Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Cuatro azules. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cuatro azules. Amosar todas as publicacións

26/08/15

Al señor Zorro le gustan los libros

Con este título, imposible non adentrarse neste álbum que publica Cuatro azules de Franziska Biermann: Al señor Zorro le gustan los libros é un libro sobre un devoralibros, tal cal. Porque o Señor Zorro é tan lector, gústanlle tanto os libros, que ten que devoralos. E isto non é gratis. E por mor dese gusto polos libros terá que se converter en atracador. Atracalibros, para ser exacto. E de aí a ser escritor só hai un paso... 
Así que moito olliño cos vosos gustos, a ver se vos vai ocorrer o mesmo con tanto ler! De aí ademais provén o mérito deste álbum, semella que prefire advertinos sobre a perigosidade da lectura en lugar de que é algo beneficioso.



09/03/15

Super Beige



Publicado en Cuatro Azules, Super Beige é un álbum de Samuel Ribeyron que trata con humor os superpoderes que ninguén quere... agás un bechiño que se salva de ser aplastado. Porque ter superpoderes é saber mirar en derredor, saber ser tenro e valente, pararse nas pequenas cousas e aceptalas respectándoas. O autor preséntanos un protagonista entrañable que busca o seu propio camiño sen se desanimar. Este álbum é unha chiscadela ao heroe clásico da Literatura e aos superheroes dos cómics. As ilustracións camiñan parellas ao texto, con cores fortes e con fácil desenvolvemento do camiño -cabeza moi alta ao comezo e logo soterrándose un anaco-.



 

16/03/12

Los bichos bola



Cuatro azules publica Los bichos bola de Luisa Fontán Bos con ilustracións de Carmen Segovia. Un libro que aparentemente podería pasar desapercibido pero que nos leva a unha viaxe polo máis íntimo de nós. Porque así como os dous nenos protagonistas inician un percorrido polo bosque, nós camiñaremos polos nosos sentimentos e por aqueles momentos que nos fixeron ir madurando no longo camiño do crecemento. Se o texto é lene, máis o son as ilustracións, delicadamente incrustadas sen facer ruído pero con firmeza e seguridade: así é a edición completa.


11/03/12

Quisiera tener...



Con texto de Giovanna Zoboli e ilustracións de Simona Mulazzani Cuatro azules pon á nosa disposición este fermoso álbum ilustrado Quisiera tener..., un álbum cheo de tenrura e poesía, un deses libros dos desexos para soñar esperto cunhas máis que preciosas ilustracións cheas de suxestións e mundos máxicos onde mergullarnos. A poética das ilustracións é tan intensa que nos emociona en cada nova páxina. Agora si, facede vós tamén a vosa propia lista. E a ver con que soñades!



Quisiera tener los ojos del mirlo para cada brizna de hierba que crece en el campo.
Quisiera tener los pasos de pluma del tigre que crean silencio.


14/01/12

Selma



Cuatro azules publica este miniálbum de Jutta Bauer, Selma. Fermoso e sinxelo relato arredor do concepto da felicidade. En palabras da súa autora:

"Selma no es un libro infantil. Entiéndanme, los libros están a disposición de todos, si un niño lo lee y le sirve, me parece maravilloso, pero cuando lo escribí, lo hice
como un cómic para adultos. (Se ríe.) La verdad es que cuando escribí e ilustré este libro ni siquiera pensé en venderlo. Les cuento lo que sucedió porque fue muy divertido: la historia se me ocurrió unas Navidades como regalo para mis amigos. Hice unos cuantos ejemplares artesanalmente, sin la menor pretensión, en blanco y negro, y se los regalé a mis mejores amigos. El editor de Lappan se quedó tan entusiasmado con el librito que al día siguiente vino a verme y me dijo que era «cuestión de vida o muerte» (se ríe) que ese libro se publicara. Me negué en redondo; si lo publicaba perdería el valor que tenía para mí. Lo había escrito para mis amigos y eso lo hacía especial... Insistió e insistió, y ya ven que lo consiguió, pero fue difícil. Sólo cedí después de la segunda botella de vino (se ríe)."


10/01/12

De punta a punta


Publica Cuatro azules este álbum ilustrado con texto de José Luis Berenguer e ilustracións de Irene Fra: De punta a punta é moi axeitado para o próximo día da Paz, e foi Premio de Mellor Álbum ilustrado 2010 para o Gremio de Libreiros de Madrid. Estamos ante un deses álbums especiais que valoramos como alfaias e que aseguramos son de adultos: un libro que convida á reflexión, un texto escaso que é pura poesía, unhas ilustracións que destilan ritmo e fouteza, que xogan coa perspectiva e a distancia, coas cores. Unha historia que é a de Iraq e que é a de calquera guerra, a dor, a emoción, o ruído, o amor. Un álbum que o rematas e o volves a comezar.
Para gozar.

18/12/11

El valor del agua


Cuatro azules nos deixa este tan diferente álbum en branco e negro sobre a relación dun neno co seu avó e o amor que este sente pola terra que o veu nacer e que tivo que abondoar por mor dun encoro que destruíu a súa casa e a súa vila.
El valor del agua
está escrito por Julio Llamazares e conta coas ilustracións de Antonio Santos. Un autor consagrado na narrativa para adultos que non decepciona nesta obra que segue a contar cunha linguaxe exquisita e certa emotividade característica das súas descricións.
As ilustracións en branco e negro, unha por cada páxina, sen artificios innecesarios, marcan un libro contundente sobre a tristura que supón esta migración forzada. Algo do que tamén sabemos no noso país.

06/12/11

El dueño del sueño


Se un libro conta coas delicadas ilustracións de Noemí Villamuza, vai chamar a miña atención. Así que vin que El dueño del sueño de Marta Rodríguez Bosch contaba con elas e collino na exposición que temos no instituto. E efectivamente, delicadeza é a palabra axeitada. Non podía ser doutro xeito. Está publicado por Los cuatros azules. Un libro cheo de poesía grazas a un texto cheo de inxenuidade e ás ilustracións azuis e grises que destacan nas súas páxinas.
Así que se tedes problemas para durmir -como é o caso- lembrade que hai un alguén que é o seu dono e que o mellor que podemos facer para vivir é soñar. E teremos que buscar a este dono para seguir soñando.
Precioso.

07/02/11

Zoo


Unha das -para min- mellores autoras-ilustradoras que hai neste momento é Suzy Lee. O que creo que é o seu último libro é este que teño agora nas mans: Zoo, da editorial Cuatro azules. Ao contrario do que ocorría cos outros tres álbums dela publicados en España, nos que só existe imaxe sen palabras, neste libro si temos algunhas, pero segue sendo máis importante a imaxe: temos que nos fixar nas expresións e nas cores para comprender realmente o texto: un paseo polo zoo que se enche de cor para a nena protagonista pero que é gris para os adultos.
É un libro fermosísimo, cheo de matices e de imaxinación.



24/11/10

Algo con lo que nadie había contado

Los cuatro azules publica esta obra de Marit Törnqvist, Algo con lo que nadie había contado. Encantoume, pareceume, sinxelamente, un libro diferente, tanto, que creo que o meu alumnado quedou un pouco á expectativa agardando un final diferente. De feito, cando rematei de lérllelo, Yoli exclamou: "ten un final aberto!".
Un libro para falar do individualismo da nosa sociedade, tan absorta e tan rápida, tan solitaria e egoísta. Deses álbums que considero nada infantís, pois merecen unha boa reflexión ao final da súa lectura. As ilustracións son espectaculares, xa antes do comezo da historia.
Un álbum cheo de profundas reflexións: ímonos deter a facelas? Ou imos seguir adiante, sen tempo para elas, sen tempo para a solidariedade, sen tempo para os demais? Soidade, incomunicación, ritmo frenético... pensemos en que se está a convertir a nosa sociedade e a nosa propia vida. Saberemos cando menos respectar a aquel que nada contra corrente?
Creo que paga a pena que leades o comentario que atopei no blogue "La tormenta en un vaso". Tamén paga a pena que lle botedes un ollo a este álbum. É diferente. E non deixa indiferente.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.