Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Edelvives. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edelvives. Amosar todas as publicacións

07/12/20

100 abrazos

 


Mini-album que merecía maior tamaño e que apenas ten palabras, porque non as necesita, 100 abrazos de Chris Riddell é un deses álbums que necesitas ter preto para abrir de cando en vez por calquera das súas páxinas e sentir o amor da amizade, o cariño das persoas que nos rodean, ou un pouco de calor. Como o propio título indica, neste libro só hai apertas; pero non todas as apertas son iguais: hai apertas de animais, hai apertas de contos, hainas de amizades... De cando en vez, citas sobre o amor ou a amizade de autorxs como Shakespeare ou Emily Brönte. Un agasallo perfecto da Editorial Edelvives!



03/11/20

De ratones y de hombres

Seguramente todas as persoas que me ledes xa coñecedes este libro, De ratones y de hombres de John Steinbeck, polo que só vou falar da edición que vén de sacar Edelvives coas ilustracións de Rébecca Dautremer, que consegue revisitar este clásico dende unha ollada psicolóxica, posto que decide estudar e ilustrar as faces, os corpos, as expresións, os ambientes, as paisaxes. Asemade, intercala outro tipo de imaxes, como anuncios do momento ou debuxos soñados polos protagonistas. Por iso, a lectura deste libro é totalmente diferente ao feito anteriormente como novela, posto que agora se nos abre un abano de posibilidades a explorar totalmente novidosas. Tanto, que a novela é unha novela gráfica diferente.




31/10/20

Novela de ajedrez

 


Publica Edelvives este famoso libro de Stefan Zweig coas ilustracións de Tlacuiloa, que consegue aportar un universo diferente á novela, xogando con luces e sombras e imprimindo o ritmo axeitado a cada pasaxe, destancando asemade a caracterización e a dramatización dos personaxes. Consegue, en fin, crear unha novela nova a unha que xa era maxistral.


11/11/17

Un paseo con Mary Poppins

Onte agasalláronme este fermoso libro que vén de publicar Edelvives: Un paseo con Mary Poppins de Hélène Druvert. A fermosura vén dada sobre todo pola edición, xa que é un libro troquelado... en todas as súas páxinas!!! Breve texto rimado para acompañar as ilustracións, damos un paseo polo mundo fantástico onde Mary Poppins todo o pode: dende ir ao fondo do mar e contemplar in situ a paisaxe mariña como voar o ceo e observar a cidade dende alí arriba. O libro está todo en branco e negro, o que lle aporta asemade unha certa lembranza ás sombras chinesas, xogando con estas tonalidades -gris- para dar profundidade ás capas dos debuxos. É outro destes libros xoia, fráxil, que dá gusto mirar de cando en vez para recordarnos a beleza e a fraxilidade.




16/07/17

El gran libro de los instrumentos musicales

 Este gran álbum de Pronto publicado por Edelvives é en realidade un catálogo ilustrado dos instrumentos musicais. Un catálogo ben completo, onde se agrupan por familias os instrumentos e onde ademais hai unha gran variedade de obxectos, ademais dunha chiscadela humorística ou unha pequena historia relacionda con cada sección. Así, temos un compendio interesante e ilustrativo que ensina e entretén sobre o mundo da música, dos sons e das orquestras. Asemade, atopamos un vocabulario específico de accesorios. 
Ou sexa, un libro imprescindible en calquera biblioteca para sabermos un pouco máis sobre o mundo da música.


20/06/17

El pueblo durmiente

Rebecca Dautremer publica en Edelvives El pueblo durmiente, un álbum máxico, un soño da autora-ilustradora, que se inspira en "A Bela Durminte" para contarnos como un príncipe e o seu criado chegan a un lugar onde todo o mundo leva durmindo máis de cen anos; a que se deberá?; como soucionalo? Será un encantamento, unha maldición, un feitizo? Ademais, desta referencia, hai outras á literatura popular francesa polo camiño. Así pasearemos polo barrio de Montmartre de fins do século XIX, lugar bohemio e alegre.
Por suposto, o libro é unha xoia tamén pola edición, como adoita facer Edelvives, en grandes dimensións.



17/06/17

La familia de la vajilla impar

Catalina González Vilar e Isabel Hojas levaron o V Premio Internacional de álbum ilustrado 2016 Edelvives con La familia de la vajilla impar, un simpático álbum que narra como van desaparecendo as pezas da vaixela, igual que os membros dunha familia collen diferentes voos para seguir coas súas vidas. O texto conta pezas e rectifícase a si mesmo cando estas van ou rompendo ou desparecendo. E é que nas familias as vaixelas nunca están enteiras. Non si?  E ao mesmo tempo, cando unha vaixela leva moitos anos canda un, tamén sentimos que pode contar a nosa historia, esa historia familiar que vén dende moi atrás. E cando conta esa historia, tamén lembramos que non hai ningunha historia perfecta, que sempre nos falta alguén, como falta algunha peza.
Asemade, as ilustracións propoñen un xogo lector, procurando as ilustracións das pezas da vaixela que se nomean e facendo un traballo de investigación: como desapareceron esas pezas? Dá para mirar e remirar.




01/06/17

Todo lo que una maestra nunca dirá

Divertídisimo este álbum que publica Edelvives de Noé Carlain e Ronan Badel: Todo lo que una maestra nunca dirá dá a volta en clave de humor a ordes e consellos que acostumamos a dar nas aulas. Así, os recreos alónganse, prémianse as faltas de ortografía, apláudese que o balón rompa cristais... Un soño do alumnado feito realidade, polo menos mentres dure a lectura deste catálogo de momentos e situacións que se me antollan totalmente imposibles.
As ilustracións, ao igual que o texto, son simpáticas e gamberras.
Imposible non rir todo o tempo con esta lectura.



25/05/17

Circus

E seguimos con Ana Juan. Desta volta a marabilla chámase Circus e está publicado por Edelvives. Un álbum ilustrado sen texto que conta unha historia en imaxes: dúas xemelgas que xogando descobren un circo cheo de personaxes misteriosos. E o toque de Ana Juan, por suposto, dálle a este circo un ar maléfico, de terror, tráxico. As ilustracións en branco e negro de cando en vez gozan dunha pincelada de cor qua a medida que avanzamos na "lectura" destacará con vermellos e amarelos. Unha pasada, claro.



03/02/17

El camino de los refugiados

Irene López Alonso é a autora de El camino de los refugiados, publicado por Edelvives. Libro necesario que fala dun tema tan desgraciadamente actual como é o éxodo sirio na procura dunha vida mellor. O libro relata o camiño que deben percorrer na voz dun mozo protagonista, que se erixe en defensor da súa irmá pequena, inventando para ela un xogo para que sexa quen de aturar tanto sufrimento. Con esta familia viremos dende Siria, e chegaremos en barco ata Turquía a través de Latakia, gastando os cartos nas mafias que alí se aproveitan do temor ás bombas e ás guerras de quen foxe por non ter outra opción. Ao chegaren a Turquía serán oficialmente refuxiados. Ata entón poderían ser turistas. 
Aínda que o sufrimento que leremos céntrase nesta familia, ao seu carón os ollos do neno Nabil darán conta de canto hai arredor. E destaco a conversa que mantén cun señor que lle conta como está alí por unha promesa feita á súa esposa morta: a de salvar os fillos, a pesar de que un xa quedou sen pernas por causa dunha bomba.
Sufrimento. Esta é a palabra que define o que está a acontecer. O libro só é unha mínima parte de canto sucede. Non construamos máis muros. Non miremos para outro lado.


15/12/16

Promesas


Seguindo coa mesma triloxía ("La Trilogía del Norte") da que comezamos a falar o outro día, está estoutro álbum Promesas, ilustrado por Ana Juan con texto de Matz Mainka. Seguimos coa mesma atmosfera e estética gótica onde destacan as cores grises e vermellas nun novo relato estremecedor onde o amor con seis promesas é, novamente, o protagonista.
Falamos da colección Contempla na editorial Edelvives.



13/12/16

Hermanas

Ana Juan é unha das miñas ilustradoras de cabeceira, por iso cada vez que vexo algún libro seu, a tentación vénceme. Teño que telo, non hai remedio. A editorial Edelvives vén de publicar na súa colección "Contempla" unha triloxía ("La Trilogía del Norte") da que esta Hermanas forma parte, con ilustracións de Ana Juan e texto de Matz Mainko. Ambientación gótica, grises e vermellos para un relato estremecedor e escuro onde o amor, a todos os niveis, é protagonista. Álbums que garantes que a edición ilustrada non é infantil.
Para perderse.

23/11/16

Frida

Hoxe tiven un agasallo espectacular. Que vai ser? Un libro, por suposto! Mellor dito, un álbum. Un álbum espectacular que vén de publicar a editorial Edelvives sobre a artista Frida Khalo, con texto de Sébastien Perez e ilustracións de Benjamin Lacombe.
Un libro con troquelados, con ilustracións a dobre páxina, con emoción e como afán de homenaxe. Un libro para abrir e volver a abrir unha e outra vez. Un libro para ensinar, con marcapáxinas, calendario e mesmo bolsa de papel para levar todo o paquete. Un conxunto espectacular que nos achega a obra de Frida e a súa vida, para sabermos máis da súa arte e do seu sufrimento, para sentir a emoción da súa poesía pintada. Hai, mesmo, anacos dos cadernos da pintora para que esta ollada sexa máis real, para que oidamos transportarnos ao seu mundo, incluíndo mesmo unha biografía.
Unha pasada!

20/11/16

Dautremer (y viceversa)

Que libro nos trae a editorial Edelvives da obra de Rebecca Dautremer! Dautremer (y viceversa) é un libro de artista, no que se recolle o proxecto da ilustradora, ou sexa, os múltiples traballos que ten feitos, aqueles que coñecemos os que seguimos a súa obra e aqueloutros que permanecían inéditos. Asemade, o libro ábrese por ambos lados, xa que o que fai o entrevistador-guionista TaÏ-Marc Le Tahn, é ofrecer as dúas faces artísticas (e persoais?) da artista, por unha parte fala da súa parte realista e polo outro da súa cara soñadora. No libro veremos non só as ilustracións que a autora vai verquendo en diferentes libros, senón tamén fotografías e bosquexos. Unha xoia para aquelas persoas que gocen das ilustracións dela.




04/05/16

O home que sabía voar

Este libro, O home que sabía voar, de Xabier López López con ilustracións de Jacobo Muñiz publicado por Tambre, fala dun soño que temos todas e todo, voar por nós mesmas. Pero cando alguén ten esa facultade, o resto da humanidade pode ver un perigo; e cando a envexa, ou a non intelixencia, se fai poderosa, é mellor ocultarse. Así pasará co noso protagonista, quen verá que ter certos privilexios non traen precisamente boa sorte. E, ás veces, ata é mellor ocultalos.
Resulta unha lectura entretida e acaída para nenos e nenas que xa teñen autonomía lectora.

02/05/16

Todos os soños

Na colección Alda Delta da editorial Tambre toparemos este libro de Xavier Estévez, Todos os soños, cunhas fermosísimas ilustracións de Marcos Viso, quen ten asegurada a chave da porta grande da Ilustración galega. Unha lectura moi entretida e acaída que fala de soños e do poder das persoas para establecer relacións afectivas, de misterios e de novos amores. Pero tamén fala do poder da lectura e do amor polos libros. Un neno que deixa de selo no medio dunha aventura que quizais, só quizais, é inventada, soñada. Un neno que madura, que é consciente dunha loita permanente que é a vida. Porque madurar non é outra cousa máis ca iso: coller armas para encarar o futuro e a vida, non sempre doada, non sempre de fronte.

16/02/16

El camaleón malcarado

Xan López Domínguez é un dos nosos ilustradores máis senlleiros e vólveo demostrar neste El camaleón malcarado publicado por Edelvives. As ilustracións son potentísimas, e a historia ben fermosa, sobre como perduran os recordos e as persoas neles, sobre como a amizade é máis forte que calquera despedida porque no corazón e no maxín permaneceremos para sempre, aínda que a ausencia se faga notar e sexa dolorosa.
Camufládevos e  mirádeo! Sorprenderavos.


14/11/15

Retratos gatunos

Se es amante dos gatos, Edelvives ten o libro máis axeitado para ti, este Retratos gatunos de Sébastien Perez con ilustracións de Benjamin Lacombe. 15 poemas sobre 15 gatos diferentes de diferentes razas e procederes, coa súa personalidade propia, os seus caprichos e as súas obsesións. Busca o teu gato nesta galería de personaxes que son capaces de ofrecer grandes sorpresas.



13/11/15

Alicia para los pequeños

Publica Edelvives este marabilloso libro de Lewis Carroll coas ilustracións de Sir John Tenniel: Alicia para los pequeños publicouse por vez primeira no ano 1890, en edición especial para o lectorado máis novo, simplificando o relato orixinal. A editorial respecta o orixinal, unha breve pero deliciosa historia coas peripecias esenciais do libro principal, non pensado para a infancia nun principio.

10/11/15

Dip. Más allá de la oscuridad


Sinistro, case, este álbum ilustrado que vén de pubicar Edelvives e que logrou o IV Premio Internacional Álbum Ilustrado 2015 Edelvives; Dip. Más allá de la oscuridad é de Eva Sánchez,quen recolle unha lenda de Partdip, lugar de Tarragona, para falarnos do medo, ese algo que queremos apreixar e facelo noso e non o conseguirmos. Porque cazar o medo é case imposible, o único que podemos facer é miralo de fronte e respectalo para non caer nunha maraña de sombras.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.