Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta La fragatina. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La fragatina. Amosar todas as publicacións

16/11/17

Al otro lado

Na editorial La fragatina, álbum de Roberto Parmeggiani e Anna Forlati: Al otro lado fala da morte dun ser querido, un tema sempre difícile de tratar na infancia; neste caso o protagonista comprenderá a ausencia despois de preguntarse que significa a ausencia prolongada do pai e a tristura que o rodea.



23/03/17

Trenfugiados


José Campanari e Evelyn Daviddi son os artífices de Trenfugiados publicado pola Fragatina, un álbum que nos achega o drama que están a vivir millóns de persoas e que desta volta vén da man das voces infantís que reflexionan sobre o que poder supoñer quedar sen fogar e sen alimento, mentres deciden que a solidariedade é a única solución. Así, tanto o texto como as ilustracións fannos partícipes dunha soa mensaxe: que teñamos presente o sufrimento destas persoas e que tentemos poñernos no seu lugar para coñecer os seus sentimentos. Destaca a dozura tanto das palabras do texto como das ilustracións, de tal xeito que semella que nos conviden a participar coas nosas opinións, aínda que optemos polo silencio como o fai a propia avoa dos protagonistas, pero dándonos esa opción na escena final cunha chiscadela da nena dirixida ao lectorado que serve ademais para desdramatizar o texto.





06/03/17

Un sombrero fantabuloso

Pedro Mañas e Roger Olmos son os responsables de Un sombrero fantabuloso publicado pola Fragatina. Un texto cheo de fantasía e maxia, de persecución de soños, de cumprimento do traballo, que nos amosa que nunca debemos rendernos aínda que semelle ben difícil o que temos por diante. E xa sabedes que Roger Olmos é un dos ilustradores que máis me gustan, así que... que vou dicir das ilustracións! Son fantásticas e complementan perfectamente o texto que nos leva por unha viaxe onírica na consecución do perseguido, de procurar esa personalidade que se mantén oculta baixo un sombreiro cheo de misterio.




20/02/17

La vaca que leía libros

Adélia Carvalho e Till Charlier son artífices deste álbum que fomenta a lectura publicado pola Editorial La fragatina: La vaca que leía libros é unha historia preciosa -para quen ame a lectura- e divertida, xa que estamos a falar dun animal que quere ser culto, que non se conforma co seu destino e que será autodidacta; pero o seu esforzo verase recompensado grazas xa que será quen, mesmo, de transmitir o seu saber, algo que ata lle agradecerán aqueles e aquelas que exercen a nosa profesión.



06/01/17

En la azotea

Susanna Isern e Marjorie Pourchet crean En la azotea, publicado pola Fragatina un álbum sensible sobre o amor e o respecto á natureza, sobre a vida en liberdade e tras os barrotes, pero tamén da importancia da observacións e da empatía. Un libro que realmente nos convida a unha reflexión máis profunda sobre a importancia de ser un mesmo e poder acadar os nosos soños sen que ninguén queira cortar as nosas ás. Pero tamén é unha lembranza das distintas olladas que temos segundo os anos vaian pasando por nós e os prexuízos vaian facéndonos mella. Porque unha mirada infantil está dotada dunha perspicacia que a de maior pode faltar. A inocencia é favorecedora.



05/01/17

Piel de cocodrilo

A editora La Fragatina tráenos este fermoso álbum de José Carlos Román e Paolo Domeniconi inspirado nunha lenda africana: Piel de cocodrilo é unha historia tenra de amizade e de fomento da lectura, aínda que tamén é unha lección de humildade porque a soberbia acaba sendo mal conselleiro, así como lembrarnos que a beleza é tan efémera que non deberiamos darlle a máis mínima importancia. O libro tamén nos "explica" o porqué desa pel dos crocodilos... pero o mellor é a exaltación que nos fai da lealdade, que está por riba de momentos vaidosos e fútiles que só a verdadeira amizade sabe perdoar. E de paso, realiza un curioso chamamento ao amor polos libros e á lectura como punto de unión, xa que contos e historias realizan un labor fundamental.



10/12/16

O momento perfecto

Susanna Isern e Marco Somà presentan en O momento perfecto publicado pola Fragatina, un álbum tenro e doce onde todo é placidez, amabilidade, bonhomía e amizade. Aínda así, o libro consegue transmitir un certo misterio dende o principio, resolto ao final con certa sorpresa e con moita orixinalidade.
Por suposto, as ilustracións merecen unha mención especial, porque estamos ante imaxes que semellan poesía. Xulgade vós:



03/12/16

La montaña de coral

NiñoCactus e Tommaso D'Incalci son os artífices deste álbum que publica La Fragatina: La montaña de coral é unha fermosa fábula sobre acadar os propios soños, sobre a amizade, sobre o imposible posible. Destaca tanto a dozura do texto como a das ilustracións, en cores delicadas e lenes, como o propio desexo da montaña que soña ser máis alta para poder ver o mar.




27/11/16

La librería perdida

Aurora Ruá e Oscar Perales amosan o poder da lectura en La librería perdida, álbum ilustrado publicado pola Fragatina. Un lugar, unha moza, un misterio. A solución só se poderá topar nos libros, porque neles están todas as vidas, todos os lugares, todos os mundos. Só hai que comezar a ler... e o misterio estará resolto. Porque abrir un libro é adictivo, e dese mundo non hai volta posible. 
Proba e verás.



15/11/16

Tocar la luna

Mar Pavón e Luciano Lozano conseguen un traballo a destacar neste álbum ilustrado publicado pola editorial La fragatina: Tocar la luna é un libro que fala do tema da adopción con tenrura e ilusión, esa que nenos e nenas manteñen por teren unha familia, coa peculiaridade de que non é ata o final a substancia da narración.




10/03/15

Caras


André Letria e José Jorge Letria son os Caras que publica La Fragatina. Non é un álbum ilustrado, é un divertimento, un xogo lector, un libro que se enriquece en cada páxina xa que o lector, a lectora, pode formar ata catro mil caras combinando todas as posibilidades. Así, o libro non é o que semella, xa que podemos retroceder por arriba e avanzar por abaixo, ou pasar o do medio... diferentes expresións, diferentes cortes de pelo, bocas serias, bocas sorrintes... de todo hai. 16 caras e catro mil expresións. Xoguemos a ver se topamos algunha cara coñecida entre tanta posibilidade!


16/01/15

Tras mi ventana


Un álbum ben diferente é este que nos propón a editorial La fragatina: Tras mi ventana de Román Belmonte Andújar con ilustracións de Katie Harnett. Estas son evocadoras, con forza, e reforzan un texto case enigmático, adulto, que fala de decisións equivocadas, de reixas nas ventás, das concesións que nos ofrece a vida e dos roubos que nos chora.




10/01/15

El rey de los animales

Unha metáfora das ditaduras é o que nos ofrece este álbum publicado por Edicións La Fragatina: El rey de los animales é un libro de Miguel Tanco que fala de ditar leis egoístas, arbitrarias, fala da responsabilidade de quen ten poder para ditalas; as leis son necesarias, pero deben ser lóxicas e igualitarias, non deben realizarse para beneficiar a ninguén, tal como ocorre neste álbum. Dende a dedicatoria do autor-ilustrador comprendemos as súas intencións: "Para aquellos que no quieren mandar". Un álbum esencial para reflexionar sobre o poder, sobre como exercelo, e sobre a xustiza. Asemade, sobre as consecuencias que ten a desigualdade.
E todo isto, con humor. Un humor que caracteriza, abofé, ás ilustracións.



22/11/14

O rabaño

A editorial La fragatina publica na nosa lingua este álbum de Margarita del Mazo con ilustracións de Guridi aportándonos un novo punto de vista sobre como conciliar o sono. En O rabaño, as ovellas teñen unha vida moi doada, xa que non deben pensar nin saltarse o mandado, é dicir, comer, durmir... e axudar a durmir. Que é unha tarefa ben importante! E para axudar aos humanos, só hai que saltar en ringleira e coa numeración apropiada. Pero que ocorre cando unha se rebela, converténdose nunha ovella negra?


27/05/14

Los caminos de los árboles


Da editorial La fragatina é este álbum de Pep Bruno e Mariona Cabassa: Los caminos de los árboles é un libro cheo de dozura e poesía, desa poesía que convive connosco cada día e que ás veces nin vemos nin intuímos. Porque a poesía está, xustamente, nas persoas queridas. E estas serán as que nos dean eses pequenos momentos de felicidade que son os máis importantes para compoñer as nosas vidas. Con eles, con eses instantes, encheremos de comprensión e ledicia as nosas vidas.
Un pensamento cheo de vida. Unhas ilustracións que nos asologan de alegría.

"El abuelo miraba el atardecer mientras
el niño observaba el árbol.
- Abuelo - preguntó el nieto -,
¿tú crees que yo podría subir
a lo alto del ciruelo?..."
 

26/05/14

Las gafas de ver


Margarita del Mazo xunto con Guridi publican este divertido álbum en Edicións La fragatina: Las gafas de ver é unha lección para recordarnos que debemos mirar ben o que temos máis preto sen empeñarnos en mirar o inalcanzable tan só. Porque aquí ao noso carón agárdannos cousas marabillosas que podemos ocultar sen darlles oportunidade ningunha. Isto é o que significa o título do libro, procurémonos unhas gafas metafóricas que nos permitan ver as cousas sinxelas, as que temos preto e que cremos que son prescindibles porque estamos obnubilados antes o que está máis afastado, o que é inalcanzable e polo que loitamos innecesariamente.
Ilustracións e texto son un todo, un conxunto que sinala a forza e a unión que existiu entre os dous creadores á hora de realizar este libro.


27/04/14

Estrambólicos



Publica a editorial La Fragatina este estrambótico e divertido álbum que leva por título Estrambólicos de André Letria e José Jorge Letria. Estrambólicos é un libro para xogar e converter e reconverter a dezaseis personaxes combinándoos entre si. Múltiples posibilidades para explorar e descubrir novas criaturas. Porque habelas hailas, pero hai que topalas... neste libro!




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.