Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Tramuntana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tramuntana. Amosar todas as publicacións

31/10/17

¿Dónde se escondieron las notas del piano?

Impresionante álbum de Alfredo Asensi e Davide Ortu publicado en Tramuntana co título ¿Dónde se escondieron las notas del piano? e que serve para facer unha reflexión sobre o propio eu baixo unha profusión de ilustracións que impactan dende a primeira páxina e que nos convida a nos perder durante tempo en cada unha delas. Na procura dun mesmo, podería tamén ser o título do libro, pois ese é o eixo principal do álbum, un libro que con poucas palabras fala desa música que a partitura da vida toca para nós e que queremos apreixala para soñar, para medrar, para rir ou para chorar, xa que cada nota é esencial para construír a nosa propia vida.

03/08/17

Las muñecas son para las niñas


Las muñecas son para las niñas de Ludovic Flamant e Jean-Luc Englebert, publicado por Tramuntana, é un deses álbums imprescindibles cando falamos de igualdade. O título indícanos subrepticiamente de que vai, porque a onde quere chegar é a todo o contrario: o libro fala dos prexuízos que existen na sociedade, aquí identificados sobre todo co pai, aínda que tamén coa nai, sobre cales son os xoguetes que deben ter os nenos e cales non; por suposto, unha moneca non é para un neno, e sobrevoa esta denuncia no álbum. Un álbum que está contado polo irmán maior, o que lle aporta asemade un toque de orixinalidade.
Así que é un álbum ideal para educar en igualdade, para reflexionar sobre o triste feito de que entrar nunha xoguetería é entrar de cheo no mundo sexista que aínda está vixente. Ao seu carón, poderiamos falar doutros temas como as tarefas domésticas e as contradicións dos maiores.



14/07/17

La llave

Na editorial Tramuntana podemos atopar este fermosísimo álbum de Susana Peix e Cristina Serrat, La llave, un libro con sabor a conto clásico que namora dende a portada, e que chama á súa posesión por esa contraportada cun oco para a chave (aquela que asemade é marcapáxinas), esa que non só dá título ao libro senón que abre o noso maxín ao mundo dos soños. Soños con arrecendo ao mundo de princesas e raíñas, de reis e cerralleiros, de solucións e de valores, de emocións en fin.





21/11/16

Inseparables

Podería pasar desapercibido, e afortunadamente non ocorreu grazas á prezada Paramio. Porque Inseparables de Mar Pavón e Maria Girón publicado por Tramuntana é algo máis ca un álbum bonito. Si, moito máis. Xa que achega un drama dun xeito tan sinxelo que consegue chegar directamente ao corazón, falando de infancias estragadas por causa da guerra. Terribles son as consecuencias destas. Tanto, que ata un zapato -un só, non lle cómpre o seu xemelgo- é capaz de denuncialas. E as guerras poden suceder en calquera lugar, outro dos acertos deste álbum imprescindible, que nos amosa unha casa e un lugar aparentemente feliz, sen pobreza e sen caos. Pero ata aí, ou sexa ata aquí, chega o drama da guerra. Ou pode chegar. E non deberiamos esquecelo cando miramos para outro lado.





30/10/16

El monstruo de la sra. Mo

Na editorial Tramuntana atopamos este álbum infantil de Paul Beavis: El monstruo de la sra. Mo é un libro infantil, divertido, que terá un final sorprendente. Claro, podedes maxinar que pode suceder se entra un monstro na vosa casa. Un monstro que todo o destrúe porque todo o quere comer. Pero como é un monstro ben disposto, tamén o estará a axudar. E a saber como! E é que este monstro ben é unha metáfora do comportamento de nenos e nenas que derrochan enerxía e que debemos encauzala de xeito positivo. Por iso resulta tenro e conciliador.

05/10/16

La visita

Gustoume moito este álbum ilustrado que publica a editorial Tramuntana: La visita de Antje Damm. E gustoume sobre todo polas ilustracións, tan diferentes, aínda que o texto fala de vellice, de soidade, de medo. É dicir, da vida. Unha vida que pode cambiar se se deixa entrar un soplo de aire fresco, unha posibilidade, unha oportunidade de que convertela en algo menos escuro e medoñento. E, xa dixen, esas ilustracións, como de recortes de papel mesturado co debuxo do fondo e o xogo das cores, escuras nun principio, intensas ao final.
Porque a intensidade vén acompañada de emoción...



27/08/16

La corta historia de un gota

Na editorial Tramuntana publica Beatrice Alegmana este álbum de gran formato que nos conta La corta historia de un gota. Que lle ocorre a unha insignificante gota de auga cando se abre a billa e cae entre outras moitas, cando aprende a distinguir a luz, cando sabe que pode desaperecer? Sorprende que unha historia tan sinxela poida ser contada dun xeito tan poético valéndose de letras enormes con imaxes abstractas que semellan cadros abstractos dunha exposición. Nestas ilustracións hai collages, lapis e pasteis.
Unha fermosa historia sinxela.




09/08/16

La máquina de fabricar besos

Fermoso álbum da editorial Tramuntana, La máquina de fabricar besos está asinado por Agnès de Lestrade e Charlotte Cottereau. Un libro sobre o poder do amor, do cariño, da tenrura, da ilusión. Con textos sinxelos e curtos, destacan as ilustracións, lenes coma o texto que acompañan.
Un conto dos de antes, con bruxas e feitizos, nun álbum encantador.


28/04/16

El monstruo de la sra. Mo

Na editorial Tramuntana atopamos este álbum infantil de Paul Beavis: El monstruo de la sra. Mo é de divertida lectura xa que a señora Mo recibe unha inesperada visita: un monstro que arrasa con todo canto topa ("MASCAR, MORDER Y CRUJIR. (Que es lo que suelen hacer los monstruos.)") ata que ela é quen de lle ofrecer un traballo para o cal o noso monstro séntese capacitado. Claro que quen chama por último á porta aínda pode ser máis monstroso ca o monstro... e non vou dicir máis.
As ilustracións son moi expresivas, e con elas pasaremos polos distintos valores que atopamos no libro, como son a superación ou a gratitude; a tolerancia sobrevoa todo o texto.



15/01/16

Los hilos invisibles

Na editorial Tramuntana podemos atopar este tenro álbum ilustrado de Montse Torrents e Matilde Portalés: Los hilos invisibles fálanos das conexións que existen entre os seres humanos que podemos sentir aínda que non sexan tanxibles. Así, nas páxinas do libro podemos ir redescubrindo ese tecido que forma unha cadea de sentimentos do ser humano, dun xeito moi sinxelo na voz de nenos e nenas conscientes desta realidade infalible. Porque os fíos invisibles únennos ás nosas familias e a nós memos. Ademais, ao final poderemos atopar un xogo con fíos de verdade, un xeito divertido de facer maxia e tirarlle máis interese a este álbum delicado.

14/01/16

Imagina

Charlotte Bellière e Ian De Haes son os artífices deste Imagina publicado por Tramuntana, un álbum ilustrado tenro sobre o poder da imaxinación e a importancia de non perdela xamais. A través dun moneco de peluxe propóñennos unha viaxe reconvertida nun canto ao maxín e nos límites que nos poñemos a nós memos e mesmas.




10/02/15

Nieve


Un álbum delicado é este de Kaori Tajima que publica a editorial Tramuntana, Nieve. Un libro sobre a chegada do inverno e o que isto significa para a natureza en ton poético. En cada páxina imos vendo como pouco a pouco as folerpas de neve van caendo sobre o bosque e como os animais que nel residen se retiran a durmir o longo inverno, prometendo a súa volta coa primavera. 
É tan lene que semella un poema visual todo el. 



30/01/15

Rojo o por qué el bullying no es divertido

O novo título da editorial Tramuntana vén para lembrarnos un grave problema que sofren algunhas persoas, o  bullying. Rojo o por qué el bullying no es divertido é de Jan de Kinder, e nel aborda como o que semella nun principio unha broma sen importancia pode resolverse como unha bóla de neve que cada vez vai a máis ata non saber como parala. Como atacar o bullyiing? Como educar para que este non exista?
Non está á altura de Juul, pero é un libro que paga a pena e que debe estar en todos os centros de ensino para ser utilizado.


19/01/15

Acércate

A editorial Tramuntana tráenos este fermoso álbum de Patricia Arredondo e Miguel Zamora: Acércate achéganos a un mundo de linguaxe diferente, unha linguaxe que non é imposible de comprender e coa que se pode establecer un diálogo asquible. Só hai que desexalo. As ilustracións, sedutoras, tenras e doces.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.