Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Galaxia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galaxia. Amosar todas as publicacións

13/04/22

Flores de ferro


 M
aría Rei Vilas
obtivo o Premio García Baros 2020 con este Flores de ferro publicado por Galaxia. A verdade é que cheguei a este libro por recomendación expresa dun compañeiro e a pesar de que a miña recomendación non vai ser tan entusiasta, o libro déixase ler moi ben e xa teño a varias alumnas enganchadas, o que tamén é moito máis ca un bo síntoma. Moi destacable é o papel das variadas mulleres que poboan as páxinas do libro (de aí o seu título e a importante reivindicación social que aporta) así como a tensión narrativa que se vai desenvolvendo e que imos artellando a medida que avanzamos a lectura, con solucións nada presaxiables dende o principio. Porque devagariño imos chegando ao terror do golpe de estado franquista e a posterior represión, a maldade e a vinganza que reinou no noso país e as esperanzas derretidas ao longo dos anos. 

O pasado como solución aos problemas do presente, un pasado que se quixo ocultar pero que sempre sae á luz, ou que debe saír á luz para poder argallar o futuro.



26/02/22

Eternity


 T
iña moita curiosidade polo regreso de Xosé Monteagudo, autor da que para min é unha das mellores obras narrativas dos últimos tempos da narrativa galega: Todo canto fomos. Agora chego a Eternity, publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio Narrativa Breve Repsol 2021. 

Monteagudo ten oficio e nótase. Vese na narración que lemos, cun texto ben elaborado. E gustoume a proposta que nos achega neste libro: un lugar en internet que preserve a memoria dxs falecidxs, un cemiterio virtual. Unha idea, por outra parte, ben interesante que nos fai reflexionar sobre a trascendencia do ser humano. Pero o autor, asemade, desenvolve ao mesmo tempo outro fío argumental que nos lembra que ás veces descoñecemos as persoas máis próximas. Ao mesmo tempo, e aínda sendo unha novela curta, hai reflexión ben interesantes sobre o acto da escrita ou da calidade literaria, e mesmo sobre a procura de traballo da xente nova na nosa sociedade.

Unha proposta literaria que non defrauda.




19/02/22

Virtudes (e misterios)

 
G
ustoume a proposta que nos fai Xesús Fraga no seu Virtudes (e misterios) publicada por Galaxia, obra que recibiu o Premio Nacional de Narrativa neste ano 2021 e que asemade xa recibira o Premio de Novela Blanco Amor 2019: un libro que combina xéneros como a novela, a crónica e o diario, e que consegue ofrecer unha visión máis da emigración que emociona e conmociona, pois o sentido do humor que amosa é parte importante da trama, unha vida -varias vidas- reais que nos lembran a tantas persoas coñecidas que tamén viviron situacións semellantes. 

Comentábame un compañeiro que leu o libro canda min que el non se sentía identificado con esta emigración, que o seu punto de vista como fillo de emigrantes é moi diferente. Coido eu que non tentaba o autor con este libro escribir un libro universal sobre a emigración, posto que o relato da emigración é múltiple e hai moitas e diferentes vivencias, senón que realiza unha estupenda homenaxe á súa familia e a unha avoa imparable que si pode ser espello doutras mulleres inquebrantables que viviron a emigración. Dende aí e dende aquí, un libro que nos axuda a falar deste drama universal e galego, que explica moita idiosincrasia familiar da nosa terra e que ademais está ben contado e ben escrito e que resulta unha boa proposta para achegarnos a unha familia que podería ser moitas.


30/09/21

A cámara escura

 


J.
L. Baños de Cos
é o autor da obra de teatro A cámara escura publicada por Galaxia. Unha obra dirixida á xente nova cunha linguaxe moi próxima e utilizada por esta, incluíndo palabras que a mocidade utiliza constantemente como crush, best friend forever, influencer, superlike… . Lemos un texto áxil e rápido como as mensaxes que enviamos por WhatsApp. Quince escenas compoñen o drama de Alicia nun ritmo frenético onde o móbil é o gran protagonista. Xunto a este permanece o "Coro", personaxe colectivo que se manifesta nas redes sociais, dende o Instagram inicial ao WhatsApp final. Este personaxe colectivo xulga pero non aporta, e mesmo desaparece.

Alicia, a protagonista, comparte unha foto co seu crush, sentiuse obrigada a facelo. A presión social pode ser moi forte. Hai que ser aceptada polo grupo. Tal como Alicia no país das marabillas, esta Alicia, entra no tobo -móbil- do coello e xa non hai escapatoria. Entra no móbil, no grupo, e xa deixa de ser ela, xa é de todos, dese Coro que se cre co dereito de xulgar. Un tobo que é unha cámara escura da que é difícil saír e  illa ao mesmo tempo que expón.  Unha Alicia que se duplica, que se observa a si mesma a través dun espello no que non se recoñece, que a mantén atrapada sen poder comunicarse nin con súa nai, tan próxima e tan afastada.



28/09/21

Distancias

 


Tamara Andrés e Marcos Viso asinan Distancias, álbum poético publicado por Galaxia. Un libro onde poesía e ilustración  camiñan da man, interrelacionándose entre si de xeito que a mensaxe nace da interconexión da arte poética e a iconografía visual. O libro é unha gozada, un xogo literario que nos leva da ilustración á palabra e viceversa. De lectura lenta e goce inmenso, podemos e debemos mergullarnos lentamente, deleitándonos con cada páxina, comezando no punto que nós queiramos. Illemos a tristura e deixémonos levar perdéndonos no noss interior para enfrontar preguntas labirínticas que nos arrastran por diferentes camiños.




23/09/21

A vida secreta de Úrsula Bas


 L
ese de seguido a nova novela de Arantza Portabales publicada por Galaxia: A vida secreta de Úrsula Bas. Un novo caso para os policías Santi Abad e Ana Barroso, unha intriga de ciumes e vinganzas, onde os protagonistas viven un proceso de reconstrución das súas propias vidas ao mesmo tempo que deben resolver un cado de desaparición. A carón desta investigación tamén hai, como non, crítica social tentando amosarnos como as persoas somos  diferentes ao que parecemos realizando unha caracterización dos personaxes bastante profusa, incidindo en como os sentimentos dominan tantas veces os nosos actos, facendo que estes parezan irracionais. Aínda así, esta caracterización psicolóxica non chega a ter a fondura apetecible para este tipo de novelas. 

Recoñezo que eu, como lectora ávida de novela negra, síntome un pouco decepcionada con este libro que, se ben recomendo a aquelas persoas ás que lles apeteza ler un libro entretido, non indicaría para un experto lector ou lectora deste tipo de novelas.


16/04/21

Dormente


 
Raquel Castro dá a volta a historia da Bela Durminte, e faino con acerto teatral. Publicada por Galaxia, Dormente fala dunha princesa que dorme (?) por mor dun feitizo e que segundo a lenda só espertará se un príncipe chega para bicala. Pero son os príncipes os donos do destino das mulleres? Hai asemade amores diferentes? A obra achéganos con humor a estes puntos de vista para reescribir a historia dun xeito axeitado para nenos e nenas que poderán representala e entender que xa é hora de que mudemos a historia e os contos que sempre nos contaron onde as mulleres nada tiñan que dicir e os príncipes debían ser valorosos e imprescindibles.

11/02/21

Mar de mazá


 Publica a editorial Galaxia este álbum poético de Elvira Ribeiro Tobío con ilustracións de Begoña G. Arce: Mar de mazá é un libro fermosamente editado que conta cos poemas de Elvira, que tanto nos teñen feito gozar noutras ocasións e que repite aquí cun álbum cheo de vida mariña e de ledicia salgada, porque salgados son estes versos que nos traen ao interior a carabela, as mil cores, as ondas, a nena pirata, os soños, os faros, as illas, os tesouros... cun convite inicial e unha despedida despois de 16 poemas cheos de tesouros. Ten por tanto unha estrutura circular na que realizaremos unha viaxe marítima na que nos embarcamos cheas de felicidade.

Poderosas son as ilustracións, que nos engaiolan en branco e negro, algo que abraia pola ausencia de cor,  que xogan co misterio e convidan á aventura, a aventura de pasealos e descubrindo a súa inmensa riqueza.




15/01/21

O axolote e outros contos de bestas e auga


 Aínda que non son eu moito de relatos, pareceume moi interesante esta proposta que nos convida a ler Lara Dopazo Ruibal a través da editorial Galaxia: O axolote e outros contos de bestas e auga lévanos a viaxar polo misterio e polo sobrenatural, con fenómenos naturais e animais fascinantes (reais ou non) que remexen na tradición oral e no imaxinario popular, que sorprenden e que nos deixan ao remate de cada relato agardando, cunha estraña sensación de illamente e de sobrecolledora ausencia que non sabemos explicármonos. A autora crea escenarios afastados en breves relatos que modulan a tensión narrativa e o ritmo para sorprendernos con latitudes alleas e lendarias.

Moi recomendable.

Premio Illa Nova 2020




10/01/21

Illa Decepción


P
ublica Berta Dávila en Galaxia Illa Decepción, un fragmento do pasado, do futuro, dun presente sen fin. Tempos nos que non cambian os escenarios porque hai esperanza na memoria e no porvir. As casas que nos deixan pegada porque foron nosas, as relacións familiares e a falta dos seres queridos que marchan para sempre. Tamén a Covid-19 ten oco no libro, igual que moitas referencias culturais. É, por tanto, un libro sobre a vida.


01/01/21

O paraíso dos inocentes


 N
on se me ocorre mellor xeito de comezar o ano que recomendando un bo libro da nosa Literatura. Así celebremos o cambio de ano coa esperanza de que este sexa mellor para o mundo e que medre a nosa Literatura. Antón Riveiro Coello non decepciona, porque ten oficio, e este oficio demóstrase novamente en O paraíso dos inocentes, publicado por Galaxia. Unha novela que nos introduce por vez primeira na nosa Literatura (creo) no conflito sirio. Neste libro pasearemos con medo polas rúas de Alepo, mentres é bombardea e mentres vivimos nunha guerra sen fin. Logo, chegaremos a Bruxelas, onde -a pesar de ser unha cidade occidental- tamén percorreremos rúas que están en guerra, xa que o mundo occidental amosa a súa indiferenza e a súa non-aceptación daquelas persoas necesitadas que fuxiron da fame, a miseria, o medo e a guerra. Que significa ter que marchar do propio país? A soidade, a dor, o medo camiñan ante a nosa indiferenza. Ese camiñar marca as páxinas do libro. Un camiñar pousado, tráxico, vibrante... esperanzador. Si, tamén atopamos a esperanza entre os cascallos das rúas e os cascallos dos corazóns. Aferrémonos a ela. Sen ela, non poderemos xuntar eses anacos de vidas esnaquizadas por políticas incongruentes e intransixentes. Neste sentimento ventureiro atoparemos tamén como reconstruírnos despois da morte de seres queridos, atoparemos a humanidade, atoparemos un sorriso que pague a pena, a pesar de todo, porque somos seres humanos, capaces de cometer actos atroces pero tamén capaces de sermos solidarixs, afectuosxs... ao fin e ao cabo, humanxs.


 

06/06/20

O derradeiro libro de Emma Olsen

Gustoume a novela no seu momento e gustoume o cómic que agora vén de adaptar Pablo Prado da orixinal de Berta Dávila e que publica Galaxia co mesmo nome: O derradeiro libro de Emma Olsen. A verdade, parecíame un libro ben difícil de adaptar a cómic e o autor soubo resolvelo ben: saltos temporais, monólogo... adáptanse a recursos visuais dun xeito que semella "doado". Por exemplo, as cores e a súa viveza, máis vivas para o pasado (idealizado) e máis grises para o presente (derradeiro); mesmo o uso das tonalidades verdes para falar do cancro parecen ben axeitadas.
Como sabemos, o libro fala, entre outras cousas, das emocións e da dificultade da súa expresión verbal que sente a protagonista cando escribe. Estas emocións reflíctense arestora graficamente. E chégannos, que é o importante. O que supón un bo traballo, claro está. Falar da homosexualidade e do que supón esta nunha vila pequena reflíctense asemade mesmo cun esputo sanguento, o que provoca que o cómic nos dea novos detalles que non nos ofrecía a novela orixinal, polo que estamos ante unha adaptación pero tamén ante unha reescritura: ambas pagan a pena.




31/01/20

Tres minutos no aire

Encántame Miguel Anxo Murado. Recoñezo que é unha debilidade, desde que lin sobre todo Fin de século en Palestina e desde que veu ao centro e falei con el, descubrindo un home humilde e tímido cunha abraiante cultura que non cesaba de sorprender. Agora gocei cos seus Tres minutos no aire que publica Galaxia recollendo as súas colaboracións entre 2006 e 2009 no programa Diario cultural da Radio Galega, 83 pequenos ensaios que son reflexións que mesturan esperanza e desesperanza, optimismo e pesimismo, paixón e frialdade, o "yin e o yan" dun xeito que, coido, só é el quen de realizar. Asemade, con esta lectura aprenderemos datos como  por exemplo que Galiza ten máis dun terzo dos topónimos de España, sendo só o 6 por cento do territorio; que levar os zapatos limpos é unha proba de status porque nalgún tempo era sinal de que un podía dispoñer dun coche de cabalos para desprazarse... Información sempre amosada con reflexión e ironía e a nosa retranca máis atinada.
Un libro para gozar en pequenos anacos que convidan a reflexionar e... a seguir lendo!


 

27/01/20

Diario dun enterro

Gonzalo Hermo é o autor do Diario dun enterro, Premio Narrativa Breve Repsol 2019 publicado por Galaxia. Un libro que se le rapidamente e que sabe arrincar un sorriso e unha bágoa, aínda que boto de menos un pouco máis de profundidade, xa que tal como indica o título conta de como son os enterros no rural galego e todo o que hai ao seu arredor. Por outro lado, resulta interesante a visión do país e dos seus costumes que se ten cando se está fóra, o duro que resulta ser do rural cando loitas pola naturalidade da túa condición sexual ou as dificultades da emigración.

12/12/19

Candorcas e unicornios

Fermoso relato este que nos trae María Canosa mediante a editorial Galaxia, Candorcas e unicornios, ilustrado por  Iago Torres París. Unha fábula onde a natureza pode ser protagonista pero onde hai algo moito máis importante, o respecto ás diferenzas, a convivencia nesta sociedade tan complicada que pode ser tan odiosa e ás veces tan esperanzadora. Unha voz sensible que nos manda unha mensaxe clara e contundente: quizais non teñamos necesidade de viaxar canda as candorcas, quizais non teñamos que subir nos unicornios, para procurar que a vida sexa máis doada, que nenos e nenas poidan ter un futuro mellor.


08/12/19

A fita azul

Unha das grandes vítimas da miña inapetencia lectora destes últimos meses é -curiosamente- o álbum ilustrado (xunto coa poesía). Por iso A fita azul permaneceu agochada no recuncho literario das "agardas" ata arestora, que foi collido por un impulso que non souben explicar. A verdade é que non tiña nin idea de que ía nin tiña máis información que a dada por unha persoa a quen quero e que tivo a ben mandarme o libro. Supoño que lle debo pedir desculpas por non lle facer caso, pero sei que, na distancia, me comprende.
Debo recoñecer que a lectura d '  A fita azul de Mon G. Buhigas, con ilustracións de Ana G. Buhigas, publicado pola editorial Galaxia, sorprendeume. Porque non é un álbum ilustrado máis, senón que é un álbum poético homenaxe á miña profesión, porque ser profesora é tentar tecer un futuro mellor. E a sorpresa non veu soamente pola lectura do texto, senón porque as ilustracións pretendían levarme por un camiño ben diferente. Cando menos iso pensaba eu. Estamos ante un álbum dirixido a un lectorado adulto e non infantil, de aí tamén en parte a sorpresa.
O fío condutor é un fita que nos leva da man de páxina en páxina. Nestas toparemos tecedorxs de soños que confían e aman a poesía, a múscia, a ecoloxía, a solidariedade, o teatro... e todo aquilo que o ser humano posúe por ser humano e que a fita sabe que terá futuro grazas aos mestres e mestras que constrúen memoria facendo futuro. Un futuro mellor porque niso é o que confiamos quen damos aulas.


04/12/19

Carrusel

Como describir a lectura deste libro de Berta Dávila? Carrusel, Premio García Barros 2019, publicado por Galaxia, deixoume antes ca nada e sobre todo  certo desacougo e dándolle voltas ao lido pola proximidade da enfermidade, pero tamén pola propia escrita, demorada, que volve ao pasado e se recrea nos pensamentos e sentimentos. E é que si, estamos ante unha novela curta, pero tremedamente intensa. Un libro que se recrea no misterio e beleza das matemáticas e na defensa da nosa lingua, no que a protagonista declárase neuroticamente escritora, unha escrita, por certo, marcadamente poética, sabedora que aquela -a escrita- é quen de construír beleza a través do seu propio mecanismo: o uso da palabra. 
A carón desta, da palabra, a cicatriz da enfermidade, a impronta que esta deixa para mirar o mundo doutro xeito, sabedora que pode impedir asemade atopar as palabras exactas e interferir no amor desmedido e eterno a unha familia que comparte algo máis ca os xens. De aí a crise literaria e a crise persoal. A crise da vida. A ollada miope da sociedade que non distingue aquilo que existe pero que non se ve porque hai doenzas que non teñen presenza física pero si mental. Doenza que non se entende e que afasta a vida cotiá sen querelo.


19/08/19

Beleza vermella

Gustoume a proposta que nos fai a editorial Galaxia de novela negra da man de Arantza Portabales Santomé (a pesar das súas innumerables faltas):  Beleza vermella é unha lectura que atrapa, que dá reviravoltas sen marear e que sorprende; sorprende porque son as falsas aparencias as que dominan o relato, pero neste hai oco para a arte e a súa beleza. Haino tamén para moitos temas de actualidade, mesmo para facernos reflexionar co seu final. Pode un maltratador cambiar? Pódese perdoar? Por suposto, a dor familiar, o amor, o desamor; "Amorodio" é unha palabra fundamental no libro. E a reflexión: non temos unha palabra que defina a morte dun fillo, dunha filla (agásn en hebreo: hore shakul)
Sorprende a lectura por varias cuestións, por como enfoca o tema da investigación, posto que desde o principio queda claro que só hai 6 sospeitosos, e case semella que cada capítulo (curtos) nos fai crer que hai un asasino diferente. Resulta complicado intuír cal é en realidade. A autora consegue a narración que sexa extremadamente fluída, igual que flúe o sangue, tan fermoso pola súa cor vermella. 
Así que un libro moi, moi recomendable.



17/03/19

O último barco

Seguramente, este era un libro moi agardado. Fíxose de rogar Domingo Villar, pero aterrou cun libro de case 800 páxinas. Así que cando chegou a min pensei que ía tardar unha eternidade, en plena época de exames e de actividades varias. Porén, e curiosamente, O último barco publicado por Galaxia, déixase ler de tal xeito que as páxinas corren case sen decatarnos. O curioso é que semella que non pasa nada en case 600 páxinas, e aínda así, non aburre. Eu, acostumada á novela negra moi negra, onde cada capítulo constitúe un novo sobresalto, quedaba abraiada: lía e lía sen cansar e a pesar da pouca negrura das páxinas; e cada 100 pensaba: pero se non pasou ren!!! E quería seguir, porque pagaba a pena a lectura.
 Domingo Villar segue a homenaxear a Vigo e arredores. Describe de vagar os lugares reais -para xa un percorrido literario- e recréase na cidade. Con moito diálogos e capítulos curtos, investigamos canda o protagonista, Caldas, unha desaparición, e facémolo de xeito reflexivo, completando os ocos que o autor nos propón. Paseando Vigo e a súa ría. Realmente é unha novela negra pouco negra, porque é un libro sobre a soidade, sobre o amor, a sobreprotección, pero tamén unha lembranza de respecto cara a aqueles que son diferentes. 
Dá gusto deixarse arrastrar pola literatura.



06/02/19

As Ramonas

Gañou Ana Cabaleiro o Premio García Baroos con As Ramonas publicado pola editorial Galaxia. Unha novela máis atraente para quen somos do Deza, porque a protagonista percorre a nosa contorna ao longo das súas páxinas e o lectorado dezao gozará paseando por parroquias e lugares coñecidos. Amais diso, gusta o poderío das mulleres noveladas, mulleres reais que non son heroínas porque caen unha e outra vez e porque son, simplemente, humanas. A pesar disto, topo que o mellor da novela é a súa relación coa miña terra, que foi polo máis me gustou o libro. Un libro que se le con facilidade e que, ademais, déixase ler, pero que coxea un pouco no seu argumento, un argumento que pousa a ollada feminina na desparición do rural, o outro valor do libro.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.