Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta RBA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta RBA. Amosar todas as publicacións

12/03/20

Naturaleza hostil

Arnaldur Indridason é un dos meus autores de novela negra preferidos e sempre que saca un libro vou por el, pero teño que recoñecer que este gustoume menos que os outros, quizais tamén porque nos di que este é o punto final dun dos nosos detectives preferidos, Erlendur: Naturaleza hostil está publicado en RBA. É unha novela máis lenta e máis introspectiva porque o protagonista ten que procurar a solución dunha desaparición, e sobre esta voará constamente a morte do seu irmán. Algo que lle quita o alento continuamente.

03/02/20

Laberinto griego

O último libro de Philip Kerr non me gustou tanto coma os anteriores, non sei se xa porque sabía que era a súa despedida, ou porque non tiña eu ganas de despedilo. Laberinto griego é a última investigación de Bernie Gunther, publicado por RBA. Novamente, ninguén é quen di e os horrores do pasado nazi seguen presentes en Grecia. Seguen presentes os rasgos esenciais do personaxe e dos seus libros: humor, ciniso, intriga, e sobre todo moita documentación para ambientar a novela.



31/07/18

Azul de Prusia

Claro, sigo con Bernie Gunther. Máis cando sei que este pracer remata porque o seu autor, Philip Kerr, deixounos. Unha gran mágoa, xa que realmente esta serie, situada na Alemña nazi, é unha gozada. Azul de Prusia é o penúltimo libro. E está publicado por RBA
O mellor destas novelas non é o seu aspecto de novela detectivesca, senón vivir os horrores daquel momento: ese que non deberiamos esquecer e que cando ollamos arredor dános medo pensar que a historia podería repetirse, a teor de canto lemos e vemos na actualidade. Sempre sorprende, ademais, o contexto que nos ofrece o autor, a documentación exhaustiva, os personaxes reais -tremendos-, e mesmo o sarcasmo que ás veces poder resultar xa menos crible do noso protagonista.
Nesta novela conxúganse dous tempos e dúas tramas: o presente, en 1956, e o pasado, en 1939. O espazo, ás veces, será o mesmo, e iso dálle o sentido á existencia desas dúas historias. Sobre estas, a corrupción e o terror, o abuso, a amoralidade, a falta de conciencia...
Imposible non cavilar sobre este réxime de terror e outros posteriores, ou os posibles que poidan vir, sobre os réximes autolitarios e sobre como a masa dos seres humanos aprende a mirar para outro lado.





11/04/18

El otro lado del silencio

E xa postos, seguín con Philip Kerr, agora co último libro publicado en español por RBA, El otro lado del silencio que vén a ser máis unha novela de espionaxe que negra. 
Arestora, a historia sitúase en 1956 e o noso protagonista, Bernie Gunther, vive na Riviera francesa. Leva unha vida máis ou menos monótona, pero coñece un personaxe ben coñecido, William Somerset Maugham -escritor que deita un cinismo particular na sociedade que o rodea-, quen o contrata para axudalo nunha chantaxe que o presiona. Así, volveremos, como non, á Alemaña nazi para lembrarnos os horrores da Segunda Guerra Mundial (e ensinarnos algo de historia: a vinganza rusa, a maior traxedia da mariña da hisotira, o misterio da Cámara de ámbar). Dende esta chantaxe, todo se torna máis e máis complicado para amosarnos como as axencias de intelixencia británicas loitan en plena guerra fría coas da RDA. Así que a partir de aquí a novela vén a ser, como indicamos ao principio, unha novela de espionaxe; como tal, é difícil saber que é certo e que non. Coma sempre, personaxes reais andan canda personaxes ficticios polas páxinas do libro.
Teño que dicir que foi a entrega que menos me gustou, pareceume moi enrevesada e ás veces resultábame demasiado liosa. Pero, por suposto, lerei os libros que faltan deste autor que nos deixou hai pouco: é de agradecer a investigación que realizou para escribir estes libros.



 

03/04/18

La dama de Zagreb

Tíñao na casa e aínda non lle tocaba, pero ao saber do pasamento do seu autor decidín lelo para pórme ao día porque xa hai outro libro del publicado. Si, deixounos Philip Kerr, un dos mellores escritores de novela negra actual, para min, con este comisario Berni Gunther situado na Segunda Guerra Mundial. Philip Kerr sitúa La dama de Zagreb, publicado por RBA, xa cara ao final da guerra, no declive do nazismo. Nesta entrega terá que traballar, para a súa desgraza, para o doutor Joseph Goebbels, ministro de Propaganda. Debido a este traballo terá que ir a Iugoslavia. Será nestas páxinas cando comprendamos o horror máis sinistro do que aconteceu despois e do que tivo que ser daquela: Serbia e Croacia nunca foron un país, por máis que as fronteira si o indicaran. Se pensabamos que os nazis foron o peor da nosa historia recente, viaxar ata ese antigo país supón indicarnos que non, que os peronaxes máis crueis vivían en Croacia; descubrimos (?) que en época de guerra a maldade do ser humano non entende de nada nin se couta ante nada. Terrible. Asemade, tamén é importante a realidade que nos amosa sobre Suíza: unha fotografía moi diferente do estereotipo que sabemos, xa que agora comprenderemos que o país helvético tamén tivo que "moverse" axeitadamente para evitar que os invasores alemáns os engulisen.
O mellor do libro é, sen dúbida, a ambientación. Se ante nos gustaba xa por isto, agora encántanos. Coido que é o valor da serie, aínda que este libro gustoume menos cós anteriores como novela negra, pero si como aporte á historia. Sóbranlle unhas cantas páxinas (pero isto está a me pasar con caste todas as novelas longas que leo) e ás veces semella que a historia sexa un pouco desmesurada, pero a ironía do noso protagonista é maxistral. Como o é a súa soidade ante un mundo tan ruín. 
Seguirei léndote, Philip Kerr.



16/03/17

Bettý

Volta á novela negra da man de Arnaldur Indridason a través de RBA con este título, Bettý (un libro que é do 2003 pero que non estaba traducido en España). Recoñezo que nun principio estaba a pensar que ía deixar a lectua e que este autor me defraudaba, que estaba a caer nos típicos clixés da muller fatal, ata que a trama realiza un xiro inesperado e tórnase atractiva e logo ata adictiva (que era o que eu procuraba nestes momentos de exames e cansazo sen teño tempo para ler). Porque, xa digo, a partir da metade o libro tórnase impecable e sorprende indefiniblemente. É un retrato de manipulación extrema, contada en primeira persoa pola vítima, que será quen de facernos comprender todo por canto ela pasa e axúdanos a reflexionar sobre se é posible ou non afondar no coñecemento que podermos chegar a ter das persoas que temos ao noso arredor.
Este autor segue a se un dos meus imprescindibles no que á novela negra se refire.




23/08/16

Río negro

Arnaldur Indridason xa o fixera en La mujer de verde e agora faino en Río negro: denunciar a violencia de xénero; neste caso, fóra do ámbito privado, baixo unha forma social de violación que semella consentimento acudindo ás drogas. De aí, que o libro se faga tan interesante e se lea deseguida. Iso si, aínda que a editorial RBA indique que forma parte da "Serie Erlendur Sveinsson" este non aparece en ningún momento para lle dar protagonismo á súa axudanta, Elínborg. Unha muller para solidarizarse co sufrimento das mulleres vítimas. Ademais, o libro fainos partícipes de problemas cotiás aos que nos debemos enfrontar, como é o caso de termos fillos adolescentes coa súa rebeldía, da internet e os seus perigos para eles e elas, das interminables xornadas laborais... poñéndolle un acento friki co seu gusto pola comida india -algo que por outra parte axudará a resolver o asasinato-. De lado, a trama típica dunha novela negra onde hai un asasinato e debe resolverse, así que teremos moitas personaxes, complicacións e interrogatorios. Pero, xa digo, a min impórtame sobre todo polo maltrato e a violación, é dicir, pola denuncia que se fai, o que o converte nun libro recomendable para o meu club de lectura. E porque conta co estilo deste autor, un dos meus preferidos.

19/02/16

Disparen sobre el pianista

Despois de ler a Diego Ameixeiras tiña que ler a David Goodis, e así o fixen. A obra, Disparen sobre el pianista, publicada por RBA.  Un moi bo libro que mereceu a súa adaptación ao cine en 1960 a cargo de François Truffaut. E ten razón Ameixeiras: hai que ler a David Goodis, porque escribe novela negra de verdade, onde a violencia e a autodestrución danse cita en relativamente poucas páxinas cunha gran presenza de diálogos, o que fai que a lectura sexa aínda máis áxil. Non hai policias nin detectives, nin ningún crime que haxa que resolver, e aí reside unha das súas grandezas. Temos un personaxe central que nos consome pola seu xeito de ser ata que sabemos a dura realidade que agocha, un pasado que o reconcome e un sorriso que ninguén logra entender. 
Novela negra moi negra e sutil cun personaxe que atrapa no seu seo.

03/08/15

Asesinato en la planta 31

Aínda que está na colección de RBA Serie Negra, estamos ante unha novela de Per Wahlöö que eu non incluiría neste xénero, aínda que haxa un detective que busca un culpable dun aviso de boma en Asesinato en la planta 31. O autor procura unha sociedade futura onde política e organización social moven os individuos, sen deixalos cavilar, de aí que as detencións por alcolizarse vaian en aumento. Estamos ante unha sociedade que nos lembra a de 1984 e que resulta unha crítica aos gobernos vencidos polos poderes e anceios privados, polos cartos. Neste tipo de sociedade móvese un detective que en sete días tentará e logrará resolver o enigma. Pero este é o fondo da cuestión, porque o máis importante é a sociedade que o autor presenta e pola que nos movemos moi lentamente. A verdade é que a lectura parece en cámara lenta, tal é a descrición mecanizada e pormenorizada desa sociedade abafante que nos horroriza: unha poboación controlada polos medios de (in)comunicación ou (des)información de masas.

14/03/15

Hipotermia

Sempre é un pracer ler a Arnaldur Indridason porque nunca decepciona. A súa última novela, Hipotermia, publicada por RBA é, aparentemente, un repouso do guerreiro, do seu detective Erlendur Sveinsson. Así é esta novela, un repouso onde asasinatos e investigacións non aparecen e onde casos aparentemente pechados e un sucidio ocupan ao noso frío e distante investigador. Porque este é o carácter que quere transmitir o autor a frialdade do ambiente e dos personaxes. Non nos fan sentir, non nos fan padecer, asistimos a unha representación dende a distancia e comprendemos que a vida ten moito que dicir, moitas voltas que dar, e que aparentemente os sucesos máis claros tamén poden enganar. Hai unha cadencia especial na escrita deste autor, unha desesperanza triste, morriñenta, e non necesitamos litros de sangue nin de alcol para que nolas conte.
E de fondo, persiste unha cuestión:
«Los cardiólogos estuvieron hablando de eso. De la vida después de la muerte. Algo que había sucedido hacía poco. Un hombre que estuvo muerto durante dos minutos en la mesa del quirófano. Dijo que había tenido una experiencia cercana a la muerte».

17/02/15

Personal

Lee Child gañou con Personal o VIII Premio RBA de Novela Negra, un libro que segue a serei de  Jack Reacher -que conta con 19 entregas-, un ex-policía militar enorme, vagamundo superdotado, adicto ao café e violento. Eu non o coñecía, pero máis ca unha novela negra pareceume un "thriller", unha novela de espionaxe sobre todo que se asenta na personalidade do protagonista e os seus recursos de supervivencia. Este personaxe non é un detective nin un policía como estamos acostumad@s a ler nas novelas negras, senón que é singular, único, unha persoa que vai dun lado para outro cun cepillo de dentes como toda equipaxe. O que máis destaca del, ademais do seu tamaño, será a súa mente matemática, a súa incrible memoria e un gran coñecemento da linguaxe corporal, das armas e mesmo dos idiomas.
Un libro que atrapa, ben escrito e que deixa un pouso de boa literatura cando o pechas.



14/09/14

Apuestas mortales

Sen moito tempo para ler, meu pai pasoume este libro despois da súa lectura: Apuestas mortales (un caso del detective Spenser) de Robert B. Parker, publicado por RBA na súa Serie Negra. E fíxoo sabendo que eu debía encher unha lagoa no meu pobre coñecemento posto que nunca antes nada lera deste prolífico autor, herdeiro de Hammett, Chandler e MacDonald.
O detective protagonista é un clásico, un estereotipo clásico deste tipo de novelas:  ex-policía, ex-boxeador e un bo home que se rexe polo Honor e a Xustiza. Claro que non saltarse nunca estes códigos non sempre é posible, como lle sucede nesta novela, o que lle provoca un gran sufrimento.
Sen converterse nunha novela imprescindible do xénero, resultoume ben atractiva e interesante, sobre todo polo seu sentido do humor (un humor acedo que fai que se meta en problemas: "pola boca morre o peixe"), aínda que non conseguiu que a devorase. Pero non sempre temos o mesmo ánimo diante dun libro. Agardo poder darlle máis oportunidades no futuro.


27/01/14

Un hombre sin aliento

Novamente, Philip Kerr conquístame. Desta volta o título é Un hombre sin aliento (RBA) e volvemos a vivir na Alemaña nazi. Iso si, agora pasearemos por Rusia e mesmo haberá información sobre a Guerra Civil española. E é que Kerr consegue nun solo volume unha mestura de novela negra e novela histórica absolutamente apaixoante. Sempre co horror que o ser humano é capaz de provocar, de fondo. O noso detective Bernie Gunther terá que viaxar á URSS conquistada -por pouco tempo- para ocuparse dun dos crimes contra a humanidade que, casualmente, non cometeron os nazis, senón os rusos. E terá que investigar moito máis, claro está. Que son máis de cincocentas páxinas!
Como adoita suceder nestas novelas, moito do que hai que se narra é real: personaxes, acontecementos, descricións... unha mestura deliciosa de realidade e ficción que consegue ser un xogo para o lector ou a lectora na procura da realidade histórica mentres viaxa pola parte máis negra da novela. Millóns de persoas asasinadas por nazis e por rusos son o telón de fondo que explica a teoría da "banalidade do mal": a morte, a barbarie, o horror, convertéronse en cotiá. E realmente segue a resultar sorprendente de que somos capaces os seres humanos; aínda que como ben non cansa de repetir o noso detective: a vida é o único ben que temos realmente. E por reter a vida miramos para outro lado, calamos, obedecemos, o que faga falla. A saber como actuariamos os que nos escandalizamos se nos vísemos no seu lugar.
Pero, como dixen, resultan ben interesante as referencias aos horrores da Guerra Civil española e a información veraz que nos proporciona: en España médicos fascistas levaron a cabo experimentos con comunistas dirixidos polo doutor Antonio Vallejo-Nájera.
Coido que é un dos mellores autores de novela negra que temos actualmente. Pero, claro, hai tantos...

Los alemanes tenemos una gran capacidad para ignorar lo que nos dice otra gente: es lo que nos convierte en jodidos alemanes. Supongo que siempre ha sido así. Roma pide a Lutero que se esté tranquilo ¿Lo hace? Ni de broma. Beethoven se queda sordo y, pese a lo que le dicen todos los médicos, sigue escribiendo música. ¿Quién necesita oídos para escuchar una sinfonía entera?”


22/10/13

El club de lectura del final de tu vida

Para calquera amante dos libros e da lectura, este El club de lectura del final de tu vida de Will Schwalbe publicado por RBA convértese en esencial porque sobre todo é unha declaración de amor aos libros. E ademais deses que se agradecen que teñan ao final unha compilación das lecturas da que se fala.
O libro conta unha historia real en primeira persoa, a dunha nai que é diagnosticada de cancro terminal e un seu fillo que constituirá con ela unha relación lectora, sobre todo ("¿Qué estás leyendo?" é a pregunta que se fan nunha das primeiras visitas ao hospital e a partir desta pregunta casual nacerá este club tan especial constituído por dúas persoas). Non só se fala de libros, claro está, tamén está enxalzada a figura desta muller que resulta totalmente sorprendente e comprometida cos Dereitos Humanos. Ao mesmo tempo, asistimos a proceso evolutivo e terminativo desta terrible enfermidade. Non xoga con esperanzas, sabemos o final desde o primeiro momento. Pero isto non lle resta un ápice ao interese da lectura. Non procura sorpresas nin solucións, tan só vai describindo o proceso lector no que se mergullan co paso do pouco tempo que lle queda á nai, así como o estado de ánimo no que toda a familia vive. 
E si, derramei unhas cantas bágoas. Son así de sensibleira! Pero o libro non é duro nin lacrimóxeno, posto que o autor non pretende regodearse na enfermidade, senón que a tenrura domina sen caer no sentimentalismo barato. Iso si, é un testemuño do amor do escritor pola súa nai e pola literatura. E esta faceta é a que nos subxuga: polas súas páxinas desfilan libros de todo tipo: “Mujercitas” de Louisa May Alcott, Jane Austen,  “La elegancia del erizo” de Muriel Barbery; “Una lectora nada común” de Alan Bennet, la Biblia, “Alicia en el país de las maravillas” de Lewis Carroll, Agatha Christie, Dante, Dickens, T.S. Eliot, Los pilares de la tierra de Ken Follett, Anna Frank, Sue Grafton, Henrik Ibsen, John Irving, Jerome K. Jerome, Erika Jong, Stieg Larsson, Donna Leon, Toni Morrison, Ian McEwan, Shakespeare… Só falan en profundidade dalgúns deles, obviamente, e resulta interesante ler a reflexión que fan. Claro que eu só coñezo unha pequena parte de todo ese culturón literario que eles os dous amosan.



“Es mucho más fácil dedicarse a perseguir la felicidad cuando se tiene suficiente dinero para pagar el alquiler”.
“Veo libros electrónicos a menudo, pero nunca me persiguen. Me hacen sentir, pero no puedo sentirlos. Son alma sin carne, sin textura ni peso. Se te pueden meter en la cabeza, pero no pueden asestarte un golpe físico”.
“Cuando veía a mi madre dar las gracias al personal médico con gesto radiante, caí en la cuenta de una cosa que había intentado inculcarnos desde siempre: el agradecimiento encierra auténtica alegría”.
“Lo que entendí de súbito fue que una nota de agradecimiento no es el precio que se paga por haber recibido un regalo, como creen muchos niños, una especie de tributo mínimo o cuota, sino una oportunidad de agradecer lo que se tiene. Y la gratitud no es lo que se da a cambio de algo, sino lo que se siente al saberse afortunado: afortunado de tener familia y amigos que se preocupan por ti, y que quieren verte feliz. De ahí la alegría de dar las gracias”.
“Todos estamos en deuda con el prójimo por todo lo que acontece en nuestra vida. Pero no se trata de una deuda con una persona en concreto: en realidad estamos en deuda con todos por todo. Nuestra vida entera puede cambiar en un instante, así que cada una de las personas que evitan que eso ocurra, por pequeño que sea el papel que desempeñen, también es responsable de todo ello. Ofreciendo amistad y amor, uno consigue que las personas a su alrededor no se den por vencidas, y cada expresión de amistad o amor puede ser lo que cambie las cosas por completo”.
“Me encantó conocer gente en todos mis viajes. Me encantó oír sus historias, llegar a conocerlos y averiguar qué podía hacer por ellos, si es que podía hacer algo. Enriqueció mi vida más de lo que soy capaz de expresar. Naturalmente, podrías hacer más cosas, siempre se puede hacer más y se debe hacer más, pero aun  así, lo importante es que hagas lo que puedas cuando puedas. Haz lo que esté en tu mano, eso es lo único que puedes hacer. Mucha gente recurre a la excusa de que no cree que pueda hacer gran cosa y acaba por no hacer nada en absoluto. Nunca hay una buena excusa para no hacer nada, aunque solo sea firmar algo, o enviar una pequeña contribución, o invitar a una familia de refugiados recién llegada a comer el día de Acción de Gracias”.
“Tienes que decir todos los días a los miembros de tu familia que los quieres. Y asegurarte de que sepan que también estás orgulloso de ellos”.


20/10/13

Pasaje de las Sombras

Como ben mandada que son, fíxenlle caso a Agustín Fernández Paz e sucumbín a esta lectura, a última de Arnaldur Indridason: Pasaje de las Sombras, VII premio RBA de Novela Negra. E ben que fixen! Non decepciona Indridason dende que a primeira novela que lin, La mujer de verde.
Pasaje de las Sombras encantoume. Gustoume o tratamento temporal, correndo a historia en dous tempos ben diferentes e que chegarán a solventarse ao final, nun necesario e tráxico cruce de camiños, con alusións aos contos tradicionais -con un remata o libro- e con zarrapicadas sociais da Segunda Guerra Mundial e a actualidade, igual que hai referencias á vida persoal dun dos protagonistas onde non falta a presenza da violencia de xénero -algo que este autor xa denunciaba na súa primeira novela-; asemade, chamativo resulta a evolución do uso lingüístico do pronome de cortesía; hai que destacar tamén como a presenza das tropas estranxeiras durante a Segunda Guerra mundial en Islandia axudou a unha liberalización da muller a pesar das críticas da sociedade. Este realismo social, pasado e presente, axuda a coñecer algo máis deste país que se nos antolla tan afastado e descoñecido, e é algo que debemos agradecer á nova novela negra que se está a producir, enmarcada sempre nunha sociedade chea de tachas que non sempre recoñecemos facilmente. Xente normal que se atopa de súpeto en situacións excepcionais. Como reaccionariamos nós? De aí que este tipo de xénero participe da realidade. A solución, ao final de Pasaje de las Sombras... tantos anos despois.



24/09/13

Algodón en Harlem

Coido que esta será unha das últimas novelas negras deste ano. Pero tiña que solucionar algúns erros, como non ter lido nada deste clásico, Chester Himes, que é publicado por RBA na súa Serie Negra: Algodón en Harlem constitúe unha lectura ben interesante dende varios puntos de vista: sociais, posto que o autor decide comentar as diferenzas sociais existentes entre brancos e negros, e de personaxes, posto que os dous detectives protagonistas presentan unha serie de características que se afastan doutros coma eles. Dous homes que son moi semellantes fisicamente, negros, inquebrantablemente honrados, brutos, utilizando métodos non sempre legais pero que lles funcionan. 
Nesta crítica social ninguén sae ben parado; nin brancos nin negros. A maioría dos personaxes destilan maldade e violencia; son trampulleiros e só buscan o seu beneficio  persoal. Ademais, non todo se resolve satisfactoriamente nin todos os criminais son castigados como merecen. Esta é a crúa realidade, e a novela non está polo labor de adozala.
Desde logo, un autor de obrigado coñecemento.

"El teniente emitió un suspiro.
-Detesto ver que las gentes se atacan entre sí como si fueran animales salvajes. 
 

 -¿Pues qué diablos espera? -preguntó Grave Digger-. Mientras haya jungla, habrá animales salvajes."


23/09/13

El muñeco de nieve

Aproveitando tantas horas de voo, ataquei o último libro de Jo Nesbo publicado por RBA na súa Serie Negra: El muñeco de nieve. Unha lectura trepidante que me confirma a Nesbo como un dos mellores escritores deste xénero. É boísima! Intriga, detalles, personaxes, todo está ben xestionado e enfiado, con golpes de efecto brutais. O bo do libro é implicar o lector do xeito en que o consegue, indentificarnos con Harry Hole e sentir a súa rabia, sufrir con el. O personaxe é fascinante. E queremos velo no cine. Porque xa está nas nosas mentes.
Non sei se é o mellor libro del. Eu téñolle un cariño especial a Petirrojo: segue sendo a mellor dende o meu punto de vista. Pero desde logo está entre os mellores. Gustoume máis có anterior, sen dúbida ningunha. Pero quizais sexa un pouco demasiado previsble, e iso réstalle puntos á lectura. Pero son puntos de sutura, que apenas se notan!

Trató de moverse, pero no consiguió desprenderse de aquella mirada rota. Una mirada rota y acusadora. Que lo acusaba de no haber hecho algo, y aunque él no sabía qué, sí sabía que debería haber podido averiguarlo, debería haber podido pararlo, debería haber podido salvarla.

09/08/13

La caja negra

Non lera nada de Michael Connelly e xa ía sendo hora de encher esta lagoa, aínda que teño que asegurar que despois desta atacada de novela negra que me metín, este foi o que menos me gustou. Non é que estea mal, ollo, pero claro, ultimamente tiven un nivelón...
La caja negra de Michael Connelly está publicada por RBA e conseguiu o VI Premio RBA de Novela Negra, o seu detective é Harry Bosch. Desta volta -ignoro como eran as anteriores entregas deste detective- debe solucionar un caso ocorrido hai vinte anos. Pero polo pouco que podo entrever, semella que este detective está próximo á xubilación e quizais, só quizais, sexa a súa filla quen siga coa saga. Algo así como fixera no seu día Henning Mankell. Pero son puras suposicións!
A novela, xa digo, é correcta, engancha e mantén o lector nas súas páxinas. Pero desde logo non é para min do mellor que teño lido e temo que non volverei a buscar un outro libro del. Quedan moitos detectives e moitas novelas negras para ler!


28/07/13

Sólo el silencio

A forza de ser ben pesada, recoñézoo, sigo con novela negra. Desta volta o libro devorado foi Sólo el silencio de R. J. Ellory, publicado por RBA na súa imprescindible Serie Negra. Apaixoante, dura, case aterradora, estamos ante unha nova perspectiva do xénero; unha volta diferente para lermos novela negra, xa que o contido e o seu tratamento é inusual, diferente, tanto que podemos dicir que ata existe a poesía entre as súas páxinas. Quizais sexa unha das mellores novelas negras que teño lido, e xa sabedes que levo unhas cantas. As páxinas do libro pasean polo medo do home, un medo que chegamos a sentir e a temer. Porque o máis chamativo é precisamente a ausencia dun detective detrás dun asasino; non, hai un neno que medra e que se converte nun home baixo a sombra de asasinatos ao seu arredor; hai o intento de comprensión, a busca da verdade. E hai demos que medran e que nos obsesionan.
Máis ca recomendable, por tanto.


     “Más tarde rememoraría el pánico y la confusión. Más tarde intentaría recordar los pensamientos que me habían invadido la mente, pero por mucho que lo intentara, no lo conseguiría. Recordaría haber gritado su nombre con todas mis fuerzas. Recordaría la sangre mientras intentaba levantarla, la sensación húmeda y fría en las manos, en los brazos en la cara cuando la apreté contra su pecho para ver si aún respiraba. Recordaría haberla llevado al camión, cómo le sostenía la cabeza en mi regazo mientras Reilly conducía el camión dando botes y saltos por carreteras llenas de surcos hasta la casa del doctor Pipper. Recordaría los billetes de dólar manchados de sangre y pegados a la ropa uno en su melena, otro pegado a su antebrazo (…) Recordaría todas aquellas cosas vivamente, y reproduciría los recuerdos mentalmente como un viejo disco de baquelita, una y otra vez hasta desgastar el surco; los sonidos desaparecerían y no quedaría más que el enorme pozo de desesperación y pena en el que caí”.




15/07/13

Berlín, 1945

En dúas palabras, IM-PRESIONANTE. Que si, que xa o sei, que son unha pelma coa novela negra, pero que lle queredes, estou entusiasmada. Sen ganas de ler, este xénero estame devolvendo ao meu ser. E con este libro, de lectura obrigada para os amantes do xénero, fiquei fascinada. Unha característica esencial: aínda que o fío condutor sexa o asasinato de mulleres, o miolo da cuestión é o retrato, triste e cruel, do Berlín anterior e inmediatamente posterior á guerra. A Segunda Guerra Mundial, referímonos. Por iso, non é unha novela negra calquera, xa que a historia criminal é o de menos neste fresco histórico que nos proporciona. Estamos, pois, ante un retrato intenso da anguria, da derrota, da crueldade da guerra (os humanos somos humanos?), da vontade de supervivencia, e ademais, un neno que representa o futuro para acabar de deseñar esta cohorte de personaxes e accións metade reais metade novela que lemos con auténtico pracer.
Cada asasinato é un pretexto para que o autor, nun flashback, conte a vida desa muller, que é máis interesante da novela porque é a que nos sitúa no Berlín anterior á guerra e a todos os acontecementos que rodearon a cidade neses anos, ata 1945. Aínda é máis: as historias chegan a entrecruzarse nalgún momento, posto que os camiños das mulleres asasinadas chegan a unha intersección na que se coñecen para logo lembrarnos que terán un idéntico final. Un final que non queres que chegue, porque desexarías que o libro continuase 600 páxinas máis.
Falo de Berlín, 1945 de Pierre Frei publicado por RBA na súa Serie Negra, unha colección que medra cada día. Aínda que este libro xa ten uns aniños!


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.