Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
Amosando publicacións coa etiqueta Pastel de Luna b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pastel de Luna b>. Amosar todas as publicacións
27/11/25
La curiosa librería
Publica Pastel de Luna este libro de Shinsuke Yoshitake, La curiosa librería. Un libro para amantes de libros, deses que de cando en vez nos lembran que non estamos sós no noso amor e que de cando en vez nos gusta chegar a eles.
Nesta curiosa libraría podemos atopar todo tipo de historias, dende librofroitos ata artiluxios para libros ou acontecementos para eles, mesmo unha voda.
Máis ca un álbum ilustrado, parece banda deseñada, ou unha mestura de ambas. O autor recrea aquilo que cómpre para termos os libros: alguén que os escribe, alguén que os le, alguén que os fai desaparecer, xs libreirxs, biblitecarixs, lectorado...
Asemade, podemos ler consellos sobre a lectura e viaxar a un mundo máxico onde os libros que soñamos ou o mundo soñado de libros existe.
“La librería es el hogar de los libreros, una raza de genios con habilidades únicas”. As librarías son lugares “donde se pueden comprar todas esas cosas que no se pueden comprar con dinero, tales como esperanzas, decepciones y deseos; vidas vividas por otros; paisajes nunca vistos y secretos del mundo; una nueva forma de ver las cosas y de vernos a nosotros mismos”.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Libros, Pastel de Luna, Recomendamos
28/01/17
Hija única
Fersmosísimo e multipremiado álbum sen palabras de Guojing que publica Pastel de Luna: Hija única é unha viaxe onírica e real onde a realidade e a fantasía se mesturan para contar unha experiencia vivida onde a soidade e a anguria son protagonistas. Pero as ilustracións son tan verdadeiramente emocionantes que é difícil contar aquí a súa beleza, a súa espléndia maxia para contar esta historia que logo cadaquén contará coma queira, porque a outra posibilidade do álbum é que ao non ter palabras seremos nós quen llas poñamos.
Deses libros que quedan prendidos na alma e que son absolutamente recomendables. Só coa primeira ollada namoraredes del. Das mellores lecturas dos meus últimos tempos.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Pastel de Luna, Recomendamos
16/08/16
Compendio médico del Dr. Podalirius
Pastel de Luna publica este sorprendente álbum de Hittouch: Compendio médico del Dr. Podalirius, un libro sobre insectos e bechos pequerrechos que o doutor ten que curar. Así, cun texto longo que vén mediado polas ilustracións -que resultan deliciosas e sorprendentes-, aprenderemos sobre algúns insectos que poboan o noso mundo, os problemas que os humanos lles ocasionan... Un libro que fala do respecto pola natureza e de que dela debemos aprender moito para saber máis de nós mesmos.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Pastel de Luna, Recomendamos
14/08/16
El paraguas
Fermoso álbum sen palabras este El paraguas que publica a editorial Pastel de Luna, de Jae Soo Liu e Dong Il Sheen (premiado polo New York Times como un dos mellores libros ilustrados no 2002 e recomendado polo IBBY para nenos con discapacidade). O libro amosa dun xeito infinitamente delicado a travesía que percorre un paraugas amarelo, un paraugas que nun principio semellaba só pero ao que se irán sumando outros paraugas de todas as cores, ata chegar ao lugar ao que se dirixían todos eles -ou os seus propietarios e propietarias- para seren pechados e descansares no paragüeiro. Porque, obviamente, situámonos nun día de chuvia. O libro trae un CD con música de piano que evoca a choiva e as sensacións que espertan as imaxes: cada canción explica unha imaxe, e conecta as artes da música e da ilustración. Isto é fermosísimo, xa que o álbum deixa a cada lector/a explorar o seu propio maxín, sentir a propia historia debaixo dese paraugas, é dicir, o libro bríndanos un momento de liberdade para decidir que ocorre e quen leva o paraugas.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Pastel de Luna, Recomendamos
11/08/16
¿Y mi sombrero?
Curioso álbum este de Masanobu Sato que publica a editorial Pastel de Luna: ¿Y mi sombrero? é, como o seu título indica, a procura do sombreiro do protagonista que esixe a nosa atención. Así, o lectorado poderá axudar a atopar o sombreiro perdido, que voa por todas partes e camúflase en calquera lugar. Ilustracións en branco e negro cheas d detalles que farán a delicia de calquera neno ou nena que se achegue ao texto, xa que do que se trata é de estimular a capacidade de observación destes.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Pastel de Luna, Recomendamos
07/08/16
Tiempos solares
Xiong Liang ( Premio Hans Christian Andersen 2014)amósanos en Tiempos solares "os 24 períodos do calendario chinés". Publicado por Pastel de Luna, o álbum afástase por completo de calquera outro, xa que o que temos diante é unha proposta empática coa Terra, a través de textos moi breves nos que a natureza e o sentimento protagonizan cada unha das páxinas, páxinas que nos levan de paseo polo espertar das diferentes estacións, con todos os cambios que isto supón. As ilustracións son moi suaves, naturais, calmas.
Unha invitación á reflexión e ao respecto pola natureza.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Pastel de Luna, Recomendamos
05/08/16
Una casa de 100 pisos
Pastel de Luna sorpréndenos con este álbum de Toshio Iwai que leva por título Una casa de 100 pisos. Si, subiremos 100 pisos, 10 por cada páxina. E cada páxina amosaranos diferentes animais que conviven en harmonía neste curioso edificio: ratos, esquíso, morcegos, arañas, ras... O máis característico do libro é que debe lerse en formato vertical, de abaixo a arriba, e de paso que aprendemos a contar deberemos fixarnos en múltiples detalles que poboan as páxinas.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Pastel de Luna, Recomendamos
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.















