Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Salamandra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Salamandra. Amosar todas as publicacións

20/08/25

Olvidadas


 Neste peculiar caos existencial de meu, mergullada nun afastamento lector/literario, volvo pouco a pouco a recuperar o bo costume da lectura, e para comezar -ou case- escollín unha novela negra; a escolla tampouco é fortuíta, xa que a miña necesidade de evadirme destes incendios que asolagan o país é evidente. Entre todas as novelas negras que me agardan nos andeis, despositadas pouco a pouco e sempre coa esperanza de seren lidas nalgún momento, fun a Bernard Minier; concretamente a este Olvidadas, publicado pola editorial Salamandra, porque me chamou a atención a sinopse: unha parte da acción desenvólvese na Galiza. Que un autor francés veña á nosa terriña, obviamente, empurroume para esta escolla. Seguramente tiña que ter empezado polo libro anterior que xa presentaba a esta protagonista, pero deume igual: o libro encantoume e cumpriu a súa función, a de non cavilar na estupidez humana que prende lume tras lume e nos deixa orfas de vexetación, de verde.

O que máis me gustou do libro, teño que recoñecelo, foi que este autor se convertese nun aliado, con toques feministas moi evidentes ao longo da lectura. A violencia contra as mulleres, o odio dos "incels"... reflexións moi pertinentes e ben traídas que dan valor engadido á lectura.

As páxinas transcorren por dous lugares de investigación e dúas tramas paralelas que nada teñen que ver entre si, agás a protagonista; por un lado, Galicia; polo outro, Madrid e Cuenca. No lado galego temos asasinadas mulleres anónimas; no lado madrileño as asasinadas son persoas moi ricas. Isto tamén dá pé a diversas reflexións de como a sociedade actual é totalmente inxusta,  e un certo xuízo político; movementos sociais, importancia mediática, e o pensamento lúcido de que, como non, hai vítimas de primeira e vítimas de segunda. Con todo isto temos unha novela negra atrapante (axuda o feito de termos capítulos curtos e ritmo intenso que non decae en ningún momento) e trepidante, que non queda na beira senón que chega ata o fondo con todo tipo de análises, incluída a web escura, a psicoloxía das persoas, a arte; ante todo, a denuncia do poder.

"No es fácil descubrir que nuestra capacidad de juicio moral depende del contexto, de la época y sobre todo del grupo al que pertenecemos, de nuestro entorno, y no de unos valores morales supuestamente universales(...)" (páx. 252).

A denuncia:

"También sabía que los hombres blancos heterosexuales como él se habían convertido en el blanco de las neofeministas, los homosexuales, los negros, los izquierdosos y otros LGTBQIA+" (páx 374).

As reflexións sobre a internet tamén son ben interesantes. Lembrar que a perversión xa non está soa, senón que ten eco e expansión dentro da web. Cavilar en como os peores aspectos dos humanos chegan a estar protexidos, aínda que ás veces prefiramos esquecelo, dá medo. Por exemplo, como xa mencionei anteriormente, o caso dos "incels", homes que fan comunidade na web e desenvolven unha misoxinia indubidable e monstrosa: acusan ás mulleres de todos os males do mundo e pretenden sometelas.

O feito de que sexa unha muller a protagonista tamén é relevante, porque é (e será, coido, proximamente) unha vítima destes incels. Por iso, aínda que novela negra, destaca esta parte feminista onde se amosa sen andrómentas a manosfera e o machismo social.


16/05/22

La gran serpiente


 I
mposible resistirse a Pierre Lemaitre. La gran serpiente foi a súa primeira escrita e vén de publicala agora Salamandra, coa lembranza da súa despedida da novela negra (que tristura!). O libro lese dunha sentada, porque é tetricamente delicioso e humorístico. Non é unha novela negra -nada ten que ver coas novelas tan negras que o autor escribiu posteriormente- pero é todo un divertimento literario que nos deixa intuír algunhas das notas mestras deste marabilloso autor. O que temos aquí é un xogo, un xogo literario, claro está, un tanto macabro e despiadado cunha protagonista totalmente inesquecible, lista e despiada que conquistará o lectorado dende o comezo. E cun final que tampouco defraudará.

15/03/22

Diccionario apasionado de la novela negra

 


G
ústame a novela negra. Adoro a Pierre Lemaitre. Así que imaxinade o que me pode gustar este libro que teño nas mans. Un Diccionario apasionado de la novela negra escrito por Lemaitre e publicado por Salamandra: unha marabilla que é unha compilación de autorxs, obras, lecturas e datos históricos. Non coñezo todas as obras e nin sequera todos os autores, pero coñezo moitos, o que me encheu dun íntimo orgullo. Como bo dicionario que é, aprenderei del e procurarei algunhas destas lecturas que Lemaitre nos recomenda. 

Por orde alfabética, e comezando por A sangre fría, poderemos ler sobre libros, películas, retratos dxs creadorxs predilectxs do noso autor, hai tamén reflexións sobre a escrita. E o que hai, sobre todo, unha confesión propia dos seus gustos literarios e da súa propia formación. Unha formación que o levou a ser -para min- a ser un dos grandes.


04/10/21

Seis cuatro


 N
on diría eu que estamos ante unha novela negra ao uso despois de ler a Hideo Yokoyama en Salamandra: Seis Cuatro é un libro lento, moi lento, como ben sabemos das lecturas ou dos filmes que veñan do país nipón, quizais demasiado lento para o ritmo frenético que nos aporta a novela negra actual. Recoñézoo.

Sabemos que o xénero negro serve arestora para reflectir e denunciar os problemas da sociedade actual. E esta novela consegue o seu propósito: a denuncia é maior que a propia trama criminal. O autor detense maioritariamente na análise xornalística: cal é a feble liña que separa o xornalismo do amarilismo? Onde empeza e onde remata a privacidade das vítimas?

Que temos entre as mans? Un monólogo interior constante que serve para coñecer intimamente ao protagonista, e de paso, un xeito de entender a sociedade xaponesa: unha cultura onde a cortesía está por riba de todo, as xerarquías, as tradicións. De aí que o libro máis que unha novela negra sexa un achegamento á cultura de alén que eu agora aprecio tanto.



18/08/21

El espejo de nuestras penas


 D
evolveume Pierre Lemaitre a ilusión da lectura, algo que lle agradezo profundamente, pois xa tiña eu medo a tela perdido para sempre: esta crise lectora foi máis  longa que as anterioes; así que despois de comezar moitos libros e telos deixado porque me "pesaban" collín El espejo de nuestras penas -publicado por Salamandra-, que agardaba dende había tempo na mesa de noite; foi todo un acerto, porque por fin me peguei ás páxinas do libro e tiña eses anceios de volver a elas cando saía. Por fin!

Se xa me gustaran os dous libros antriores desta triloxía, este encantoume. Ler a Pierre Lemaitre é sempre unha saborosa viaxe polo mundo!

O libro non ten un só protagonista, senón que ten varios, tanto femininos coma masculinos, aínda que sobre todo podemos falar de tres, pero creo que todos eles son importantes. A vida vainos levando por diferentes camiños cara a un final bastante previsible (o que non lle resta interese á historia) e sobre todo destaca o humor, un humor que ben cómpre dada a situación: Francia está a ser invadida polos alemáns e pronto claudica ante a forza destes; en momentos tan tráxicos destaca o humor que lle infire o autor a algúns dos seus personaxes, e tráenos un protagonista inesquecible que é quen de interpretar todo tipo de picarescas (as páxinas de portavocía do goberno, as mentiras que destaca e a crítica que agocha son destacables, porque a manipulación informativa é un tema candente tamén hoxe en día).  E aínda que non falemos de coralidade, hai personaxes secundarios realmente valiosos que dan ese toque humanitario imprescindible que Lemaitre nos quere realzar neste libro.

Coma todos os libros deste autor, imprescindible.


25/04/21

Stella


 S
orprendida porque realmente non sabía que ía atopar, así foi o primeiro achegamento a esta lectura, unha obra que me atraeu e me disgustou a un tempo. Obviamente, rematada a lectura, e comprendida a dimensión adquirida, mergulleime na indagación para saber máis. E acabei de comprender. Stella é unha personaxe real e Takis Würger inventa unha historia para achegárnola: el mesmo di que se "inspira" na vida de Stella, pero logo crea unha historia de amor ficticia entre ela e o protagonista, un mozo suízo inocente que tarda en comprender a dimensión do drama humano que supón vivir no medio dunha guerra cruenta. Por iso, esta non é unha novela máis sobre o nazismo.

Cada capítulo comeza cunha rápida información do tempo no que se sitúa e os acontecementos reais daquela. Asemade, en cursiva atopamos anacos de expedientes xudiciais reais -actualmente conservados no arquivo histórico de Berlín- que nun principio nos desconcertan ata que pouco a pouco imos entendendo o que se agocha detrás.

A pesar de que falamos dunha historia de amor entre un mozo e unha moza, hai un terceiro personaxe en discordia, un mozo alemán enigmático que pertence ás SS pero que goza dunha vida pouco ortodoxa segundo os cánons do momento. E que tamén deberá pagar as consecuencias. Porque a novela é dura como a vida mesma. Como a vida da protagonista rela, unha muller xudía colaboradora da SS que delatou a centos de persoas. Pero quen somos nós para xulgar a ninguén? Ela quería salvar a seus pais. Que faría calquera no seu lugar? Independentemente de que a acción que aquí se nos conta sexa ficticia, a novela deixa un pouso de reflexión importante. Por iso a sensación que nos queda é agre e doce a un tempo. Pola disparidade dos dous personaxes, porque a inxenuidade e o amor semellan infinitas, pero tamén o é a maldade.

 

23/09/20

Polvo y sombra

 


P
asáraseme a publicación deste libro e tan pronto souben del, "ataqueino", porque nestes momentos tan complicados das nosas vidas víñame ben unha lectura así, dun autor que coñezo, que me divirte e me entretén e que ademais, resulta levadeiro. Falo de Antonio Manzini e o seu Polvo y sombra, sexta entrega deste comisario tan particular chamado Rocco Schiavone, publicado unha vez máis por Salamandra Black. Quizais esta entrega sexa do mellor da saga. Seguimos ante unha prosa chea de ironía e sarcasmo, unha das cualidades a destacar do autor, que consegue unha lectura divertida e entretida, e por suposto áxil. Semella que o autor vai "madurando" ao mesmo tempo que o seu personaxe principal, quen con cada entrega é máis desencantado do mundo e está máis farto de todo canto o rodea, e cada vez, asemade, está máis só. A soidade é, sen dúbida, un arquetipo dos protagonistas deste tipo de novelas, xa que acostumamos a ler protagonista enfuciñados coa vida, e este tamén o é. Unha vez máis, un acerto lelo e, como digo, máis nestes días de abafo pandémico.




18/08/20

Un caballero en Moscú

Recomendación dun gran amigo, non podía obvialo. Amor Towles é o autor de Un caballero en Moscú, publicado por Salamandra. Un conde que non pode saír do hotel no que vive (perfecto para un confinamento) e que vive a revolución bolxevique. Ilich Rostov logra zafarse da morte pero terá que vivir no mesmo hotel, desde o que contemplará o paso do tempo dun anos apaixoantes. O mellor do libro é, ademais do argumento, o ben escrito que está, con tantas modulacións que van dende a maxia ata o humor, pasando pola aventura, a sutilidade, o amor, a amizade, a ironía... Grandes personaxes secundarios, diálogos cheos de chispa, descricións deliciosas e un entramado fascinante. Un anaco de Historia rusa narrada con exquisitez e veracidade, como sen intervir, dende o encerro, do que resulta precisamente o mérito da novela, porque non temos nin heroes nin antiheroes, senón unha testemuña eficaz que vai evoluíndo ano a ano. Os roles dos personaxes van cambiando e o paradoxo do encerro procesa que o cambio pode chegar desde fóra. Trinta anos que transcorren dende a caída do imperio ruso, a purga de Stalin e a incertidume dos seus sucesores. Trinta anos que suceden de xeito curioso: podemos pararnos nun só día para que logo o ano suceda rapidamente: hai orde cronoloxica cun ritmo pausado onde o importante é a evolución dos personaxes.

Unha gran obra.


Este texto es una creación de Devoradora de libros y no está permitida su copia.





Este texto es una creación de Devoradora de libros y no está permitida su copia.

22/07/20

Una maldita historia

Seguramente, un dos grandes actuias da novela negra sexa Bernard Minier. Salamandra, na súa colección "Black" publicou o ano pasado Una maldita historia, un libro diferente pero que nos segue reafirmando na idea de que este autor hai que telo en conta en todas as súas publicacións. Non é a novela negra típica de ritmo frenético, senón que ao contrario as ramificacións da investigación, tanto a oficial como a persoal do protagonista, fan que o ritmo se convirta en paseniño onde cada detalle será interesante e preciso, xa que a importancia do personaxe principal e o camiño que debemos percorrer da súa vida fan que este sexa a base na que se asente toda a trama. As novas teconoloxías e as redes sociais serán o telón de fondo da trama, unha historia sorprendente que engancha.
 
 

13/04/20

La vida verdadera

Encantoume. Unha lectura intensa, aceda. Adeline Dieudonné deita en La vida verdadera, publicado por Salamandra, a voz dunha nena anónima, xa que dela nunca saberemos o seu nome, durante seis anos. O maltrato, a violencia de xénero, é a base da historia. O terror cotián na vida familiar. Inmensamente duro. A violencia está latente en todos os capítulos do libro, en cada páxina, en cada acontecemento. A violencia como forma de vida e as diferentes respostas que se pode ter ante ela: a da nai, a de seu irmán, a dela. Escenas que encollen o corazón e que nos fan preguntarnos como pode existir tanta crueldade no ser humano; pero sabemos que si é posible, que non cómpre ler un libro para sabermos que existe. O ambiente é igual de gris, como gris é a tristura e o abandono das súas páxinas. Paralelamente, o maltrato animal, como espello e reflexo, ou mesmo como fío condutor, porque son camiños paralelos: a maldade en ambos estadíos.
Unha pequena xoia.




20/01/20

Las flores perdidas de Alice Hart

Encantoume. Claro, que vindo de quen viña a recomendación, non podía ser doutro xeito. A pesar do meu pouco ánimo lector, Las flores perdidas de Alice Hart de Holly Ringland, publicado marabillosamente por Salamandra, fíxome relembrar o sabor da lectura. Doce sabor da lectura!
Unha historia de mulleres e segredos familiares, sobre a presenza do maltrato machista, a tristura da perda, a fuxida, o desamor, e o amor. Asemade, cobra importancia o lugar, que seguramente nos resulte estraño por afastado, e nos encantará a linguaxe das flores e a súa vitalidade: esta linguaxe será unha das potencias máis evocadoras do libro; ao rematalo, as flores cobrarán vida na cabeza, encherán de beleza as pálpebras e faranse un oco no corazón. Permitirán que pechemos o libro con delicadeza para non estragalas. E sementarán esperanza e beleza. Unha beleza que percorre as páxinas do libro e que ás veces fará que nos emocionemos, que choremos, que maldigamos. As flores son protagonistas do libro, xunto co amencer e o serán, xunto coa natureza e os sentimentos, xunto co horizonte. Hai moitas clases de protagonismos que viven engarzados entre a crueza da historia e a dozura da prosa que nos alenta. 
Por certo, a biblioteca e a bibliotecaria tamén son importantes no libro. Non só de flores falamos...s


27/09/19

Yeruldelgger, la muerte nómada

Gustei desta saga dun comisario de Mongolia, algo máis ca infrecuente na novela negra e que serviu para achegarme a un país completamente descoñecido para min. De aí, sobre todo, o seu interese. Aínda que teño que recoñecer que esta terceira e última parte da saga gustoume ben menos cás anteriores. Yeruldelgger, la muerte nómada de Ian Manook, publicado por Salamandra, pecha un trío de ases que serve para descubrir como Mongolia está a ser arruínada por un capitalimos feroz onde as multinacionais están dispostas a todo con tal de salvagardar os seus intereses económicos. Non importa a ecoloxía nin a terra, só os cartos prontos e dispostos. E sobre esta premisa xira o libro, que máis ca unha novela negra chega a ser unha novela ecoloxista que nos leva a cabalgar polas estepas deste país que está a destruír a súa propia historia e os seus ancestros, aínda que -unha vez máis- algunhas persoas resístense e loitan contra o xigante. E isto non resulta nada doado. Aínda máis, temo que non estamos a ler ficción, senón que o que está a acontecer en moitos lugares do planeta plásmase nesta obra dun xeito totalmente verídico. Independenteme da trama negra que se lle asocia.


03/06/19

El archipiélago del perro

Philippe Claudel é o xenial autor de El Archipiélago del perro, publicado por Salamandra (poderiamos ir a Francia a coñecelo??? ) Unha historia totalmente veraz que atrapa dun xeito totalmente incómodo. 
Primeiro, os personaxes. Sen nome. Para que? Non son necesarios; os seus cargos identifícanos.
Segundo, os feitos. Uns acontecementos que poderías suceder en calquera lugar, neste século, aquí ao noso carón.
Terceiro, os sentimentos. Ulos? Non sei se a cobiza podemos encadralo nesta sección.
Claudel non se corta no seu xeito de realizar unha crítica social directa, tanto, que nos deixa sen alento. Faino directamente, sen necesidade de utilizar unha prosa rimbombante, sen acudir a artificios literarios que poderían evadirnos do principal: a sociedade é agresiva sen piedade nin tenrura; non sabe o que é a empatía nin a compaixón. A conciencia apárcase facilemnte, e a vergoña déixase na casa baixo chave.
O lectorado caerá atrapado pola historia e o seu pragmatismo escandaloso. Pero temos que ir máis alá: a illa que nos presenta Claudel é a Europa na que vivimos, esa que despreza os inmigrantes e que sabe ollar cara a outro lado cando miles de cadáveres aboian no Mediterráneo. Esta novela significa iso: unha chamada de atención dentro da Literatura.


13/05/19

Los colores del incendio

Pierre Lemaitre vólveo conseguir con Los colores del incendio publicado por Salamandra: unha novela áxil, divertida, vingativa, misteriosa... de todo hai, conseguindo atrapar o lectorado sen deixar que, de fondo, haxa unha perspicaz análise de personaxes e situacións. Asemade, o autor conta cunha boa dose de documentación que nos leva a lugares case descoñecidos e feitos aínda máis afastados (como é o petróleo rumano). Polas súas páxinas percorreremos o auxe do nazismo, as ditaduras europeas, e sobre todo o papel da muller nunha sociedade patriarcal que non se cuestionaba outra forma de entender a vida; tamén saberemos da corrupción política francesa (non ía existir só en España!), as folgas obreiras e mesmo da caída da Bolsa dos Estados Unidos. E gozaremos coa vinganza dunha muller que aprenderá nun mundo masculino a loitar por si soa.
En fin, un novo acerto deste autor que tantas boas horas me ten reagalado.




06/10/18

Súplica a la mar

A editorial Salamandra publica este fermosísimo libro de Khaled Hosseini con ilustracións de Dan Williams, Súplica a la mar, que vén a ser unha sentida homenaxe ás persoas refuxiadas; o relato baséase na morte do neno Aylan Kudi, tristemente famoso pola foto da súa morte desamparada.
O relato é unha oración que un pai dirixe ao mar na véspera da súa viaxe; esa noite anterior comprende os perigos que os agardan e lembra a súa vida pacífica cando esta era posíbel. Pero tamén fala, precisamente, da morte da felicidade e da paz.
Unha lectura tristeme e tenra, un libro para ler e follear. Paga a pena volver a el. E sobre todo paga a pena non esquecer.




04/10/18

La trenza

Laetitia Colombani escribe La trenza, publicado por Salamandra, un libro que se le rapidamente e que... está "ben", no sentido de que se deixa ler pero non saborear, porque non acaba de convencer. Si, é interesante, pero resulta algo distante, frío, debería haber máis emotividade e a autora non a consegue. E é unha mágoa.
Tres mulleres, tres continentes, tres vidas. E sobre todo, tres loitas. Tres mulleres que loitan é a historia que nos conta a novela. Ou sexa, o libro parte dunha base que me interesa. De feito, lino case dunha sentada, porque me interesaban as tres vidas que alí se debuxan, interésanme os tres destinos contra os que se levantan cada día e seguen adiante. Sobre todo, a vida dunha delas, a que vive na India, resultoume máis apaixoante. Porén, non acaba de emocionar, de prender. Son tres historias que poderían dar moito de si se se profundase nelas, se tirase o que se agocha no seu interior. Pero isto non sucede. Tres historias duras (algunha máis ca outra) pero non rachan os sentimentos do lectorado. Algo non vai ben, e máis tendo en conta que unha das historias, aínda que sexa unha loita, é bastante máis superficial cás outras dúas. Aínda habendo distancia entre estas dúas.
O nexo de unión destas tres historias aparentemente tan estraño, déixase entrever case ao final, e dálle o título ao libro. Resulta un nexo marabillosamente emotivo, aínda que semelle traído un pouco polos pelos, valla a redundancia, coma se fose apresurado e houbese que rematar porque acababan as ideas. Quedoume algo coxo.



27/09/18

Necesitamos nombres nuevos

Máis que interesante lectura esta que nos ofrece Salamandra: Necesitamos nombres nuevos de NoViolet Bulawayo. Unha lectura profunda que nun primeiro momento podería pasar desapercibida. Un grupo de rapaces e rapazas que viven en liberdade, pero que viven así porque conviven nun suburbio, non van á escola porque non hai profesorado, porque o seu país está en permanente conflito. A través deles imos comprobando as profundas desigualdades sociais que existen, as eleccións amañadas, a pobreza, a corrupción, a violencia, a sida. Porén, en ningún momento se nos di o lugar exacto onde viven. Por fin, a emigración a Estados Unidos. A dor desta situación centra o relato, unha dor do recordo. Se había crítica cando estaban en África, agora non para. Fala da violencia da sociedade norteamericana, pero tamén das desigualdades, do racismo, do acoso escolar.
Esteamos onde esteamos, a vida é dura, e así nola amosa. Na primeira parte dende unha visión máis infantil, máis inxenua, pero con detalle; unha vida dura onde hai unha familia e unhas amizades que acompañan. Na segunda parte cunha visión máis aceda onde a soidade reina xunto coa ausencia de expectativas.
En todo caso unha novela realista, que sen ser unha pasada está ben e que nos recorda cousas que ás veces tendemos a esquecer.


"A estos de la ONG les gusta mucho hacer fotos, como si fuéramos sus amigos y sus parientes de verdad o algo así, como si luego, al volver a sus casas, fueran a ponerse a ver esas fotos y a decirles nuestros nombres a otros amigos y parientes. No les importa que a nosotros nos dé vergüenza estar sucios y llevar la ropa rota, ni que prefiramos que no nos hagan fotos"

01/09/18

La investigación

Volve o meu admirado Philippe Claudel, desta volta cunha especial homenaxe a Kafka con La investigación, publicado por Salamandra. Non é o seu mellor libro, desde logo, quizais sexa o peor, non o sei; pero non deixa de ser un libro interesante. Un investigador sen nome que ten serias dificultades para cumprir a súa misión. Semella que todo está en contra. Agobioume a lectura, polo contido, polo funcionamento mecánico e a deshumanización que nos amosaba. O ambiente opresivo da novela traspasaba as liñas para chegar ao meu mundo e convertelo nun pesadelo, un pesadelo que vive o protagonista e que o autor é quen de contaxiárnolo. Claudel consegue amosar sen dúbida de ningún tipo un mundo alienado que pode ser en calquera momento o noso propio mundo; un mundo onde non importamos como seres humanos, tan só a mecanización da sociedade, a realización dun traballo que se nos asigna e co que non podemos manifestarnos, non podemor ir contracorrente, tan só debemos deixarnos levar e non dar a nota, sermos un elo máis. Por iso rematar a lectura supón un esforzo de reflexión, supón ollar ao noso arredor cun tanto de anguria e cavilar que, quizais, esta distopía que nos propón o autor non está moi afastada.

09/08/18

7-7-2007

Son fiel a algúns autores, como a Antonio Manzini, a quen sigo dende o primeiro libro que publicou Salamandra na súa colección Black. Arestora temos esta quinta entrega, 7-7-2007, quizais do mellor del e que nos dá as claves para entender en parte os libros anteriores (e o carácter do protagonista), para saber que lle ocorreu a Marina e que desenvolve dous fíos temporais entrelazados. Camiñaremos por un deses fíos, o máis importantes, e marcharemos a Roma para entender o pasado e o presente de Rocco, para sabermos como era nun principio e cal foi a causa da súa desesperación. A investigación que levou a cabo levouno a un precipio insospeitado, a un testamento de dor que perdurará dez anos ata chegar a Aosta. Ese lugar que tan ben coñecemos e que nos leva a a camiñar polo outro fío.





29/07/18

Estamos todas bien

Publica Salamandra este cómic de Ana Penyas: Estamos todas bien, un libro que dá voz a mulleres que non a tiñan, neste caso, as avoas da autora. Un xeito de entenderse a un mesmo e a canto ten arredor é saber o pasado, e nese pasado viviron mulleres que tiñan un rol único: seren mulleres. E sobre esta experiencia, baséase o cómic que temos nas mans. E precisamente por iso resulta ser tan comovedor. Porque con tenrura pasearemos polo salón ou pola cociña familiar, manterermos conversas cos maiores e darémoslles voz, unha fala en alto que non sempre estivo permitida pero que permanecía latente. Esta historia transmítese asemade pola cores, a cores familiartes, o universo dos rosas e vermellos, pero tamén, non podía ser doutro xeito, dos grises e dos ocres. Estamos antes dous tempos, dúas narracións, dúas avoas, o presente e o pasado de ambas. E non esquezamos: a ollada e a perspectiva nace dunha muller, dunha voz feminina e feminista, por iso é rotunda a súa voz cando convirte en palabras e en debuxos esa mirada: hai loita cotián nas súas viñetas.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.