Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Deputación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Deputación. Amosar todas as publicacións

02/12/14

Catálogo oneroso de beleza gratuíta

Fran Bueno foi o gañador con esta obra do Premio de Banda Deseñado Castelao que convoca a Deputación da Coruña: Catálogo oneroso de beleza gratuíta resulta un libro dificilmente clasificable e si sedutor, onde cada páxina se presenta como unha instántanea ou como unha ficha que se corresponde cun instante. Pero aínda que así e, hai continuidade na lectura deste catálogo que vén asinada pola vida que se agocha detrás. 46 fichas desa vida que nos presenta outros tantos momentos ganduxados á mantenta, coa intención de ser descubertos, de podermos abrir ao chou o libro para tentar esclarecer un fío invisible que une eses estraños momentos de amabilidade cotiá.
A primeira ficha é unha flor, unha azucena que semella tirada dos libros de Naturais, para ir directamente a un insecto na segunda ficha e a uns gorilas na terceira.
As tres últimas fichas son tres palabras esenciais: A XUSTIZA, A PAZ, A ESPERANZA
As imaxes son unha auténtica pasada. Convídannos a recrearnos, a gozar coa imaxe, a esquecer o concepto de cómic, a obter novas sensacións.




08/07/09

Unha primavera para Aldara

A miña amiga Rosa volve aos seus bos costumes e agasállanos cunha súa opinión sobre a súa última lectura. Grazas, Rosa.

Son aínda bastante escasos os textos teatrais que se publican en galego e, dentro do que se edita, boa parte deles son máis para ver en escena que para ler. Porén, Unha primavera para Aldara de Teresa Moure foi un deses textos dramáticos que me “encheu” coa lectura: primeiro, porque non tiven que estar completando mentalmente unha posta en escena para entendelo e segundo, porque está cheo da vitalidade, a rebeldía e a frescura que caracterizan a escrita desta autora.

A acción sitúase nun convento feminino do século XV; digamos que as monxas non se corresponden co que acostuma a mostrarnos a tradición (masculina). O conflito central desencadéase cando un cabaleiro ferido pide acubillo no mosteiro.

Consegue manter o noso interese ao longo de todo o texto porque a intriga está convenientemente dosificada, a linguaxe ben traballada e, aínda que se sitúa nunha época tan afastada, dinos moito hoxe en día porque se trata dunha obra sobre a liberdade e o dereito a amar, a decidir; en definitiva, o dereito a existir plenamente como mulleres.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.