Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Barbara Fiore. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Barbara Fiore. Amosar todas as publicacións

10/10/21

Inesperadas

 


P
ublica Barbara Fiore esta marabilla de libro de poesía: Inesperadas. Antología de poetas imprescindibles, unha selección de Paula Carbonell cun poema visual da ilustradora Alejandra Acosta. Unha viaxe de séculos para coñecer mulleres que foron silenciadas por ser iso, mulleres.

Este libro namora pola edición, polo coidado, polo contido, pola delicadeza. Un libro para agasallar e para autogasallar, para ler e para volver a el de cando en vez a el. Como obxecto e como lectura.

35 autoras máis descoñecidas e máis coñecidas comparten páxinas para ser degustadas con atención e deleite.





11/11/20

A propósito de la vida


Barbara Fiore volve a conquistarnos con este libro que nos fala do misterio da vida: A propósito de la vida de Christian Borstlap. Un álbum que nos lembra a necesidade de nos coidar e de coidar a natureza, que nos lembra de onde vimos e de quen dependemos. Un xogo de vida.

 


01/04/20

Cigarra


Encántame Shaun Tan, e este libro confírmame a miña admiración por el. Barbara Fiore tráenos  Cigarra, un álbum filosófico, un libro que nos lembra a Kafka sen ningunha dúbida. Unha cigarra que traballa nun mundo inhumano que non o respecta nin quere, un traballo desorbitado que non recibe recompensa. Ao final, ao límite, algo extraordinario ocorre. Porque o anceio máis importante de calquera é a liberdade
O álbum ten poucas palabras, porque o que ten máis forza son as ilustracións e a cor que as acompañan. Porque a explosión de cor final é a mellor explicación que as palabras ausentes, ou sexa, o silencio, poden dar.




29/03/20

Flora y los pavos reales

Fermosísimo e delicadísimo álbum despregable de Molly Idle que publica Barbara Fiore: Flora y los pavos reales é un orixinal libro sen palabras que converte cada páxina nun baile, nun soño, nun xogo. Unha nena que baila con dous pavos reais ciumentos porque ambos queren ter o mesmo protagonismo, pero sempre hai solucións. 
O final, espectacular.

26/03/20

La ciudad latente

Volve a sorprendernos e conquistarnos Shaun Tan con esta La ciudad latente que publica Barbara Fiore. Un álbum ilustrado de 44 ilustracións a dobre páxina e 25 contos e poemas protagonizados por animais de diferentes especies. Neles, plantéxanse conflitos da sociedade amosándonos que o ser humano está totalmente desconectado da natureza, polo que o autor decide crear unha oda a esa natureza e a eses animais que cambiarán a percepción da realidade dos humanos, unha realidade que asfixia.
Coma todos os libros deste autor, estamos ante unha obra de arte convertida en libro. As ilustracións cheas de cor, fantásticas, fermosas, hiperreais.


03/03/20

Veo el mundo

Romana Romanyshyn e Andriy Lesiv convídannos a observar o mundo que nos rodea, ese que temos ante os nosos ollos, fixándonos en todos os detalles, en todas as cores, en todos os matices, en Veo el mundo publicado por Barbara Fiore. O libro é unha exploración e un xogo para aguzar o noso sentido máis prezdo, o da vista, porque con ela podemos observar pequenos xestos e emocións que de non tela serían fuxidías. Pero se non a temos, podemos ler a través do alfabeto Braille, e mesmo para ver aquilo que non está preto ou que é demasiamo ínfimo temos aparellos que podemos utilizar, como telescopios e microscopios. O mellor é que podemos mirar o mundo, observalo, e saber que cadaquén vai miralo de diferente maneira porque iso é o que somo, iguais pero diferentes. Un libro cheo de detalles que nos convidan a observar, a mirar, a deternos, a perseguir detalles. E a reflexionar.



02/03/20

Palimpsesto

Un cómic que non deixa indiferente, así é este Palimpsesto de Lisa Wool-Rim Sjöblom que publica Barbara Fiore. O título dános unha pista importante: un Palimpsesto é un manuscrito antigo que conserva pegadas dunha escritura anterior borrada artificialmente; así é a historia de nenos e nenas adoptadxs,  realidades que non coinciden coas historias que sempre lles contaron.
A autora sorprende cos tons empregados para realizar o libro, ademais do propio texto, ás veces excesivo para un cómic, para contarnos a súa propia historia, unha historia baseada nunha mentira, xa que descobre que non foi adoptada por ser orfa, senón que outra é a realidade. De aí que o libro conte a investigación chea de dor que a autora e protagonista vive para entender a súa propia historia emocional. Algo que converte a lectura en desgarradora polas políticas corruptas que se agochan detrás das adopcións internacionais que xogan coa vida dxs máis desfavorecidxs.
E mentres nos mergullamos na súa lectura, pensamos en tantas persoas achegadas que queremos e poderían vivir estas mesmas emocións e sentimentos encontrados.

18/02/20

Las Alas

Encántame todo o que fai Jimmy Liao, así que, de entrada, era imposible que non gozase con este Las Alas que nos ofrece de novo a editorial Barbara Fiore. Unha fábula marabillosa que nos fai reflexionar sobre a bondade, a soidade, a incomprensión, o ser diferente. Porque é delicada a liña que separa éxito e crueldade, amor e odio, amizade e soidade. É a sociedade capaz de marcarnos de tal xeito que é imposible a nosa propia liberdade persoal?





17/06/18

¿Mau iz io?

Álbum sorprendente dende o título: ¿Mau iz io? de Carson Ellis, publicado por Barbara Fiore, inventa unha nova linguaxe, a dos insectos. Invéntaa ou reprodúcea, a saber, porque quizais se os escoitamos detidamente escoitarémolos falar así, tal cal nolo reproducen neste libro, libro que recibiu o Premio ao Mellor Álbum ilustrado do Gremio de Libreiros de Madrid o ano pasado, 2017. Un conto sobre o ciclo da vida, sobre medrar e morrer, que representa ao longo da historia emocións que podemos ler nesa linguaxe tan particular: hai sopresa, hai ledicia, pero tamén hai medo. Quizais o título no noso idioma sería algo así como "que raios é iso?" porque desde logo é unha sorpresa descubrir unha semente enrollada, que será a verdadeira protagonista da historia. Ao seu arredor asistiremos a ese ciclo da vida imparable que todos e todas protagonizamos neste planeta: nacer, medar e morrer, para volver a empezar. Así de sinxelo e así de fermoso. Coma este álbum.


06/06/18

Mi mundo eres tú

Encántanos Jimmy Liao. E como nos encanta, celebramos cada novo libro que descubrimos del. Así que cando vimos este, veu para a casa. E esquecemos traelo ao blogue. Este Mi mundo eres tú é do ano pasado, publicado por Barbara Fiore. Jimmy Liao escribe poesía ilustrada, e volve demostralo neste álbum que fala do que sente unha rapaza fronte á morte do seu can, de como se vive a vida que nos conmociona, de como esta nos vai cambiando e formando. Pero tamén fala das lembranzas, de como estas nos axudan asemade a medrar e nos fan reflexionar, de como mesmo nos axudan a superar a perda e a dor, e de como podemos refuxiarnos nelas para mitigala.



23/03/18

Zenobia

Barbara Fiore publica este certamente necesario cómic de Morten Dürr e Lars Horneman, Zenobia, que recibiu o premio ao Mellor Cómic e ao Mellor Cómic Infantil outorgados polo Ministerio de Culutra de Dinamarca en 2016. Un libro que fala da guerra de Siria e dos seus exiliados. Unha nena que se embarca para fuxir na procura da paz. Pero o perigo do mar pronto se fai patente e mentres ela se funde, vai lembrando doto canto viviu, os momentos felices e a desaparición dos pais. Por iso dicimos que é un libro necesario, porque fala do momento actual, porque fala da crueldade porque fala do horror, porque fala do drama dos refuxiados. A que se debe o título? Porque Zenobia, valente guerreira e raíña de Palmira, é quen infunde forza á nena protagonista na súa loita pola supervivencia. Iso si, non hai ningunha solución ao conflito no libro, como semella non existir na vida real, só é unha constatación da crúa realidade que viven miles de nenos e nenas actualmente. É un relato cru, moi cruel, adubiado coa poesía da reflexión.
Todo isto e máis nun cómic que apenas ten texto, pero si contrastes de cor, cambios de paisaxe burscos, metáforas visuais. Símbolos todos postos ao servizo dunha boa causa.
Cómpre lelo varias veces. E lembralo.


03/12/17

Soy la vida / Soy la muerte


Dous álbums ilustrados de Barbara Fiore que son as dúas faces da mesma moeda:  Elisabeth Helland Larsen coas ilustracións de Marine Schneider constrúen estes dous mundos de xeito delicado e cóntannos en ambos como resulta inseparable a unión entre a vida e a morte. Mentres o da vida céntrase nos valores de vivir en comuñón connosco mesmos e coa natureza, o da morte -representada como unha moza doce- lémbranos que a morte visita animais e persoas, pero tamén a toda a natureza en xeral, e que en todo momento enuncia un leit-motiv: o seu sentido (a pesar da dor que provoca) é necesario, xa que a vida enche de esperanza pero sería imposible manterse sen a morte.
Ambos álbums son extremadamente poéticos, cheos de máxica dozura.







26/09/17

Líneas

 Novo libro de Suzy Lee publicado por Barbara Fiore, Líneas. Nono álbum sen palabras que nos deixa sen palabras, que nos convida a imaxinar e mesmo nos sorprende coa súa historia. Unha historia que persegue uns patíns e unha nena que os porta. Con mestría, a nena é quen de facer grandes piruetas, liñas hipnóticas que se van trazando no seu longo percorrido, ata que cae. Ou non? Que é o que é real? É todo produto dunha fantasía dun creador? Ou é produto da historia que nós creamos a medida que contemplamos cada páxina?

22/04/17

Mi querido gatito


Unha vez máis, é a editorial Barbara Fiore a encargada de nos traer o mundo máxico e poético cheo de cor de Jimmy Liao con Mi querido gatito, un libro que fala de soidade dende o punto de vista gatuno; un punto de vista moi humanos pois as palabras serven para nos transmitr o que é a tristura dun xeito poético. Jimmy Liao ten esa capacidade que observamos en moitos dos seus libros: con el sentimos empatía ata por un animal que nos podería deixar máis ou menos indiferentes. Pero el sente un amor especial cara a eles e nós canda el coa súa lectura.









12/04/17

Paseo


Se es amante dos libros, se che gustan as ilustracións sobre libros, non vas deixar escapar este álbum. De seguro! Paseo de Jungo Lee publicado por Barbara Fiore fundaméntase neste amor, unha homenaxe preciosa á literatura e á súa función de nos pasear por outros mundos, aqueles que non teñen límites, aqueles que sen eles non percorreriamos. Abre as fiestras e asómate a ese mundo poético que nos ilumina, un mundo de libros, de metáforas, de soños, de maxia. E non as peches nunca.





16/11/16

La piedra desobediente

Ahn Zhe é o autor deste curioso álbum que publica Barbara Fiore: La piedra desobediente dá título a un lugar onde todo responde a unha orde inviolable: que nada debe cambiar dun día para outro. E para que isto se cumpra, existe unha patrulla que vén a ser uns gardiáns da monotonía... ata que esta racha de vez. Que facer cando isto ocorre? Só nos queda saber adaptarnos, ser valentes e comprensivos na construción dun mundo que vive en permanente cambio.
Se o tema é orixinal, máis aínda o son as ilustracións, tan meticulosas e particulares, que amosan esquemas e acotacións, curiosos detalles que fan deste álbum un libro cheo de orixinalidade.



03/11/16

Antes estaba el mar

Novo e fermosísimo álbum que publica Barbara Fiore: Antes estaba el mar de Éleonore Douspis. Un libro que xoga co texto e a estrutura do mesmo, coas páxinas despregables, con todo canto se pon ao alcance do protagonista, xa que este deberá recuperarse dunha traxedia para sobrevivir e seguir adiante. Esta é unha das grandes capacidades do ser humano: loitar e perseverar. Só así poderemos mirara un futuro que nun principio semellaba non existir. Que ocorrería de non termos esta capacidade de supervivencia? 
Neste libro temos unha historia e ademais metaliteratura, xa que o neno percátase de que vive no libro e procurará as limitacións deste para superalas.




22/10/16

Un día más contigo



Un día más contigo. Caminando por una tarde de primavera de Jimmy Liao, publicado por Barbara Fiore, é un libro sobre a perda, un libro que desgarra pola sensibilidade con que está escrito, mentres acompañamos á protagonista nun percorrido penoso que debe facer en solitario, acompañada das súas lembranzas, aquelas que compartiu coa amiga que xa non está nin volverá a estar. E ese camiño debe facelo por un pacto entre amigas, un pacto sagrado que establece que ese camiño que antes era alegre agora debe ser percorrido con esa carga de tristura que provoca a ausencia, unha ausencia que se fai patente en cada paso, en cada movemento, en cada respiro. Unha tristura que abraia pola decisión con que esa nena vai camiñando a un destino que sabe que lle provocará aínda máis dor. Porque a dor da familia sabemos que é tremenda, por moito que se nos presente un circo, a face da alegría disfrazada.

El tiempo que pasamos juntos fue como unos fuegos artificiales, que llenan todo el firmamento, pero, en un abrir y cerrar de ojos, se desvanecen. La añoranza, en cambio, es como una semilla enterrada en lo más hondo del corazón y que lentamente germina.

 

19/10/16

Un beso y adiós

Volve a maxia de Jimmy Liao da man de Barbara Fiore a nos encandilar coa súa sensibilidade especial: Un beso y adiós é unha viaxe, unha despedida, pero tamén un encontro, unha esperanza. Porque temos un neno protagonista que, triste, esqueceu aquelas cousas da vida que son realmente importantes, fermosas. E son precisamente esas cousas sinxelas que a vida nos ofrece (que hai máis sinxelo ca un beixo e ás veces canto nos custa ofrecelo!!!) as que fan que este neno poida volver a mirar o horizonte e crer nel, ter valor para bicar a quen se ama, ter valor para encarar o futuro e crer que sempre poderemos seguir adiante. 
E mentres, biquémonos. Hai algo máis fermoso?






Me gusta ir con un paraguas a recoger a mi padre a la salida del trabajo. Me gusta acurrucarme junto a mi madre para escucharla tocar el piano. También me gusta que entréis cada noche sigilosamente en mi cuarto para darme un beso. Un beso, solo un beso, y me dormiré enseguida…

23/09/16

El mulero.

Øyvind Torseter é o artífice deste álbum ilustrado publicao por Barbara Fiore, El mulero, baseado nun conto tradicional noruegués, "un trol sen corazón". O relato é coñecido: o sétimo fillo dun rei deberá ir rescatar os seus irmáns maiores secuestrados por un despiadado troll, quen os converteu en pedra. E é, ademais, unha viaxe iniciática, co que iso supón. Pero o realmente interesante do libro é a presenza de elementos tan afastados dos contos tradicionais que este autor introduce no álbum, como  animais que axudan cando se lles precisa, ademais de falar polos cóbados, princesas que están fóra de toda imaxinaría popular e pitiminí requintado ao que estamos acostumadas, e covas e estratexias estrañas que semellan formar parte dun conto humorístico. E a isto súmase que o libro é un cruzamento entre álbum ilustrado e cómic.






Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.