Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Penguin Random House. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Penguin Random House. Amosar todas as publicacións

21/02/21

Boulder


 E
va Baltasar
publica en Random House Boulder, novela que me pareceu alucinante e moi recomendable por falar da sexualidade feminina e das relacións lésbicas sen andrómenas e por falar da maternidade como a intromisión da descendencia e como esta maternidade é quen de transformar as persoas e as relacións de parella. A protagonista chámase Boulder (como as grandes pedras illadas nunha paisaxe sen que ningúen saiba por que están aí) que pasa da súa vida en soidade á súa vida en parella, unha relación perfecta ata que esta última lle pide ser nai, por inseminación artificial. E aquí comezan os problemas, o afastamento, a crítica ás clínicas de reprodución asistida, a ausencia de sexo e a presenza dun novo sinfín de emocións e sentimentos que provocan un afastamento que será xa insalvable. Calquera maternidade é válida, porque vívese de diferentes xeitos. E á nosa protagonista, finalmente, chegaralle con ver a súa filla de cando en vez. Esta é, creo, a mensaxe final: que debemos vivir en coherencia con nós mesmas, e dentro desa coherencia tamén se pode vivir a maternidade. Porque esta é unha escolla, e temos que facer o que sentimos. Non todas temos por que ser nais, nin nos poden obrigar a selo, nin a querelo.

"La maternidad es el tatuaje que te fija y te numera la vida en el brazo, la mancha que inhibe la libertad"

14/01/21

Ella pisó la luna


 Breve e intenso este libro de Belén Gopegui que recolle unha conferencia da autora baixo o título Ella pisó la luna. Ellas pisaron la luna, publicado por Random House. Intenso e emocionante, xa que reivindica os logros silenciosos das mulleres a través da figura da súa nai. Pero a nai é un pretexto para falar de todas as nais, das mulleres que nos rodean, que loitan e loitaron por transformar a sociedade. É un libro que chega aos nosos corazóns porque na historia da súa nai, na historia que conta están tamén as nosas nais, as nosas avoas, as nosas amigas, e nosoutras. Por un mundo mellor. Por un mundo igualitario.




13/10/17

El zorro y la estrella

Fermosísimo este libro ilustrado de Coralie Bickford-Smith publicado por Penguin Random House: El zorro y la estrella é unha historia marabillosa que fala de constancia, valor e superación. A súa estética semella un libro antigo, co que só o exterior namora. Logo, a historia, pura prosa poética que se fusiona con estas ilustracións para elevarnos ata esas estrelas tan importantes, tanto como as follas, todo fusionado para que o lectorado sinta unha fábula como un pracer que se contaxia por todos os sentidos.
Unha gozada!

18/08/17

La flor púrpura

Encantoume. Encantoume este libro de Chimamanda Ngozi Adichie publicado por Random House: La flor púrpura penduraba nos andeis da biblioteca como un libro desexable ao que nunca daba chegado, e, por fin, aquí está. Unha historia conmovedora que non deixa indiferente, onde descubrimos que a figura paterna, que nun principio semellaba eloxiable, é un home rico, demócrata, que se enfronta dende o seu xornal ao ditador que vén de facer un golpe de Estado, unha figura pública modesta e marabillosa, é en realidade un fanático católico maltratador na súa casa, unha figura a quen odiaremos a pesar das súas cualidades públicas. De fondo está o ambiente social e a violencia política, a pobreza do país, as diferentes crenzas e relixións. Pero o argumento principal, ese que nos deixa atrapados ás súas páxinas, é ese día a día de dous adolescentes que conviven nesa opresión doméstica ata que coñecen outra vida, a da súa tía e os seus fillos, onde se educa en liberdade e ledicia. O fanatismo é pois o que se critica no libro, o fanatismo de calquera tipo; un fanatismo que acarrea inxustiza e onde os seres humanos terán que procurar a súa propia xustiza. A xustiza poética teremos que deixala para outra ocasión.
Non a perdades.



01/05/17

Distancia de rescate

Impactante e curta novela de Samanta Schweblin que publica Random House: Distancia de rescate non deixa indiferente, aínda que agora mesmo non sabería dicir ata que punto me gustou, porque deixa sobre todo un pouso amargo e un interrogante eterno. Nin sequera sei dicirvos se estamos ante un relato longo de terror psicolóxico ou se hai uns monstros infantís que non poderedes tirar da cabeza. A autora é quen de mesturar en pouco máis de cen páxinas este aspecto terrorífico e monstroso con traxedia ecolóxica (trasfondo dos cultivos transxénicos e contaminación por pesticidas ou herbicidas) e crueldade infantil, así como o medo maternal a perder o contacto visual co fillo ou a filla e que a estes poida ocorrerlles algo (de aí o título: canta distancia é necesaria para salvar un fillo?). O novidoso tamén vén da forma: un diálogo entre un neno-adulto e unha muller-abraiada (un diálogo que non sei se produce no limbo pero que procura o desastre quizais para entendelo). Así que mesturando todo isto estamos ante un relato ben incómodo que se le dun tirón, por moito que te queira erguer do sofá para ir comer un bocado. Tes que acabalo. Pero... hai un final? Porque non me queda nada claro. Por iso póñome a falar do libro sen saber que opino eu del. 
A pesar de que falamos dalgún tipo de terror non hai sustos, non hai golpes de efecto; hai nese diálogo constante un cambio de puntos de vista que nos van informando do que ocorre... ou non. Porque eu, na miña ignorancia, sigo sen saber que significan os "vermes" que dan continuidade ao relato. Así que imaxinade! Creo que hai pezas que ou ben non encaixan ou ben eu non as sei encaixar. Pero non lle vou dar unha segunda lectura. Quizais algún de vós me axude algún día. Quizais estamos ante unha especie de veleno que paraliza e por iso eu quedei así, agardando a que alguén me salve.


     "Son como gusanos.
     ¿Qué tipo de gusanos?
     Como gusanos, en todas partes.
     El chico es el que habla, me dice las palabras al oído. Yo soy la que pregunta. ¿Gusanos en el cuerpo?
     Sí, en el cuerpo.
     ¿Gusanos de tierra?
     No, otro tipo de gusanos."

29/03/17

Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo


Da mesma autora da que falamos onte, Chimamanda Ngozi Adichie, temos estoutro libriño que vén de saír do prelo: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo en Random House. Un pequeno manual para unha amiga que vén de ter unha nena, un libro con sentido común que a autora desprega en 15 suxestións para educala como se debe, é dicir, educala na igualdade. Estas suxestións pasan por varias reflexións, como algo que a priori podería semellar tan evidente como non dicirlle a unha nena que non pode facer algo por ser simplemente iso, nena; fala dos prexuízos sociais, das cores da roupa, dos xoguete, da maquillaxe, da sexualidade.
Fala de Educación, con maiúscula, porque esa palabra leva dentro outras moitas, como respecto, amor, lectura, interrogantes, dignidade. A autora, cuestionando a linguaxe, os roles de xénero, o matrimonio ou a obriga de gustar defende así a Educación. Fala asemade, para criticalo, do "feminismo light", ese que se exerce dende a benevolencia masculina pero que non pasa a proba esencial: o cambio de suxeito
 Chama a atención como esta autora fala de racismo e de sexismo e fai fincapé en que este último fai moito máis dano. Ela, que saber o que é ser muller e negra, recorda ademais como o mundo está feito dende unha óptica branca, dende un pelo liso, dende unha estética afastada. Esa estética que non se debe procurar por ser allea.


«Ser feminista es como estar embarazada: lo estás o no lo estás; o crees en la plena igualdad entre hombres y mujeres o no».
 

22/11/16

El círculo



Dave Eggers propón en El círculo, publicada por Penguin Random House, unha sociedade rexida e dominada polo ciberespazo, un futuro non moi afastado onde o dixital non só está por todas partes, senón que ao mesmo tempo é dominante e invasivo. O autor amosa unha sociedade que seguramente non estea moi lonxe, unha sociedade conectada e viral onde o culto á información é quen move os fíos das nosas vidas. Unha especia de "Gran irmán" que nos vixía constantemente.
Si, ten moito en común con obras como cmo 1984, pero a min non me gustou tanto. Está ben escrita, si, por descontado, e amosa a estrutura cláscia na que os feitos logran manter o suspense do lector, pero aínda que ten a virtude de "atrapar" a min deixoume con demasiados folgos a pesar do seu ritmo; mesmo coido que lle sobran un bo número de páxinas. Queda todo demasiado atado, sen permitir a reflexión do lectorado, sen xerar dúbidas, e iso que está escrita desde a intelixencia e o coñecemento da era de internet, facendo fincapé nas redes sociais.
Así que a pesar de ser unha lectura absorbente, non acabou de me encantar.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.