Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Tris Tram. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tris Tram. Amosar todas as publicacións

06/03/11

Contos de detectives


Utilizamos este libro de relatos "negros" nesta semana negra no IES. Un libro publicado pola editorial Tris Tram que recolle "Contos de detectives. Os rivais de Sherlock Holmes": 8 relatos que teñen en común a procura dos autores de todo tipo de crimes. Un deles é precisamente de Conan Doyle. Na maioría non hai asasinatos, senón, case, divertimento: un xogo de dedución e intelixencia como ocorre, por exemplo, en "A pista das culleres de prata" de Robert Barr.

29/03/10

Camiñan descalzas polas rochas

Como xa fixera en Ninguén está só, Amnistía Internacional ofrece, xunto coa editorial Tris Tram, unha selección de relatos dos nosos escritores e escritoras para falar dos Dereitos Humanos. En Camiñan descalzas polas rochas son os Dereitos Humanos das Mulleres os pisoteados: violencia de xénero, violencia sexual, diferenzas... son os temas que dominan e predominan neste volume que saliento polo seu formato: a combinación de relatos con ilustracións, todos eles de mulleres destacadas da nosa literatura e da nosa ilustración. Unha proposta moi interesante para traballar tamén no club de lectura, puntos de vista e xeitos de narrar diferentes que deixan nalgúns momentos sen respiración.

O poema de Ana Romaní Camiñan descalzas polas rochas -incluído no poemario Das últimas mareas (Ed. Espiral Maior)- dálle título ao libro e está acompañado na cuberta por unha ilustración de Noemí López. O volume conta tamén cos versos de Yolanda Castaño -que cedeu o poema Contos de Fadas, do poemario Profundidade de campo (Espiral Maior) para acompañar unha ilustración de Rebeca López- e mais cos relatos Se eu podesse desamar a quen me sempre desamou, de Rosa Aneiros, acompañado pola ilustración de Nuria Díaz; Paciencia, de Paula Carballeira, ilustrado por Noemí López; O silencio do sábado pola tarde, de Anxos Sumai, ilustrado por Almudena Aparicio; Monta na vida, de Carmen Blanco, ilustrado por Ánxeles Rodríguez Ferrer; A carne da serea, de Marilar Aleixandre, con ilustración de Marina Seoane; A esencia da cidade, de María Reimóndez, con ilustración de María Lires; Son apariencias, de Helena Villar Janeiro, con ilustración de Car (Carmela González); Só hai que facerlles café, de Ana Expósito, ilustrado por Ana Pillado; e Soliloquio desde o alén, de Marica Campo e ilustrado por Aurora López , todos eles relatos e ilustracións que as autoras crearon para a ocasión.

Camiñan descalzas polas rochas on PhotoPeach


21/01/09

Ninguén está só

A alumna Thalía Troitiño achéganos a súa opinión sobre este libro:


Gustáronme todos os relatos pero o que máis me engaiolou foi o de Agustín Fernández Paz. O feito de que conte a historia dun profesor, e a situación que se vivía antes, durante e despois da guerra é algo que me apaixoa. Isto é porque considero que estes sucesos, a guerra civil española, é algo que tod@s debemos coñecer, pois iso non debe repetirse nunca. Non podemos permitir que nos goberne alguén que só pretende o ben propio e só respecta a aquele que teñen as súas mesmas ideas.
A palabra xustiza existe para algo, non está simplemente para oíla, lela ou escribila, senón para que esta se practique.
Outro dos relatos que me gustou moito foi o de Antonio Reigosa, pola orixinalidade con que está escrito. Amósanos como a vida dalgunhas persoas é tan fácil e doutras non o é. O branco cruza o mar por mor de sona ou cartos, por un récord, o negro faino por supervivencia xa que o seu país non lle ofrece recursos para sobrevivir.
Recomendo este libro pois ten historias moi bonitas e que merecen ser lidas, pois como ben di o poema de José Agustín Goytisolo

Ninguén está só. Agora
neste mesmo instante
tamén a ti e a min
nos teñen atados das mans.

Porque mentres nós nos lembremos do que pasa no mundo e do que moita xente está a vivir, non será un simple recordo senón persoas que loitan polas súas vidas.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.