Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Manga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manga. Amosar todas as publicacións

18/08/16

El hombre sin talento

Yoshiharu Tsuge é o autor deste manga publicado en 1985, El hombre sin talento, publicado por Gallo Nero. O cómic conta a triste historia de Sukezo Sukegawa, un debuxante de manga sen éxito que se converte en vendedor de pedras e de cámaras fotográficas, fracasando en todo aquilo que comeza, co conseguinte desprezo familiar e social, de aí que sexa a crónica dun fracaso existencial que se transmite á perfección e que nos asologa de tristura a medida que avanzamos na lectura. Outra das reflexións que nos proporciona o libro é o feito de sermos ou non útiles na sociedade, algo que conecta directamente co pensamento xaponés.
Pero ao mesmo tempo é unha mostra da sociedade nipona, unha sociedade que vén de sufrir un gran cambio nos últimos anos.
Un manga que transmite pesimismo.


02/11/15

En este rincón del mundo

Tocou fin de semana de cómic e manga para elixir libros para a biblioteca. E este encantoume: En este rincón del mundo de Fumiyo Kouno está publicado por Ponent Mon. "Kono sekai no katasumi ni" comezou a súa publicación na revista "Weekly Manga Action" en 2007, e rematou dous anos despois. A historia conta a vida dunha moza que casa en Kure durante a Segunda Guerra mundial, aínda que as primeiras páxinas presentan a súa vida dende nena, como moi boa debuxando e moi despistada. Unha vida ura a desta moza nunha familia de clase baixa que vai espertando sentimentos antes descoñecidos polas persoas que ten ao seu arredor. Por riba de todo, sobrevoa unha guerra. Unha guerra que os golperará brutalmente.
O que máis me gusta é como saben transmitir os sentimenos estes debuxos de manga. A melancolía, a tristura, a dozura, a tenrura, o cariño... de todo hai e todo sabe transmitirse.
430 páxinas que se len nun voo.






30/10/15

El último vuelo de las mariposas

Encantoume este manga de Kan Takahama que publica Ponent Mon: El último vuelo de las mariposas é unha historia de amor dunha cortesana e dun home enfermo, unha historia preciosa e verídica onde coñeceremos un pouco máis desoutro mundo que semella tan afastado. Unha muller que é o que non parece, porque debaixo dunha face case inexpresiva ocúltase unha historia de tristura e cariño infinito; a historia vai desentrañando unha serie de personaxes que golpean en cada páxina sentimentos e dores para amosarnos un tecido lento dun relato que nos acolle sobre todo pola súa coidada ambientación. Un manga en branco e negro que amosa que existe unha variedade enorme de cores se nos fixamos e non quedamos tan só na superficie.
Só con ver a portada dan ganas de adentrarse neste libro que non defrauda.


25/05/14

El gourmet solitario


Un manga de Jiro Taniguschi e Masayuki Kusumi publicado por Astiberri que interesará moito a aquelas persoas interesadas na cultura xaponesa, xa que El gourmet solitario é, sobre todo, un catálogo de comidas típicas daquel país. E parece ser que en Xapón o manga de xénero gastronómico, con ou sen fantasía, é o moi popular. Algo que a min, cando menos, chama a atención. Claro que tamén me chama a atención que este cómic estea publicado en sentido de lectura occidental, sen respectar a orixinal como debería ser, digo eu.
Este libro xira arredor dun personaxe que polo seu traballo ten que comer só. Iso constitúe a ponte para que as súas reflexións sobre gastronomía xaponesa cheguen a nós. E consegue interesarnos sen acción! Dividido en 19 capítulos de 8 páxinas, o protagonista pasea por Tokio ou Kyoto, e decide comer nun restaurante, o que da pé para falar de platos tipicamente xaponeses.




24/04/14

El perro enamorado de las estrellas

Permitídeme a expresión: estou flipando con estes mangas que ando a descubrir. Este último é de Takashi Murakami e está publicado por Ponent Mon (unha edición que reúne os dos títulos nun só volume): El perro enamorado de las estrellas é un libro moi premiado no seu país onde os cadeliños son protagonistas da tenrura, a sensibilidade e a Amizade. Si, con maiúsculas.
Fixádevos na portada. Pois si, por esa portada cheguei eu ao libro, do que non coñecía nada en absoluto. Pero pensaba que ía ler unha historia completamente diferente, a verdade. A Historia, Historia que une os diferentes relatos do libro e que completan un sentido ao final de todo, é que un cadeliño axuda a construír a personalidade do seu dono, facéndoo mellor persoa ou conseguindo que non se sinta só: un home divorciado, só, que marcha co can; un neno abandonado pola nai; un traballador social ; unha anciá deprimida... historias de vidas que nun momento se cruzarán e en todas elas se amosarán a lealdade dos cans, que comparten os seus problemas. Por certo, non só os cans son protagonistas, senón que son os que contan as historias (dúas en cada parte): isto tamén axuda a construír a reflexión sobre o efémero da vida, sobre o absurdo que resulta tanto sufrimento, sobre o valor da Amizade e dun sorriso.
A figura do can namorado das estrelas é a metáfora de desexar o imposible.





Ah! Eu non teño can. Maxino o que pode gustar este libro a quen si o teña!!!

12/03/14

Barrio Lejano



Sigo con manga e repito autor: Jiro Taniguchi é quen escribe esta marabilla publicada por Ponent Mon: Barrio Lejano. Xenial! A vida cotiá sen grandes dramas pero con diferentes enfoques. O protagonista realiza unha viaxe ao pasado entendendo algunhas cousas porque a súa visión é diferente. Como vemos a vida de adolescentes e como a vemos sendo maduros? Sobre todo, queda no noso maxín a posibilidade de volver a vivir algo que nos ocorreu: que cousas cambiaríamos e cales non. A vida dá segundas oportunidades? Abride a porta e entrade: onde está a liña que separa a realidade do recordo? Que é a felicidad e canto debemos comprender do ser humano? Moitos interrogantes que Taniguchi non quere desvelar, pero si propór. Por iso acepta ofrecernos os seus personaxes nus, para que sexamos nós quen xulguemos sobre as nosas propias vidas. El non ofrece maldade irreverenta nin bondade absoluta, ofrece persoas de carne e óso onde a memoria é o pouso sobre o que medramos.
Mentres cavilades, podedes gozar cos detalles que nos ofrece o debuxo de Taniguchi: narración de xestos e olladas, de espazos e de lugares.





05/03/14

El almanaque de mi padre

Sigo eu coñecendo o mundo do cómic (manga) xaponés lendo desta volta El almanaque de mi padre de Jiro Taniguchi, publicado por Planeta; un libro que me recomendou David Rubín. E acertou de pleno! Un libro sensible sobre unha historia familiar, sobre os silencios e os sentimentos agochados, sobre o rancor que se garda nunha gabeta para esquecer a chave... e cando esta se topa é demasiado tarde para abrir porque a pechadura está enferruxada. 
Un home que perde a seu pai rememora a historia da súa vida e o afastamento deste. Seguramente porque este era un gran descoñecido. No funeral descobre unha historia descoñecida totalmente e é entón cando comprende canto mal ten feito case sen percartarse. Porque ás veces chegamos demasiado tarde. E porque a vida poucas veces dá segundas oportunidades.
Unha gran obra, cálida e sentimental, que atrapa o lector dende un principio e que vai in crescendo ata o final. Boísima!


el-almanaque-de-mi-padre_5
 el-almanaque-de-mi-padre_3




16/01/14

Las vacaciones de Jesús y Buda

Divertido manga de Hikaru Nakamura publicado por Norma é esta entrega de Las vacaciones de Jesús y Buda: humor cen por cen sen ir máis alá. Pero ben que nos cómpre nalgúns momentos (e estes días son así). Si, si, os protagonistas son Jesús e Buda que deciden vir de vacacións á Terra, aburridos do seu traballo no Ceo, sexa cal sexa este. A terra escollida é Xapón. Os gastos maxino que corren a cargo do ceo, porque traballar non traballan, e compran o que lles dá a gana -sobre todo Jesús, porque Buda é bastante cutre-. Do máis gracioso resulta a pinta que teñen (Jesús con coroa de espiñas e Buda iluminándose), pero esta pinta non os delata en ningún momento... e iso que está máis que claro quen son. Pero... quen o pode maxinar? Claro que hai moito de absurdo no que alí sucede, pero por iso precisamente é un libro de humor, aínda que relacionado coa relixión.





08/01/14

El libro de los insectos humanos

el-libro-de-los-insectos-tezuka-astiberri 
Xa vedes que me informo do mundo nipón! Novamente, manga -para adultos- que cómpre ler para atrás. Asemade, un libro que engancha e que me parece de gran calidade. A verdade é que a este cheguei por recomendacións varias: El libro de los insectos humanos de Osamu Tezuka está publicado por Astiberri. Unha historia que é un thriller con protagonista feminina, cruel e coñecedora dun mundo masculino que a trataría doutro xeito se puidese. Unha reflexión sobre o egoísmo levado ata as últimas consecuencias, xa que todos os personaxes -e hai bastantes- procuran o seu propio interese; no fondo subxace unha crítica ao sistema capitalista, devorador constante.
Unha obra que paga a pena ler de ritmos vertixinoso que non decae en ningún momento.

El-libro-de-los-insectos-humanos-Osamu-Tezuka-02

04/01/14

Monster

Dende agora mesmo, absolutamente fan deste manga de de Naoki Urasawa, publicado por Planeta. Monster fala do mal feito persoa. De aí que sexa un manga destinado ao público adulto. Sitúa a historia na Alemaña de pouco antes da caída do muro e o protagonista é un mozo cirurxián xaponés (resulta ben curioso que os propios autores xaponeses non lle poñas os trazos característicos da súa raza aos seus debuxos). O feito de salvar un neno desencadea toda a acción do cómic.
De momento só lin o primeiro libro, pero estou absolutamente enganchada, así que estou segura que vou ler os nove que me faltan. E falamos de tomos grosos!, pero, realmente a acción trepidante e a natureza humana que amosa a lectura ante un abismo de maldade, xunto coa gran calidade que coido ten o libro, conquistoume.







Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.