Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Anagrama. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anagrama. Amosar todas as publicacións

05/12/25

Tenemos que hablar de Kevin



 Un libro durísimo que debedes ler. Atrapa dende un principio, cunha historia sobre a maternidade que fai tremer os alicerces nos que nos asentamos. E aínda que na metade do libro, intuíamos o final, deunos igual, porque sabe manter o interese. Hai que lelo e punto. Falamos de Tenemos que hablar de Kevin, de Lionel Shriver, publicado por Anagrama.

A historia, xa en filme, é unha historia dunha relación entre unha nai e un fillo; non é unha relación calquera, claro está, senón que é ben especial. Esta relación vai evoluíndo e convértese nalgo realmente perturbador. Porque así era Kevin dende o inicio: a maldade humana déixase ver en todo o seu esplendor.  É imposible amar un fillo? Sobre todo se se considera que este pode rachar coa propia existencia. A autora é quen de conseguir que nos identifiquemos coa protagonista, porque o sentimento maternal máis doce é tamén un odio que delata un amor extremo.

Asemade, o tema da maternidade, algo que se discute aínda hoxe; non é ben recibido cuestionarmos as mulleres o instinto maternal. De aí que nesta historia se aborde sen restriccións este tema, mesmo pode quedar curto. Estamos así, rematando o ano 2025, nunha sociedade que sobrepón o éxito familiar ao profesional... se é para unha muller, claro.

 “Porque solo faltan tres días para que se cumplan dieciocho años de esa horrible lucha, puedo anunciar finalmente que me siento demasiado agotada, demasiado confusa y demasiado sola para seguir luchando, y que, aunque sólo sea por desesperación, e incluso por pereza, amo a mi hijo. Le quedan por cumplir cinco penosos años de cárcel, y no puedo pronosticar cómo será cuando salga. Pero, de momento, tengo dispuesta una habitación para él en mi práctico apartamento. La colcha es sencilla, En la estantería hay un ejemplar de Robin Hood. Y las sábanas están limpias.

 Siempre… tu amante esposa,

Eva “


05/11/25

La hija única



 Publicado por Anagrama, La hija única é da autora mexicana Guadalupe Nettel.

Estamos a falar dunha lectura áxil, non só pola forma de narralo todo, pois é directa, concreta, estable, senón pola estruturación dos capítulos, que non ocupan -en moitos casos- máis dunah folla. O título fai referencia a moitas situación da novela e é, precisamente, o xogo máis literario da novela. Para logo non ter pretensións artísticas, coido eu.

É como se a autora se puxera na mente da protagonista e se dedicase a trasladar os seus pensamentos nas follas que compoñen a novela; pensamentos e situacións que compoñen a súa realidade. Tan próxima á de moitas mulleres, tan pouco contada, que paga a pena coñecer.

En realidade, son moitas unidades. Tantas como maneiras temos de pensalas. É Nicolás, é Inés, é Doris, é Laura... son esas aves a quen parasitan con outra cría (coma o noso cuco):

"El cucú hace incubar sus huevos a otras especies, depositándolos en nidos donde ya hay al menos otro huevo. Para poder hacerlo, la hembra del cucú imita el canto del gavilán asustando a los futuros padres adoptivos de su cría y los orilla a abandonar el nido temporalmente". "A mí me intrigan más las aves a las que parasitan. Me cuesta trabajo creer que no se enteran de nada".

Un dos temas máis importantes, dende o meu punto de vista, e que non se trata demasiado é o desexo de NON ser nai, é decidir vivir de xeito independente, sen parella (o celibato que agora pon de moda a cantante Rosalía no seu último tema). A protagonista non ten a vida que se espera dela porque se dedica á súa carreira profesional. Transmite o que lle pasa por ese motivo e o seu día a día facndo referencia ás vidas que a rodean e que nada teñen que ver con ela.

Asemade, destaca a crítica á romantización da maternidade das sociedades capitalizas, pois todas as nais son desgraciadas. O movemento feminista será crucial para encamiñar a vida dunha delas. Os grupos feministas denuncia os feminicidios de México, aos que se fan referencia, pero é algo residual no libro. 

O que máis sae do común é a historia. As relacións son tortuosas e hai historias crúas arredor da maternidade, xunto coa non monogamia e a disidencia afectivo-sexual. Non é unha novela heterocéntrica e presenta relacións coidadosas, con erotismo sen intimidación; non existe cortexo xerárquico porque entre mulleres é máis amable, sen instrucións marcadas propias da heterosexualidade, tan estereotipadas.

"Cuando uno es joven resulta fácil tener ideales y vivir conforme a ellos. Lo complicado es mantener la coherencia a lo largo del tiempo y a pesar de los retos que nos impone la vida".

21/09/25

Maniac

 


Había que ir a Maniac de Benjamin Labatut publicado por Anagrama. Unha obra inclasificable a medio camiño entre a novela e o ensaio que conta achádegos para comprendermos a historia recente a través da ciencia. Un xeito de poder entender un pouco mellor como o ser humano pode ser completamente irracional e se este fai política xa temos o cóctel molotov máis perigoso feito.

Un paseo polos últimos cen anos englobando a física cuántica, a computación e a intelixencia artificial, sempre tendo en conta a fabricación da bomba atómica a través das vidas do físico Paul Ehrenfest, o matemático Johnny Von Neumann e Lee Sedol, xogador de go. Cada un deles ten unha parte do libro, con maior extensión para o segundo.

O libro que temos entre as mans vén a ser un retrato dos xenios, humanos que son xenios, pero que ao mesmo tempo das súas luces teñen as súas sombras, ou mesmo tebras. Como luces e sombras hai na sociedade e no pasado século, Maniac repasa a súa política axitada, revisa o presente e pregúntase sobre o porvir, e aí ten moito que dicir a ciencia, quen -de seguro- axuda a deseñar un futuro que, dubidamos ante a nosa actualidade, non será mellor.



11/08/25

Un verdor terrible



 Un bo libro para ler sobre algo que nos pode ser tan complicado como é mecánica cuántica, ou tan afastado para algunhas persoas como son as matemáticas. Porque este libro trata ambos temas e asemade de científicos xeniais e humanos, persoas que non deixan de ser persoas e deben convivir co resto da sociedade sendo como son.

O autor, Benjamín Labatut, parte de sucesos reais para crear unha obra de ficción a medio camiño da divulgación científica. Catro relatos que deambulan pola Historia e os seus personaxes, viaxes polo século XVIII e polos campos deconcentración, un paseo pola Arte pola Química e mesmo pola Política. O autor ten oficio e sabe construír esta especia de literatura científica levándonos da man comodamente, incluída a metafísica.

Resulta que no fondo, coma a todo ser humano, o libro procura ENTENDER, así con maiúsculas, xa que se asoma ao que resulta incomprensible, no senso científico e non filosófico. Porque a ciencia procura explicalo todo e que non quede ningunha dúbida sen resolver. O interese, en parte, do libro vén da mestura entre o literario e o científico que se traduce á súa vez na mestura entre ficción e realidade.


31/08/21

Agathe

 

G
ustoume esta novela curta de Anne Cathrine Bomann publicada por Anagrama: Agathe é unha viaxe pola soidade e a dor silenciosa que pode derivar nunha angustia tremenda. Poucos personaxes son necesarios nesta novela: o propio protagonista, psiquiatra, a súa asistenta -importante no seu silencio- e unha paciente que lle dá título ao libro: será esta quen axude a curar ao médico da súa propia doenza, a súa vida. Con poucas palabras, asistimos a un proceso psicolóxico totalmente revelador; realmente, o máis importante do libro é como se fala das enfermidades mentais, con total transparencia e naturalidade.



20/08/21

Rewind


 Encantoume este libro de Juan Tallón, Rewind, publicado por Anagrama. Pareceume un libro moi bo, ben escrito, que te atrapa entre as súas páxinas, que falan sobre todo da perda, pero tamén da supervivencia e da resilencia. Os personaxes que falan e que transitan entre elas son grandes supervivintes que ao mesmo tempo son testemuñas da amizade, do amor, e mesmo da violencia. A vida é difícil, pero estes personaxes teñen que asumir a vida sobrepasando a maior das dificultades, e aí está a súa loita; vivir sen esquecer, sen poder pasar páxina, pero vivir, ao fin e ao cabo. Esta vida é un empoderamento das persoas, trazando diferentes estratexias, pero procurándoas entre o lixo que perdura.

Un libro que non dá tregua,  cunha estrutura que consegue atraparnos para seguir os acontecementos; máis ben, para seguir avanzando, porque acontecementos, a posteriori, non hai máis que aquel que marcou a vida e o libro en si. Dor, tristura, impotencia. As páxinas transitan por estes sentimentos que chegar ao lectorado para andar o mesmo camiño que os personaxes e preguntarnos, asemade, cal sería o noso traxecto a percorrer. Supoño que iso só a vida podería decidilo. E mellor que non o faga, dendo logo.

 

07/04/21

Un amor

 
S
ara Mesa
é a autora de Un amor, publicado por Anagrama. Un libro interesante e, por veces, estresante, que vos recomendo. Unha novela que nos presenta un ambiente cheo de tensión onde o espazo é un dos personaxes principais, xa que o drama que vivimos non sabemos se sería posible noutro escenario, con eses estados oníricos que son tormenta e calma, son tensión dentro dun amor duro e nun ambiente agobiante que nos atenaza. Como lectora síntome igual de intrusa que a protagonista nesa aldea que me provoca claustrofobia a pesar dos seus espazos abertos. Semella unha contradición pero mentres escribo máis clara me parece: espazos abertos con mentes pechadas que se apoderan dos sentimentos da protagonistas, que a succionan e mesmo temo que desapareza, coma pantasma, nesa amor "romántico" onde os celos mandan e dan paso á humillanción, ao rexeitamento, á crueldade.

Dilemas morais e debates éticos que nos provocan sensacións incómodas que nos perseguen ao remate da lectura.


19/02/21

Lectura fácil

 Andei detrás desta moza para que colaborase coas súas lecturas, que son moitas, pero nunca se me animou. Ata agora, impulsada por unha lectura que quere compartir convosco. Trátase de Lectura fácil, de Cristina Morales, publicada por Anagrama.

Grazas, Lara.



Lectura fácil para min é un libro imprescindible porque remove. A súa escrita fascina, o control da linguaxe que ten Cristina Morales provoca en quen a le un pracer desmedido; cada frase, cada enunciado, cada subordinada, ten unha carga semántica tal que fai que a súa lectura sexa inesgotable. É, ademais, unha novela heteroxénea, cambiante, con narracións diversas e estilos diferentes que se van adaptando ás personaxes. Ou será ao revés?

Sobre todo, Lectura fácil é política, é compromiso, é ideoloxía. Coonverte en visíbel a discapacidade intelectual ou, como di Morales, visibiliza esa etiqueta aséptica e politicamente correcta das institucións, un feito non novidoso pero si innovador, non só porque as protagonistas sexan mulleres, que tamén, senón porque a autora narra dende as marxes, reflexiona sobre a okupación, sobre a sexualidade, sobre "el yayo Karl"... a través de persoas que socialmente son consideradas residuos humanos, seres inferiores, vermes.

Non só a novela senón a propia Cristina é alguén que paga a pena coñecer. É un ser subversivo, interesante, cun talento innegable para a escrita. A palabra perténcelle de tal xeito que é capaz de crear significados cheos de beleza. A súa linguaxe é forza, é combativa, un exercicio de talento e intelixencia delicioso.

18/02/21

Nuestra parte de noche

 Hoxe un amigo vén a recomendarnos un libro que o enfeitizou: Nuestra parte de noche de Mariana Enríquez, publicado por Anagrama.

Grazas, Antón.

 


Comecei a ler sen saber de que ía e atopei unha paisaxe muda e fermosa na que a escuridade é a protagonista. Xente malvada, o diaño, invocacións, o medo, a herdanza envelenada, o eterno retorno da familia, o amor sen ambaxes, o amor dorido, o sexo sen lindes, a fraternidade...

Mariana fálanos de como levar unha carga toda unha vida sen compartir, asumindo a culpa e a responsabilidade soa. Mariana fálanos do poder da beleza, que é quen de conquistar as tebras. Mariana fálanos de desinhibición sexual. Cóntanos sobre a impronta das nais e pais abusivas. O seu estilo é aterrador e encantador a partes iguais, capaz de debullar a psique de persoas en horas baixas, de monstros amorais, de demos doutros mundos.

23/01/21

La hija única


 U
n libro para recomendar firmemente. Sorpréndenos Guadalupe Nettel con este duro relato sobre a maternidade, publicado por Anagrama. En La hija única veremos diferentes nais, diferentes xeitos de pensar, diferentes xeitos de vivir, diferentes xeitos de encarar unha desgracia. Dous eixos fundamentais: a maternidade dunha bebé con problemas cerebrais e a maternidade dun neno con problemas de conduta. Tamén está a antimaternidade. E a relación coa propia nai. Sobre todas as maternidades planea a complicación da vida. Non procuredes unha visión amable da maternidade, ao contrario, aquí non se agocha nada. Sobre a maternidade voa o cansazo, o agobio, o sacrificio, o distanciamento da parella, mesmo a posibilidade da morte... moito sufrimento a carón tamén de pequenas ledicias. A autora ademais aproveita para denunciar os feminicidos e para falar de sororidade e feminismo como única ferramenta posible de cambio, como o único camiño posible para a transformación da sociedade e do noso papel nela.

Non a perdades.


14/04/20

El amigo

Unha amiga recomendoume este libro xa hai tempo, e foi agora cando tiven azos para lelo. Sigrid Núñez publica en Anagrama El amigo, un libro que semella un exercicio de autoaxuda para sobrelevar a dó (a inesperada perda do seu amigo provocará unha especie de "perplexidade perenne") e que ao mesmo tempo é unha cita continua doutros libros e doutros autores, de filmes (boto de menos unha bibliografía final!). Unha relación entre unha moza e un can vello que herda da morte do seu mellor amigo que serve para reflexionar sobre a vida, o amor, o sexo, a amizade, a perda, a literatura... Polo libro desfilan citas literarias, pensamentos literarios, cursos de escritura, consellos, metaliteratura e reflexións sobre os animais de compañía. Arredor deste animal de compañía, do can chamado Apollo, escríbese o libro, un libro no que o único nome propio que aparece é o do can, xa que todos os personaxes humanos non o teñen. Quizais para resaltar que os animais non teñen certos defectos propios dos humanos como a envexa ou a vaidade, e quizais por iso nos avantaxan; iso si, senten tantas emocións coma nós. Amar os animais é normal.
O libro procura unha vibración no lectorado especial, de xeito sinxelo, e resalta por introducir unha perspectiva diferente para explorar os vínculos afectivos.


07/09/17

Un amor imposible

Publica Anagrama este libro de Christine Angot, Un amor imposible, un libro de amor e desamor en todas as súas vertentes, un libro duro e ao mesmo tempo tenro, un libro impactante que vai sacando á luz un dos peores sucesos que lle poden ocorrer a unha filla con respecto a seu pai. Nun principio nada nos leva a pensar que vai tratar deste amor, senón que pensaremos que fala do amor imposible entre unha parella por diferenzas sociais, étnicas, relixiosas... e a medida que avanzamos imos odiando a figura paterna por como pensa, por como trata á esa moza coa que mantén a relación amorosa. Logo odiarémolo por todo. Aquel amor imposible entre os pais, que está unido sobre todo polo desexo e polo amor da nai, convértese noutro moi diferente, tamén imposible, polas circunstancias da dor, polo trauma da filla. O amor imposible xirará despois en torno á nai e á filla, o sentimento de culpa, de rabia, de desprezo. Logo virá a soidade. E quizais, o intento de perdón.
Como non cuestionar o amor?


04/08/16

El ruido del tiempo

Amósanos Julian Barnes en El ruido del tiempo, publicado por Anagrama, as difíciles relacións que a arte e quen a representa establece co poder, máxime cando falamos de totalitarimos. 
O autor sitúanos na Rusia de Stalin, alá polo 1936, cando o ditador acode á represantación de Lady Macbeth de Mtsensk de Dimitri Shostakóvich e realiza unha crítica demoledora. Dende entón, o músico converterase no maior músico do réxime. Que acontece para que haxa este cambio? Existe a liberdade? É o medo quen domina sobre as nosas conciencias? Deberemos loitar por aquilo no que cremos ou renunciar a todo canto amamos por seguir vivos? Debe estar a arte ao servizo do goberno?
No libro vemos como o compositor agardou durante anos unha visita a media noite, esa que lle deparaba a morte. Como sobrevivir a esta anguria cotiá? Asemade, Barnes amósanos un músico de carácter tímido, pusilánime, obsesivo. Tiña este ser o carácter suficiente para loitar contra o Poder? Shostakóvich sufriu a perversión do totalitarismo político, quedando sen autoestima, sufrindo impotencia e medo. E si, seguir producindo música, porque esa era a súa única forma de vida, o seu xeito de comunicación cos outros seres humanos. E decidiu seguir adiante, realizar unha pantomina ao servizo da Rusia soviética, a sabendas de que non estaba de acordo, de que el consideraba a alma rusa pesimista e non luminosa.
Barnes non só nos amosa os feitos, senón que fainos partícipes dos pensamentos do músico, da súa clarividencia, do seu entendemento, da súa distancia interior co réxime. Sabe que a arte non está ao servizo de ninguén, que pertence a todos e a niguén. Consíderase un covarde, un verme: “al permitirle vivir lo habían matado”. 
É interesante a reflexión a que nos conmina o libro.  Shostakóvich era un ser humano. Un ser humano calquera, non un heroe. E sobreviviu, esa foi a súa opción. Quen somos nós para xulgalo a el ou a outro calquera? Ninguén sabe como reaccionará ante determinadas circunstancias ata que non nos topamos de fronte contra elas. E ogallá iso non suceda.




03/01/16

Cicatriz

Deixoume desconcertada a lectura de Cicatriz de Sara Mesa publicada por Anagrama. Desconcertada polo final, pola actitude da protagonista que eu presumía inicialmente que ía desviarse por outros derroteiros ben diferentes, por esa nostalxia que pendura da última liña. Porque o libro vai dunha relación de codependencia entre dúas persoas solitarias que se establece a través de Internet. Unha relación desasosegante á que contribúe o xeito da narración, xa que o estilo é sumamente escueto, nu, onde se ocultan os sentimentos; mesmo os saltos temporais están ao servizo deste desasosego existencial que nos asolaga coa lectura, mentres teremos que ir enchendo ocos temporais e espaciais que a propia autora non ofrece. E destaca, asemade, a falta de dramatismo, a pesar do tema, da relación que non satisface pero que semella necesaria para respirar e seguir adiante.
E como pano de fondo, os libros e a lectura.

27/08/15

Sé dónde estás

A historia dun acoso é a que nos conta Claire Kendal en Sé dónde estás publicado por Anagrama. Un libro que atrapa e desasosega, porque detrás da historia, detrás da novela, está a realidade. E mentres lemos somos demasiado capaces de vela ante os nosos ollos. E isto é realmente terrible, porque coa protagonista viviremos a indefensión da muller, o medo, a necesidade de seguir vivindo, a necesidade de ser crida, a prioridade de seguir cunha vida que semella soñada. Por tanto, detrás da historia, ben contada por certo (desde o principio sabemos o que lle sucedeu á protagonista, aínda que ela non queira poñerlle nome, aínda que sinta vergoña, e mesturado con contos de fadas nun caderno escrito pola propia protagonista e outras partes en terceira persoa) prevaliza a indefensión da muller, unha crítica á sociedade machista e patriarcal na que vivimos xa que a vítima será quen teña que demostrar que é o que é: unha vítima dun acosador sexual e posible asasino.
Sete semanas que devoraremos ata quedar case sen respiración.

"Eres tú. Por supuesto que eres tú. Siempre eres tú. Alguien me está dando alcance y me vuelvo y eres tú. Sabía que serías tú, pero aún así pierdo el equilibro sobre la nieve helada. Me tambaleo. Tengo mojadas las medias por la parte de las rodillas. Mis mitones están empapados."

20/08/15

Caza al asesino

Interesante proposta a de Jean-Patrick Manchette que recupera Anagrama con prólogo de Carlos Zanón: Caza al asesino non é unha novela negra na que haxa detectives que procuren asasinos, senón que hai un asasino que procura deixar de selo pero todo llo impide. Unha mirada brutal e impactante a este mundo de soidade e de violencia, onde non hai esperanza, nin sequera a elección da liberdade doutro mundo soñado. A crítica social volve ser a que importa dende un punto de vista de acción e violencia, o mellor da novela negra. Arestora, estamos no contexto da Guerra Fría, o que servirá ao autor para facer esta crítica social dende o punto de vista dun asasino profesional movido tan só por un único interese, os cartos. Pero este interese terá un prazo de caducidade que non permitirán que se cumpra. E a partir de aí, a violencia máis extrexa, a crueldade cínica, o desamparo. O autor describe a mente do asasino dende un punto de vista totalmente visual, porque seremos capaces de ver as escenas cunha información plena, permanecendo atentos aos detalles que nos proporciona e respirando canda o protagonista.
Boísima.

21/07/15

Reflexiones del señor Z

En Anagrama topamos este libro de H. M. Enzensberger: Reflexiones del señor Z. o migajas que dejaba caer, recogidas por sus oyentes. Non estamos ante unha novela senón que é un libro de aforismos moderno, onde o protagonista conmina o lector/a a cavilar sobre todos os temas. Guiados por un protagonista do que nada sabemos agás da súa sabedoría, é unha especie de Sócrates excéntrico que gusta de ser escoitado, discutido, aprehendido. O labor do protagonista é falar de relixións -ou da súa ausencia-, das institucións, da economía, da educación... de todos os temas posibles. O mellor é esa porta aberta a un universo de pensamentos. Non leremos os pensamentos do señor Z como algo que debemos crer, senón que o importante é que nos deixa cavilar a nós, xa que el mesmo contradise habitualmente. E iso é o mellor. Porque do humano e do divino somos quen de opinar.


13/07/15

También esto pasará

Milena Busquets é a autora de También esto pasará publicado por Anagrama. Aclamada pola crítica, a min pareceume un pouco excesiva, cunha parte final moi boa, a que máis me gustou: o epílogo. O libro fala da perda, do amor e da ausencia. Pero a min esta muller pija que non sabe madurar, que procura sexo sobre todo, non me acabou de convencer. En todas partes pon que é o mellor da novela, pero para min non o é. 
Gústame a dicotomía que se produce entre as ganas de vivir e a consciencia da dor, da ausencia, da morte dun ser querido que viña sendo unha meta e unha guía. E esta oscilación existencial é a que mellor conseguida está. Esta parte gústame porque anota a ausencia como un lugar onde non queda ninguén e nada queda para procurar, pero un lugar ao que debemos volver unha e outra vez, porque é un principio e é un final. E gústame o ton da novela, o desencantamento acedo que domina todo o tempo e que estimula unha pena que non se dá superado.
Pero non me acabou de convencer logo esa vida que amosa, ás veces superficial, ás veces relaxada, de nena rica, de muller intranscendente. Suceden moitas cousas, ou ningunha, non ten valor nin me aporta nada o que conta neses momentos de "acción": unha viaxe que parece unha comedia a Cadaqués onde a madurez semella non chegar nunca. Ou a orientación aínda non topou o norte.

"No estoy enfadada. Pero mentalmente ya he empezado a calcular los minutos que faltan para que se vaya y me quede sola y tu muerte vuelva a asaltarme y todo vuelva a empezar. Todo el amor de mis amigos y de mis hijos no es suficiente para resistir la embestida de tu ausencia, necesito estar bien agarrada a un tío para no salir volando por los aires.".

17/10/14

La melancólica muerte de Chico Ostra

A verdade é que non tiña nin idea de que Tim Burton tamén fose autor, e sóubeno polo Facebook. Como estaba tan recomendado non tardei en achegarme a La melancólica muerte de Chico Ostra publicado por Anagrama e que vai xa na súa 20ª edición dende 1999. O libro ten un defecto: lese deseguida. Pero se a algún de vós lle gusta o particular universo de Burton, este libro é perfecto: nenos de todo tipo, especiais, que serán descritos en verso, e que mesturarán crueldade e tenrura nun xogo perfecto de poesía macabra. Unha estraña colección de personaxes que viven nun mundo caracterizado polo humor negro.
Unha xoia ben especial... só se vos gusta o seu universo.

                                                           De todos los superhéroes
hay uno que es el más raro:
no tiene muchos poderes
ni es su coche el más caro.
Junto a Superman o Batman
no parecerá muy épico
pero es de verdad espléndido
y supermancha lo llaman.
Aunque no puede correr
tan veloz como una lancha, 
tiene el extraño poder
de dejar siempre una mancha.
Le molesta que su don
no sea en el aire volar, 
sino tener que pagar
de lavandería un cuentón.

30/07/14

Peste & Cólera



Interesantísima lectura esta novela que vén da man da editorial Anagrama, Peste & Cólera de Patrick Deville. Considerada como a mellor das novelas premiadas en Francia no ano 2012, o libro vén a ser unha biografía de Alexandre Yersin, quen descubriu o bacilo da peste e a vacina para derrotar tal enfermidade. Pero Yersin non foi tan só (tan só!!!) iso, un investigador, senón que ademais foi bacteriólogo, explorador, cartógrafo, botánico especialista en aclimatación de especies, meteorólogo, enxeñeiro e arquitecto. Un home do Renacemento, vaia. Un home que viviu a finais do século XIX e contemplou a ruindade do home nas dúas grandes guerras do século XX. O autor ofrécenos ademais un abano de personalidades da súa época, científicos do Instituto Pasteur que se dispersaron polo mundo adiante.
A acción desenvólvense en dous tempos, a Francia de 1940 cando o protagonista xa é vello e a súa orixe e formación como investigador, proseguindo a cronoloxía desta. E chama a atención como narra estes tempos o autor, falando da "pantasma do futuro" e do presente, dando vida a canto documento manexou para escribir o libro: cartas, testemuños, artigos... facendo un repaso de historia contemporánea chea de poesía e arte, porque tampouco faltan constantes alusións a poetas e artistas daquel momento, como tamén están presentes nomes que se proxectan na actualidade: Armand Peugeot, Édouard Michelin, Louis Lumière, ou Cola-Canela, a bebida estimulante de cor negra invención de Yersin.
Eu nada sabía deste personaxe e fiquei prendida, asemade muda. Como a historia pode esquecer persoas así? Grazas,  Patrick Deville, por iluminarme.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.