Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Edebé. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edebé. Amosar todas as publicacións

21/04/15

Amizades secretas

Agustín Fernández Paz publica na editorial Rodeira -  Edebé un libro para pequenos lectores que afonda no trato que os humanos poden ter con animais tan tradicionalmente asquerosos como son os ratos: Amizades secretas. No libro podemos comprender mellor como é a vida dos animaliños, de como senten como nai e pai o mesmo que senten os humanos, de como unha ratiña espelida quere adentrarse en novos mundos e explorar para satisfacer a súa curiosidade... A perspectiva "ratonil" está presente en todo o texto. Pero o autor tamén nos amosa outra perspectiva ben diferente: a dos humanos. Uns humanos que non están dispostos a ter na súa casa ningún tipo de animal nocivo como son ratos, e que fará todo o posible para aniquilalos; aínda que non contan con que a súa filla, quen devece por ter mascota, fará todo o posible para salvar esa ratiña que, intúe, será unha grande amiga.
Así, o libro converte unha amizada que a priori sería imposible nalgo tan fermoso e entrañable como unha nena que agocha segredos a seus pais para dar de comer e de rir e compartir cariños cun rato de andar por casa.




04/05/12

As fronteiras do medo

Recibo con ledicia un novo libro de Agustín Fernández Paz, As fronteiras do medo, publicado por Rodeira-Edebé. Seis relatos vencellados por un tema común: o medo, un libro que papei en pouco tempo, lembrando aqueles meus tempos novos nos que eu tamén lin con fruición a Poe e a Lovecraft.
Como en todo libro de relatos, hai uns que gustan máis ca outros. É de interese o pé de cada un deles, aínda que compartan características comúns como a presenza do estraño e o seu desenvolvemento na nosa xeografía, o que fai abrollar elementos culturais de noso coma mitos prehistóricos.

.- "A porta do Alén: gustoume moito este relato, quizais tamén influída por ser o primeiro, pero pareceume moi interesante toda a explicación que se nos ofrece nas páxinas 39 e 41. Non é un relato de medo propiamente dito, senón de abraio, xa que é o final sorprendente e pouco esperado: as construcións megalíticas, a Estación das Sombras que se abre o 31 de outubro é sobre o que se artella a historia.

.- "A voz do sangue": é seguramente un relato máis terrorífico có anterior, coa proposta dunha porta que non debe abrirse e todo o que supón a súa descuberta. O destino que chama e do que non se pode fuxir. Desta volta é o pintor Matisse a fonte de inspiración, mesmo o título é dun cadro del no que se ve un carballo con dúas portas abertas no tronco.

.- "Os fillos de Hamlet": Foi quizais o relato que menos me gustou. A referencia arestora -está claro- é Shakespeare. A crenza de que hai outras realidades diferentes das que podemos ser vítimas, humanos só na aparencia e unha sobremesa gorentosa na máxica noite de Walpurxis.
.- "O pozo": clara influencia de Lovecraft, autor que le o protagonista e que lle provoca pesadelos nocturnos. Gustoume especialmente polo tratamento do paso da infancia, da verosimilitude de que hai lembranzas  asociadas a terrores que non marchan e que poden agromar en calquera momento da vida, aínda  que se crea que teñen desaparecidos.

.- "O enigma do menhir": volvemos mergullarnos nos poderes de certos seres e lugares da nosa contorna máis próxima, enerxías misteriosas que quedan sen resolver.

.- " A mirada de K": Quizais o meu preferido, o terror que pode inserir crer nunha orde misteriosa que manda sobre nós e que nos fai descoñecedores das nosas propias accións.

Sexa cal sexa o relato que máis vos guste, seguro que este libro, un máis de Agustín, vaivos atrapar entre as súas páxinas para degustar as palabras, as intrigas, os perigos. Traspasade as fronteiras do medo para abrir calquera das seis portas que Agustín vos ofrece. Non sairedes decepcionados.





08/09/11

Centauros do Norte

Acerta novamente Marcos Calveiro con este libro, premio Raíña Lupa 2010, Centauros do Norte publicado pola editorial Rodeira-Edebé.
Viaxamos con esta lectura ao México de hai un século, un país que vive na pobreza baixo a opulencia duns poucos oligarcas. E é nese México onde Pancho Villa decide intervir. Un home que soña cunhas terras divididas e un país culto, que instaura a revolución para liberar o seu país. E nese soño acompañarano miles de persoas, anceios de igualdade que se solventarán...
Pero sobre todo estará, ou non, ao seu carón, un neno que non ten a ninguén agás a súa música e os seus propios valores, que non sempre coinciden cós do xefe. Un mozo que se namorará, sufrirá e fuxirá buscando outra existencia, e que a atopará tentando ocultar os remorsos desoutra vida vivida.
Como telón de fondo, o cine, unha cámara que non grava os sons pero si as imaxes e que pretenden ser un testemuño desa revolución real que acontece. E que nos dará un final, como cando vemos na gran pantalla ese "The End" que nos fai erguer das nosas cadeiras, para levar na nosa mente as imaxes, as conversas, e revivir aquilo que máis nos impactou. Porque con este libro ocorrerá o mesmo: vivirán os seus personaxes en nós un tempo, soñaremos nós tamén cun país culto (e tanto!) procurando unha revolución silenciosa nun filme que teña asemade un final feliz.
Semella que Marcos Calveiro domina a perfección a relación entre un home con sona e un neno, como xa fixera en O pintor do sombreiro de malvas. Detrás, un exhaustivo exercicio de documentación sobre a época que relata e unha narración que atrapa, cuns personaxes que nos encantan, son as claves da obra. Un libro que necesitará de lectores avezados para gozar plenamente de cada unha das súas liñas, teñan a idade que teñan.
E porque eu amaba tamén os wesntern, tantas horas admirando a súa valentía e as súas batallas, doulle as grazas a Calveiro por esta homenaxe que compartimos.


21/10/10

Centenario Miguel Hernández I

Como sabedes, o día 30 deste mes celebramos o centenario de Miguel Hernández. Na biblioteca do IES Chano Piñeiro de Forcarei estamos a traballar para lembrárllelo ao alumnado con diversas actividades que vos contaremos aquí.



Un dos libros que mercamos para a biblioteca foi La vida y poesía de Miguel Hernández contada a los niños por Rosa Navarro Durán con ilustracións de Jordi Vila Delclós, da editorial Edebé. Creo que é un bo xeito de achegarlle ao alumnado de 1º de ESO o poeta, de introducilo no seu coñecemento e que, cando menos, teñan oído falar del neste ano do seu centenario. De cando en vez intercálanse poemas e ilustracións que achegan dun xeito máis ameno a biografía deste loitador que é amosada sen adornos superfluos.




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.