Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Colaboracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Colaboracións. Amosar todas as publicacións

04/03/21

Quítame la culpa

 Agora é a quenda de lle dar as grazas a Antón e a súa ideoloxía feminista acompañada das lecturas





No prólogo do libro, Irantxu Varela resume o contido deste cunha frase de Tracy Chapman:”Don´t you know they´re talking ´bout a revolucion it sounds like a whisper.” (Non sabes que están a falar dunha revolución?, isto semella un susurro)


Cristina Lizagarra fai un traballo de recompilación de historias de compañeiras, amigas e anónimas que contan as súas vivencias sobre o amor, un non idealizado e si moi violento que acontece todos os días ao noso arredor. Dende o ghosting, ata a violencia física, pasando polo gaslighting ou a síndrome da impostora. Moitas mulleres, de diferentes idades, reflexionan, partindo da súa experiencia, sobre os transos que pasaron en momentos da súa vida a causa das súas relacións.


Hai historias de dependencia emocional, de control abusivo por parte da parella, de illamento do mundo por causa desta, de falta de empatía ante o sufrimento, da culpa, do amor propio, de quererse a si mesma, de “moñoños” (como diría Isa Calderón), de manipuladores, de relacións tóxicas baseadas en contos de Disney que rematan moi mal, de verdadeiros psicópatas… En resumo, este é un libro para falarse e escoitarse, é un libro necesario que trata desa revolución da que falamos en baixiño, que nos toca e nos define. 


https://www.pikaramagazine.com/2020/04/quitame-la-culpa-el-fanzine-de-de-cristina-lizarraga/

03/03/21

Panza de burro

 Unha outra vez, agardamos que non sexa a última, graciñas, Lara

 


 

Comer a Andrea Abreu

Panza de burro é unha revelación, unha éxtase; é poesía, é narrativa, é reivindicación cultural, pero tamén é dor, atrocidade, tristura. Por momentos, o libro esgázate, e faino grazas á forza da linguaxe e á forza do relato. Andrea narra dunha forma sinxela e poderosa; controla cada palabra, cada coma, cada minúscula... sabe onde dispara e coñece o lugar no que poñer a bala.

A historia de Isora e da súa amiga, a narradora, é un encontro coa adolescencia, pero tamén é o descubrimento da cultura canaria aínda que, como poderedes comprobar cando leades esta marabilla, dá un pouco igual que nós sexamos de Palmaz e que elas sexan dunha vila pequena do norte de Tenerife, porque falamos o mesmo idioma. Sentímonos estranxeiras nos nosos corpos, non comprendemos os nosos sentimentos, reprimimos o desexo, temos a necesidade de agocharnos tras alguén que admiramos. 

Recordaremos por sempre estas dúas rapazas e tamén a súa creadora, a quen lle daremos as grazas infinitas por contribuír a que medre o noso pensamento recorrente: existe o talento literario e nunca tanto lle pertenceu ás mulleres, porque el pelo de isora olía a molino de gofio a almendras tostadas a pan bizcochado ver a isora llegar me hacía sentir tranquila como cuando escuchaba el potaje hirviendo a las doce.  

 Editorial Barrett.

01/03/21

A contrapelo

 Volve Lara coa potencia das súas lecturas feministas e conseguintes reflexións. Graciñas!

 


 

Desde o primeiro momento no que nas miñas pernas floreceron eses pelos negros e violentos, quixen arrincalos. Con 11 anos os nenos da miña clase querían saber se debaixo do brazo asomaban xa algúns dos indicadores da madureza sexual. Con 12 dábame vergoña facerme fotos de tamaño carné porque non se sabía ben se era eu ou unha imitadora de Cantinflas. Consideramos que  o feito de non controlar os pelos do noso corpo é un fracaso da nosa feminidade, conformámonos co canon porque nos resulta fácil facelo, e por iso nos parece menos violento o que se nos impón. A contrapelo, de Bel Olid, publicada por Capitán Swing. Unha lectura obrigada.

Cunha linguaxe accesible, cunhas palabras próximas, cunhas reflexións lóxicas e cheas de significado, esta autora ofrécenos un ensaio breve, lúcido e contundente arredor da depilación feminina e de todo o que esta implica. Porque si, a depilación feminina non consiste só en arrincarnos os pelos das inguas, esta trae consigo submisión, autoodio, desigualdade, cousificación, sexualización das nenas e infantilización das adultas... Quen nos ía dicir que o que nun principio parece un acto tan nimio e asociado incluso á hixiene, implicara todo isto? Pois si, e para que o poidas comprobar por ti mesma/o, xa sabes, le A contrapelo.

Decir que la depilación es una opción personal, que lo hacemos libremente y que nadie tiene que meterse en eso puede darnos una cierta sensación de libertad, pero nos estamos engañando a nosotras mismas. Sería una decisión personal sin mayor trascendencia si las consecuencias que comportara hacerlo o no hacerlo fuesen equivalentes. Cuando depilarse tiene premio social (<<qué guapa estás>>) y no depilarse trae castigo (<<qué asco>>), la decisión deja de ser inocente y pasa a ser política.

19/02/21

Lectura fácil

 Andei detrás desta moza para que colaborase coas súas lecturas, que son moitas, pero nunca se me animou. Ata agora, impulsada por unha lectura que quere compartir convosco. Trátase de Lectura fácil, de Cristina Morales, publicada por Anagrama.

Grazas, Lara.



Lectura fácil para min é un libro imprescindible porque remove. A súa escrita fascina, o control da linguaxe que ten Cristina Morales provoca en quen a le un pracer desmedido; cada frase, cada enunciado, cada subordinada, ten unha carga semántica tal que fai que a súa lectura sexa inesgotable. É, ademais, unha novela heteroxénea, cambiante, con narracións diversas e estilos diferentes que se van adaptando ás personaxes. Ou será ao revés?

Sobre todo, Lectura fácil é política, é compromiso, é ideoloxía. Coonverte en visíbel a discapacidade intelectual ou, como di Morales, visibiliza esa etiqueta aséptica e politicamente correcta das institucións, un feito non novidoso pero si innovador, non só porque as protagonistas sexan mulleres, que tamén, senón porque a autora narra dende as marxes, reflexiona sobre a okupación, sobre a sexualidade, sobre "el yayo Karl"... a través de persoas que socialmente son consideradas residuos humanos, seres inferiores, vermes.

Non só a novela senón a propia Cristina é alguén que paga a pena coñecer. É un ser subversivo, interesante, cun talento innegable para a escrita. A palabra perténcelle de tal xeito que é capaz de crear significados cheos de beleza. A súa linguaxe é forza, é combativa, un exercicio de talento e intelixencia delicioso.

18/02/21

Nuestra parte de noche

 Hoxe un amigo vén a recomendarnos un libro que o enfeitizou: Nuestra parte de noche de Mariana Enríquez, publicado por Anagrama.

Grazas, Antón.

 


Comecei a ler sen saber de que ía e atopei unha paisaxe muda e fermosa na que a escuridade é a protagonista. Xente malvada, o diaño, invocacións, o medo, a herdanza envelenada, o eterno retorno da familia, o amor sen ambaxes, o amor dorido, o sexo sen lindes, a fraternidade...

Mariana fálanos de como levar unha carga toda unha vida sen compartir, asumindo a culpa e a responsabilidade soa. Mariana fálanos do poder da beleza, que é quen de conquistar as tebras. Mariana fálanos de desinhibición sexual. Cóntanos sobre a impronta das nais e pais abusivas. O seu estilo é aterrador e encantador a partes iguais, capaz de debullar a psique de persoas en horas baixas, de monstros amorais, de demos doutros mundos.

13/08/19

Remexido de patacas

Despois de moito tempo de silencio, cansazo, mágoas, bágoas e sorrisos, e con moitas dúbidas de se volver ou non a esta casa na que se converteu o blogue, onde as palabras fixeron amizades e tentaron ser faro algunha vez, volvo, ou tentarei volver. E que mellor unha volta cun empurrón? Foi a miña compañeira Ester González Martínez quen decidiu que aquí había que varrer e regresar á vida. A súa lectura, un Remexido de patacas de Eli Ríos publicado por Baía.
Grazas, Ester.

Aquí a súa recomendación:



Case podo imaxinar as persoas a conversar despois de ler o libro:
- Ti cres que ao final...
- Para min que si.
- Pois enu non sei, igual non...

Porque Remexido de patacas é un libro para falar del despois de lelo, para calar despois de lelo, para pensar despois de lelo ... Para ler despois de lelo.
Porque ao rematar a historia queda un mexido de imaxes de mulleres fortes, solidarias, resolutivas que máis tarde ou máis cedo (o tempo importa?) deciden romper co que as esmaga e DECIDIR por si mesmas sobre como será o longo das saias que poñerán, a que hora toquenearán no sofá e o momento idóneo para tocar un instrumento.

E como di Enma Pedreira no prólogo “notas que doe”. “A realidade doe”. A nosa sociedade é así de dura e que doia quizais sexa o primeiro paso para comprometérmonos. Pero, ollo! Que tamén sorriredes e vos emocionaredes a fartar.

Estades agardando a que diga algo das patacas? Pois non. Iso queda da vosa conta.

17/05/18

O rapaz que nunca existiu

Gustoulle moito este libro á miña alumna María Guinarte, quen di así:




Esta novela está escrita polo autor islandés Sjón quen lle fai unha homenaxe ao seu tío. O rapaz que nunca existiu está publicado pola editorial Rinoceronte.
O protagonista deste libro é Mani, un adolescente que vive en Reyjavick, é homesexual e encántalle o cine. Presta servizos sexuais a homes maduros para gañarse os cartos e pagar as entradas ao cine. Unha serie de sucesos como a erupción do volcán Katla ou a chegada da gripe española cambiarán a súa vida.
Este libro está escrito de xeito que parece poesía. É moi ameno e fácil de ler e o final é moi bo e dálle sentido a toda a historia.
O que máis me gustou do libro é a forma na que o autor é capaz de absorberte por completo na historia de forma que parezas un espectador que mira o que está a acontecer na beirarrúa de enfronte pero coñecendo os pensamentos dos personaxes.

07/04/18

El futuro es femenino

Hoxe, é Alba Gómez Barros quen recomenda un libro feminista, un deses que lemos para o Club de Lectura de Igualdade de 4º da ESO. Trátase de El futuro es femenino, publicado por Nube de Tinta, onde ilustran Agustina Guerrero, María Hesse, Ana Santos, Naranjalidad, Lady Desidia, Laura Agustí, Elena Pancorbo e Amaia Arrazola.



Este é un libro que recolle relatos de varias autoras e ilustradoras. Contos curtos inspiradores sobre situacións nas que se encontran as mulleres ou rapazas a diario e as que se teñen que enfrontar. Neles móstrase como as protagonistas se transforman para logra empoderarse.
Cómpre salientar que para min os relatos destacaron todos, tanto pola súa orixinalidade como polos temas que tratan.
Este libro curtiño e cuns relatos apenas de dúas páxinas logrou que espertara en min un gran interese por lelos. Ademais conta cunhas ilustracións magníficas.
Estes relatos paréceme que tratan temas moi interesantes, xa que tratan temas presentes na realidade como que un neno se sente nena, que elas intentan a igualdade ou que queren practicar deportes dos que se din que son para os homes, pero relatados dunha maneira na que resultan entretidos e amenos.
En conclusión, pareceume un gran libro, moi fácil de ler e a súa vez moi fermoso. Recomendaríallo a todos, xa que é un libro para gozar da lectura e a súa vez reflexionar sobre situacións cotiás nas que se encontra a muller a día de hoxe, e polas que debemos loitar para conseguir a igualdade.

06/04/18

No es país para coños

No club de lectura de 4º da ESO estamos a aprender moito sobre Igualdade e Feminismo. Temos tanto para ler! Na última sesión cada integrante pediu ler un libro diferente. Laura Soto escolleu No es país para coños, de Diana López Varela publicado por Península. E falou así:


No es país para coños é unha obra da xoven escritora galega Diana López, probablemente non escoitarades o seu nome ata o de agora, pero estou segura de que algún día será unha distinguida e portentosa escritora, bueno, portentosa xa o é, o que necesita é moito máis recoñecemento.
  O certo é que sen esaxerar dende que lin esta refrescante e rompedora obra feminista a miña vida mudou dalgún xeito. Non sempre fun feminista, de feito tan só hai un par de anos que me intereso por este tema, cousa da cal me avergoño, pero tampouco tivera moita marxe de tempo para saber que persoa quería ser. Pero agora hai unha parte do meu ser que ten clara o que é, e esta é a de ser feminista. 
A verdade é que non creo que este libro intente convencer a ninguén sobre o que ten que ser, simplemente penso que nos responde a todas esas dúbidas que algunhas persoas se poden chegar a plantexar sobre a necesidade dunha sociedade feminista, e tamén contribúe a abrirnos os ollos, xa que nos mostra pequenos detalles que antes podían ser imperceptibles, porén son estos pequenos detalles os que marcan a diferenza entre unha sociedade igualitaria ou non.
   Como dixen antes este libro convertiuse nun símbolo importante para min, porque comecei a ver as cousas doutro xeito moito menos común nesta sociedade de masas. Está claro que a muller sempre é a do carácter brando e que entón cede ás presións ou a aceptar as opinións contrarias con moitísima máis facilidade que os homes. Estas series de prexuízos están totalmente insertados nos cerebros de gran parte da poboación e ata o de agora eu sabía que tanto eses ideais como as persoas que os defendían eran totalmente repugnantes, entón intentaba ser o máis feminista posible, sobre todo co entorno que me rodeaba. Pero logo de ler este libro deime conta de que iso non é suficiente, Diana convídanos a loitar, a manifestarnos, a levantarnos cada día coa cabeza ben alta orgullosas de sermos quen somos, a que ninguén nos mande calar, a que non lle permitamos a ninguén dicirnos que baixemos a voz que así estamos máis guapas, porque non, non queremos nin eu, nin a escritora, nin ti calar, queremos liberdade, e berrar.

   Estou segura de que algún día por sorte, estes libros desaparecerán por moi fermosos que sexan, serán coma un libro contra a escravitude na España de hoxe en día.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.