Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións

30/09/21

A cámara escura

 


J.
L. Baños de Cos
é o autor da obra de teatro A cámara escura publicada por Galaxia. Unha obra dirixida á xente nova cunha linguaxe moi próxima e utilizada por esta, incluíndo palabras que a mocidade utiliza constantemente como crush, best friend forever, influencer, superlike… . Lemos un texto áxil e rápido como as mensaxes que enviamos por WhatsApp. Quince escenas compoñen o drama de Alicia nun ritmo frenético onde o móbil é o gran protagonista. Xunto a este permanece o "Coro", personaxe colectivo que se manifesta nas redes sociais, dende o Instagram inicial ao WhatsApp final. Este personaxe colectivo xulga pero non aporta, e mesmo desaparece.

Alicia, a protagonista, comparte unha foto co seu crush, sentiuse obrigada a facelo. A presión social pode ser moi forte. Hai que ser aceptada polo grupo. Tal como Alicia no país das marabillas, esta Alicia, entra no tobo -móbil- do coello e xa non hai escapatoria. Entra no móbil, no grupo, e xa deixa de ser ela, xa é de todos, dese Coro que se cre co dereito de xulgar. Un tobo que é unha cámara escura da que é difícil saír e  illa ao mesmo tempo que expón.  Unha Alicia que se duplica, que se observa a si mesma a través dun espello no que non se recoñece, que a mantén atrapada sen poder comunicarse nin con súa nai, tan próxima e tan afastada.



16/04/21

Dormente


 
Raquel Castro dá a volta a historia da Bela Durminte, e faino con acerto teatral. Publicada por Galaxia, Dormente fala dunha princesa que dorme (?) por mor dun feitizo e que segundo a lenda só espertará se un príncipe chega para bicala. Pero son os príncipes os donos do destino das mulleres? Hai asemade amores diferentes? A obra achéganos con humor a estes puntos de vista para reescribir a historia dun xeito axeitado para nenos e nenas que poderán representala e entender que xa é hora de que mudemos a historia e os contos que sempre nos contaron onde as mulleres nada tiñan que dicir e os príncipes debían ser valorosos e imprescindibles.

10/05/20

Imaxinando

05/12/19

Na miña alma ouvea un lobo

Pareceume unha lectura moi interesante a desta obra de teatro de Xavier Lama publicada por Edicións Positivas: Na miña alma ouvea un lobo recibiu o I Premio Laudamuco. Baseada en feitos reais, estremece cavilar que algo así pase, que a vida poida ser un engano de longa duración. É unha especie de violencia cara ás mulleres en clave espionaxe, xa que o engano do amor e a dobre personalidade do policía quen abre a chave desta obra. Resulta moi curioso, asemade, que a aproximación a estes feitos se faga en forma teatral, dotando de escuro dramatismo a realidade da sociedade na que vivimos, o funcionamento do Estado, pero deixando o lectorado que xulgue por si mesmo os acontecementos, posto que non nos ofrece un único punto de vista, senón que podemos erguer a ollada para botar a vista atrás e cavilar con cal das situacións podemos e queremos posicionarnos. 
Un libro idóneo para lectura na clase, escrito de xeito áxil e que vén tamén axudado polas escenas breves para unha facilidade maior na propia aula.


 

29/01/19

No es país para coños

04/08/18

Eroski paraíso

Na Biblioteca de Teatro da Editorial Kalandraka podemos atopar esta peza fundamental de Chévere: Eroski paraíso. Un proxecto escénico que fala dun paraíso social que non existe por moito que nolo prometeran. Esas promesas incumpridas que nos ofrecen co mellor márketing e que como boa publicidade saben enganar e saber convencernos. Somos compradores dun supermercado onde a vida escorrega entre as mans e tentamos pendurala mercando. Queremos parar, ollar ao noso arredor e que todo siga igual. E non o conseguimos, porque nada permanece así, todo se transforma. De aí procede o desarraigo. De aí confúndese a memoria. A obra ofrece unha reflexión constante, un documental, unha película sobre os protagonistas, sobre a cidade, sobre a evolución, sobre os cambios.

08/04/18

A soidade do asasino

Carlos G. Reigosa é o autor desta pequena obra de teatro publicada pola editorial Xerais, A soidade do asasino. Un diálogo entre vítima e asasino, un díalogo de descuberta da realidade, da personalidade, do coñecemento. Estamos predestinados? Podemos evitar o destino? Estas preguntas son as que nos provocarán ler porque agardamos a resposta, unha resposta que se amosa trampeira nas súas páxinas, que nos confunden. Asemade, ademais deste diálogo principal que nos leva a unha posible solución, as historias secundarias explícannos o porqué do enfrontamento existente entre vítima e asasino. 
Cal é a causa de que o asasino non leve a cabo o encargo para o que está cualificado? Vítor e Claudio gañan tempo, un tempo importante para un, un tempo quizais perdido para outro. Pero ese tempo é o que nos sostén. Son en realidade almas xemelgas ao coñecérense? 
Unha chea de preguntas en poucas páxinas que atrapan a cobiza da lectura.


01/12/17

O castiñeiro do Apalpador

O prezado Inacio volve traernos unha axeitada suxestión de monicreques para estes tempos de Nadal: O castiñeiro do Apalpador. De como un carboeiro se virou meigo do Nadal, publicado por Baía con ilustracións de Nuria Díaz. Un texto de Inacio é sinónimo garantido de calidade, e desta volta demóstrao novamente cun protagonista coñecido, ese que provén dunha tradición oral e que convida a crer nunha maxia especial: converter un carboeiro nun repartidor inmortal de castañas nos tempos de nadal. Cunha miaxiña de humor salferida polo texto, un convite á presenza da morte, figura que se deixa vencer facilmente polo personaxe entrañable, retranqueiro e listo como a fame que é o o Carboeiro. Porque se algo sabemos desta figura mítica será que é enxeñoso e sabio coma poucos. Por iso pode vivir para agasallar. Que luxo!


10/10/17

O valo

Publica Xerais a obra de teatro de Carlos Labraña O valo -Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016-, ilustrada por Nuria Díaz, unha reflexión excelente sobre a emigracións, os valados, as fronteiras, a situación dos exiliados, a paz e a súa procura. Con tan só dous personaxes, o libro é unha homenaxe aos refuxiados, sobre todo a nenos e nenas que padecen estes desprazamentos tan inxustos pero ao mesmo tempo tamén conta coa visión do neno que debe cumprir ordes sen cuestionalas, aínda que non sexan comprensibles. Por iso, ambos puntos de vista son importantes na obra, ese espazo de paz e liberdade que necesitan os personaxes para mellor entender o mundo que lles tocou vivir. Un mundo que, por outra parte, segue empeñado en construír cada días máis barreiras, mesmo psicolóxicas, e onde os valados que existen convértense en perigosos asaltos á dignidade e á liberdade.
Imposible non lembrarse de Valados de Agustín Fernández Paz ao achegarse a esta obra de teatro.



26/07/17

Annus Horríbilis

Tivo a editorial Kalandraka a magnífica idea de poñer á nosa disposición os textos cos que celebrar os 30 anos de Chévere, unha compañía especialmente talentosa dentro do noso panorama teatral. Desta volta, Annus Horríbilis sitúanos en clave de "opereta?" nunha intriga entre dúas liñas dinásticas inimigas, con loitas e romances ilexítimos. O bo de termos o texto é, para min, completar aquilo que se me esscapou mentres vin a representación, pois ao non estar acostumada a este tipo de espectáculos non é doado seguir todo o texto cantado polos personaxes, ademais de considerar que se fai un pouco longa de máis polas súas dúas horas con descanso.
A obra é unha especie de parodia da ópera con crítica política estruturada en dous actos que resultou unha ousadía no seu tempo. Unha sinxela posta en escena -lembra a Les Luthiers-, onde o director fala ao comezo de cada acto para realizar unha graciosa introdución. Logo, números musicais variados e sketchs cómicos, algúns efectos de luces moi convincentes e algunhas secuencias moi ben construídas.

Volver a velo é a mellor homenaxe a Fran Pérez, sempre no noso corazón.


09/06/17

Os golfiños e o xigante


Na editorial Baía podemos atopar este texto baseado nun feito real de Inacio: Os golfiños e o xigante conta con ilustracións de Iván Suárez. O cerne desta historia é, efectivamente, unha historia real, e segundo se di, a realidade supera a ficción. Así que Bao Xishun, o home máis alto do mundo, que fuxía da fama e decidiu ser pastor de ovellas, foi requirido por un acuario para salvar a vida dun par de golfiños.E abofé que o conseguiu! E foi posible grazas aos seus longos brazos. A historia semella ben rara. Os golfiños, lambóns eles, paparan unhas boias que facían perigar as súas vidas, e só Bao Xishun, introducindo o seu longo brazo, podería quitarllas do estómago e salvalos. 
Así que Inacio maxina esta fermosa historia para os seus monicreques, e leremos (e agardamos velo representado asemade) como a coidadora dos animais andou por toda China, en todo tipo de vehículos, na busca do xigante salvador. Logo, converterase ela mesma en salvadora porque comprenderá que a mellor vida dos golfiños non é en cativerio.
Inacio reconstrúe unha fermosa historia facéndoa nosa, lembrándonos o marabilloso que supón o feito de que os seres humanos sexamos diferentes e de que saibamos aceptar esa diferenza. Pero tamén nos lembra o respecto que non só nos debemos entre nós senón tamén cara á natureza. Os animais son felices no seu hábitat natural. Que sentido ten apreixalos para que os humanos simplemente vaiamos velos? Que sentido ten facelos vivir baixo unha chave que impide a súa liberdade e por tanto a súa felicidade? Non desexemos para ninguén o que non queiramos por nós. Sexa animais de dúas patas, catro, ou sen elas.



07/05/16

Raclette

Santiago Cortegoso Calvar é o autor desta interesante proposta teatral que publica Xerais, Raclette, XXII Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2014. O argumento son dúas escenas xustapostas que crean dous ambientes alternos. Nun principio, non entendemos esta proposta. Ao final, quedamos pampos. Como contrapunto, a crítica social que abrangue varios temas, pero que xirarán arredor do perigo da fama, esa fama doada que manexan os medios de comunicación e que poden levar a calquera extremo. Mentres, iremos descubrindo a incomuniación humana, algo que semella ser un paradoxo na era da comunicación. E, como non, a crise económica planea sobre cada unha das secuencias, causante tantas veces das peores desgrazas. Neste caso, o paro é unha das consecuencias, tema que tamén se tratará en escena.
Pero, xa digo, o final, do mellor.





17/06/14

La niña búho

Peza audiovisual musical de Mediopollo Producciones 2014.

A compañía Apretacocretas realizan este vídeo a partir do libro de Raúl Vacas Niños raros. Así que aquí temos un vídeoclip para unha canción feita para unha obra teatral que sae dun libro de poemas. Concatenación en estado puro!


LA NIÑA BÚHO from Nina Búho on Vimeo.

07/01/14

O heroe



A miña última lectura deste nadal é esta obra de teatro que non lin non seu día -menos mal que se poden subsanar os erros-: O heroe de Manuel Rivas publicada por Xerais. Mágoa non tela vista no teatro: esa é a miña maior pena! 
O heroe é a historia de Arturo, ou de Robinson, ou de Caronte. Un ex-lexionario dunha guerra descoñecida (a de Sidi Ifn, de finais dos anos 50) que non atopa á súa volta vítores nin proclamas, senón todo o contrario; con esta desilusión e sufrimento vai conformando o seu xeito de ver o mundo, curando feridas e converténdose nun resistente. Interesante resulta situar esta acción a finais da ditadura franquista, cando se lle pide que volva ser un heroe e que actúe como tal para acabar dunha vez con esa situación política. A solución será ben complicada para este home anónimo e namorado que só pretende seguir coa súa vida; ao mesmo tempo o lector-espectador pode facer moitas lecturas do que ocorre ou se entreve no escenario; creo que a personaxe de "Medias Vermellas" dá moito xogo neste sentido: será posible permanecer impasible?. Tamén é chamativa a utilización do flash back para achegarse aos anos inmediatamente posteriores a esa guerra descoñecida pero real cando a ditadura está en pleno apoxeo e os maltratadores carcereiros poden actuar con total impunidade (o que nos lembra o que aconteceu estes días no estado español: nada se pode facer aquí, hai que ir a Arxentina...).
De fondo, a admiración pola palabra de Manuel Rivas, unha palabra que suxire, que describe, que provoca, que fala, que escoita. Unha palabra coa que nos quedamos.





02/01/14

Unha rosa é unha rosa

Por motivos laborais volvín a esta lectura que tiña medio esquecida de Suso de Toro publicada por Xerais: Unha rosa é unha rosa é unha obra de teatro do ano 1997 que non permite aparcar o sorriso un só momento. E ese é o seu maior logro: baixo o subtítulo "Unha comedia de medo" o que topamos é o medo a escachar coa risa. O outro mérito desta obra teatral é que por ela non pasan os anos: envellece tan ben que semella que vén de escribirse este mesmo ano que vén de rematar, xa que é unha parodia da ambición que a nosa sociedade sofre e da que semella non conseguirá saír. Quizais o que resulte máis afastado ao meu alumnado actual sexa a afección que pola serie do detective Colombo sente a protagonista vella, porque non o coñecerán xa, pero o resto é perfectamente moderno.

23/12/13

As Cándidas e a lei do aborto

Hai xa uns meses as Cándidas Católicas Compostelanas saudaron entusiastas a aprobación da reforma da lei do aborto apadriñada por Gallardón, o ministro máis molón. Despois dunha longa espera, hoxe por fin parece que as Cándidas máis Ultracatólicas da escena teatral poderán por fin brindar cunha cunha copiña de Sansón.
Menos protestar e máis procrear!



03/11/13

Non á violencia contra as mulleres (CCCXXXV)

Teatro contra a violencia de xénero:

21/05/13

Aula Xabier Docampo (II)

Xa falamos antonte da visita ao noso centro do xenial Xabier Docampo. Xa vos amosamos a fermosa placa que agora loce na porta da aula de 1º B e tamén vos ensimanos, moi orgullosos do traballo do noso alumnado, o álbum ilustrado que con tanto agarimo construíron. Agora vén unha das partes máis importantes da homenaxe: tres obriñas de teatro (A decisión de Valerio, Adelaida, Henrique e demais familia, De cores e de amores) nas que o alumnado traballou con paixón quedando sen recreos nin horas libres para recibir como se debe ao noso ilustre escritor.
Esta gravación debémosllela a Xosé Fuentes e Suso Fernández, a quen lles damos as grazas polo seu traballo.









02/05/13

Roberto Vidal Bolaño: Obras Completas. Volume I

A recomendación da nosa colaboradora Carme vén moi acaída para este mes das Letras. Nada menos que as Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño publicadas por edicións Positivas.


O Volume I das Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño, publicado por Positivas (2013), reúne seis textos dramáticos que, por un ou outro motivo, seguen de actualidade.

Criaturas e Saxo Tenor son dous deles, onde está moi presente o cine, tanto na linguaxe como en distintas referencias fílmicas, xunto cun universo galego onde o humor e a ironía non faltan. A primeira delas enfronta a deformidade da Criatura, creada polo Dr. Frankenstein, á doutros personaxes que, sen dúbida, recoñeceremos na pel dalgúns dos seres cos que nos tropezamos diariamente ou lendo as páxinas de calquera xornal. Incluso, escaravellando un pouco, algunha pegada deles tamén podemos atopar en nós mesmos. O morbo, a violencia machista, o fanatismo, as condicións laborais precarias… Todo isto lévanos ao final da obra a preguntarnos quen é realmente o monstro.

Saxo Tenor adéntranos nun barrio marxinal onde conviven a droga e a prostitución xunto coa morte, o amor, o incesto, a soidade ou a perda da memoria, sendo un vello saxo tenor, o que desde un escaparate se converte en testemuña silenciosa do decorrer vital duns personaxes marcados pola derrota.

“ Nunca entenderei

por que me tiñas máis medo a min

do que ao común da xente.

A miña monstruosidade

non é senón o reflexo

da que aniña en vós.

En ti,

en todos.

Pero eu non son real.

son unha ficción.

Non existo.

Vós si.”

Criaturas

02/04/12

Memoria de Helena e María

Volve a nosa prezada colaboradora Carme Moure a nos ofrecer a recomendación dunha das súas lecturas. Moitas grazas, novamente:

Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro, foi Premio Abrente de Teatro no 2006 e está publicada por Difusora de Letras, Artes e Ideas.

A súa lectura ofrece unha moeda, non con cara e cruz, senón con dúas cruces. Na primeira está Helena, a nai, secuestrada, encarcerada e paseada na guerra do 36, tras ficar viúva de Manuel, enterrado nunha foxa común. Na segunda cruz, María, a filla, que logo de quedar orfa, inicia un periplo que a leva á inclusa de A Coruña, logo a Sevilla, para rematar, xa casada, en Venezuela, lugar do que nunca voltará.

Estas dúas voces femininas, altérnanse e ofrécennos, nunha viaxe emocionada e emocionante, a súa angustia, medo, raiba, pena e odio, e todo isto por ser présas dun destino despiadado que lles saíu ao camiño, como a tantos outros, e do que non puideron recuar.

O pecado que cometeron, no caso de Manuel, o esposo e pai, foi ter e ler libros e no de Helena, esposa e nai, non queimalos, conservándoos. María, a filla, o vértice que pecha o triángulo, leva esa carga ás costas ata o 22 de xaneiro de 1995, data na que, por primeira vez, pode “durmir pracidamente”.

Pero tamén hai espazo para o cinismo ou ¿será a chamada da conciencia? no personaxe de Andrés Varela (páx 23) / Andrés Suárez (páx 41), (¿errata?) . Este é deses que Celso Emilio definiu de xeito tan maxistral no poema “O asesino”, dicindo que “ Para il son as olladas derradeiras/que xermolan vindicta/nas revoltas de tódalas estradas”.

Xa na páxina 43 e co libro pechado, seguen permanecendo en nós os olores a lixivia, a humidade, a pan recén cocido, os colores do vestido azul de flores brancas (¡que acerto o deseño da portada e os interiores das lapelas!) e as palabras das protagonistas.

Helena: Meu home foi morrer a Albacete, lonxe da súa terra. Eu morrín nunha estrada. E non sei o que foi da miña filla.

María: Velaquí a miña historia. Triste moitas veces, e feliz en ocasións.

Había tempo que unha historia non nos conmovía así.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.