Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Sushi Books. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sushi Books. Amosar todas as publicacións

03/10/21

Campo de plumas


C
elebramos a publicación deste libro en Sushi Books: Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, unha escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez. Unha antoloxía dende a Antiga Grecia (con Safo) ata Gloria Fuertes, incluíndo a sor Juana Inés de la Cruz ou Wal Whitman. Unha compilación que se dirixe á mocidade, pero non só. Lémbranos o escolmador que a homosexualidade non aparece con ese nome ata a seguna metade do século XX, ao igual que o termo heterosexualidade, xa que a sexualidade -anteriormente- non se correspondía cunha identidade, senón que era o resultado dunha serie de actos ou posicións. 

Deses libros apropiados para clubs de lectura!




15/11/20

Coraxe


 C
elebro a publicación deste libro por parte de Sushi Books: Coraxe. Poemas audades para rapazas afoutas. Textos de empoderamento de diversas mulleres que escriben dende o feminismo e que veñen reseñadas nas últimas páxinas do libro para que as poidamos coñecer, xa que estamos ante unha tradución. Por suposto, neste libro faltan as nosas escritoras, pero coido que a publicación pretende dar a coñecer estas voces estranxeiras que se nos poden escapar. Así que si, un libro moi necesario e moi útil para a rapazallada e para o noso alumnado, nestes tempos difíciles que vivimos: o mellor é un libro que nos axude a entender e a vivir en loita contra o patriarcado e a cousificación. Un auténtico pracer descubrir todos estes nomes e as súas mensaxes.

Moi axeitada tamén é a estrutura do libro, pois poderiasmo agardar que se sucedesen os nomes delas e puxesen un monllo de poemas de cada unha. Pero non sucede así, senón que os poemas están clasificados por temáticas, como "Feitas de lóstrego, sobre o corpo e a identidade", "A modo de dentes", "Instrucións para comer cana de azucre, sobro o amor e a perda"...

 

das rapazas espérase

que recendamos a flores

pero é máis común que cheiremos ao sangue

as miñas rapazas non son flores

as miñas rapazas e eu,

non somos metáfora ningunha

somos o noso corpo

mol, curtido e noso

que ten que ser listo

e negarse a ser cartucheira da

pistola dun home

(Hollis Wong-Wear)

28/03/17

Todos teriamos que ser feministas

Publica Sushi Books na nosa lingua a conferencia de Chimamanda Ngozi Adichie Todos teriamos que ser feministas, unha reflexión sobre o feminismo e a súa existencia necesaria e incondicional. A autora fala dende unha dobre condición, a de muller e a de africana, polo que seguramente sabe máis de desigualdade que outras moitas persoas. Esta conferencia baseouna, por tanto, en como semella imposible non ser feminista nun mundo que nega a igualdade, ou sexa, dereitos humanos básicos, á metade da poboación.
No libro fala de variadas cousas, dende aclarar que o feminismo non é contrario ao machiscmo, do que significa, das connotacións negativas que arrastra, da necesidade de seguir loitando pola igualdade... Relata asemade algunhas experiencias persoais que sufriu como muller e como muller negra, resaltando que son tan só un exemplo máis, porque hai miles. E eses miles de exemplos deixan claro que os homes non reciben o mesmo trato cás mulleres. A solución? A educación. Só con esta seremos quen de construír unha mellor cultura e respecto.
Lin desta autora Americanah, e encantoume. Abofé que volverei a ela!



31/10/16

A lenda de Sally Jones

Sushi Books trae á nosa lingua este sorprendente e atractivo libro de Jakob Wegelius, A lenda de Sally Jones, unha metáfora da maldade e da vileza, tamén da amizade e da bonhomía, asemade da morriña e da traizón. De todo hai neste libro que vén a ser unha novela de aventuras protagonizada por un gorila que posúe grandes calidades ás veces esquecidas polos humanos, como son a lealdade ou mesmo a xenerosidade e a amizade sen paliativos. Un álbum ilustrado maxistralmente que se le nun salaio e que deixa un pouso de esperanza; entre a crueldade pode haber xente boa.



06/11/13

Venres

Celebro que a editorial Rinoceronte decidise con este selo agasallar aos lectores con álbums coma este que arestora nos ocupa: Venres de Santiago Freire con ilustracións de Dani Padrón baixo o selo Sushi Books. A historia do amigo de Robinson Crusoe dende o outro lado... é dicir, quen ten o protagonismo aquí é Venres, quen baixo unha ópica irónica conta as aventuras de Robinson e como lle debe ensinar de todo para aprender a defenderse. O final, auténtico, real e humano.
 As ilustracións, por suposto, magníficas. Non podían ser doutro xeito!




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.