuse nun "inimigo" público, cunha marca evidente que a converteu nun ser perseguido.

A historia resulta moi próxima precisamente porque se trata da niñeira do debuxante, con dobre mérito porque non parece deixarse levar pola subxectividade, senón que realiza o seu labor con trazos amplos en branco e negro.





08/08/13

La metamorfosis

Converter La metamorfosis de Franz Kafka en cómic non é doado. Peter Kuper conségueo. Un cómic publicado por Astiberri que resulta dar un sorpresa grata. Dende o respecto cara á obra orixinal, o autor do cómic sabe -e actúa en consecuencia- que o discurso é diferente ao cambiar o medio. Así, esta obra traballa creando unha tensión diferente á orixinal: xoga coa imaxe e  co seu estilo sombrío. Kuper xoga co debuxo, co texto, coas elipses e mesmo coa composición da páxina, polo que o seu carácter visual, obrigatorio nun bo cómic, é imprescindible, sen esquecer algo que suxeriu o propio Kafka: a fábula existencial dentro da brevidade, unha especia de traxicomedia chea de símbolos onde a figura paternal é un elemento que destaca. Quédome sen dúbida coa súa forza expresiva en branco e negro sen unha miguiña de cor.






07/08/13

Los años Sputnik


Un cómic de Baru publicado por Astiberri: Los años Sputnik é unha viaxe pola memoria ata os anos 50, da man un rapaz, Igor, que é ao mesmo tempo narrador e protagonista principal. Con el recrearemos  xogos infantís, mesturados coa realidade social da época, polo que poderemos asistir a diferentes acontecementos como a visita dun líder comunista, a folga de traballadores na fábrica de carbón, a mestura de culturas a causa da inmigración... Todo dende a perspectiva infantil, sen facer xuízos nin valores. Iso si, poderemos percibir o afecto polas clases humildes.
A lectura é entretida e cómese -literalmente- o libro en pouco tempo, ao mesmo tempo que convida á reflexión sobre moitos aspectos que perduran hoxe en día.
 Esta edición compila os catro álbums que compoñen a obra íntegra.
 
«Me he propuesto como objetivo poner en primer plano, en todos mis álbumes, a la gente humilde, a las clases trabajadoras, a los olvidados de la Historia».
 
 
los-anos-sputnik-interior

06/03/13

Cenizas

Gustoume moito, moito este cómic de Álvaro Ortiz publicado por Astiberri: Cenizas. Unha idea orixinal dende o comezo: un "road movie" para trasladar as cinzas dun amigo. E con esta viaxe iremos sabendo pouco a pouco informacións soltas de cada protagonista para írmonos facendo coas súas personalidades. A lectura é moi rápida, aínda que a segunda parte é menos crible porque hai uns xiros que por demasiado inesperados resultan pouco verosímiles (por que os malos non son malos?) pero o final é moi bo, e o lector gardará na súa retina a gran casa que nos amosa.
Xunto co xeito de contar a historia, esa mestura de tenrura e de humor, o dominio da narración e o debuxo, tamén creo que é destacable a edición do libro.

Ademais, para fans de Paul Auster, sae Brooklyn Follies.




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.