Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións

01/05/22

O neno de lume


C
avilo moitas veces a sorte que ten a rapazada actual de ler tantos e variados libros marabillosos na nosa lingua, algo impensable nas miñas épocas, cando apenas tiñamos acceso a algúns cómics e "clásicos juveniles" que devorabamos avidamente. Arestora, autoras como Ledicia Costas agasallan lecturas coma esta, O neno de lume, con sabor clásico, para relambernos coas súas historias. Premio Merlín de Literatura infantil 2021, con ilustracións de Iván  R. e publicado por Xerais, saboreamos humor, retranca, personaxes inesquecibles, conflitos, espazos míticos, agarimo pola ciencia e a tecnoloxía... nun menú degustación que queremos que dure. Seres míticos e seres reais conviven nun mesmo mundo, porque aí está a maxia da literatura, para explicar a través da fantasía o funcionamento do tempo atmosférico (a razón dos ventos, da néboa, do sol e da choiva) mentres namoramos dese lugar que acolle un neno que coma calquera outro pode ser vítima de bullying ou pode gozar da amizade ou do amor.


26/02/22

Eternity


 T
iña moita curiosidade polo regreso de Xosé Monteagudo, autor da que para min é unha das mellores obras narrativas dos últimos tempos da narrativa galega: Todo canto fomos. Agora chego a Eternity, publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio Narrativa Breve Repsol 2021. 

Monteagudo ten oficio e nótase. Vese na narración que lemos, cun texto ben elaborado. E gustoume a proposta que nos achega neste libro: un lugar en internet que preserve a memoria dxs falecidxs, un cemiterio virtual. Unha idea, por outra parte, ben interesante que nos fai reflexionar sobre a trascendencia do ser humano. Pero o autor, asemade, desenvolve ao mesmo tempo outro fío argumental que nos lembra que ás veces descoñecemos as persoas máis próximas. Ao mesmo tempo, e aínda sendo unha novela curta, hai reflexión ben interesantes sobre o acto da escrita ou da calidade literaria, e mesmo sobre a procura de traballo da xente nova na nosa sociedade.

Unha proposta literaria que non defrauda.




19/02/22

Virtudes (e misterios)

 
G
ustoume a proposta que nos fai Xesús Fraga no seu Virtudes (e misterios) publicada por Galaxia, obra que recibiu o Premio Nacional de Narrativa neste ano 2021 e que asemade xa recibira o Premio de Novela Blanco Amor 2019: un libro que combina xéneros como a novela, a crónica e o diario, e que consegue ofrecer unha visión máis da emigración que emociona e conmociona, pois o sentido do humor que amosa é parte importante da trama, unha vida -varias vidas- reais que nos lembran a tantas persoas coñecidas que tamén viviron situacións semellantes. 

Comentábame un compañeiro que leu o libro canda min que el non se sentía identificado con esta emigración, que o seu punto de vista como fillo de emigrantes é moi diferente. Coido eu que non tentaba o autor con este libro escribir un libro universal sobre a emigración, posto que o relato da emigración é múltiple e hai moitas e diferentes vivencias, senón que realiza unha estupenda homenaxe á súa familia e a unha avoa imparable que si pode ser espello doutras mulleres inquebrantables que viviron a emigración. Dende aí e dende aquí, un libro que nos axuda a falar deste drama universal e galego, que explica moita idiosincrasia familiar da nosa terra e que ademais está ben contado e ben escrito e que resulta unha boa proposta para achegarnos a unha familia que podería ser moitas.


14/04/21

El lunes nos querrán


 G
ustoume moito esta proposta de Najat El Hachmi, Premio Nadal 2021 que publica Destino: El lunes nos querrán é unha longa carta que a protagonista dirixe á súa mellor amiga, unha carta que de xeito retrospectivo volve á adolescencia, a unha época de sufrimento pola educación recibida e pola cultura e relixión na que se crían. A procura da liberdade e o desexo de rachar coas tradicións que as converten en persoas de segunda, polo feito de seren mulleres, é o eixo sobre o que xira a historia. Unha historia que marca un abismo entre as posibilidades que ten calquera outra moza da súa idade e a delas. Aínda que nos enmarca nunha determinada cultura e relixión, o relato da discriminación de xénero ocupa toda a novela, xa que feminismo e identidade son os grandes temas argumentais que nos levarán a un desasosego profundo a medida que pasamos as páxinas e que comprobamos as dificultades polas que deben pasar as mulleres para loitar polo seu destino e para loitar asemade contra un sentimento de culpa que chega a ser tan grande como o anceio de liberdade.

Un libro que nos marca e que nos leva a reflexionar e caer na conta de que as mulleres non só son mulleres que loitan senón que a raza, a cultura ou a relixión poñen moitas máis pedras no camiño da igualdade. E isto indígnanos dobremente. De feito, a identidade da protagonista non é descuberta ata o final, porque o anonimato das mulleres é un xeito de facelas desaparecer


10/04/21

Álbum de familia


 E
ncantoume este novo Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos, xa o XIII, publicado por Kalandraka,  de Alejandro Pedregosa con ilustracións de Carole Hénaff. Sorprendeume porque resultou moi diferente, unha poesía que fala do mundo, da diversidade étnica e faino en versolibrismo, algo que non acostumamos a ter na poesía infantil, onde semella que a métrica é clave para este público. Sen rima pero con harmonía, imaxes que nos levan a ensoñacións e palabras suxestivas, protagonistas que nos levana a afastados países a quefaceres reais, atrapándonos nos poemas.


15/01/21

O axolote e outros contos de bestas e auga


 Aínda que non son eu moito de relatos, pareceume moi interesante esta proposta que nos convida a ler Lara Dopazo Ruibal a través da editorial Galaxia: O axolote e outros contos de bestas e auga lévanos a viaxar polo misterio e polo sobrenatural, con fenómenos naturais e animais fascinantes (reais ou non) que remexen na tradición oral e no imaxinario popular, que sorprenden e que nos deixan ao remate de cada relato agardando, cunha estraña sensación de illamente e de sobrecolledora ausencia que non sabemos explicármonos. A autora crea escenarios afastados en breves relatos que modulan a tensión narrativa e o ritmo para sorprendernos con latitudes alleas e lendarias.

Moi recomendable.

Premio Illa Nova 2020




02/01/21

Velloucas & Minchas


 Lorena Conde gañou o III Prmeio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con este Velloucas & Minchas, publicado por Cuarto de Inverno, unha lectura que terá éxito, coido eu, entre o lectorado novo (1º, 2º da ESO), xa que consegue manternos pegadxs ás súas páxinas e queremos saber como vai acabar todo. A pesar de introducir na historia un malo demasiado malo, un personaxe dende o meu punto de vista pouco crible e non acabado de construír, as páxinas centratanse en transmitir valores positivos como a diversidade sexual -en persoas maiores, que resulta desde logo máis innovador- e inclusividade (ambos supoño que foron quen lle outorgou o premio). O feito de que as protagonistas -agás as nenas- sexan mulleres maiores que celebran a vida e loitan polos seus dereitos é un dos piares da narración, que se sustentará asemade nunha vila que como todas as vilas ten habitantes diversos, habitantes tolerantes e intolerantes, unha vila que festexa e que baila. Canda esta vila iremos coñecendo unha nena que vive con temor pero tamén con valentía os sucesos que ocorren ao seu arredor, acontecementos que a fan sufrir e que axudarán na súa madureza e na construción da súa personalidade.


05/12/20

Dende 1880



 Pietro Gottuso foi o gañador do XIII Premio Internacional Compostela para álbumes ilustrados - 2020 con este fermosísimo libro titulado Dende 1880 que publica Kalandraka,  un álbum sen letras que conta unha historia con final infeliz. Unha librería que é testemuña activa do paso do tempo, que durante 140 anos contempla como ao seu arredor evolúe a sociedade e cambia, sobre todo tecnoloxicamente, pero non sabemos se por esta razón ou por razón económicas, non é quen de sobrevivir. Triste historia da desaparición dunha libraría que a pesar da súa idade, e por tanto do seu bo facer, non logra tecer os suficientes soños de quen a rodea. Un final moi triste para unha realidade, posto que conta o autor que realizou este álbum a partir dunha nova real que escoitou. Impresionantes ilustracións para un libro que non nos deixa indiferentes -a calquera que ame os libros máis, pero se amas os álbum ilustrados é suficiente- xa que seixa o orixinal estaba pintado en táboas. Unha auténtica obra de arte, sen dúbida ningunha. 

Deses libros para atesourar nos vosos andeis.


26/11/20

Patio de luces


 X
a que a imaxinación supera a realidade, Érica Esmorís preséntanos en Patio de luces, con ilustracións de Juan Berrio e publicada por Xerais, unha nena que se inventa a vida dxs veciñxs do patio de luces da casa onde traballa o avó, aínda que o seu súper-maxín inventa historias afastadas da realidade... ou quizais non tanto. Será que nada é o que parece ou será que a realidade supera a ficción?

Dende logo, unha lectura entrañablemente deliciosa que encantará á rapazallada. Sen dúbida ningunha.


25/02/20

Veleno de tinta impresa

Interesoume moito esta achega que nos fai Xosé A. Neira Cruz, que coa súa acostumada elegancia na escrita, lévanos á sociedade coruñesa de principios do século pasado, onde unhas cantas mulleres facíanse valer e outras cantas loitaban por unha ansiada igualdade. Encantoume saber da súa loita, desas clases altas que negagan a posibilidade de que unha muller pensase por si mesma e para as cales non existía a cruenta realidade das mulleres que dende a pobreza loitaban por sobrevivir. En poucas páxinas, Veleno de tinta impresa, Premio ánxel Fole de narración curta do Concello de Lugo 2019, publicada por Xerais, ofrécenos un cadro feminista e unha homenaxe a María Luz Morales, primeira muller directora dun xornal en España.
Unha moi recomendable lectura que nos sitúa nun mundo que, sinceramente, non parece tan afastado.

23/02/20

Tres bichicomas, dúas illas e unha serea

Non sei como o consegue, pero Rosa Aneiros non defrauda. De verdade, que agora que ando a me recuperar moi lentamente da miña crise lectora e que busco con coidado os libros a ler para non volver atrás, este foi unha gozada. Unha mañá de domingo ben aproveitada porque o libro lese nunha carreiriña de can, pero o mellor é que non tes ganas de parar. Así que xenial! Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, publicado por Xerais e ilustrado por Abi Castillo, recibiu o Premio Agustín Fernández Paz da narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade 2018. Abofé que foi un premio ben merecido! A vizosa imaxinación da autora aliada coa súa inestimable sensibilidade xúntanse para crear unha lectura que de non trunfar entre a rapazallada sería como para non crer nunca máis na humanidade. Porque de todo hai: aventura, amor, amizade, compañeirismo, solidariedade, compaixón... Unha nena que descobre que non todo é o que parece e un avó que ama dende o silencio, uns lazos de unión que son irrefutables, a engranaxe dunha aldea, a sedución do rural... Anímovos a que compartades e leades este libro que cara ao final vos convidará a algunha bágoa mentres que o sorriso do principio aínda está a relucir.
Grazas, Rosa, por este cacho de tempo na túa illa de amor.

15/02/20

Tres catorce dezaseis

Gustoume a proposta que nos fai Rocío Leira nesta novela matemática-xuvenil que publica Xerais: Tres catorce dezaseis foi, ademais, Finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: lectura moi acaída para o club de lectura matemática e que vou recomendar dende xa á profas desta materia, non só por ser unha novela negra que se le rapidamente senón tamén porque coido que lles pode ofrecer algún material para xogar nas aulas. Xa veremos.
A min, dende logo, paréceme unha boa opción que conxuga, como xa dixen, o elemento matemático coa novela negra, dun xeito lúdico e ameno, sabe manxar os tempos e a intriga e vainos deixando pistas para sabermos máis que o propio profesor de matemáticas. Un libro que engancha e que resulta diferente ás últimas propostas -en xeral- de literatura xuvenil.

11/12/19

O can de Milu

Un ano máis, o Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados que publica Kalandraka tráenos un delicioso álbum, neste caso de Mariann Máray titulado O can de Milu . Unha mascota moi especial e o amor incondicional que se sente por elas, e que quizais só comprenda quen se deixa acompañar na súa andaina por unha. E sobre este amor, o amor pola liberdade, xa que o libro tamén é unha reclamación ante eses lugares que teñen os animais pechados sen lles permitir medrar na súa propia natureza.

06/11/19

O país do gran furado

 
Xerardo Quintiá Pérez é o autor e gañador do II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2019) con O país do gran furado, publicado por Baía. O libro conta coas ilustracións de Noemí López Vázquez e xoga co humor, coa poesía e sobre todo coa revolución feminina, que ataca pacificamente un rei machista que obriga as mulleres a non teren independencia. Destaca que a resolución do conflito sexa a través da palabra, o que asemade introduce no libro unha perspectiva pacifista moi acaída.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.