Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Barbantesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Barbantesa. Amosar todas as publicacións

13/07/12

Carné de identidade

Levei unha grande ledicia cando vin no xornal que se traducía a Mahmud Darwix á nosa lingua, grazas a Moncho Iglesias e Samar Sabat. A editorial encargada de traernos Carné de identidade é Barbantesa. Aínda que a estas alturas tod@s coñecemos este poeta palestino, eu quero celebrar que agora poidamos gozalo en galego. Tivo que fuxir por causa da implantación do estado de Israel e a súa palabra foi sempre a mellor arma para facernos coñecedores das inxustizas que teñen que pasar e as condicións nas que deben vivir cada día nunha terra que lles é refutada á forza. 
Unha escolma de 48 poemas onde se repasa a historia de Palestina e a fame de liberdade que chega a un límite, porque todos cansamos de agardar.


                               Vítima número 48

Toparon no seu peito un candil de rosas... e unha lúa
mentres descansaba, morto, sobre unha pedra.
Toparon non seus petos unha moedas.
Toparon unha caixa de mistos e un permiso de viaxe...
E no braciño unha inscrición.

A nai bicouno...
e chorou un ano por el.
Un ano despois, creceron as baias nos seus ollos
e aumentou a escuridade.

Cando medrou o irmán,
e foi na procura de traballo aos zocos da cidade,
encarcerárono...
Non tiña permiso de viaxe
na rúa levaba unha caixa podre
e outras caixas.

Ai, nenos da miña patria
             así é que morreu a lúa!

29/05/12

O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido

Ben interesante resulta a lectura deste libro publicado por Barbantesa: O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido é de Elía Knörr, alter ego de Elías Portela, tradutor e poeta en galego ("Imaxes na pel", 2008 e "Cos peitos desenchufados, 2010) e en islandés. Con este pseudónimo medieval foi escollido coma un dos poetas máis representativos da lírica actual islandesa, na centésima edición de Poetry Review do Reino Unido, xunto a Sjón e Kari Tulinius. O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido é o seu primeiro libro en islandés (Sjoarinn meo morgunhestana undir kjolnum). "A obra presenta a un poeta na busca de novas ribeiras. O autor faise mariñeiro para ampliar o horizonte. Os poemas son capturados nas redes igual cá pesca, ou van á deriva polo mar ata que os atopa varados na praia (...)"
Se o que vos levo dito xa semella alucinante, agardade que vos conte a súa historia ben curiosa: O poeta naceu en Cangas e emigrou a Islandia a aprender italiano. Alí fíxose pasar por israelí para evitar preguntas. Aprendeu italiano e, claro, islandés. Nesta lingua comezou a publicar a súa poesía, e alí converteríase nun dos poetas máis destacados do país. Baila tango con Jóhanna Sigurðardóttir, o mesmo nome que a primeira ministra islandesa, o que deu pé a numerosas anécdotas.
Que pasada!
Sobre a súa poesía, que vos recomendo, dicir que experimenta coas palabras. Coa imaxe. Porque os versos son un xogo retranqueiro que fai reviravoltas e mesmo pinchacarneiros sorprendentes e audaces.

Dúas amas de casa
           bailan sobre a cordela
                         dun tendal
e fan o amor con funambulismos

Unha é bolboreta de seda
e a outra é flor de algodón

Baixo os efectos da limpeza
                escriben poemas na colada



Invitei o biólogo ao meu xardín de atrás
Alí estivo admirando cada unha das miñas lámpadas
e púxose a bailar coma unha avelaíña

Estades espida
vexo como os vosos segredos alumean
coma orgasmos
                        dixo el

Estades peneque dixen eu

Mais non cego
                       dixo el

e continou investigándome




27/05/12

Crac

Gustoume moito (sobre todo gocei con algúns versos) este poemario de Gonzalo Hermo publicado pola editorial Barbantesa: Crac. Poesía reivindicativa que fala de violencia e dor, da óptica "dos que viron extinguir o seu fogar e humillar a súa identidade". Poesía pensada coma un berro contra as imposicións. Berros mesturados con iconas da cultura contemporánea en poemas salferidos por diferentes tipos de violencia dende a explotación laboral máis infame ata calquera guerra transmisora de sufrimentos e odios. E de violencia á homosexualidade, ou mellor, á súa invisibilidade; porque cómpre tamén que sexa obxecto de denuncia e faltan palabras para a súa liberdade.

Agora ou nunca a escarlatina renxe para que a poidas oír.
Busca con ela o defecto da musa varón
barbeada e fetiche
a concubina

ríscaa.

Logo mánchalle as mans
e que outros lle corten os brazos para que aprenda a vestirse
de rameira e cerre as pernas.

O sexo
necesariamente
escríbese.


Fomos nós, cando todas as armas ficaron vencidas
amte a fame de bandeira.

A Patria
era o rostro ambiguo de Madame Lempicka.
O Desexo
un umbral.

Entón decidimos que o discurso era o único modo posíbel
de Revolución.

E vimos de repente revirarse contra nós as nosas armas.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.