Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
Amosando publicacións coa etiqueta Ediciones B b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ediciones B b>. Amosar todas as publicacións
02/04/18
Feminismo para principiantes
Unha marabilla de libro de Nuria Varela, pedra base para comezar neste mundo, e que agora sae en formato ilustrado para unha lectura máis doada e atraente, tanto que, por suposto, será o próximo libro do noso club de lectura de igualdade de 3º da ESO. Feminismo para principiantes coas ilustracións d Antonia Santolaya está publicado por Ediciones B. Con el, podemos saber o que supuxeron e supoñen as reivindicacións feministas e as mulleres que as fixeron posible e que nos levaron ata onde estamos, explicando mesmo cuestións tan básicas como que é o feminismo ou o que este ofrece á sociedade; é un texto sinxelo e divulgativo, pero é un texto de acollida, de iniciación para logo achegarnos a outros textos. Sobre todo, entender que estamos onde estamos grazas a tres séculos de loita e que moito lle debemos a quen estivo aí detrás e que, cando menos, debemos coñecer. A loita do feminismo contra un patriarcado que semella invencible (e invisible) segue, e libros coma este son imprescindibles. En nós está seguir avanzando. E seguiremos. Porque a nosa loita é imparable.
Atoparalo en Ediciones B, Igualdade, Ilustración, Lectura, Libros, Muller, Recomendamos
09/12/16
Cómo esconder un león en la escuela
Helen Stephens é a autora de Cómo esconder un león en la escuela publicado por B de Blok. Un divertido álbum (que prosegue o anterior Cómo esconder un león) que nos conta a prohibición sobre a mascota dunha nena de acompañala nas súas tarefas, xa que esta mascota é tan peculiar que dá medo. Pero demostra que se pode ser un león pacífico que o único que pretende é axudar e querer, ou sexa, ser querido. E abofé que o conseguirá! Un libro ideal para a infancia que combina perfectamente o humor coa ilustración, xa que o animal voará libremente polas súas páxinas, facéndose, como é loxico, dono delas.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Ediciones B, Recomendamos
08/09/15
El pequeño Elliot en la gran ciudad
Mike Curato é o autor de El pequeño Elliot en la gran ciudad que publica Ediciones B. Tenra historia dun pequeno elefante nun mundo de adultos que pasa desapercibido ata que consegue unha amizade. E esta é un tesouro á que coidar. Porque a unión fai a forza e a soidade está ben, pero non tanto! A historia é sinxela e conmovedora e as ilustracións ocupan toda a páxina, destacando a edición coidada en tapa dura e sobrecuberta en tamaño grande.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Ediciones B, Recomendamos
17/01/15
La última noche en Tremore Beach
Mikel Santiago é o autor de La última noche en Tremore Beach publicado por Ediciones B. Aínda que etiquetada dentro da "novela negra", digamos que é unha novela que colle distancia respecto daquelas, con facetas en común pero con grandes rasgos afastadores.
O protagonista trasládase a vivir a unha pequena aldea de Irlanda para tentar arranxar a súa vida profesional e persoal, pero unha tormenta e un raio que o alcanza provocará un desenvolvemento da súa historia moi diferente. Visións aterradoras que se repiten serán as desencadeantes de toda a trama. O xogo do lector/a consiste en tentar averiguar que pode ocorrer, cal é o misterio que se agocha detrás dos sucesos que pouco a pouco van materializándose nas páxinas do libro, caracterizado por un ritmo pausado que vai acelerando cara ao final. A novela está ben construída e non decepciona, aínda que o final pode resultar algo máis "feliz" do que agardabamos.
As premonicións, verdadeiras protagonistas desta historia, son reais? Pode ocorrer realmente algo semellante? Este elemento paranormal, lonxe de fastidiar a trama, está ben levado, non semellan fantasía nin ciencia ficción.
As premonicións, verdadeiras protagonistas desta historia, son reais? Pode ocorrer realmente algo semellante? Este elemento paranormal, lonxe de fastidiar a trama, está ben levado, non semellan fantasía nin ciencia ficción.
Atoparalo en Ediciones B, Lectura, Libros, Novela negra, Recomendamos
18/05/14
Los muñecos de papel
Unha historia sobre o poder do maxín é esta que nos presenta Julia Donaldson con ilustracións de Rebecca Cobb en Los muñecos de papel, publicado por Ediciones B. Un libro que ademais fala da maternidade e do paso do tempo, de como medramos e convertémonos no que foron antes os nosos pais. A historia e as ilustracións son amables e alegres e serve tanto para primeiros lectores como para adultos, por esa relación intensa e estreita que presenta.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Ediciones B, Recomendamos
02/12/13
Cómo esconder un león
Divertido e tenro álbum este Cómo esconder un león de Helen Stephens publicado por B de Blok. Unha nena que agocha un león que vén sendo o seu amigo, porque a amizade é o máis importante e hai que loitar por conservala. E as aparencias non sempre nos din a realidade do que hai detrás. Porque saber iso é o máis importante, e son os prexuízos que adquirimos os que nos fan desconfiar do exterior sen ir máis aló.. As ilustracións son optimistas e danlle profundidade á historia.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Ediciones B, Recomendamos
24/05/12
El hilo de la vida
Publicado por Ediciones B, El hilo de la vida é de Davide Cali e Serge Bloch. Poético álbum que fala do paso do tempo, a vellice, a soidade, a morte... Porque así é a vida e non hai xeito de cambiala: ten momentos doces e outros ben amargos, anoados por un fío condutor que se nos representa aquí de cor vermella guiándonos por unha viaxe que ten inicio e fin.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Ediciones B, Recomendamos
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.





