Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Norma. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Norma. Amosar todas as publicacións

08/10/18

Los monstruos tienen miedo de la luna

Marjane Satrapi escribe  unha historia divertida sobre os medos nocturnos neste Los monstruos tienen miedo de la luna que publica Norma. Un álbum infantil con moita cor e léxico sinxelo que fala como enfrontar ese medo á escuridade que senten nenos e nenas nalgún momento das súas vidas. Hai que procurar unha solución, e aquí veremos como a nosa protagonista farao dun xeito moi particular.


07/10/18

Ajdar

Marjane Satrapi realizou a súa primeira incursión no álbum ilustrado con este Ajdar publicado por Norma. Unha historia ambientada en Oriente, protagonizada por Ajdar, un dragón que vive no centro da terra e coida dos humano. A autora propón neste relato unha crítica social ao falar da irresponsabilidade do home con respecto ao planeta, este que é único e que non estamos a coidar como debemos.

27/07/16

La primavera de los árabes

Jean-Pierre Filiu e Cyrille Pomès tentan explicar neste cómic publicado por Norma, La primavera de los árabes, as revolucións que se levaron a cabo en moitos países árabes nos últimos anos. Así, os autores levarannos por Túnez, Exipto, Yemen, Siria, Baréin, Libia, Marrocos, Arxelia, Arabia Saudí e Gaza. En todos estes lugares heroes e heroínas ergueron as súas voces para perdir cambios nas súas sociedades respectivas. Para min ten un ritmo demasiado frenético pois en moi poucas páxinas pretende explicar demasiado, pero é unha gran obra para achegarse a todo canto pasou ultimamente, de feito coido que cada capítulo tería a capacidade de se transformar nunha soa obra completa que nos achegara a esa realidade dun xeito profundo. O máis chamativo é que os autores procuran uns personaxes e dende eless amosan a brutalidade da represión; é importante darlles voz a estes heroes anónimos que tiveron unha importancia tal que foron a chave do inicio das revolucións, pero que non coñecemos; con eles e elas como escusa leremos un repaso rápido de todos eses días claves do mundo árabe.






19/07/16

Blast 4. Ojalá se equivoquen los budistas


Cheguei ao final da saga con esta entrega, Blast 4. Ojalá se equivoquen los budistas de Manu Lacernet publicada por Norma, o que non fai máis que confirmar que é un gran autor que non decepciona. O final é máis inesperado, xa sen a voz do protagonista, e neste tomo destacan máis as irrrupción das tiras en cor. Se nalgún momento anterior pensara desfalecer, esta última entrega pareceume que lle daba a toda a tetraloxía unha nota máxima, unha tetraloxía na que a bestialidade do home queda reflectida de todos os xeitos, xa que o autor chega a esa irrespectualidade que só o ser humano pode ter cara a si memso, por iso por estas páxinas pasean a violencia e as drogas, a violencia e os traumas. O final, que non deixa lugar a dúbidas, e que nos ofrece unha visión tan afastada da melancolía do acusado, de quen coñeciamos soamente a súa declaración nos anteriores tomos, déixanos un gusto amargo por ser nós mesmos, non, desde logo, pola lectura. 
Aínda que este autor afástase de certo das outras obras que eu coñezo, paréceme marabilloso!






Blast 3. De cabeza

Sigo con terceiras partes, desta volta a de Manu Lacernet que publica Norma: Blast. Desta volta viviremos co protagonista o internamento nunha institución mental e a súa fuxida, ademais de sufrirmos unha brutal paliza. Seguiremos intrigado ata a cuarta e última parte para averiguar se esta é a historia real que procura a policía ou se se disfraza algo tras as súas palabras.

11/07/16

Blast. El apocalipsis según San Jacky

Segunda entrega desta tetraloxía de Manu Lacernet publicada por Norma: Blast. El apocalipsis según San Jacky. Unha segunda parte que non desentoa con respecto á primeira e que nos convida a seguir coa lectura. Profundamos nunha personaxe moi especial que nos vai contando as súas peripecias mentres tentamos averiguar se é realmente culpable ou non. Desta volta coñeceremos un personaxe primordial, "San Jacky", que tamén é interesante para a policía, e en quen recae o protagonismo deste tomo; un personaxe que atrae pola súa complexidade e polos aspectos tan distantes que nos presenta, coma se fose un antagonista de si mesmo; e  é que o ser humano é así de contraditorio. Seguimos a ter a incógnita que se nos presentaba ao principio da saga, xa que a narración ten un ritmo lento segundo o protagonista queira ir desvelando o caso, algo que ás veces semella estar máis preto da loucura que dunha confesión normal.



06/07/16

Blast I. Bola de grasa

Encántame Manu Lacernet, de aí que me achegara a esta obra con moito interese. Este é a primeira entrega de catro, así que seguiremos informando. Blast I. Bola de grasa está publicado por Norma e é un cómic que convida á reflexión; escrito en forma de interrogatorio, o interrogado vainos deixando unhas cantas perlas das súas reflexións que o levan a vivir dun xeito moi especial a súa vida.
Chamoume a atención o debuxo, os rasgos tan peculiares dos personaxes, a escuridade e o ton empregado, o enigma que encerran e o lado surrealista.
Este é, de momento, a primeira entrega. E promete.


…Ustedes quieren que simplifique mi historia en una secuencia lógica que les lleve hasta… Carole… sé que es la moda del momento… se cree que el misterio solo existe para ser disipado…se cree que todo se puede explicar, que basta con ir a buscar las repuestas a internet… ¡mi historia no es matemática! se resume enteramente en la colisión del azar con mis… obsesiones… ¡ esas cosas no figuran en internet!

27/06/16

El ala rota

Encantoume, encantoume, encantoume. En plena crise lectora, chega Antonio Altarriba con Kim para volver a conquistarme, como xa fixeran con El arte de volar. El ala rota, publicada por Norma, pecha un díptico que narra as vidas difíciles dos pais do autor, para describirnos a historis política e social da España do pasado século, a invisibilidade das mulleres e a súa submisión, a de acatar o rol social de servidume. Servir? Servir fóra da casa e dentro da mesma. Sempre na loita dunha vida digna. Polas súas páxinas pasearemos por unha vida dura da España rural, abraiarémonos co poder da relixión, ocultaremos a falta de educación por ser muller, aprenderemos da historia recente de España e apenarémonos pola pobreza ou a miseria. Páxinas que convidan á reflexión de moitos temas, tantos que ás veces xorden en cada viñeta, en cada frase, en cada debuxo. Son 256 páxinas, pero voan. Sen romper as nosas ás.
Totalmente imprescindible.





 

01/06/16

El hombre montaña

Na editorial Norma podemos atopar este fermosísimo libro de Séverine Gauthier e Amélie Fléchais chamado El hombre montaña, un cómic que nos achega o tema da morte dun xeito ben diferente. O que temos nas mans é unha fábula onírica que sorprende pola súa delicadez exquisita, que intuimos xa dende a propia portada. E cando comezamos a lectura e comprobamos esa cara vella dun home que sabe pronta a súa despedida e o valor do seu neto, un raio interior conmociónanos; estamos ante un libro excepcional sobre a aceptación da morte e a procura das raíces. Porque neste libro destacan o tema e a poesía co que se escribe, salferido de fantasía e metáforas. E os debuxos non quedan atrás en ningún momento. Con eles viviremos tenramente os fríos das montañas e o calor das árbores, mesmo sufriremos cos daniños comentarios sarcásticos daqueles que desprezan calquera acto máis ou menos heroico.
E absolutamente todo foxe de sentimentalismo innecesarios.

30/05/16

Un gusano en la fruta

Gústame moito este autor de cómics, Rabaté -un dos máximos representantes da Nouvelle BD-, por iso non dubidei en achegarme a este que publica Norma: Un gusano en la fruta. Con el imos ata un pequeno lugar francés de cultivo da vide, onde comprobamos que hai grandes donos de terreos, déspotas que teñen moitos empregados e outros donos que non teñen tantos pero que se van defendendo. Aquí xorde o conflito, entre dous homes donos de terreos, un deses conflitos que semellan herdarse de xeración en xeración e que non parecen ter fin... ata que aparece a gran dama negra, aínda que sexa por un accidente. Logo de coñecermos o lugar e os feitos vannos presentar un protagonista estraño: un cura que por primeira vez foxe da súa nai para facerse carfo da súa parroquia; este pronto descubrirá que a vila idílica que esperaba nada se parece aos seus soños ideais; e descubrirá, daquela, a ruindade do ser humano. E ata aquí poderemos contar.
Iso si, recomendarvos un cómic que podería pertencer ao xénero negro pero que ao mesmo tempo trata a vida con ironía, con sarcasmo, con humor. Porque o ser humano, home e muller, está cheo de claroescuros. E así os veremos.




25/03/16

La francesa

Estupendo este cómic de Carlos Trillo e Pablo Túnica que publica a editorial Norma La francesa (edición integral) é un thriller que se converte nun documental que percorre asemade o peor mundo que ten que sufrir a muller, a trata de brancas; desta volta no Bos Aires dos anos 20. E todo isto, vén sendo unha investigación levada polo xornalista Albert Londres, xa que debe seguir os pasos das mozas chamadas "fancuchas", ou sexa, as francesas, pobres obrigadas a facer a rúa. Esta historia será contada nunha travesía en barco a un posible protagonista e testemuña do acontecido, que será fío condutor da trama polo que os saltos temporais son importantes. Entrementres, viviremos as múltiples penalidades que as mulleres deben sufrir por sobrevivir en ambientes extremos.
Non só o texto é bo, senón que tamén o é o debuxo, e con el viaxamos sen problema a eses anos e a eses lugares, incluíndose diferentes exprsións propias de alá -que nos serán debidamente traducidas-. Lemos cómic e vemos cine ao mesmo tempo.
Este cómic está baseado no libro ‘El camino de Buenos Aires’, escrito por Albert Londres, quen é o  protagonista.






22/03/16

Diario de una Femen

Na editorial Norma poderemos atopar este cómic de Michel Dufranne e Séverine Lefebvre, Diario de una Femen, un libro que a priori semellaba moito máis interesante do que é o resultado, aínda que coido que está ben achegarse á súa lectura, algo coxa dende o meu punto de vista.
Nas súas páxinas acompañaremos a Apolline, unha moza que nos amosa o machismo social da sociedade na vida cotiá, algo que, farta, levaraa a achegarse ás Femen, onde o primeiro que lle ensinan son os tres piares a combater sobre os que se asenta a asociación: ditatura, relixión e industria do sexo. Logo vén unha parte que me estrañou, xa que semella un documento onde as Femen dedícanse a "adoutrinar" e converter ás mozas en algo así como guerreiras revolucionarias. 
Chamoume a atención negativamente o feito de insistir na beleza fotoxénica da protagonista, así como os estereotipos tanto masculinos como femininos nos que o cómic cae continuamente (asemade, temos que o pai da protagonista semella seu irmán, algo que ata me custou entender: o debuxo non está nada conseguido, coido). O final tampouco me parece o máis axeitado, ata case un dislate que non conseguín entender de todo.
Así pois, o cómic presenta claroescuros. Está ben amosar como é o día a día que calquera moza e dos acosos que ten que soportar, así como das actitudes machistas que a sociedade nin ve, pero deixa na superficie algo moito máis profundo e serio como precisamente aquilo que se quere combater con cómic coma este: o machismo e a nosa loita contra el.







20/03/16

Los ojos del gato

Impresionante e luxosa edición para coleccionistas esta de Norma limitada a 500 ejemplares numerados -editada en 2012-, da obra de Jodorowsky & Moebius Los ojos del gato é un cómic que precisa de poucas palabras para nos deixar totalmente impresionados, e, por que non dicilo, esnaquizados. A trama é sinxela, si, pero pouca é a información que nos proporcionan; ben é certo, non nos cómpre máis que o que temos á vista: uns debuxos que nos atrapan dende a primeira páxina. Logo, mergullámonos nesa viaxe paxinada da que non saímos indemnes: tal é a forza que arrastra. E non queremos crer o que acabamos de ler. De aí a importancia de que nos arrastre, de nos converter en vítimas da súa historia.






01/11/15

Tsunami

Gustoume esta proposta especial que nos fan Piatzszek e Pendanx na editorial Norma: Tsunami é unha historia de dor e de busca, pero tamén de esperanza. 
Como indica o título, imos viaxar ata Indonesia, tempo despois do tsunami que a arrasou. O protagonista vai ata alí na procura da súa irmá, cunha única arma: unha foto dela. E con este motivo, andaremos asemade polo interior dun lugar no que hai supersticións, amizades, contradicións, crenzas, espíritos... Non hai esperanza, hai ruína, hai pantasmas e desolación. E miles de mortos.
Pero ao final, a vida sempre prevalece. O ser humano, inventado para sobrevivir, para mirar máis alá, para seguir loitando.
E para amar.


31/10/15

Jan Karski. El hombre que descubrió el Holocausto

Moito me interesou este cómic que vén de publicar Norma baixo o título Jan Karski. El hombre que descubrió el Holocausto, de Marco Rizzo e Lelio Bonaccorso. Unha historia real, unha máis, que fala do terrible xenocidio que supuxo o nazismo e a Segunda Guerra Mundial. A historia dun heroe que denunciou por vez primeira os horrores do Holocausto pero que foi ignorado polos Aliados. Incrible. 
Este heroe pertencía á resistencia polaca e encargábase de facer coñecer a situación tanto do seu país como a dos xudeus. O máis incrible de todo, e sabemos que foi certo, foi como puido fuxir sempre das situacións límite que viviu. En 1943 reuniuse co Canciller británico e mais o Presidente norteamericano e contou todo o que tiña presenciado, pero non o creron ou non quixeron crelo: as prioridades políticas sempre están por riba das prioridades humanitarias.
Coido que por moito que leamos sobre este horror nunca estará de máis. A memoria, visto queda, é ben fráxil. Non esquezamos, por favor, non esquezamos...
 
 

06/04/15

Querida diablilla: La historia de Violette Nozière


Gustoume moito este cómic de Eddy Simon e Camille Benyamina que publica a editorial Norma: Querida diablilla: La historia de Violette Nozière conta un feito real que conmociounou a sociedade parisina da primeira metade do século XX, a historia dunha moza fantasiosa que non se resigan a ocupar o posto social que lle foi dado e do que tentará saír a forza de enganos e mentiras; pero o amor non mira estamentos e acaba namorando dun rapaz máis pobre ca ela co cal deberá soster a vida disipada de ambos, sen dubidar en asasinar -ou tentalo- mesmo a seus pais.
O libro está tan ben documentado que inclúe asemade fotos reais do xuízo e textos da época. Falamos do único caso da xustiza parisina no que alguén é condeado á pena de morte e logo reinsertarase na sociedade.
Encantoume a parte gráfica, o debuxo é marabilloso. E a historia non a coñecía, co cal, devorei o cómic!



03/04/15

Barcelona. Los vagabundos de la chatarra


Publicado por Norma, estamos ante un cómic xornalístico de Jorge Carrión e Sagar: Barcelona. Los vagabundos de la chatarra é o resultado da unión destas dúas persoas indagando sobre o mundo da chatarra, da xente con difucultades para saír adiante; así, visitaron asiduamnete unha fábrica ocupada por máis de 300 inmigrantes que vivían de recoller e vender chatarra, un negorcio proporcional á crise económica que sacode España. Tiveron que vencer resistencias, que amosarse coma estudantes, ir gañando confianzas para poder chegar a este libro que agora nos ocupa. Por iso, este cómic vén sendo unha especie de crónica da cidade, con todo o que iso supón, ou sexa, amosar o que menos se ve e que pretenden agocharnos. Así, o libro constrúese como un exemplo de cómic de investigación, un exemplo máis ou menos pioneiro no panorama do cómic español. E para redundar nesta idea, o libro remata cunha entrevista a Joe Sacco, parangón do cómic-testemuño: "Cómpre cuestionar o poder". O xornalismo tamén vive no cómic. Sabémolo ben.





04/02/15

Las guerras silenciosas


Outro cómic ben interesante é este que publica Norma de Jaime Martín: Las guerras silenciosas. Este libro conta a experiencia da mili do pai do autor na colonia española de Ifni. Coido que nace da necesidade de darlle voz a alguén que non o contou nunca, ou sexa, o autor amosáse como alguén que serve para contarnos unha historia que en realidade escribe seu pai, e así o reflicte no cómic, onde de cando en vez observámolo chamando a seu pai para aclarar dúbidas, a seu irmán, ou mesmo, ante o desalento de non saber se está a facer un bo traballo e se este pagará a pena. Pareceume un cómic interesante, sen chegar a encantarme, pero é un testemuño necesario de vidas que realmente sufriron unha ditadura que os obrigaba a perder máis dun ano da súa propia vida. Eu, a verdade, pensaba no meu pai mentres lía as aventuras deste home que sufriu tanto no servizo militar; ademais, e polo medio, sabemos máis da sociedade da época, como debían ligar, como aturar a sogros e sogras, as aparencias... Son historias que están ben unidas onde destacará asemade o compañeirismo e a tenrura moitas veces.
Por iso, este cómic resulta de lectura case imprescindible para achegarnos novamente a unha época que nós sentimos como moi afastada.


martin_3

29/01/15

Érase una vez en Francia


Máis cómics sobre guerras, agora imos novamente coa Segunda Guerra Mundial. Publicado pola editorial Norma en tres tomos,os autores son Fabien Nury e Sylvain Vallée quen se inspiran nun personaxe real para crear unha historia de se achega ao xénero negro e que nos lembra a unha serie mafiosa como poder ser "O Padriño". Todo isto nun París dominado polos nazis. 
Conta por tanto a historia de Joseph Joanovici, un home humildo feito a si mesmo, sen estudos pero listísimo para os negocios, capaz de negociar con quen sexa e ao mesmo tempo tentando defender aos seus, se iso non supón perigo para o seu estatus económico. Debuxo e historia conforman un cómic de impecable factura e extraordinaria realización, interesantísimo... durante os tres tomos.
Absolutamente recomendable!






24/01/15

Auschwitz

Preparando o Día da Paz achégome a cómics novos coma este, que con tal título é esperable o que imos atopar: o horror máis desesparado provocado pola Segunda Guerra Mundial. O autor de Auschwitz é Pascal Croci e a editorial, Norma. O autor entrevista a persoas que sobreviviron á matanza deste campo de concentración para crear esta obra, dura e certeira. Ilustracións realistas e tráxicas que teñen como obxectivo impedir que as voces das vítimas se esquezan, que as novas xeracións teñan sensibilidade suficiente como para non permitir que se repitan barbaries coma esta... aínda que vendo o que está a ocorrer ao noso arredor, hai moitos días que perdo a esperanza.
Resulta moi interesante asemade porque o libro comeza na antiga Iugoslavia, en guerra, nunha situación que fai que os protagonistas lembren de novo o que xa viviran de mozos. Nese mesmo momento, trasladámonos ao campo de concentración de Auschwitz. Hai entón unha especie de ensinanza moral xa que o autor condúcenos dunha guerra a outra para reflexionar sobre o pouco que aprendemos desta barbarie, que non deberiamos cometer os mesmos erros do pasado, pero a guerra balcánica descobre que a historia é cíclica e que os seres humanos tendemos con frecuencia a deixar de selo.
Por suposto, nada novo nos di este libro. Resalta polos debuxos, coido eu, e o seu realismo sen ataduras, en branco e negro, con persoas que son mortos vivintes de faces anémicas.
Ao final do cómic, páxinas de información sobre as testemuñas coas que o autor falou para escribir este libro.
Non é Maus, pero está bastante ben, coido eu.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.