Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Oqeleo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Oqeleo. Amosar todas as publicacións

16/01/18

Noite de temporal

Gustoume esta proposta que nos fai Manuel Núñez Singala a través do noso selo da editorial Santillana O que leo: Noite de temporal conta a historia dun naufraxio nas nosas costas: o do vapor Santa Isabel o 2 de xaneiro de 1921. Levaba 270 persoas a bordo e o libro céntrase nesas horas terribles dende que comeza o temporal ata a salvación dalgúns deles ou a súa morte. Pero ademais lémbranos a heroica actuación dos habitantes da costa, destacando un monllo de mulleres que, na realidade, foron homanexeadas como heroínas. E isto bótoo un pouco de menos, que non haxa maior afundamento nesta parte. Por outra parte, o libro sérvenos para saber máis (ou algo para quen nada sabía) sobre este acontecemento, e serve asemade para percatarnos de como sería calquera outro nesas épocas.
Destaca, por outra parte, a documentación que aporta o autor ao final da obra e aquela na que tivo que indagar para escribir o libro.

31/05/17

O que nunca che contaron

María Canosa e Kike Gómez xunto coas ilustracións de Dani Padrón publican en O que leo este libro de relatos chamado O que nunca che contaron, un monllo de historias onde se mestura o fantástico co real con esa delicadeza propia de María, para nos aprender por que brillan as estrelas, por que as bolboretas nos fan cóxegas no estómago en determinadas ocasións, ou canto custa unha idea. Un libro para que o lectorado goce con relatos curtos cheo de sensibilidade fantástica ben acompañada de fermosas ilustracións.


22/05/17

O segredo da casa de Formoso

Héctor Cajaraville publica na nova colección de Santillana "O que leo" esta novela dirixida a un público xuvenil titulada O segredo da casa de Formoso. Unha lectura áxil, moi sinxela, que agocha un pequeniño misterio, que non é para nada o centro do argumento, senón que este xira arredor dos sentimentos dun rapaz que comeza a ser adulto e comeza a descubrir que non todo é o que semella; e será nesta iniciación a unha nova etapa da vida a que lle sirva para coñecer unha Galicia descoñecida que procura as súas raíces. Pasearemos polas súas páxinas por lugares coñecidos que o protagonista descobre con abraio, sen fuxir de pequenas críticas de canto temos arredor. Asemade, sobrevoa a Guerra Civil e as inxustizas que a rodearon, para darlle á novela un pequeno arrecendo de crítica social que non sobra, aínda que non afonde moito e que teña algunha resolución que non me acaba de convencer por bastante incrible, dada a descrición do ser humano que tiñamos en mente.
Un libro que, xa digo, é unha proposta axeitada para o lectorado máis novo do instituto.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.