Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Baía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Baía. Amosar todas as publicacións

16/06/22

Paleta planeta

Un álbum ilustrado dun tándem que xa coñeciamos:  Yolanda Castaño e Xosé Tomás. Ambos asinan o álbum Paleta planeta, publicado por Baía, que nos achega poesía e ilustración, fórmula máxica que nos conquista. Un xogo de cores combinadas con sensacións e imaxinación, coa ollada posta na natureza e na irrupción do fantástico, mesmo  no onírico, todo preparado para un camiño senlleiro, o das emocións. Un camiño que non queremos esquecer e si agrandar porque aí está a natureza, o pacifismo, a paixón. Sobre todo, está o respecto, ese don esquecido: non hai máis que os últimos lumes para lembralo.

 

 

14/03/21

XelArias. Palabra á intemperie

 


E
ncantourme este trío de voces: Emma Pedreira, Laura Romero e Xela Arias asinan este magnífico libro para achegarnos á figura que protagoniza este ano 2021 o Día das Letras Galegas, Xela Arias: XelArias. Palabra á intemperie publicado por Baía. Desde logo, non é unha biografía ao uso nin é un libro de poemas da autora, vai máis alá de ambos xéneros, e faino dun xeito innovador e poético, posto que estamos ante unha encrucillada de diálogos, de propostas artísticas, un diálogo coa propia Xela a través dos seus versos. É con estes versos con quen dialoga Emma Pedreira para mergullarnos nun percorrido biográfico da propia Xela, abranguendo as artes que dominou esta: poesía, tradución, docencia, feminismo e compromiso co país. 

Pero esta conversa ten tres voces, engádese a artista Laura Romero que ilustra combinando colaxes e debuxos con forza o libro para ofrecernos asemade unha lectura gráfica emocionante.

 

11/12/20

Entre donas


 Publica Baía Edicións este libro escrito por dez mulleres, Entre donas, dez relatos para reinvidacarnos, para falar de nós, das nosas inquedanzas, das nosas loitas, das nais e das non-nais... relatos para combater o patriarcado e a dominación. Un ramallo de dez autoras imprescindibles da nosa literatura que nos lembran a loita feminista e o espazo feminino, desde diferentes puntos de vista pero con trazos en común: Marilar Aleixandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez.

28/11/20

O espazo de fóra


 C
ando recibín o paquete da editorial Baía, flipei. Que libro era este? Que portada! Que pasada! Pensei que estaba ante unha Guerra das Galaxias. O libro como obxecto non deixa indiferente. Logo está a tradución de María Reimóndez, que de seguro conseguiu que o libro fose moito máis interesante que o seu orixinal, O espazo de fóra de Martin Sodomka. Un libro sobre a Física e a descuberta doutras dimensións, unha lectura engaiolante, atractiva e intelixente, con detalladas informacións científicas. Unha pasada!


06/11/19

O país do gran furado

 
Xerardo Quintiá Pérez é o autor e gañador do II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2019) con O país do gran furado, publicado por Baía. O libro conta coas ilustracións de Noemí López Vázquez e xoga co humor, coa poesía e sobre todo coa revolución feminina, que ataca pacificamente un rei machista que obriga as mulleres a non teren independencia. Destaca que a resolución do conflito sexa a través da palabra, o que asemade introduce no libro unha perspectiva pacifista moi acaída.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.