Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Alianza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alianza. Amosar todas as publicacións

27/03/20

El blues del hombre muerto

Xa vos falei o outro día de Ray Celestin. Por suposto, seguín co segundo libro (coido que non hai máis publicados de momento): El blues del hombre muerto, publicado tamén en Alianza. Novela negra que non necesita para enganchar nada máis que nomes famosos, música, verosimilitude e historia.
Si. Viaxemos ao Chicago dos anos 20 do pasado século da man de Al Capone e Louis Armstrong. Paseemos polas súas rúas e coñezamos os baixos fondos, aprendaos algo máis sobre os costumes, a segregación racial, a drogadicción... Non esquezamos que na outra man temos á parella protagonista da anterior novela. Imos moi ben acompañadxs. A partir de aí, unha novela coral que dende tres camiños paralelos e diferentes vannos levar a un só final, porque nalgún momento da historia, eses camiños deixarán de ser paralelos para cruzárense entre si. Personaxes reais e de ficción pululan por unhas páxinas atraentes e ben construídas onde nada queda ao azar.
Como xa dixen na súa anterior novela, unha auténtica gozada!






23/03/20

Jazz para el asesino del hacha

Jazz para el asesino del hacha reconcilioume coa novela negra. Desde hai moito tempo, ningunha novela deste xénero, que adoitou sempre a me axudar na fuxida, acababa de me encher. E agora chegou Ray Celestin para salvala e salvarme. De feito, xa estou co segundo libro. Ambos, publicados por Alianza edidtorial. En primeiro lugar chama a atención que sexa unha historia real, sitúada entre 1918 e 1919. Logo a música, o jazz. Despois, a ambientación. Mentres les, sentes que estás paseando polo Novo Orleans daqueles anos. O escritor sabe levarnos a un lugar onde a música asolaga as rúas,o onde a bebida e as drogas campan, onde o racismo imponse cruelmente, o vudú existe e a violencia e a extorsión son o pai noso de cada día. Asemade, os personaxes, ben construídos, espectacularmente efectivos, incluído Lewis Armstrong. Estes personaxes ofrécennos diversas perspectivas que se van enrendando para darnos solucións e partillando de tal xeito que o lectorado poida tirar as súas propias conclusións.
E si, é unha novela negra, moi negra. Pero tamén o é histórica, porque o autor soubo alimentarse para escribila. Unha gozada.

10/10/19

La mecanógrafa

Esperaba moitísimo máis desta novela de  Kate Atkinson que baixo o título La mecanógrafa, publicada por Alianza de Novelas, propón unha novela de espionaxe na Segunda Guerra Mundial. Nesta miña procura de libros que me enganchen, pensei que despois de ter lido varios desta autora non me ía defraudar, pero abofé que si o fixo. Volvo a pensar que a culpa será miña, pois nada topo que me libere.
A obra ten dúas partes: unha desenvólvese en 1940, cando o servicio secreto inglés crea unha rede de escoitas para coñecer os movementos do inimigo; por estas páxinas pasarán espías dobres e infiltrados, medoñentos. A segunda parte sitúase en 1950, cando estas persoas xa conseguiron empregos estables, aínda que estarán marcados polos seus pasados. Uns pasados que xeran odios que os levarán a rematar mesmo aquilo que non puideran realizar no pasado, de aí que a historia sexa un lugar de encontro de vinganzas que como atenuante teñen aquel pasado terrible. 
A pesar deste argumento, o libro non me aporta nada, nin me di nada, nin me atrapa, non logra captar o meu interese. Deille varias oportunidades, algo que non adoito facer, pensando que, unha vez máis, o fallo radica en min. Pero  nada. Obxectivo non cumprido.





17/04/16

La hija de la criada

Seguindo a vehemente recomendación da miña prezada ex-alumna Ana Colmeiro, lin este libro de Barbara Mutch, La hija de la criada que publica Alianza editorial. E tiña toda a razón Ana coa súa suxentión xa que paga moito a pena deterse na súa lectura. Un libro que nos achega ao réxime do apartheid surafricano na boca dunha criada negra e da súa señora branca. Hai que destacar que a verdadeira protagonista da novela é, desde logo, aquela que lle dá título ao libro, e que conta a súa experiencia en primeira persoa, incluíndo anacos do diario da señora que tanto quere, Cathleen, facéndoo en cursiva para que non haxa dúbida ningunha. O libro, ademais de falar de amor, de educación, de respecto e de boas e malas persoas, centrándose nas figuras femininas, sobre todo, que adquiren unha dimensión  moi relevante sobre as masculinas -aínda que estas sexan ás veces mesmo desencadeantes das situacións límite máis importantes da novela- reflicte as duras condición de vida da poboación negra do país africano e mesmo as diferenzas de cor xa que ser mestizo era un pecado máis grave e insolente que ser negro. Que xa é dicir!.
O apartheid trouxo consigo unhas desigualdades tan tremendas e unha situación tan escabrosa que aínda agora debemos sorprendernos coa maldade do ser humano (branco). A nosa protagonista deberá aprender a loitar e a sobrevivir.
Ás veces o ritmo da novela é un pouco brusco e cambia sen interseccións, mesmo o final semella un pouco abrupto, pero coido que paga a pena a súa lectura. Unha análise máis dos conflitos múltiples que o ser humano provoca cando deixa de ser humano. É dicir, a cotío.

01/08/15

Versos de amor. Antología

Fermosísima edición esta que Alianza editorial con selección de Rosa Navarro Durán para unha Antoloxía amorosa: Versos de amor foi unha recomendación ben especial da amiga Ánxeles. E sempre é un bo momento para achegarse a este libro que fai que sexa amado só con velo: pequeno formato, tapa dura, cinta marccadora, ilustracións en vermello... E non só conta isto, senón que os versos escollidos farán que vaiamos de cando en vez procurar a súa lectura. Porque o amor é, ao fin e ao cabo, un sentimento universal que move o mundo. Sexa da natureza que sexa. Nesta antoloxía pasearemos por todos os procesos amorosos, dende unha simple mirada -ou non tan simple- ata o beixo apaixoado, pero tamén hai lugar para o desamor, para a perda, para a despedida. Así que non hai máis que elixir o momento que mellor nos conveña.


30/06/15

Cold Cold Ground

Adrian McKinty é o autor de Cold Cold Ground, publicado por Alianza, na súa colección de novela negra. Nunca nada lera deste autor, e o máis sorprendente resulta a ambientación, xa que esta pasa a ser a verdadeira protagonista, e non os crimes nin a súa investigación para aclaralos. 
Estamon en 1981 en Irlanda, onde se suceden as folgas de fame ás que se someteron varios presos do Ira para reclamar o recoñecemento de presos políticos. En torno a esta folga, viviremos un territorio en guerra continua, aquel que que case temos esquecido. E de paso, saberemos que a homosexualidade estivo prohibida en Irlanda ata 1993. 
Logo, nesta paraxe de asasinatos e bombas, coñecemos un policía atípico por ter estudos e por ser católico nunha terra de protestantes. Un home que non nos parece heroe posto que ata é quen de aceptar algúns sobornos.
Irlanda, un policía católico, a homosexualidade... Para encher máis, a novela ten constantes referenicas musicais, tanto clásicas como non.
E para que nos situemos mellor, ronda a voda de Lady Di.
Unha novela negra onde o que sobresae é a descrición dunha sociedade atormentada vivindo unha época moi conflitiva. Realmente, o retrato que nos pinta o autor desta sociedade resulta tremebundo. Vivir daquela debía ser asfixiante, tanto para os católicos como para os protestantes.
Así que historicamente falando, a novela constitúe un documento interesante, adubiado por unha investigación que nos levará a un desenlace totalmente inesperado. Tan inesperado como descorazonador, por esa trama de corrupción latente que nos leva a tempos actuais onde quixeramos conseguir que esta despareza. 
Pero resulta tan verosímil!
Por todo isto, seguramente resulta unha novela negra máis lenta que o que é de costume, porque, xa digo, aquí o máis importante é a ambientación, xa que explica pormenorizadamente o IRA e os seus brazos armados e políticos, así como os seus "inimigos" naturais.

09/06/15

Bartleby el escribiente


Xa falamos deste libro porque temos a sorte -debería ser o normal nun país normalizado- de lelo en galego grazas á editorial Xerais. O que me trae agora aquí é que veño de descubrilo en formato álbum, tamaño extragrande (38 cm), preciosoooo . Este Bartleby el escribiente que nos ocupa -un dos máis célebres relatos breves da literatura americana- está ilustrado por Stéphane Poulin e publícao Alianza editorial. Imposible non caer na tentación de traermos o libro baixo o brazo. É absolutamente marabilloso: se o libro xa nos namorara pensade o que será convertido en álbum. Ademais, as ilustracións son deliciosas, exquisitas. Dá gusto abrilo e pararse de cando en vez nalgunha das súas páxinas.





29/12/09

Breve guía de lugares imaginarios

Por fin, fíxenme con este libro. Desde que vin a súa reseña quixen telo, porque falar de Alberto Manguel é para min sinónimo de acerto. E aínda que o libro ten xa uns cantos anos, esta é unha reedición (do 2004) que inclúe lugares como Howarts de Rowling.
Breve guía de lugares imaginarios de Alberto Manguel e Gianni Guadalupi é unha enciclopedia para os amantes da lectura, unha guía de viaxes para os lectores que constantemente nos trasladamos a esoutros mundos que os libros inventan para nós, un mapamundi da fantasía e da ficción que inclúe planos, gravados e mapas.
A min o que non me gusta, na miña ampla ignorancia, é que a referencia dos libros se faga no seu idioma orixinal, sen tradución -que cando menos podía figurar ao seu carón-, o que supón en moitas ocasións un esforzo incrible por saber de que libro se trata. Fóra disto, é moi cómodo, xa que está ordenado alfabeticamente.
Así que é un libro recomendábel para os tolos pola lectura e por saber máis, un bo agasallo para estas datas.

26/10/09

La tregua


Thalía Troitiño leu este libro este verán:


Ao principio este libro, La tregua de Mario Benedetti, non me gustaba moito e facíaseme un pouco pesado, pero despois empecei a comprendelo mellor e xa me gustou máis. Creo que é un libro fácil de ler e do que podes tirar grandes cousas como por exemplo non ter medo a enfrontarte ao que pensen os demais.
Sen dúbida, recoméndoo porque paga a pena lelo.
Creo que a figura do protagonista é moi particular e á vez moi valente porque se enfronta á morte da súa primeira muller con só 28 anos, sacando adiante os seus tres fillos, e logo cando parecía topar unha muller coa que pasar o resto dos seus días, vólvelle ocorrer o mesmo. Sufriu moito na súa vida pero sempre soubo seguir adiante.

22/10/08

O verán de Thalía

Teño que recoñecer que os libros son a miña debilidade. E se esta se pode compaxinar con recomendacións a lectores ávidos, como é o caso que nos ocupa, disfruto aínda máis. E así dou paso a unha das miñas alumnas lectoras, que me vén de agasallar coa súa libreta de lecturas do curso pasado, coa incorporación das lecturas do verán... e as deste curso. Por suposto, nas Estelas están e estarán as recomendación de lecturas na nosa lingua, xa que para iso foi creado; por coherencia, colgarei aquí as lecturas en castelán.

Los crímenes de Oxford
Guillermo Martínez

É un libro que me gustou moito, xa non só por ser unha novela de crime e misterio senón tamén polo xeito de escribir do autor, por como se desenvolven os feitos. Creo que paga a pena lelo. Teño ganas de ver a película para ver a adaptación a outro xeito de contar historias e poder comparar. Seguramente pasará o de sempre: quedarémonos co libro.



Nada
Carmen Laforet

Gustoume moito sobre todo pola ambientación e a época na que se desenvolve, xa que deixa averiguar parte da nosa historia e a vida que a xente levaba nesa época: a posguerra. Unha vida inxusta e deprimente que me fai sentir coma se eu mesma fose a protagonista. Encantoume.



El halcón maltés

Dashiell Hammett

Gustoume moito o libro pola historia e polo seu desenvolvemento. Ademais, o final foi unha gran e grata sorpresa, aínda que recoñezo que é o único final que podía ser realmente abraiante. A figura do protagonista encantoume, é moi peculiar, sensible e concienzuda, que actúa por deber e honor. Creo que é un libro que lle pode gustar a calquera, pero sobre todo a aquelas persoas que coma min disfrutan con historias de novela negra, de crimes e misterios.

07/07/08

Cosecha roja

Volver aos libros de Dashiell Hammett é regresar ao pasado e ver o mellor cine negro nas súas páxinas. Non o dou evitado: ver a Bogart, ou a Cagney mentres lía este primeiro libro do mestre da novela negra. Neste libro, como non, fálase de caciques e mafiosos, de detectives, de corrupción e de poder, con diálogos interesantes nas mans deste mestre do misterio. A principal novidade deste tipo de detectives que nos presenta Hammett é que non son investigadores "ao uso", non utilizan só a lóxica para chegar a unha conclusión, senón que son manipuladores e actúan sen observar as leis, mesmo ás veces contrariándoa ou sendo sospeitosos de asasinatos.
O raro é que non teña unha película tirada do libro, aínda que parece que tres filmes si se inspiraron nel. Pero se vos gusta este xénero non dubidedes en lelo, non vos defraudará. Garantido.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.