Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Tusquets. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tusquets. Amosar todas as publicacións

05/11/21

Antigua sangre

 


C
ustoume máis do habitual ler este libro de John Connolly, non sei se pola miña pouca apetencia lectora ou se porque considero que aquí xa se pasa co sobrenatural, e eu son pouco dada a este tipo de lectura. Antigua sangre, publicada por Tusquets, é case unha novela gótica, así que se anda por aí alguén que ame este xénero, que acuda inmediatamente á libraría. Porque desta volta temos escenarios por onde alternan personaxes que encarnan practicamente o mal en estado puro e a súa perdurabilidade. Asemade, este libro presenta unha complexa arquitectura novelística na que proliferan diferentes lugares e tramas, cunha galería de personaxes extensa. Tanta diversidade afástanos moitas veces do ritmo que cremos deben ter as novelas negras e mesmo nos distancia do seu protagonista en favor doutro tipo de seres. Escenas de terror e visións fantasmais conviven coas pesquisas policiais, e por suposto cuns personaxes que para quen os seguimos acaban sendo entrañables a pesar da súa fereza.

Aínda así, algúns elementos de toda a serie están presentes neste libros, como a mirada do protagonista, unha mirada humilde e clemente a esar da crueldade do mundo -e da novela-. 

 





26/07/21

Hijos de febrero


 Unha vez que comecei con Alan Parks, tiven que seguir. O bo de collelos a destempo é que están os dous publicados e podo lelos así, sabendo que se se metese moito tempo polo medio non lembraría a metade dos personaxes. Ás veces, dá gusto chegar tarde a algunhas publicacións!!!

Así que foi o turno de Hijos de febrero, publicado asemade por Tusquets, de Alan Parks.

E se no primeiro coñeciamos un protagonista incrible, agora profundamos na súa personalidade. Así, coñecemos mellor o seu pasado e os motivos polo que é amigo dun mafioso sen escrúpulos a quen axuda constantemente, a quen lle debe lealdade. Volvemos a estar ante unha novela atípica, xa que a estrutura que mantén neste libro é a mesma que na anterior: o comezo é explosivo xa que nos presenta un crime espectacular e logo unha procura desenfreada dun culpable que sabemos quen é. Pero isto non fai que perdamos interese na historia, xa que está moi ben enfiada e destaca a construción dos personaxes e varias tramas que se van engadindo pouco a pouco, pesando nos diálogos. Logo, destaca tamén a reconstrución dunha Escocia situada en 1973, coa música e a vestimente propia do momento.

Agardamos que siga publicando.




25/07/21

Enero sangriento


 Non coñecía a Alan Parks, autor de novela negra publicado por Tusquets. E comecei polo primeiro da serie Harry McCoy: Enero sangriento. Rúas cheas de corrupción, drogas, perversión e moita violencia. Un detective que prefire dalo todo, a pesar do perigo. Afástase doutras novelas negras porque non é típico policía bo que remata por atrapar os malos. Que hai moita brutalidade e non toda é punible, aínda que si todo é máis tráxico e brutal. Mesmo a linguaxe utilizada.
Para seguir.





22/04/21

Ética para inversores

 


C
omo resistirse a Petros Márkaris? Imposible rachar coa tradición de ler as súas novelas negras adobiadas con crítica social e con humor, ademais dun sentido de humor grego que nos leva a pasear polas rúas da capital grega incrementando a ganase de irmos alá. Ética para inversores, publicada por Tusquets, trata precisamente da falta de ética do mundo actual no que as grandes riquezas aproveitan as crises para enriquecerse aínda máis. Son especuladores, inversores con aparencia beatífica que para nada son filántroopos. Os saqueadores non andan polas rúas, senón que habitan en grandes despachos e nas sombras. Márkaris ten como obxectivo nesta nova entrega a inversión inmobiliaria que acapara bens con fins turísticos aproveitándose da pobreza provocada polas sucesivas crises vividas en Grecia.

Pero ademais desta trama temos o mellor amigo do comisario Jaritos, Lambros, ese vello comunista desencantado, organizando folgas para defender os pobres, eses que ninguén lembra. Vivmos nun mudo globalizado onde a diferenza entre ricos e pobres é cada vez meirande.

E sempre paga a pena ler e reflexionar con estas novelas, negra, pero non tanto. Porque o autor sabe ir máis alá. E desexamos que non pare.


15/07/20

La hora de los hipócritas

Non podería deixalo pasar. Se escribe Petros Márkaris, a fidelidade está asegurada. Unha homenaxe engadida a meu pai. Desta volta, publicada coma sempre por Tusquets, La hora de los hipócritas fala de magnates trampulleiros que deben ser castigados. A ver, xa digo, teño debilidade por este autor: levo con el moitos anos. Con el vin envellecer ao seu protagonista, Jaritos, e puiden coñecer a toda a familia, amizades e lealdade. É como da familia. E acaba de ser avó!!! (imaxinade!!!). Así que gocei da lectura coma decote, unha vez máis. Porque dá gusto ler sobre un investigador que non é alcohólico, que non está desquiciado... senón que é unha persoa normal e corrente que ten unha familia e un traballo. Estamos tan acostumadas a ler novelas negras cun protagonista problemático que este descanso é un auténtico pracer.
Ademais, o autor pon o foco da súa mirada na realidade social grega. Na máis actual. E iso tamén me encanta. Unha ollada crítica e lúcida sobre o que nos rodea: a crise, a economía, os paraísos fiscais, a inxustiza social, as clases sociais, o papel necesario dun xornalismo crítico... Márkaris sabe falar de todo sito sen caer en ningún detalle escabroso, obsceno. Non nos revolve as tripas con descricións tortuosas de maldades criminais. Sinxelamente, atrápanos maxestuosamente. E iso é de agradecer.


06/02/20

El frío de la muerte

Teño unha relación especial co detective Charlie Parker, de John Connolly, aínda que nunca me parecera posible debido ao xiro que van tomando as súas tramas, dende a simple novela negra a todo o sobrenatural, algo que nunca me gustou pero que si o consegue este autor. Polos seus libros puluan pantasmas e presenzas sobrenaturais, e a min non me molesta! Neste libro, El Frío de la Muerte sucede isto mesmo. Curiosamente, cantas máis estrañas criaturas poboan as páxinas, menos perigoso semella o noso protagonista e os seus inseparables compañeiros. O bo dos seus libros é que seguen enganchando, seguen estando ben escritos, e que ao fin e ao cabo, con presenzas sobrenaturais ou non, o noso detective sempre procura facer o ben nun mundo maligno. Un mundo no que quizais haxa lugar para a xustiza.

18/04/19

Universidad para asesinos

Petros Márkaris non decepciona, fiel a seu xeito de escribir, nesta nova obra chamada Universidad para asesinos que vén de publicar Tusquets. O autor critica nas súas novelas algunha parte da sociedade actual e nesta toca criticar as universidades e as portas xiratorias entre elas e a política. Un mundo elitista este que se prepara a base de favores e mesmo de servilismo para chegar a ter un posto elevado na vida política do país. Todo isto adobiado coa vida privada do comisario Jaritos que semella estar vivindo un bo momento a nivel profesional e anivel persoal. 
Coma sempre, iremos destecendo o nobelo ata chegar á solución. E de paso, pasaremos un día moi entretido da súa man.



28/03/18

Tiempos oscuros

Aínda non hai moito lin o penúltimo libro de John Connolly, e quedei con ganas de máis. Supoño, xa que vén de se publicar este Tiempos oscuros en Tusquets, e por suposto funo devorar. Connolly é capaz de combinar o xénero negro co terrorífico coma ninguén (o curioso é que a min este tipo de novelas non me deberían gustar: isto de enfrontarse ao Mal!!!), e sempre consegue sorprender o lectorado. Cada nova novela afástase da anterior a pesar de manter os personaxes principais, eses que acabas querendo malia eles. E deixa a boca preparada para seguir comendo!
En Tiempos oscuros o autor lévanos canda Charlie Parker e os seus inseparables Ángel e Luís a unha comunidade que vén a ser unha secta, que existe fóra do tempo e de toda lei exterior, que adora ao Rei Morto. Aí estaremos atrapados entre as súas páxinas. Podemos comparar con novas reais que nos teñen chegados de matanzas nalgunhas sectas: aí está a inspiración do autor. Sectas endogámicas e escuras separadas do resto da civilización como a que temos no libro. Aquí, separadas por un espeso bosque, importante na trama. Esta secta é o Mal. O Mal é o que interesa ao autor, está claro. Cando menos nos seus libros. E é que o Mal existe. Canda el, a Covardía é outro protagonista da novela, esa covardía que exercen moitas persoas que viven preto da secta e que prefiren mirar cara a outro lado.
Por estas augas escuras moverase Charlie Parker, procurando facer o Ben. El é a antítese. Estivo no outro lado, ou case. E é leal e xusto. A pesar da súa violencia, querémolo.
Agora, esperamos a ver que pasa con esa filla extraordinaria que ten.

—Hay un tipo de maldad que ni siquiera se opone al bien, porque el bien es irrelevante para ella. Es una abyección que radica en el corazón de la existencia, que nació con la materia misma del universo. Está en la descomposición hacia la que tienden todas las cosas. Existe, y siempre existirá, pero al morir la dejamos atrás

14/05/17

Los cinco y yo

Non me gustou tanto como pensaba este libro de Antonio Orejudo titulado Los cinco y yo publicado por Tusquets. A priori, contaba con moito en común coa lectura, xa que eu son da mesma década dos 60 e eu tamén fun lectora da serie "Los Cinco", pero esa serie non foi tan importante para min como se presupón no narrador da novela, posto que a miña serie de libros de cabeceira, que lin e relín mil veces, era dunha nena chamada "Puck" e as súas aventuras; así que si, lía as aventuras dos Cinco, lia todos os libros que daquela caían nas nosas mans (que diferenza coa oferta que teñen agora!), pero non eran os meus libros fetiche.
Así que, xa digo, achegueime con curiosidade a este libro porque sabía que ía topar moito de min mesma nas súas páxinas. E certo é. Hai moitas referencias que, a pesar de ter nado nunha vila pequerrecha, son iguais, mesmo a devastación que causou a droga ao meu arredor. Tamén me fixo lembrar ese xeito de nos criar nas rúas, que non semellaban perigosas coma agora (en Lalín había un par de rúas e tres coches).
Como dicía, estaba a ser unha lectura interesante, amena, gustaba desa amizade tan importante para o narrador, cando chega un momento en que entrei de cheo nun libro de autoficción (... ou non?) que mesmo me aburre, xa que a novela After Five, coa vida dos Cinco unha vez superada a adolescencia, non me di nada. Non sei, semella un nobelo que dá voltas todo o tempo ao mesmo, infancia e paso á madurez.
O mellor, é o exercicio ao que nos somete o autor, ese tentar separar realidade de ficción, ou ficción de metaficción, un xogo difícil que fai do autor un bo artesán das letras.

20/04/17

Offshore

Meu pai, 97 anos, é fan dos libros de Petros Márkaris, así que tan pronto soubo que tiña novo libro pediume que llo mercase. Logo, xa mo pasaou. Pero teño que dicir que non me gustou tanto como en anteriores ocasións, non sei se porque todo cansa ou polo meu propio momento lector. Offshore, publicado por Tusquets, insiste no tema da crise económica como telón de fondo para entretecer toda a historia da novela e da procura detectivesca; desta volta, o que fai o autor é inventar unha Grecia que sae da crise de xeito milagreiro e que en realidade será grazas aos paraísos fiscais e ao diñeiro negro, unha sociedade que pode matar impunemente para que os negocios sigan a estar ocultos; pero a sociedade prefire en xeral mirar cara ao outro lado e pensar que todo vai así ben, non importa a procedencia dos cartos, importa o benestar social.
Unha vez máis, Márkaris pon a novela negra en función da novela social, os asasinatos deste libro son ocultos polos poderes instaurados e o inspector, semella, deberá amoldarse a esta nova situación, porque é perigoso saírse do establecido. 
Corrupción. Diso vai. Vaia, podería situar a acción en España e resultaría igual de crible.




17/10/16

Botas de lluvia suecas

A última novela do prezado e admirado Henning Mankell, Botas de lluvia suecas -publicada por Tusquets-, resulta unha lectura melancólica, que nos fai reflexionar sobre a vellice, a soidade, a hora da morte. O libro creo que resulta unha longa e pausada ollada á vida, esa que remata, que ten un fin que se achega inexorable, aínda que tamén amosa as ganas de vivir a pesar da idade avanzada, de namorarse e de sentirse querido, porque a soidade cando se vai vello é mala compañeira. E ademais, o autor quere tocar outro tema fundamental que planea sobre a vida e a morte: as relacións familiares e ata que punto poden ser necesarias. Queda claro que a melancolía, unha pausada tristura, voa entre as páxinas e logra que o lectorado se pregunte pola súa propia vellice -tamén dependerá da idade, claro está, deste-, pero ademais fai referencia unha vez máis a todas as preguntas que o ser humano se fai desde o principio dos tempos, ou sexa, quen somos en realidade, os erros que cometemos, ese desexo de volver atrás sabéndoo imposible... e sobre todo, tentar resolver aqueles erros que deixamos polo camiño antes de que sexa demasiado tarde. 
Tiven a oportunidade de escoitar a Mankell cando veu a Santiago, cando confesou que non sabía que falara o noso idioma e puido dar a súa conferencia en portugués. Foi un pracer e un honor estar alí canda el.




15/02/16

Somos una familia

Fabio Bartolomei é o autor de Somos una familia, publicada por Tusquets. Unha novela de humor que aínda que non provoca grandes gargalladas si non renuncia a que o lectorado teña o libro entre as mans cun sorriso permanente; e iso que ao mesmo tempo tamén hai grandes desastres, polo que poderiamos falar de traxicomedia, aínda que tal como está contada, xa digo, o que provoca é un estado anímico de perpetua ledicia, sobria, iso si. 
Acompañamos ao protagonista, un neno prodixio que vai medrando no seu propio mundo, por un periplo vital que ten como eixo principal a procura dunha casa familiar, algo que semella empresa case imposible debido ás penurias económicas polas que pasan. Pero el tentará ir zafando como pode e como a súa extraordinaria imaxinación o guía. Porque ademais, el ten unha misión na vida: a de salvar o mundo. Pero, claro está, primeiro ten que deducir como o pode facer e como funciona o mundo, e iso é algo ben complicado de seu. De aí que teñamos tantos momentos cómicos pero non exentos de tenrura e dozura.
E esta extraordinaria intelixencia terá que adaptarse a vivir nun mundo real máis mediocre.
E ata aquí podemos chegar.
Moi recomendable.

05/07/15

El invierno del lobo

Amado John Connolly! Sigo "desconectando" con novela negra. E agora, un dos meus autores preferidos: John Connolly con El invierno del lobo en Tusquets. Novamente, o seu detective atormentado Charlie Parker, trece entregas xa desta saga que espero tarde en agotarse, unha saga que conxuga coma ninguén novela policiaca e de terror, xa o territorio do Mal está presente en todas as súas obras. E a pesar de que esta parte por veces foi para min a menos atractiva, nesta novela é sublime, ademais de que o autor coida a escrita literaria e propón regras dun xogo ineludible para seguilo.
En Maine hai un lugar, Prosperous. Unha vila coas súas propias regras, sobre todo unha vila que non quere estraños. E o detective é un deles. Un que molesta. Por iso, debe morrer. Como debería morrer o fanatismo que domina as leis do lugar.
A carón do detectiva, desta volta con moita relevancia por cuestións que non podo transmitir, os seus amigos Louis e Angel, procurando vingar o que debe ser vingado.
Arredor da trama policial, o mundo do Mal. Esquecede calquera incredulidade para ler a Connolly. Encantaravos! O lado terrible do mundo está aí, aínda que non sempre o vexamos. Este autor sabe transmitilo perfectamente.



19/04/15

Hasta aquí hemos llegado

O último libro que nos ofrece o noso admirado Petros Márkaris é Hasta aquí hemos llegado, publicado por Tusquets. Segundo o seu autor, este é o derradeiro libro que escribe sobre a crise no seu país, Grecia, o que non implica que remate de falar do noso detective Jaritos. Menos mal! Pero a verdade é que ler os libros desta triloxía da crise sumen ao lector/a na tristura máis profunda, tentando non comparar a sociedade que describe coa española.
Coido que a medida que foi avanzando na escrita da saga de Jaritos, a súa familia foi cobrando protagonismo, sobre todo a muller, que se converte arestora na administradora perfecta dunha casa que ten o xusto para chegar a fin de mes; asemade, a filla será coprotagonista tamén neste libro, xa que é atacada por defender inmigrantes no seu traballo. Por tanto, de pano de fondo non só estamos a falar da crise, da corrupción, senón tamén dun problema ben importante que atinxe arestora á sociedade grega, o grupo neonazi "Amanecer Dorado". 
Por tanto, non só hai crimes e asasinatos por resolver, senón un pano actual para sabermos máis da situación que se está a vivir en Grecia. É, así, unha lectura pouco agradable porque é realmente desolador todo canto lemos. Os asasinatos que Jaritos ten que investigar quedan nun segundo plano porque o importante é o que non o semella.
Moito máis que unha novela negra.

08/07/14

La ira de los ángeles

Despois de exames, memorias, bágoas e múltiples despedidas (a deste venres foi incriblemente feliz) volvo a ser lectora. E comezo o verán cunha novela negra, por suposto, e coa última de John Connolly. Non hai mellor xeito!
A lectura de La ira de los ángeles (Tusquets) produce enorme desasosego. Porque os libros de Connolly escolle sempre detalles sobrenaturais que lle dan á novela negra unha escuridade especial. Algo que ao principio non me agradaba demasiado pero que agora tenme enganchada, porque sabe administrar unha dose xusta de desalento, de quemazón, de dúbida; sabe presentar a trama coa inquietude precisa, adozar a existencia de certas persoas boas, integrar vidas e lembranzas, salferir mentiras e enganos con verdades e sorriso. Existen as pantasmas, os espíritos que poboan os bosques das almas? Tebras e enganos son protagonistas da novela, xunto con asasinos sen piedade e a brutalidade máis inclemente. 
E a min namórame este antiheroe protagonista con eses amigos tan peculiares e esa dor infinita que o acompañará sempre.

01/10/13

Pan, Educación, Libertad

Xa andaba eu depre este comezo de curso con todo o que acontece ao noso arredor, co país, cos incendios, coa lingua, co estado, coa corrupción... e Petros Márkaris acaba de fundirme totalmente. Porque o panorama que presenta é totalmente desolador. Pan, Educación, Libertad, a terceira entrega da súa Triloxía da crise (despois de Con el agua al cuello y Liquidación final) publicada por Tusquets, amosa unha Grecia que non ten outro destino có abismo insondable. Non é a trama policíaca a que nos atrapa, que tamén, senón ese retrato dun país que sofre e vive unha situación caótica que se estende polos países do sur de Europa. 
Comeza a novela coa volta ao dracma, así como en España se volve á peseta. Nesta situación, sábese que non sei va cobrar en tres meses. E toca sobrevivir. Nesta supervivencia ten un apartado exquisito a muller de Jaritos, Adrianí, que con cada novela nos caerá mellor. Por suposto, hai asasinatos que serán resoltos, pero, como digo, o acerto deste autor que pronto virá a Santiago, agardamos, é facernos ver a extrema corrupción da sociedade helena que, temo, non está afastada da española. 
Será así o noso futuro? Como digo, resulta realmente espeluznante. Porque tal como afirma o autor, o único ficticio é a trama.
Vaia, que a levamos clara.
Non a perdades!




25/08/13

Malvados

Si, xa sei, paseime este verán coa novela negra. Pero foi ver esta última de John Connolly na libraría... e non me poder resistir!!! Malvados está publicada por Tusquets, unha vez máis. Aínda que non son partidaria destes toques sobrenaturais cos que este autor está empeñado, debo recoñecer que me encanta. Este libro en particular trata o tema da vinganza cruel, cuns personaxes que están adoitos a ser e comportarse como calquera cousa menos humanos -ou o que se supón que debe ser un ser humano-. Pouco a pouco, páxina a páxina, iremos coñecendo os diferentes personaxes que logo irán uníndose para tecer a trama. Iso arredor dunha personaxe principal: unha illa, que contará cunha historia macabra determinante. É tan bo que nin sequera botaremos de menos ao seu detective Charlie Parker, que aparece en cuestión dun segundo, unha chiscadela propia do xénero cinematográfico que nos sorprenderá case cun sorriso sentimental.
O que máis me gusta de John Connolly é que desde a primeira páxina xa nos atrapa, ese ambiente de novela negra cun petisco de terror hai moi poucos autores que o dean conseguido. Redacta escenas que conmoven ao máis pintado! Moita violencia e angustia vos deparan se vos animades. Eu, desde logo, recoméndovolo. E, xa digo, non me satisface plenamente ese fructífero espírito vingativo da illa en forma fantasmagórica que axuda a resolver os conflitos.
“los lugares que acarrean una historia de dolor y violencia atraen a veces más dolor y más violencia”.

21/02/13

Cuervos

Xa sabedes que son lectora fiel de John Connolly, e a pesar do meu pouco tempo deste ano para a lectura, non podía deixar de concederlle un oco para achegarme ao seu último libro, Cuervos, publicado por Tusquets. Cada libro del confírmamo como un dos mellores no seu xénero, facendo que pase o tempo de xeito vertixinoso. De xénero moi negro (nena desaparecida), sórdido, dramático, e sen descoidar esa querencia del por todo o sobrenatural -o que a min menos me gusta- que nesta ocasión non abonda excesivamente, a historia resólvese con mestría, tocando a fibra máis sensible, pois cando falamos de nenas todo se dispara. Semella que a máxima de Connolly é que onde houbo un crime xa non se pode vivir. E sobre esta idea dá voltas a novela. Como vivir tras un asasinato?
Unha nota predominante deste autor é combinar os relatos intropectivos dos personaxes e a penetración nas súas mentes para amosar a personalidade de seres que son instrumentos do mal ou vítimas da depravación. Para entedermos mellor que o ser humano pode ser pouco humano ou pode loitar contra a súa existencia para selo máis, aínda que non sempre o consiga.


En cierta ocasión, Louis me preguntó si creía en Dios después de todo lo que había visto y de todo lo que había sufrido, muy en especial la pérdida de Susan y Jennifer. Le di tres respuestas, probablemente dos más de las que esperaba. Le expliqué que me resultaba más fácil creer en Dios que no creer, porque si no creía en nada, las muertes de Susan y Jennifer carecían de sentido y razón, y prefería albergar la esperanza de que su pérdida formase parte de un designio que yo aún no entendía. Le expliqué que el Dios en quien creía a veces miraba en otra dirección. Era un Dios distraído, un Dios abrumado por nuestras exigencias, y nosotros éramos muy, muy insignificantes y muy, muy numerosos. Le expliqué que entendía que a veces le pasara eso. Mi Dios era como un padre que siempre intentaba velar por sus hijos, pero uno no siempre podía estar al lado de sus hijos, por más que se esforzara. Yo no estuve al lado de Jennifer cuando más me necesitó, y me resistía a culpar a mi Dios de eso.

27/11/12

Liquidación final

Segundo título do que se deu en chamar "Triloxía da Crise", Liquidación final de Petros Márkaris  publicado por Tusquets ofrécenos un espectáculo desolador na Grecia actual. Dáme a impresión de que cada libro que leo del é mellor có anterior.
O comezo xa nos fai tremer: o suicidio de catro anciáns que mediante unha carta explican a súa precaria situación, e que son “una carga para Estado, para los médicos, para las farmacias y para la sociedad entera”. Así que nos botamos a tremer: que se nos vén enriba? O primeiro capítulo, apenas catro páxinas, retratan perfectamente a situación na que se vive a causa da crise. E é que esta novela negra vai moito máis de investigacións e asasinatos (que os hai, e tamén están relacionados coa crise) para amosarnos a situación dun país onde os mozos non atopan traballo, os xubilados non poden subsistir e os inmigrantes rebuscan estre os desperdicios algo que levar a boca -para iso emigraron?-. E por suposto, de telón de fondo están as permanentes manifestacións dun pobo entolecido por unha situación adversa que semella non ter solución.
Co cal, preguntámonos: imos nós detrás? Isto é o que nos espera?
Por certo, chorei un bo anaco grazas a Zisis, o amigo comunista do Jaritos, e o xeito que tivo para axudarlle coa emigración da filla. Xa veredes.
Así que non vou seguir. Lede o libro e veredes. Recoñezo que o final, esa solución un pouco atrapallada, é o que menos me gustou. Pero é que algún defecto hai que lle buscar, non si?
 

25/07/12

Suicidio perfecto

A última novela publicada en España de Petros Márkaris non se corresponde coa que sería a continuación de Con el agua al cuello, senón que Suicidio perfecto, publicado por Tusquets, volve atrás no tempo, xusto antes das Olimpíadas en Grecia (escribiuse no ano 2003). Gústame este autor e o seu comisario polo sentido do humor, é o que máis me gusta del, unha fina ironía continua que lle serve para distanciarse do mundo que o rodea, da súa familia e ata do seu traballo, mentres nos describe unha Atenas atafegada de tráfico e de temperaturas sufocantes. Como adoita facer este autor, dentrás da novela negra hai unha crítica social e unha análise económica sen desperdicio, utilizando ingredientes básicos como a inmigracións, os conflitos laborais, o ladrillo e a corrupción; non se libra da súa ollada perturbadora -por conseguinte da súa crítica sesgada- nin os políticos nin os xornalistas nin os medios audiovisuais. 
Así que temos a Jaritos novamente investigando -está de baixa pero é o que ten ser adicto ao traballo- nunha Grecia preolímpica que supón o inicio dos grandes problemas económicos que está a vivir o país.
Se ben prefiro Con el agua al cuello, esta novela é máis que recomendable para agocharse deste calor do verán que nos abafa.





Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.