Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Dibbuks. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dibbuks. Amosar todas as publicacións

09/08/17

Valerosas

Este cómic de Pénélope Bagieu que publica Dib-buks é deses libros imprescindibles en toda biblioteca escolar: Valerosas. Mujeres que solo hacen lo que ellas quieren tráenos quince historias protagonizadas por outras tantas mulleres que procuran a súa liberdade individual nunha loita contra a sociedade patriarcal; e faino a través dunha pequena biografía que se centra nisto que nos interesa. O mellor de todo, é que non son as típicas biografías de mulleres valorosas que estamos acostumadas a coñecer, non, algunhas coñecémolas pero outras é a primeira vez que as descubrimos, o que lle engade valor ao cómic. Por exemplo, Agnodice, xinecóloga grega vestida de home para exercer a medicina, ou Clémentine Delait, muller barbuda. 
O libro non só sobresae por isto, senón pola estética empregada, xa que entre historia e historia hai unha dobre páxina incriblemente fermosa.


15/03/16

Caperucita Roja

Xenial versión despregable de Caperucita Roja publicada por Dibbuks  a cargo de Sergio García Sánchez e Lola Moral. Simpática e diferente porque cambia o punto de vista: será a nena quen nos conte a súa marabillosa vida no bosque e os "riquiños" que son os animais que alí viven como os lobos; asemade, a avoa ten unha vida completamente idílica, ademais de ser unha persoa intelixente e divertida coa que se comunica por medio de morse cando a nena ten algún tipo de dificultade. 
O libro ten dúas partes, por un lado conta a historia que -máis ou menos- coñecemos e pola outra Carapuchiña fala de como é a súa vida cotiá, do fermoso que é a vida natural e mesmo nos agasalla unha receita para facer a torta da avoa.
 Foto  Libraría Nemo

14/02/16

El fantasma de Gaudí


El Torres e Jesús Alonso Iglesias son os autores do cómic publicado por Dib-buks, El fantasma de Gaudí, un libro que nos pasea pola Barcelona modernista creada por Gaudí, quen cría que a arquitectura era arte e a arte debe imitar a natureza. Pero este cómic é moito máis, xa que é en realidade un thriller policial no que os asasinatos veñen enmarcados nas diferentes obras maxestuosas de Gaudí durante catros actos con tensión narrativa que non oculta pero que ofrece intriga.
Algo que chama poderosamente a atención son os debuxos, xa que as obras de Gaudí e todo Barcelona convértense nun espazo fantástico que nos permite gozar da cidade e do universo alí creado: a Pedrera, o Parc Güell, a Sagrada Familia... 
Ao final, a obra complétase con información variada, como se fixo, probas de estilo, posible portadas, reflexións...
Un moi bo cómic.



14/02/15

La isla de las piedras

Un moi bo cómic publicado pola editorial Dibbuks é este La isla de las piedras con guión de Marc Ferré, personaxes de Max e fondos de Pau. Unha mostra máis de que a lectura é didáctica e entretemento. Este libro compila "El bosque oscuro" e "La cueva del Mussol", dúas historias que tratan de reflectir os costumes dos habitantes das illas Baleares de hai 3000 anos, é dicir, un xeito divertido de achegar a Prehistoria ao lector/a, tanto dende un punto de vista etnolóxico como arquitectónico. Dúas historias simples de ler con moitas referencias aos xacementos e á súa arquitectura e costumes. Debuxos claros, atractivos, amables, baseados nunha gran documentación, xa que o guionista é asemade arqueólogo, polo que a historia é dinámica e doada. 
Ao rematar o cómic, hai un extra que nos conta cousas sobre o xacemento de Son Fornés, con fotografías nas que podemos recoñecer as localizacións reflectidas no cómic.



la isla de las piedras



28/01/15

Degenerado

Sigo coa lectura de cómics sobre guerras e chego a esta curiosa historia real que recolle Chloé Cruchaudet e que publica Dibbuks: Degenerado conta a historia de Paul Grappe e a súa cónxuxe Louise. El faise dersertor na Primeira Guerra Mundial e vese obrigado a agocharse para que non o deteñan. Como saír desa situación? Cambiando de identidade e converténdose en Suzanne. Apaixoante personaxe que se irá facendo dona do verdadeiro Paul, controlándolle a súa vida. Así, a lascivia nocturna, a liberdade sen prexuízos, será detonante para que a muller se apodere do home; isto terá como consecuencia a relación tormentosa coa súa cónxuxe, que non comprende o cambio do home e a aceptación total dunha nova identidade que non lle pertence.
Dez anos despois, os desertores son aministiados. Pode volverse á normalidade tantos anos despois? As consecuencias serán impredicibles.
O abismo, a sexualidade, as relacións de parella, a loita pola identidade... estes temas conforman un cómic que levou moitos premios, como por exemplo o  Premio do Público do Festival de Angoulême 2014.
Coido que é un cómic que paga moito a pena. Non só pola historia, senón tamén polo uso da cor da autora, xa que predominas as cores apagadas e entre elas resalta o vermello para destacar obxectos importantes dende un punto de vista narrativo.




cruchaudet dibbuks

25/10/13

El azul es un color cálido

Marabilloso este cómic de Julie Maroh publicado por Dib-buks: El azul es un color cálido é unha historia de amor, de busca de identidade, de procurar un lugar no mundo, de botar as confusións ao lixos e enfrontarse aos sentimentos máis reais e menos sociais... é unha historia real, triste, solitaria... desgrazadamente diferente. Porque a descuberta da homosexualidade é terrible cando se enfronta á familia e amizades, cando socialmente non se acepta. Pero a marabilla deste cómic é que se vai descubrindo sen présa pero sen pausa, dun xeito totalmente verosímil e que cando o amor sexa correspondido verase tan forte e capaz para enfrontarse a quen hai arredor. E as dúbidas desaparecerán. O debuxo encantoume, destacando esa cor azul sobre os grises que me chamou dende o primeiro vistazo ao seu interior. E convértese nun fío argumental importante e necesario durante toda a obra.
E o amor. A paixón. A dúbida. O enfado. O arrepentimento. O pracer. A reconciliación. A dor. O tempo. Todos os sentimentos que calquera de nós teña sentido nalgún momento da relación amorosa están aquí, a carón do azul.






05/06/13

El mono de Hartlepool



Boísimo este cómic de Wilfrid Lupano e Jéremie Moreau publicado por Dib-buks: El mono de Hartlepool conta unha historia grotesca, triste e divertida sobre a estupidez humana, a xenofobia e o racismo; o odio irracional que nos cega cando nos cremos diferentes, e por iso únicos, é o eixo desta historia de necidade e cegueira dun pobo que desdeña a racionalidade e consente crer na simple aparencia. Ante tamaña idiotez, os autores saben manexar a maxia da arte escrita e ilustrada para transmitir ata unha tenrura extraordinaria na man dun mono disfrazado.
Extraordinario para a reflexión posterior. Unha boa opción para un club de lectura.





27/03/12

La niña que fui



Blazy Safieddine Renart escribe La niña que fui publicado por Dibbuks. Non é un cómic fácil, nel faise unha introspección ou un exorcismo persoal buscando a personalidade da infancia. Un cómic intimista dunha muller que revisita as súas lembranzas cando se percata de que ese mozo-home do que ela estivo namorada foi detido por pederatia. Isto faina deterse e reflexionar sobre os sentimentos e as relacións cos homes.
Un cómic biográfico contado dende a sinxeleza máis auténtica, con saltos temporais, dúbidas e reflexións. Unha adulta que aínda segue a reprocharse a nena que foi, enfróntandose a esa realidade para poder seguir vivindo... ou para empezar a ser quen quere ser.

"Esta es la historia de la niña que fui. Nunca he estado segura de querer contar su historia porque, en algunos aspectos, es como la de miles de niñas".



07/07/11

Belladona



Publicado por Dibbuks, Belladona conta con guión de Ange e debuxos de Alary. A historia sitúase en 1680, no París de Luís XIV, unha historia de espionaxe e contraespionaxe onde a protagonista é unha moza de escuro pasado chamada Marie, ou Belladona. Con saltos no tempo, para nos ofrecer unhas pinceladas desa crianza que Marie apenas lembra, con moita acción e uns debuxos moi coidados a toda cor. Aventuras, amor, emocións... todos os ingredientes básicos para para gozar do cómic. E a protagonista imbatible é unha muller, algo non moi corrente nesta época de mosqueteiros...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.