Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Demo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Demo. Amosar todas as publicacións

30/07/13

Castelao. Máis alá!

Hai xa tempo que lin este libro da editorial Demo e aquí quedou, aparcado, buscando unha oportunidade que chega, coido, ben tarde.
Castelao. Máis alá! é a terceira entrega desta serie de cómics que Inacio escribe e Iván Suárez debuxa sobre a vida de Castelao. Xa falamos aquí das dúas entregas anteriores. Grazas a esta marabillosa iniciativa sabemos moito máis do Castelao persoa, o cal é moito de agradecer. Con este tomo sabemos máis do Castelao artista, un Castelao que decide ir a París, berce artística de movementos, en 1921, para visitar museos, encontrarse con outros artistas e saber máis das correntes europas. Con esta lectura afondamos nos seus posicionamentos estéticos, algo do que eu nada sabía.
Pero vou poñer un defecto á edición: ten a letra moi pequena! Cando menos para min, que vou tendo unha idade, resúltame de difícil lectura, o que fai que sexa menos atraente.

03/09/12

Castelao. Titoán

Xa falamos aquí do outro cómic de Inacio e Iván Suárez, O pobre tolo, publicado por Demo e Libraría Kómic. Arestora imos co que sería o primeiro deles, Castelao. Titoán, cómic que recibiu o Premio Castelao 2011 e que  foi escrito con anterioridade pero que veu a luz máis tarde. Teño que dicir que este encantoume. Gustoume moito a historia, e encantoume o xeito de relatala. Non sei se é que xa estaba preparada por ter lido o outro, pero recoñezo que este chegoume máis. 
Coñecemos agora un Castelao mozo (en 1918) e namorado, que quere casar e quere ser artista, posto que a profesión que o seu pai lle elixiu non lle gusta. Conta algúns dos seus recordos como universitario e sobre todo céntrase na figura dun cabezudo feito por el e que é idéntico a un veciño seu, o que lle proporcionará algún que outro malestar pero tamén lle brindará unha eterna amizade.
O orixinal da obra é que temos a Castelao como protagonista e como autor, xa que asistimos a unha viaxe que o autor realizou en tren e na que ideou un dos seus relatos, Peito de lobo, publicado en "Retrincos" en 1934, pero asinado en Praceres (Marín) en 1918. Moitas das frases que lemos foron, de feito, extraídas ou ben dos seus artigos ou ben dos seu labor como narrador e debuxante.
Non é doado achegarse á personalidade deste heroe do nacionalismo galego sen caer no maniqueísmo, e isto é o bo destes cómics. Lemos a presenza humana dun persoeiro a quen admiramos, pero tamén lemos literatura en forma de cómic, que é o que máis admiramos. Parabéns!
 



06/07/12

Castelao. O pobre tolo


Coeditado por Demo e Libraría Kómic, chega este interesante cómic sobre a vida de Castelao de Inacio e Iván Suárez: Castelao. O pobre tolo. Nesta entrega retrátase o autor  de Sempre en Galiza durante o seu desterro en Badaxoz. O feito relevante da súa lectura da obra O pobre tolo, de Teixeira de Pascoaes, dá título a esta entrega que fai que agardemos impacientes polas demais. Unha aproximación ao noso autor máis relevante que nos axuda a coñecelo mellor, sabendo do seu sufrimento en terras alleas e da súa proximidade a todos os galegos que por alí andaban.



10/11/11

Punto de fuga


Miguel Cuba é o autor de Punto de fuga, moi bo cómic publicado por Demo editorial. Un libro que presenta a situación da xente nova na actualidade, os problemas para atopar traballo, para mantelo, o amor, as saídas... Unha xeración que sabe que a sociedade consumista na que vivimos ten un fin menos afastado do que semella, e que hai que loitar para afastarse dunha incertidume constante na vida cotiá. A procura dun "punto de fuga" para resistir.
Pareceume extraordinario que sexa a súa primeira obra.


01/03/11

O Fillo da Furia



Manolo López Poy e Miguel Fernández asinan este cómic, O Fillo da Furia, que nos ofrece Demo Editorial. Un libro escuro como o é a historia, tanto que o lector permanece agochado nos seus negros para ir revivindo as aventuras do mítico bandoleiro que eu veño de descubrir. Con escenarios reais, con lenda e historia, constrúese este interesante cómic que dan refuxio ás aventuras deste personaxe. Un personaxe que antes pasou polas mans de Emilia Pardo Bazán e de Valle Inclán.


01/12/10

Sen mirar atrás



Nesta ocasión é a editorial Demo quen nos achega o cómic de Dani Montero Sen mirar atrás, V Premio de Banda Deseñada Castelao. Unha historia diferente sobre a amizade e as segundas oportunidades que de seguro chamará a vosa atención. Hai dous protagonistas no cómic: un é Xaime, a persoa que decide dar un xiro rotundo á súa vida despois dunha ruptura amorosa, e outra é o seu can, tanto ou máis importante nas vicisitudes que as páxinas do cómic nos ofrecen.
O final, sorprendente.



28/05/09

Os lobos de Moeche

Manuel Cráneo escribe Os lobos de Moeche, última miña lectura de banda deseñada, unha historia de aventuras que transcorre a finais do século XV e que mestura personaxes históricos con outros de ficción nunha trama onde se producen varios saltos no tempo e que está salpicada de dramatismo, violencia e profundos sentimentos. De trasfondo, a guerras irmandiñas tema nunca antes tratado en novela gráfica. Ben trazada e narrada aínda que con erros lingüísiticos, fálanos da imposibilidade de loitar contra unha nobreza cruel e sanguinaria que tiña todo o poder naqueles tempos. Ao mesmo tempo, un alegato contra as guerras e a sede de vinganza que nada solucionan. Moi boa calidade de papel e debuxos con cores escuras que resaltan a trama. Un bo conxunto: recomendable. E en galego!!!
Este é o teaser:

OS LOBOS DE MOECHE TEASER HD from luispa on Vimeo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.