Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta La Guarida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La Guarida. Amosar todas as publicacións

06/10/16

Álvaro Saltarín

Aurora Ruá e Guridi son os artífices deste simpático álbum publicado pola Guarida: Álvaro Saltarín é un libro longo e estreito que nos amosa canto pode saltar -ou voar- un intrépido neno que ata trae un medidor para quen queira saltar moito e precise saber se chega a alcanzar os saltos do noso protagonista... e os sustos da súa nai. Pero se ata a letra do nome -na cuberta- voa!!! Iso si, voa máis alto ca un paxaro, para darnos unha idea do que nos imos topar dentro, que non é outra cousa máis que un texto sinxelo e divertido ideal para contar en voz alta, para gozar da lectura e da fantasía que esta nos proporciona. 
Xunto co texto, unhas ilustracións que xogan á súa vez coas perspectivas e os tamaños do que nos ofrece, con planos xerais e detalles nimios, e sobre todo con moita alegría, alegría pintada e alegría compartida, porque o álbum déixanos cun gran sorriso debuxado na face.




05/05/15

Un cuento y veinti3 sonrisas

Aurora Ruá escribe un álbum que é unha viaxe ao optimismo acompañada de todos estes ilustradores  Sonja Wimmer, Paula Alenda, Mónica Carretero, Fernando Falcone, Valeria Gallo, Carlos Ortín, Cecilia Varela, Miguel Calatayud, Chito de Arriba, AnnaLaura Cantone, Iban Barrenetxea, Jacobo Muñiz, Kike Castaño, David Pintor, Julio A. Blasco, Aitana Carrasco, Poly Bernatene, Pablo Auladell, Clau Degliuomini, Susana Rosique, Viviana Bilotti, Eugenia Nobati, Ángel Trigo en Un cuento y veinti3 sonrisas que publica La Guarida. Nesta viaxe a un mundo cheo de risos e sorrisos, descubrimos que a vida só se pode vivir cando a ledicia é quen manda, quen reina, e será esta precisamente o segredo dunha vida moi especial. De fondo, o relato ten sabor a conto popular
A suposta modelo do cadro "A Gioconda" será o leit-motiv de todas as ilustracións que gobernan o libro, un abano de posibilidades nos que cabe surrealismo, humor, modernismo...

 “Tómese la risa en serio, que no es asunto de broma”



UN CUENTO Y VEINTI3 SONRISAS from La Guarida Ediciones on Vimeo.

23/09/14

Todo patas arriba

Lindo e tenro, con humor. Así é este álbum de Pablo Albo e Viviana Bilotti que publica La guarida ediciones: Todo patas arriba é unha declaración de amor, unha historia de felicidade contaxiosa onde as ilustracións teñen moito que dicir (unhas ilustracións onde destacan as cores laranxas, as ocres... cores cálidas para acompañar). Parádevos a comparar a primeira e última páxina! Podería parecer que se repiten pero non: os efectos da historia déixanse ver pero hai que procuralos. Mesmo hai ilustracións que están "patas arriba". Porque desta volta o comezo da historia é o beixo... que será o desencadeante dos sucesos. Si, así é. O pan e a manteiga sofren os efectos inmediatos. A xente ri e é feliz. E a ledicia contáxianos.


“Este fue un beso de amor verdadero como pocas veces se han visto u oído (casi ni imaginado) en el mundo.”


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.