Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Narval. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Narval. Amosar todas as publicacións

09/04/18

Ío

Preciosa novela gráfica de Daniel Piqueras Fisk (coas pinturas de planetas de Pedro López) que publica Narval co título Ío: Hai moita vida aí fóra. Ío é o satélite de Xúpiter que lle dá título ao libro. A historia comeza cando unha nena descobre no faiado un libro e unha mensaxe nunha botella. Coas páxinas deste libro atopado chegamos ata a historia dun náufrago que viaxa polo sistema solar nun globo aerostático; coñece o amor, deixa a súa pegada na Lúa, goza coa liberdade e tamén sofre. Unha viaxe chea de chiscadelas. Pero sobre todo, de paixón, paixón que viviremos dende a nosa cadeira e desde a cadeira da nena que se emociona e fai emocionar. O universo enteiro nas nosas mans.
Todo isto, sen palabras. 
As palabras que poñemos nós son de admiración absoluta. Porque é imposible non devoralo dunha atacada para logo volver a ver a el e demorarse nas súas páxinas



01/02/18

A merenda do parque


Pablo Albo e Cecilia Moreno son os artífices d' A merenda do parque publicado por Narval. Un álbum orixinal polas ilustracións que mesturan esquemas, vectores, caricaturas, videoxogos... e polo texto, que amosa un final inesperado e diferente que nos deixa pampas e divertidas. En realidade, o máis chamativo é ese "irse do guión" que pensabamos xa polo título e que xoga coa ambigüidade lingüística. O resultado, a descuberta de toda unha fauna sorprendente que habita entre nós, os humanos.

06/08/16

Narices

En Narval toparemos "por narices" este álbum de José Antonio Ramírez Lozano e Marta Balmaseda cuxo título Narices xa nos indica cal é o protagonista do libro; si, efectivamente, falamos dos narices das persoas, uns narices que deciden marchar das caras nas que habitaban por malos tratos, e que só volverán a elas previo acordo. As ilustracións en sepia e laranxa, xunto cos negros, aportan ao texto un valor nostálxico que fai pensar en tempos antigos. Un texto cheo de humor... e hábitos hixiénicos.


23/07/16

Glup

Precioso cómic sen palabras de Daniel Piqueras Fisk que publica Narval: Glup é un libro ideal para todas as bibliotecas escolares dos coles que fala sen falar do paso do tempo; comeza coa fecundación dunha nena, amosando o espermatozoide que consegue chegar de primeiriño ao óvulo ata que a moza faise maios e ten descendencia. Pero esta nena que se fai moza ten unha característica especial, que naca na praia, e iso significará que toda a súa vida estará marcada por ese vínculo que a marcará sempre; ademais, haberá un obxecto que tamén servirá de liña condutora, un colar que perde de nena e que buscará sempre, o encontro marcará, por tanto, a fin da historia.
A min pareceume visualmente magnífico. Sobran as palabras cando as ilustracións guíannos sobradamente, e as cores están empregadas dun xeito particular, xa que principalmente só hai branco e negro, combinado co azul do mar, claro, e cando atopamos algo de cor sabemos que implicitamente é porque a nosa vista e a nosa curiosidade vai ir directamente a esas viñetas, algo que sen dúbida ningunha era procurado polo autor.
Precioso.




29/04/16

Un dragón llamado Zipo


Na editorial Narval poderedes atopar este simpático álbum de Elena Queralt chamado Un dragón llamado Zipo. Un álbum que volve a incidir no respecto ás diferenzas e no esquecemento de todo tipo de prexuízos que tanto dano ocasionan. E así coñeceremos a Zipo, un dragón que é especial, non por ser dragón (que tamén) senón polos seus propios gustos "raros". Isto non será impedimento para que consiga ter amigas ben diferentes, como unha gata ou unha nena, porque se nos afastamos do que nos fai diferentes toparemos un montón de sentimentos e gustos que compartir.




22/11/15

El señor X


Publica Narval este álbum de Iratxe López de Munáin, El señor X, unha fábula sobre o poder de sermos diferentes, sobre tiranías e utopías, e sobre todo de esperanza na infancia, aquela que aínda non foi "tocada" e pode mirar un futuro diferente.

19/11/15

Un elefante rosa

Lucía Serrano é a autora d' Un elefante rosa publicado por Narval. Unha fábula sobre a pouca comunicación que impera nalgunhas casas, cada membro absorbido polas súas circunstancias sen mirar o que teñen arredor. De aí a orixinalidade deste álbum, que me gustou moito.


17/11/15

Ruido

Divertido álbum publicado por Narval de Pablo Albo e Guridi, Ruido é un despropósito ruidoso, que nos pode servir para lelo en voz alta coa rapazada e procurar moito ruído para que participen activamente. Claro que hai que partir do silencio absoluto! Todo o malo é conseguilo para logo destruílo convenientemente.

06/08/14

El chacal azul



chacal

A editorial Narval é quen publica este incomparable álbum de Shobha Viswanath e Dileep Joshi: El chacal azul é sobre todo un álbum diferente que nos achega a outra cultura e a unha beleza diferente, mentres a súa lectura nos transporta ata a India. O protagonista é un animal máis feble cós da súa familia e que un día debe ser moi valente. A partir dese momento, a historia cambia grazas a unha xogarreta do destino. Así que aquí falamos de medo, de soidade, de mentira... sempre queremos ser o que non somos? Debería ser así? Paga a pena finxilo?
Asemade, debemos destacar as ilustracións. O motivo xira arredor da tribo dos "Warli" -India- con escenas que retratan a caza, a pesca, a agricultura, as festas, as árbores, os animais... Os humanos están representados por dous triángulos unidos pola punta, simbolizando o equilibrio do universo. Só se utiliza o branco.
 

chacal2

chacal-001

chacal-003

chacal-004  chacal-002

La tribu warli, procedente de la India Occidental, es conocida por sus trabajos artísticos que se cree se originaron en el siglo X.
Estilisticamente la obra de los warli se reconoce por sus dibujos blancos de harina de arroz sobre una base austera de barro. Estas pinturas, repetitivas y muy simbólicas, buscan la comunión con el mundo exterior e invocan a los dioses. Personas, animales y árboles forman un patrón relajado y rítmico que genera un ligero movimiento oscilante con el que se describe la rutina diaria de su intensa vida social.

20/07/14

Piccolo y Nuvola

 
Emilio Urberuaga (Premio Nacional de Ilustración 2011) é o autor deste álbum ilustrado sen palabras que publica Narval. Piccolo y Nuvola é un libro sobre a amizade que nos deixa poñer a nós as palabras para recrealo. A amizade sucede entre un paxaro e unha nube, e ambos convértense en espectadores da contaminación que pode poboar o ceo por culpa do home, así como tamén toparán temibles avións de guerra ou serán testemuñas das erupcións volcánicas máis temibles. Quizais topemos a esperanza entre as nubes brancas. Quizais sexamos quen de borrar as negras. Nas nosas mans está, porque cada unha das páxinas deste álbum é unha páxina en branco na que nós poderemos colocar metáforas, ruídos e palabras.



17/07/14

La princesa feliz

 
Precioso texto de Carlo Frabetti con ilustracións de Patricia Metola para este La princesa feliz publicado por Narval. Un texto diferente que sorprende pola súa complexidade que envolve maxia e imaxinación, ao mesmo tempo que gozamos dunhas ilustacións cheas de sutileza. A protagonista é unha princesa dos contos de sempre, pero é unha princesa solitaria que vive rodeada dun insondable misterio, que non coñece palabras como rir ou como chorar, que non ten con quen xogar. Pero chegará o momento de espertar. E como será este?
O valor do libro reside precisamente nesa confluencia de conto tradicional coa reflexión sobre a sobreprotección infantil, as relacións familiares e a amizade.



Imaginad, queridos lectores y lectoras,
a una joven princesa que no sabe jugar.
No tiene un solo amigo, y se pasa las horas
peinando su ondulado cabello como el mar.

El mar que nunca ha visto, pues no sale de casa,
y aunque su casa es grande, muy grande,
es un palacio,
la princesa está presa.
Y el tiempo pasa y pasa,
pero no pasa nada.
Y pasa tan despacio…



06/12/13

Tac, tac, tac, plof

Tac, tac, tac, plof Publicado por Narval, Tac, tac, tac, plof de Minia Regos e Pepe Monteserín é un álbum misterioso e onírico no que chaman a atencións as ilustracións cheas de detalles a carón dunha prosa sinxela, como reflexo dos dous mundos contrapostos, o mar e a terra. Poderemos mergullarnos nun océano profundo e imaxinario. Un libro para gozar sen máis pretensións que a de divertirse mentres observamos ese inmenso océano vivo e cheo de animais... e lixo. Un xogo literario que se converte en maxia.
Tac, tac, tac, plof

Tac, tac, tac, plof

Tac, tac, tac, plof

04/12/13

Gritos en la arena


Arturo Abad xunto con Mónica Gutiérrez Serna son os autores de Gritos en la arena publicado por Narval. Unha poética conversa entre nai e filla onde a filla quere soñar e a nai contesta que iso elas non o fan. Pero, por que? Será a nai quen lle ensine unha posible saída á tristura, á melancolía. Cada pequeno paso pode supór unha saída diferente á vida que se leva normalmente. Hai cabida á esperanza. Porque non debemos deixar de loitar xamais.
Fixádevos nas ilustracións: imaxes escuras a carón de cores alegres que amosan esoutras alternativas que procura o álbum.





21/06/13

El coche de bomberos ligeramente defectuoso o El geniecillo de aquí para allá

Este álbum que case está sen título foi o gañador do National Book Award en 1972 e compreino, literalmente, porque me chamou a atención a portada. Está publicado por Narval e o seu autor é Donald Barthelme. Unha historia surrealista que sorprende de principio a fin, ilustracións incluídas por ser gravados antigos. Unha nena que quere sobre todo e ante todo un coche de bombeiros. Así que todo o sorprendente que lle acontece e que discorre ante os seus ollos -e con eles os ollos do lector- non serán nada se non consegue o seu obxectico: un anceio que será o verdadeiro fío condutor da historia.




30/07/12

Un ángel travieso

Debo confesar que só collín este libro porque as ilustracións son de Noemí Villamuza. Logo a lectura non me gustou tanto: o texto é de Ignacio Sanz e está publicado por Narval. Un ángel travieso non é un álbum ilustrado porque conta cun texto de considerable extensión que nos propón unha situación divertida e amable: un anxiño pétreo que canso de facer de diana das bólas de neve dun neno decide marchar, provocando a conseguinte consternación da vila e a súa posterior procura.
Coma sempre, as ilustracións son marabillosas, de cor pastel e delicadamente expresivas.


08/07/12

Un día de pasos alegres


Raquel Díaz Reguera publica Un día de pasos alegres na editorial Narval
"Esta mañana me he puesto mis botas de fabricar pasos alegres": así comeza o álbum. E a partir de aí, todo é ledicia. Calquera tarefa do día vai estar chea de cor, e vai resultar tremendamente deliciosa. Por que non gardar un raio de sol se logo nos pode cumprir?. Estamos ante un texto dinámico que vén acompañado por unhas ilustracións que nos cargan de enerxía e vitalidade, cheas de cor, que nos farán sorrir dende que abrimos o libro ata que o cerramos. Cada momento é máxico grazas ao maxín e ao desexo de ver sempre o lado positivo de todo canto acontece.
O mellor, é que cada un de nós pode ter as súas botas. Só hai que desexalas. E sorrir.



Precioso!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.