Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Espiral Maior. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Espiral Maior. Amosar todas as publicacións

08/10/19

200 gramos de patacas tristes

 Gustoume a proposta que realiza Juan Carlos Mestre por primeira vez na nosa lingua, 200 gramos de patacas tristes  publicado por Espiral Maior. MEstre é un poeta berciano cunha longa traxectoria en castelán e múltiples premios que inclúen, por exemplo, o premio nacional de poesía. Non sei se neste libro o seu xeito de modular a poesía é diferente polo feito de facelo na nosa linuga e polo feito de achegarse ao noso país. Si está presente neste libro, un libro de prosa poética que fala de temas cotiás, a proximidade e a ironía deste escritor que nos conquista coas súas palabras e as imaxes constantes coas que adorna a escrita, todo isto cunha mirada concreta sobre esta xeografía que lle é próxima, de aí as horas, as campás, as casas, as ventás que nos permiten ollar mundo do máis aló... O mundo deste Mestre remítenos ao noso rural.


Nunca morrer foi unha boa idea. Dá igual gozar de boa vida ou levar unha vida de merda. Igual dá gastar os cóbados na mesa que ter os pulmóns virxes. O mandamento de morrer non foi, de ser decisión do Creador, unha das súas máis brillantes ideas. Morren os que non deberían morrer nunca, as nais, despois os pais e as criaturas en coiros e as enfermeiras de trinta e poucos que aínda teñen os pés brancos....

09/01/18

Na tundra de Carlos

Andei algo afastada destas terras. Tanto, que nin sequera vos falei da presentación deste libro, Tundra, de Carlos Negro. Unha presentación que tivo lugar na nosa vila (xusto antes de comezar as vacacións do nadal) e que me ofreceu a oportunidade de estar canda el e a súa familia. Vaia, de estar entre coas amizades, que sempre presta.
Tundra, XVI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado por Espiral Maior, supón un cambio na poética á que nos tiña acostumadas Carlos, cando menos respecto aos seus últimos traballos que tantas satisfaccións nos dan nas aulas.
E Carlos falou:

Tundra significa fuxir dos camiños andados. Non saber se existe algo máis alá do xeo, no alén da distancia. A palabra equivale a un equipo de supervivencia nun clima extremo. Mínima, ao límite de si mesma. Mochila de aire, fogueira, cabana, bocalada de osíxeno un intre antes da extenuación do explorador. O amor é apenas unha runa de inverno, pegadas perdidas na neve, a calor dos corpos a loitar contra a hipotermia, o logo do instinto a ouvear fóra, osmando o desexeo. Máis alá do desexo, o universo podería chamarse Siberia. 
Máis alá da palabra, está a Montaña. Un límite do sublime. O abismo romántico. O non pronunciable, por moito que o intentemos. A Montaña dise Candán, a memoria da nevarada, o inverno, o frío convertido en segunda pel da infancia.
Na tundra a linguaxe sobrevive como un monstro expulsado do paraíso, como eco dun ouveo primixenio que ninguén traduce. Algo que nos atrae máis alá do horizonte. O xigante ártico, o deus anterior a todos os deuses.




E agora que xa o lin, que podo eu engadir ás súas palabras? Só a recomendación de que paseedes pola tundra de Carlos, pola montaña silenciosa, polo branco primixenio. O compás deixa de ser preciso nesta nosa viaxe onde o poema precisa de poucas palabras, onde a civilización deixa a súa pegada inexistente, onde arrefría o tempo da escrita e da verba non suxerida. U-lo lume da paixón? Porén, a paixón é unha palabra repetida, devorada por “microclimas adversos”, sen un refuxio que nos cubra dese monstro sen nome, sen voz, sen gorxa, e mesmo efémero.  
A tundra agárdanos, paseemos por ela.


31/07/14

Cronoloxía da urxencia



Poemas de Dores Tembrás gañadores do XVI Premio de Poesía Concello de Carral que baixo o título Cronoloxía da urxencia está publicado por Espiral Maior. Un libro de silencios e palabras, de pousos e festíns, de memorias e mulleres. Mundos sostidos pola autora, escollendo verbos e adverbios, substantivos e adxectivos, escollendo palabras poéticas, procurando que estas palabras volvan nacer. Porque as palabras rexistran memorias, rexistran vidas, mesmo poden ser maiúsculas ou minúsculas en función da pluma de Dores Tembrás. As palabras doen, acariñan, sacoden o pó dos séculos, lamben o futuro, encamiñan o presente. As palabras da autora saen dos camiños, retornas aos avós, non se deteñen. Continúan, andan, proseguen. Teñen vida. Porque a vida, sempre, está chea de palabras que ocultan silencios.

si
espétoche o silencio
máis disciplinado
o máis severo
aínda que ti non o saibas

por iso mesmo
porque ti non o sabes

05/10/12

Libro das mentiras

Pareceume unha idea extraordinaria este poemario de Emma Pedreira: o Libro das mentiras recibiu o XIV Premio de Poesía Concello de Carral e está publicado por Espiral Maior. A autora reclama no libro un diálogo e unha reescritura dos contos tradicionais infantís: Cinsenta, Brancaneves, A bela durminte, A princesa e o chícharo, Carapuchiña, Sopa de pedra, Sereíña, Raíña das neves, Sen medo, O traxe novo do emperador, Pel de asno, Libro da selva, Rapunzel... Xa vedes que non falta ningún nesta orixinal entrega chea de reflexións e brillantez. Porque nada é como nos querían facer crer estes contos e é por iso que tantas mentiras tecen un bosque impenetrable onde é difícil ver -e crer- na honestidade da verdade. E isto é o que de amargo se nos ofrece: a negación duns soños que non se sosteñen porque é evidente e doado de demostrar que a mentira tecida durante séculos é fácil de rachar.

SEN MEDO

ante min
só tremen os valentes

e os nus.

28/06/12

Fase de Trema

Creo que este é ese libro de poemas que me gustaría ter escrito a min: todas e cada unha das poesías teñen algo que dicir, ningunha está de máis, todas me encantan. Fase de Trema de Lorena Souto está publicado por Espiral Maior e foi o XIV Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé. Illamento, baleiro, dor... afastamento do común ou do establecido.
Déixovos un poema, pero ben podería ter escollido calquera outro:


As súas ideas puntean en min coma agullas de ferro
e atravesan as pálpebras que forzo a renderse
                                       coa dose exacta.

De novo, o trazado do labirinto cingue
os berros das mesmas sombras
aos nós que cruzan as liñas do papel coas da man.

Tentar vomitalo todo e acabar afogada na náusea.

Os nosos equívocos, dígome a min mesma,
a vertixe das palabras encerellándose na lingua
o aire que me asfixia nos extremos que frecuento.

Constrúo a noite, levántoa sobre as miñas visións.
Engano as punzadas con pílulas
e déixome calmar na destrución dos meus dedos.

26/05/12

Leopardo son

En Espiral Maior poderedes atopar este Leopardo son de Pilar Pallarés, poemario que debo recoñecer a min non me gustou demasiado -quizais pola miña propia incapacidade de comprensión quizais polo momento non-poético-, a pesar de ser premiado polos escritores e escritoras galeg@s. 
Dividido en tres partes, os primeiros consisten nunha búsqueda arredor da propia existencia: vivimos plenamente ou por pura inercia?; na segunda parte a voz poética vai falar de si mesma e será na terceira parte onde topemos a explicación ao título posto que atopamos o leopardo que caza(ba).

Estas palabras son só literatura?
Son vida adelgazada?
Son non-vida?

Chamas a se ensumir no propio cerco,
sucedáneos da dor,
remedos da beleza.

Tamén voces tensadas sobre o abismo
-carantoñas de horror, a indignación do público
que pagou en taquilla un simulacro-,
vellas nódoas de sangue nos veludos,
trazas de extinto amor, o ar enrarecido
polas miasmas do tempo.

Avento o corazón:
medran as lapas.


04/03/11

A cidade sen roupa ao sol

Gustoume este poemario de Margo do Val cun título tan fermoso: A cidade sen roupa ao sol publícao Espiral Maior. Un percorrido vital cheo de inquedanzas, de preguntas que admiten resposta ou a procuran, de torres frías onde poder salvagardarse, de metáforas que constrúen as páxinas, de poemas que son unha declaración de intencións: seren poesía dunha poeta muller. Porque a roupa tendida está a secar, coma a vida que evolúe, que anda paseniño, que se declara e que reflexiona, que olla o pasado para chegar a ser presente e ter a posibilidade de se converter en futuro. E nesa ollada ao pasado hai melancolía, conscente ou non, por unha nenez perdida, pero hai tamén frustración que emigra, e a emigración é mesmo vergoña ante a hiprocrisía. E sobre todo isto planea o amor á lingua, á terra, á nai. E á poesía, tal como declara nas súa lecturas: "Arden as palabras".

Ela
Única moneca desta terra
Garda
Que ninguén vulnere o seu espazo
E se deteña diante da máis feble das fronteiras
A que leva ao país da soidade
Tantas veces elixido
Fóra na cidade
Nada importan os papeis ciscados polo chan
Nin os libros pousados en zapatos de tacón
A memoria dos obxectos revolve o seu armario
Onde garda os pantalóns de Valie Export
Ela
Caon arma na man sabe que a cidade aínda
Debe vivir o Genitalpanik
Ese ataque necesario
Das monecas princesiñas das casas coma esta
De Laurie Simmons
Para quen cose a súa mamá costureiriña de aldea.

04/11/10

O pouso do fume

Sorprende Dores Tembrás con este libro editado por Espiral Maior, O pouso do fume. Poesía chea de intensa brevidade e lembranzas que pode ir sacodindo para facer unha viaxe máis lixeira pero non exenta de emoción; porque lembranza significa bágoa, perda, maxia... vida. E ese retorno ao pasado paga a pena, porque forma parte de nós, porque podemos ouvilo a pouco que prestemos atención; podemos apreixalo se o tentamos. E sempre, sempre, quedará a esperanza.


deixar a busca de Hansel e Gretel
porque o pasada regresa sempre cheo
de trampas adorabeis
elaboradas con premeditación e aleivosía.


desaprenderme
executar esta ausencia
que me aceda o corpo
ser só
o sal na chaga
a febre no beizo

01/02/09

O xeito de Freud

Costoume este poemario de Carlos Lema, XI Premio de Poesía Johán Carballeira, editado por Espiral Maior. Costoume polo de dificultade da propia poesía e pola achega que supoñen as referencias literarias, polo xeito de discursividade e polo ritmo da sintaxe, ademais da prevención coa que me acerquei ao texto. E non sentín a miña propia experiencia buscada nos versos que leo. Se premedes aquí leredes unha crítica interesante.
Déixovos coma sempre algúns dos poemas que máis me gustaron, aínda que non transcribo aquí o poema "Circo. Secuencia V" polo tamaño do mesmo.


SECUENCIA IV

CHORAS
porque nas escaleiras de chegada
os zapatos rozan o cansazo coma os arrepentidos que lamentan en silencio.

Un gato mira
mentres les opúsculos
pero os teus lentes escorregan
coma un pelo loiro nas esquinas murchas do tempo.



HEILIGER

VIAXABAS a pé
e viaxabas só
entre os pousos dun solpor de laranxas reladas.

Vímoste, a deixar marcas
de area no chan de cuartos baleiros.
Traballabas ó frío
reconstruíndo cristais nos portais extintos da amizade.

Ías, ías acolá do rego e dos xardíns
carretando en sacos as pebidas abertas do outono.
Falabas dun vagón cheo de remorsos
que adormecen o destino.

Eras estranxeiro con dificultade
nos domingos estreitos de pasteis e café con leite.

Marchabas a polo pan e a manteiga
cos últimos botóns do abrigo
abrochados, cos peúgos negros
dependurados coma retratos
ou pelas de plátano revellidas.

Eras, eras coma unha pinga de aceite quente na pedra e o cuspe nas mans.


31/01/09

Látego de algas

Gustoume moito este último libro de Antón Reixa, Látego de algas, publicado pola editorial Espiral Maior. Sobre todo, a súa primeira parte, "Poemas de amor basados en feitos reais"; as ilustracións de Francisco Leiro son, ademais, fermosísimas. Este libro preséntanos un autor moito máis lírico, cunha sentimentalidade cotiá; en palabras de Yolanda Castaño: "cortesía e, a un tempo, paixón e serenidade. Fundamento do desexo libre, aprendizaxe e conduta".

Conducín todos os quilómetros
Cara a ti
Alegre
Ou triste
Ou falando só
Ou gritándolle a néboa
Ou pedíndolle silencio ao sol
Ou negándolle rostro á lúa
Esbarando nunha autoestrada-bágoa
Longa
Continua
Ondulada
Conxelada
Cun espesor milimetricamente suficiente para resistir
Para chegar a ti


(Unha Longa Xornada Laboral)
Que acabe o día
O meu grito de guerra e desexo
Para resistir
As horas que non esteas
Os minutos que non estamos
Os reloxos de agullas lentas
Que acabe o día
Eu camiñando como se ti me observases
Eu falando como se ti me escoitases
Eu comendo como se ti me alimentases
Para comerte e comerme
As horas que non estás
Os minutos que non estamos
Os reloxos de agullas lentas
Que acabe o día



Na parte contraria a ti hai unha tristeza enorme de color cemento

Na barricada protectora dos teus ollos e da túa pel de alga boca e mastigable hai un silencio de risas e de desexo libre

Todo o que non es ti

Para min ten o ruído insoportable da miña soidade anatómico-forense

Quero formar parte da túa casa como un animal doméstico e caníbal

Quero dimitir do meu oficio de domador frustrado de melancolías transparente e torpezas rectangulares

Non quero ser eu porque quero camuflarme de vento

Vento-armario de lágrimas inquietas para que lle prendas lume

Vento-alfombra de bicos abertos para que camiñes

Quero quedarme quieto nos teus brazos

Cérrame os ollos

Quérote máis cá min

Máis cá vida


27/01/09

Ortigas

Ortigas é o primeiro libro de Xiana Arias Rego, co que acadou o XIX Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé no ano 2006. Extraio do Limiar as seguintes palabras, indicadoras do que vos podedes topar na lectura do poemario áspero e inquedo:
"Este libro habita nos recunchos da consciencia, territorios inzados de ortigas e de herbas das ortigas. Este poemarios medraron nas estancias abandonadas da infancia dunha nena que se fixo grande emarchou para a cidade. Coma antre as ruínas da casa vella, estas imaxes, metáforas que se fan símbolos, foron medrando antre os pensamentos de Xiana até viraren palabras".

Sentada na porta da casa cun coxín na barriga,
cara de poucos amigos e
así se pasou maio.
Cumpríndolle os antollos.
O médico díxolle que tiña un embarazo psicolóxico.
Aos nove meses pariu un cartón de tabaco.


Ídevos.
Pero non se van.
Non abonda con querer que pase.

Ídevos.
Quedan.
Érguense e volven sentar a gargalladas.

Agárrame da orella e dime:
es unha estúpida se pensas que para non ver chega con pechar os ollos.


O café e a comida é onde nos atopamos máis cómodas, dá o tempo xusto de falar do traballo e de lembrar algunha anécdota curiosa, rir un pouco. Ela díxome: escapas, es coma o fume. Berramos e só nos apeteceu ver que a outra acababa chorando. Eu díxenlle: douche apertas para que digan que somos de verdade. Pero non son sinceras, contestoume, nin humildes.



23/12/07

Profundidade de campo

Tiña moitas ganas de ler este poemario de Yolanda Castaño, XV premio de poesía Espiral Maior, pero teño que dicir que me decepcionou. Por suposto, sempre hai poemas e versos que me gustaron, creo que iso ocorre en todos os poemarios, pero o conxunto desencantoume. Nel, a autora fala consigo mesma, quizais cun certo resentimento ás circunstancias que a obrigaron a madurar. A verdade é que xa coñecía algún poema porque tiveramos o honor de escoitalos en primicia, recitados por ela mesma (creo que recita impresionantemente ben) cando veu ao centro hai dous anos.
Déixovos un poema que me gustou especialmente:

A autoestrada do noite parece un videoxogo.
O negror máis opaco non me trabuca.

Coma unha intermitencia,
a miña xuventude unha liña de cocaína que ás veces
se torce.

Detrás da miña órbita excítanse os volantes.

E acelero tan rápido
como a este verso se lle vai a vida.

15/09/07

Sempre hai un lugar para a poesía (VII)

Veño de mercar o libro en galego que o noso flamante ministro de Cultura, César Antonio Molina acaba de publicar na nosa lingua: Soños nos cantís.
Ten máis de vinte libros publicados como poeta, ensaísta e tradutor, todos eles en castelán, agás un poemario en galego: A noite no crátere (1982).
Este libro que agora nos ocupa é unha tradución antolóxica da súa obra poética. Non podo evitar ensinarvos unhas palabras da contracapa que me chamaron poderosamente a atención: "César Antonio Molina permite que a súa palabra máis fonda atinxa o pleno fulgor no idioma de Rosalía". Canta xenerosidade!
Aquí tedes unha mostra da súa poesía:

EN TERRAS MOVEDIZAS

Mentres o alto sol ilumina o océano.
Mentres se estrela o vento nos penedos.
Mentres xa non se ouve o galo montés,
nin as carricantas nos campos segados,
e a espuma mariña repousa como unha rapariga durmida,
e ilumina o crepúsculo leves faíscas de pegadas,
regreso a través da rubias sombras.
Perdido, volvo, volvo!
-hai xa tempo-
sobre os meus pasos en terras movedizas.


11/09/07

Unha moi boa idea...

A Secretaría da Igualdade publicou o libro Polifonías II. Voces contra a violencia de xénero onde se recollen as voces de poetas galegos que escribiron para denunciar cos seus versos a violencia que sofren as mulleres.
Este poemario ten unha primeira parte (Polifonías).
Participan neste segundo volume poetas como Anxo Angueira, Eduardo Estévez, Kiko Neves, Raúl Gómez Pato, Carlos Negro ou Estevo Creus. Ambos libros tédelos na vosa Biblioteca.

Hai algo que non cadra,
que non é como din que é.
Non pode ser amar tanto e sentirse
tan
gris.
Quizais teña que ser forte,
moi, moi forte.
E non chorar.
Quizais todo debería ser máis doado,
ou non, tampouco.
Se sorrío parezo máis parva.
E teño comprobado que até as cousas máis simples
mudan en trampas.
En enganos. (...)

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.