Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Mondadori. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mondadori. Amosar todas as publicacións

08/08/15

Americanah

Chimamanda Ngozi Adichie é a autora de Americanah, libro que nos recomendaron no último curso de Igualdade que fixemos en Lalín, e abofé que é unha boa recomendación! Está publicado por Random House Mondadori. 
Americanah é unha novela que fala de amor, sobre todo. E arredor deste tema tan suave, a autora aborda outros máis espiñentos como é o racismo ou as diferenzas sociais. “Americanah” é o alcume que se emprega en Nixeria para falar daqueles habitantes que vovlen dos EEUU, ridiculizando os seus costumes. Pero a nosa protagonista non renunciou á súa identidade africana mentres estivo naquel país, ben ao contrario, afianzou as súas orixes. Porque nesta novela fálase da construción da identidade, da importancia das cuestións raciais (de aí a importancia do cabelo ao longo das súas 600 páxinas), e mesmo do mito do regreso.
Chama a atención que a novela, a pesar do esperado, sexa tan optimista -non falta o final feliz- e non nos atopamos ante a muller sufridora e desgraciada que poderiamos crer atopar a priori. Non, a protagonista é unha personaxe feminina alegre que se enfronta a un mundo difícil e mesmo ten que pasar por unha depresión; pero ama a vida, os homes, o sexo, e o éxito. E este éxito é, e iso é importante, independente, sen estar suxeito a ningún home que puidese ter ao redor. 
O mellor da novela quizais sexa que a autora consegue amosarnos a complexidade das vidas dos protagonistas dun xeito sinxelo e atractivo, ás veces con crueza, sempre con humor, criticando tanto a cultura occidental como a nixeriana. Ser inmigrante negro nunha sociedade branca, crearse unha identidade fóra de ditados sociais, é a base destes personaxes que nos conquistarán.

30/10/13

Fun Home

Fun Home. Una familia tragicómica é de Alison Bechdel e está publicada por Reservoir Books  Mondadori. A historia que conta é moi interesante, aínda que non me acabe de convencer a súa lectura, non sei se por ter unha prosa demasiado densa ou pola inxenuidade dos debuxos. Aínda así, é unha obra a ter moi en conta, polo interese que supón a historia en si mesma (o descubrimento da propia sexualidade, a relación con seu pai, a oculta homosexualidade deste...) e polo amor pola lectura que respira a obra. Isto destaca dende un principio: a autora amósanos personaxes lectores continuamente; os libros son e serán case o único vínculo con seu pai e serviranlle á protagonista de explicación para que o lector poida entender o carácter ben difícil da figura paterna.
E como todo, TODO, está nos libros, o suicidio do pai está en Camus, a sexualidade da moza está en Colette e a relación filiopaternal en Wilde. E isto é posible porque a literatura é a vida.
Xunto ao amor á literatura está o compoñente argumentativo principal que xira arredor dun pai que resulta ser o que non se pensaba; a autora consegue presentarnos o complexo mundo no que vive con sinceridade absoluta e cunha reflexión necesaria que se fai dende a honestidade e a procura de coñecerse a un mesmo e aceptarse. O que non sempre é doado.


08/08/12

Stitches

Este cómic, Stitches, co desconcertante  subtítulo de "Una infancia muda", é a autobiografía parcial de David Small, libro que foi finalista de National Book Award 2009 e que está publicado por Mondadori. Conta a infancia do autor e como vai medrando arredor da dor e os nervios que lle provoca a actitude dos seus pais, algo que nos irá sorprendendo a medida que avancemos na lectura. Resulta unha autobiografía tan tremenda que semella ben difícil poder sincerarse así, artellando  movementos progresivos para que o lector non saiba nada agás no momento en que o protagonista -convertido en crío- o vaia descubrindo. E comprenderemos que hai máis que cala do que fala, pero é suficiente para horrorizarnos por un sufrimento que non debería ter existido.
O incrible é que ao autor non lle perseguen as palabras, senón o silencio. E de silencios está o cómic cheo. Porque as imaxes, acosadoras, están aí, dende un tarro de formol ata un coello de Alicia que o axudará a sobrevivir entre o irremediable.
A culpa, a loucura, o rancor, o engano, a imposibilidade... unha realidade espantosa que vos recomendo.


03/02/12

Luka y el fuego de la vida

Lin hai moitos anos Harún y el Mar de las Historias e sigo a recordalo con cariño. Cando vin que Salman Rushdie publicaba este Luka y el fuego de la vida en Mondadori, non tardei en buscalo. Non defrauda: como conto máxico e fantástico que é, cómpre abrirlle a porta e andar polos corredores que nos ofrece para seguir abrindo máis e máis portas ata que chegamos ao final. Fantasía si, pero non vos chamedes a engano: é un libro para todas as idades! Incuestionable: estamos ante un moi bo escritor. É un libro entretido que vos vai encantar: agocha na súa estrutura un vídeoxogo no que hai que ir solucionando e pasando etapas (vidas) ata o desenlace.
De todos os xeitos, aquel Harún y el Mar de las Historias segue a ser o meu preferido.


Por desgracia, era demasiado tímido para pronunciar en voz alta palabras tan bochornosas, y de pronto estalló una ovación, cada vez más ruidosa, por lo que ella tampoco habría oído nada.

La muchedumbre reunida en el pabellón era la clase de concurrencia, criaturas fantásticas salidas de fábulas y de leyendas, ante la que Luka se habría quedado atónito hace un par de días, pero que a estas alturas ya casi preveía.

Mira, allí hay faunos, con cuernos, orejas de cabra y pezuñas de cabra y orgullosos centauros piafando -pensó, y le sorprendió lo poco sorprendente que empezaba a resultarle el mundo de la magia-. Y hombres alados... ¿Serán ángeles? Y es de suponer que todos esos otros entusiastas del combate pertenecen a las órdenes inferiores de las diversas bandas de dioses, los criados y los hijos y las mascotas de los dioses, aquí reunidos para una mañana de entrenamiento.

02/01/12

Habladles de batallas, de reyes y elefantes

Mathias Enard é o autor desta interesante novela sobre un pequeno anaco da vida de Michelagnolo: Habladles de batallas, de reyes y elefantes está publicado pola editorial Mondadori. A verdade é que cando ma prestaron non me chamou demasiado a atención, porén é unha novela deliciosa e redonda, onde o autor, a partir dun feito real, compón unha novela sobre o que puido acontecer nunha enigmática viaxe realizada por Miguel Anxo en 1506 a Constantinopla, con todas as consecuencias que iso podía ter naquela época. Ademais, ofrécenos ao final todo o que é verídico e o que non, aínda que non pensedes que ides atopar unha aburrida novela histórica, senón todo o contrario, é un libro ben construído e interesante, ademais de pracenteiro, curto, que nos deixa un moi bo sabor de boca. A carón de Miguel Ángel atoparedes outros personaxes igual ou máis interesantes que o artista e todas as súas conxecturas, como Mesihi, que se converte nun personaxe principal pola súa profundidade psicolóxica.

Leyó y releyó la carta del sultán, con la esperanza de que una señal del papa pusiese fin a su incertidumbre. Julio II debía de estar demasiado ocupado con su basílica y con los preparativos para una nueva guerra. Después de todo, servir al sultán de Constantinopla suponía una dulce venganza contra aquel pontífice guerrero que lo había hecho expulsar como a un mendigo. Y la cantidad que le ofrecía el Gran Turco era asombrosa.

18/10/11

Metamorfosis en el cielo


A terceira novela de Mathias Malzieu, publicada igualmente por Mondadori, titúlase Metamorfosis en el cielo. Seguimos novamente ante un conto especial, como fixera nas dúas obras anteriores, un conto de amor e morte. Recoñezo que aínda sigo buscando aquela emoción que experimentei cando lin a súa primeira novela, e que vou perdendo a medida que anvanzo nas súas lecturas. Vaime decepcionando pouco a pouco, pero comprobo asemade unha certa adicción a este xeito de narrar tan diferente: a mestura de fantasía e realidade e as formas de afastar a dor ante unha morte inminente envolto todo nunha atmosfera diferente e case irreal.
Así que toparedes novamente maxia e fantasía, ademais dun diferente sentido do humor, claves en todos os seus libros, así como unha historia de amor fascinante que mestura aquí coa dor da enfermidade que logra converter en poesía.





27/04/11

Némesis

A última novela de Philip Roth, publicada por Mondadori, Némesis, volve a agasallarnos coas mellores letras deste autor: unha reflexión sobre o sentimento de culpabilidade levado ata as últimas consecuencias. Un libro baseado nun feito real, a epidemia de polio do verán de 1944 en Newark, que relata con crueza como esta terrible enfermidade vai cobrando vítimas inocentes entre a infancia dun barrio xudeu, o que provocará terribles escenas de ira, desconcerto, dor e mutilación; todo isto envolto nunha atmosfera de fatalidade da que o protagonista non poderá fuxir. O autor explora con este personaxe, como adoita suceder, a tristura, a traxedia, a miseria do ser humano e a busca da súa redención: a batalla continua entre dar o mellor dun mesmo e a busca da felicidade, se é que esta é posible.
Deus. A súa culpabilidade. A súa existencia. Logo, o individuo. A súa conciencia. A súa responsabilidade. Sobre estes termos constrúe Roth unha novela duramente densa, que nos conmove. Porque as atribulacións de Cantor poden ser as de calquera ser humano, a súa conciencia culpabilizada ben pode ser a nosa, os seus debates continuos poderían ser os mesmos aos que nos enfrontar. Chegariamos nós tamén a renunciar á felicidade, ao amor, por sentirnos coma el? O autor consegue que reflexionemos nós tamén sobre cada decisión posible e as consecuencias desta: a deusa Némesis estanos ela tamén analizando, posto que é quen rexe os destinos dos homes e quen actúa contra o inxusto.

Como ben di o meu bo compañeiro lector, Xabi, o personaxe principal de Némesis é tan real, tan humano, que parece que está aí, ao teu carón; que podes botar unhas parrafadas con el e mesmo discutirlle algunhas das súas ideas... Parécese a algúns dos personaxes de Woody Allen, por todos eses conflictos mentais e morais nos que vive; por eses dilemas morais nos que se debate.


08/04/11

Be a nose


Hai tempo que o teño e nunca me dou posto a falar desta alfaia, non semella doado, posto que é unha auténtica marabilla: Tres cadernos de bocetos e un libriño de Art Spiegelman que vén todo xuntiño nun paquete recollido por unha cinta grosa dentro dunha caixiña de plástico.
Mergullándome buscando información sobre esta xoia, entérome que o nome ‘Be a nose!’ provén dun filme de terror de serie B onde un asasino berra "sé un nariz"; así, Spiegelman considera que esta frase evoca a súa forma de traballar. Cada caderno leva por título unha palabra desta frase: ‘Be’, ‘A’ e ‘Nose’. No libriño que os acompaña vén todo traducido, posto que os cadernos son unha boa copia do orixinal.
Chama a atención, xa digo, a presentación que fai Mondadori da edición, abraiante: cremos que estamos en posesión dos auténticos cadernos do autor. Garantízovos que os miraredes moitas, moitas veces.

25/10/10

La alargada Sombra del Amor

Mathias Malzieu, a través da editorial Mondadori, volve a deleitarnos cun conto, un relato cheo de tenrura e amor como xa fixera en La mecánica del corazón; neste caso La alargada Sombra del Amor ensínanos a nos enfrontar á dor que produce a morte dun ser querido. E faino desde a valentía ante a resignación, desde a dó ante a tristura e a compaixón, desde a descrición da soidade e a necesidade desta, desde as sombras que se apoderan de cada recuncho da alma, da casa, da contorna. Porque o verdadeiro protagonista deste libro son as sombras, as sombras que nos esnaquizan, as sombras das lembranzas, as sombras da dor, as sombras da morte, as sombras que poden deixar de ser sombras se aceptamos a loita interna que se nos presenta cando decidimos vivir a pesar da morte. Sombras que só nós somos quen de derrubar, de domesticar, de contemporizar. Porque a lección que se desprende da súa lectura é que a persoa que marchou permanece viva nas nosas lembranzas.
É, ante todo, unha gran metáfora sobre o AMOR.
Así é este fermoso libro que devoraredes en moi pouco tempo. Pero non busquedes nel unha segunda parte do libro que xa lestes: nada ten que ver con el, agás o ton melancólico. Non ten a súa maxia, pero ten a realidade que todos e todas debemos superar algún día.

Los libros son accesorios no accesorios para luchar contra la noche eterna.

13/09/10

Verano

Non me acabou de convencer esta última novela de J. M. Coetzee, un escritor que me encantou con Desgracia hai xa anos. Verano é a terceira entrega das súas memorias noveladas. Non mirei as anteriores, pero debido ás marabillosas críticas que deste traballo lera mergulleime na súa lectura, aínda que saín, como digo, un pouco afogada.
Si supón un xeito orixinal de enfrontarse a si mesmo, un distanciamento diferente para falar dun mesmo. Nesta obra preséntasenos un Coetzee xa morto que recorre á figura dun investigador que tentará reconstruír unha pequena época do escritor a través de cinco entrevistas a persoas que por diferentes razóns formaron parte da súa vida. Persoalmente, as partes que máis me gustaron foron a primeira e a última, onde se presupoñen uns escritos atopados sobre ideas a desenvolver en posibles novelas e onde descubrimos a verdadeira relación co seu pai.
Unha parte de incuestionable valor é a que nos declara o autor: o escritor é un home que non se atopa nos libros.; nestes, como máximo, atópase a súa imaxe. Por iso o narrador de Verano debe falar con quen o tratou, para coñecelo mellor, para comprendelo, para chegar a saber quen foi.
De todos os xeitos, é un libro que se le dun tirón, ben escrito, como non podía ser doutro xeitor tratándose de Coetzee, que nos agasalla con personaxes moi vivos e ben trazados, que nos indica como a poesía latexa no máis fondo da prosa.


01/09/10

Dinero


Como denominar esta obra de Miguel Brieva? Cómic? Relato ilustrado? Álbum gráfico? O que si podemos asegurar é que é mastodonticamente perfecta, de realidade abosoluta e crítica total e veraz. Miguel Brieva déixanos atónitos nunha obra redonda sobre o capitalismo consumista no que vivimos, debuxos e textos que abraian e que removen as nosas conciencias. Aínda que non só o neocapitalismo é o protagonista tamén está Deus, a infancia, as relacións de parella, a familia, Disney, o mundo... e os cartos por riba de todo.
Un libro para perderse nel, para ler aos poucos e para cavilar, sobre todo. Que boa falta nos fai.


07/05/10

El Roto

Non sei se coñecedes este libro de El Roto, unha recompilación dos seus traballos máis fundamentais: El libro de los desórdenes.

28/02/10

La humillación

Non sendo nin de lonxe a mellor novela de Philip Roth, quen nos deixa decote con este sabor amargo pola súa obsesión do paso do tempo, a perda das forzas físicas, a sexualidade atormentada... sempre resulta ser un gran escritor que decide engancharnos aos seus libros ata que os rematemos. La humillación, con estrutura teatral, deixa un pouso de tristura máis alá polo seu tráxico final, porque desde a primeira liña destila amargura, porque o ser humano vaise derrotando co paso do tempo. Un libro onde o sexo é case fío condutor (tórnase aquí explícito, abondoso) para nos falar dun tema recorrente neste autor: a masacre que o paso do tempo lastra nos nosos corpos, sen poder remedialo, sen sermos quen de loitar contra ese inexorable destino, agás que decidamos pór fin -como fai o protagonista- antes de tempo a un destino de soidade angurienta.
Non hai a fondura dos personaxes coa que Roth nos tiña acostumados, pero si hai ese pouso de boa literatura que este autor, escriba o que escriba, posúe. Porque lle pertence.
Pero se nunca lestes nada del, por favor, non comecedes por este libro. Decepcionaravos e probablemente non cheguedes a descubrilo. E paga a pena telo nos nosos andeis. Para iso ten trinta libros, non? Segue a ser, para min, un dos mellores escritores actuais.

12/10/09

La mecánica del corazón

Só ollando a portada dan ganas de lelo. E ao acabalo, o que un quere é pechar os ollos para seguir soñando. Igual que cando eramos pequenos. Porque así é este libro, La mecánica del corazón de Mathias Malzieu, un conto fermoso e triste, un canto ao amor, ou ao exceso do mesmo, unha denuncia da crueldade e do rexeitamento do diferente. Poesía en estado puro. Unha fábula da que nada contarei -está en todas partes o seu argumento- para quedarme coa súa maxia. Puro egoísmo de lectura enfeitizada!
Lédeo, animádevos, ademais de empregardes pouco tempo (lese deseguida!) soñaredes e sentíredesvos teletransportar, porque os contos habitan no noso interior, e porque, a pesares de todo, cremos no noso corazón.

Uno: No toques las agujas.
Dos: Domina tu cólera.
Tres: No te enamores nunca.




Este é o vídeoclip da canción Tais Toi Mon Coeur da banda Dionysos, xa que o autor do libro é o seu compositor.

07/09/09

La puerta

Encantoume este libro. Dunha autora totalmente descoñecida para min, Magda Szabó, La puerta introdúcenos na vida de dúas personaxes diferentes, a narradora e a súa criada, e a súa estraña e longa relación. Unha relación baseada na existencia desa porta real e psicolóxica tras a que a criada, Emerenc, esconde a súa vida e os seus segredos máis íntimos. Unha porta que serve non só para gardar senón tamén para protexer, protexerse dos demais e protexer a intimidade, protexerse mesmo da morte.
Pouco a pouco imos desgranando as características das protagonistas, con especial atención, mimo e coidado por Emerenc. O seu carácter, as súas sentenzas, a súa vida chega de doazóns e amarguras, a súa sabedoría... vannos delatando unha personaxe autenticamente atraente. Con ela e coa prosa soberbia da autora,, matizada por unha psicoloxía sutil e soberbia, o libro vainos engaiolando ata facerse imprescindible e desexar que non remate a súa lectura.
Non volo recomendo, pídovos que a leades.

“El mundo se divide en dos clases de personas: los que barren y los que no”

"Toda relación afectiva nos hace vulnerables ante el sufrimiento, y (que) cuantos más lazos de este tipo establezcamos en la vida, más flancos débiles tenemos".


04/05/09

Indignación

Falar dunha lectura de Philip Roth, un dos meus escritores preferidos, é tarefa doada; escribe e transmite como ninguén. O seu último libro, Indignación, abandona o desánimo da vellice para adentrarse na historia dun mozo estudante da universidade nos anos 50. Segue a ser pesimista, ollo, non nos confundamos, ese ton característico das súas novelas non o abandona.

Arestora falamos de represión, de resistencia, de descubrimento, de impotencia, de desolación... e de indignación. Deixa este gusto amargo característico del, cun final tráxico tan esperable desde o principio da lectura, como todos os finais amargos dos seus personaxes no libro: ningún deles se libra do destino ruín e cruel que a vida nos depara.

O libro é unha fábula moral na que as imposicións relixiosas se confrontan ás liberdades individuais, onde estas sairán perdendo nunha sociedade que atende prioritariamente a aquelas.

Sinceramente, creo que este home debe ser lido, sempre. Se aínda non empezastes, facédeo. Tedes onde escoller.




27/01/09

Ahora es el momento


Teño que recoñecer que non coñecía nin o libro nin o escritor cando meu irmán mo recomendou encarecidamente. E teño que recoñecer que non tiña perdón. Porque lelo é unha viaxe iniciática nova, un escritor que foxe da adxectivación para recurrir á repetición, sendo así máis efectivo, sen dúbida.
Tom Spanbauer vai contando historias case vulgares, que poderían parecer tediosas, conseguindo todo o contrario. Personaxes que non se atreven mesmo a ser reais debido ás máscaras que adoitamos levar.
Ahora es el momento’ conta a historia dun rapaz que abandona o mundo pechado no que vive, un mundo católico e granxeiro para coñecer a explosión cultural do seu país lonxe da súa casa. Ao principio, preguntámonos como poden dar 600 páxinas para contar tan pouca vida: 17. E aí están. Nin tediosas nin aburridas, senón todo o contrario.

"Justo delante de mis ojos, mis ojos almendrados y castaños, en lo más profundo del espejo busqué algo grácil, verdadero, hermoso. Busqué a Dios. Lo único que vi fue al cabrón caprichoso que nos había dado nuestros cinco sentidos, que nos había dado el sexo, que nos había dado cierta inteligencia y luego nos había dejado sueltos. Nos correspondía a nosotros hacer el resto".

Máis que recomendábel.

02/01/09

La carretera

A miña última lectura, La carretera de Cormac McCarthy, é un libro demoledor, con esa visión apocalíptica do mundo que deixa, porén, un resquicio de esperanza. Cunha linguaxe sobria, parca, cun certo grao de lirismo tráxico cheo de cinza, como a estrada que dá título ao libro.
É este final o peor do libro?
Porque ese mundo derruído -nunca chega a dicirse o por que, aínda que o podemos maxinar-, esa maldade humana que o autor dun xeito incisivo nos describe, remata cun "non somos tan malos" que desdi todo o anterior. Un mundo desvastado no que todo o que sucede ten a mesma tónica agás o final. Por que non chegar á total destrución que nos ofrece continuamente e á que o lector chega avidamente, con ese anceio de saber un pouco máis, de averiguar quen son eses personaxes sen nome, ese mundo sen cores?
Pola contra, quizais sexa iso o bo do libro, a esperanza. Despois de tanta crueldade, que haxa unha mensaxe humanizada que compense o desasosego do libro, agrádecese. Non sei se cre, pero si que se agradece. Porque o lector queda subxugado e emocionado con este final.
É ao cabo dos días cando comprendes que non o cres. Cando comprobamos a realidade que temos ao noso carón, onde perdemos a esperanza.
Ao fin e ao cabo, iso é o bo da lectura, que ten múltiples lecturas en cada un.
Un libro que cómpre ler.


13/04/08

Sale el espectro

A miña última incursión literaria é tamén a -ata agora- última novela do autor: Sale el espectro de Philip Roth (Editorial Mondadori, 2008), e que vén a confirmar que é un dos mellores novelistas norteamericanos vivos. Xudeu, iconoclasta, de esquerdas, sexo-adicto, inconformista, non sionista, antipolíticos actuais de Israel... sabe como pouco abrir unha fiestra na ficción para permitir a entrada do existente. O propio, cargado de biografía, figura nos seus textos.
Sale el espectro é un formidable alegato sobre a realidade da vellez representada no corpo dun vello no que aínda habita como un espectro o desexo da muller, como vén facendo nos últimos libros (en Elegía o protagonista era un vello acosado polos problemas que trae consigo a decadencia do corpo). Pertence a unha serie de nove novelas onde o protagonista é Nathan Zuckerman, alter ego de Roth. Amosa unha fría visión da propia realidade individual, tan norteamericana, ligada a un irreverente sentido do humor; cóntanos as vicisitudes do home maior, frustrado polos fallos físicos e mentais do seu corpo, pola inevitable perda de interese polos sucesos do mundo, pero que aínda é vulnerábel á forza do desexo, xerado pola beleza dun corpo xove do sexo oposto. E preséntao de xeito brillante, trenzando diversos fíos narrativos, co fondo da traxedia de que fose Bush quen gañase as últimas eleccións. E iso provoca a rabia, non unha rabia cega, senón unha rabia que constrúe, que nos axuda a vivir, aínda que na súa novela -nin nesta nin noutras- haxa moita esperanza. A súa propia experiencia serve de catalizador para observar o mundo, analizado con inconformismo e rebeldía, con humor histriónico e piedade por nós mesmos. Na novela diatriba por riba de todo sobre a fin da era literaria, sen futuro posíbel, xa que estamos condenados ao "reducionismo biográfico" no xornalismo cultural, condenando as vulgares manobras onde parece primar a análise do sucedido na non-ficción por riba da ficción, e así este libro acaba ocupándose do gran misterio rothiano de sempre: onde comeza o personaxe e onde remata o creador?, e que é o que vale, a vida ou a obra?.

06/02/08

No es país para viejos

Veño de rematar o libro No es país para viejos de Cormac McCarthy. Seguro que o coñecedes porque está de rabiosa actualidade: mañá estréase o filme co mesmo nome e con Bardem entre as súas filas.

Harold Bloom considérao o mellor escritor norteamericano vivo. A súa biografía oculta verdadeiros misterios, xa que ao longo da súa vida só concedeu unha entrevista: "todo o que queiran saber de min está nos libros". Atopámonos ante un autor visceral, violento, sanguinario... A violencia desatada plásmase en escenas dantescas cheas de balazos, sangue e membros amputados, pero hai tamén sitio para a reflexión, a nostalxia, a ironía.
Os diálogos non acotados mestúranse coa narración, o que lle dá un toque de orixinalidade. O autor demostra ser un auténtico depredador da palabra exacta, léndoo con devezo e algo de temor pola violencia que as súas páxinas destilan.

McCarthy escribe unha novela na que prescinde case por completo dunha das súas bazas literarias: a creación de imaxes de beleza e plasticidade únicas e fascinantes. Aquí escribe cun nudismo estremo, de contundencia demoledora e tensión absorbente polo sentido do ritmo e o selecto uso da elipse.

No es país para viejos é unha enlouquecida historia sobre a eterna temática do mal sobre o ben, o difícil que é fuxir a un destino escrito para un e o caro que pode saír saír tentar fuxir del.
O libro é duro. Duro e impactante.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.