Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Aguilar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aguilar. Amosar todas as publicacións

08/04/20

Ochenta días

 Matthew Goodman conta en Ochenta días, publicada por Aguilar, a volta a mundo de dúas mulleres pioneiras, Elizabeth Bisland e Nelly Bly, mesturando realidade e ficción e conseguindo unha lectura interesante e atraente. Dúas mulleres arriscadas, visionarias para o seu tempo, intrépidas, que deciden facer unha viaxe contra o reloxo, contra o tempo, e contra a sociedade. E isto sucede en 1889, polo que asemade estas páxinas tamén nos achegarán o mundo do século XIX. Dúas mulleres que realizan unha carreira a contrarreloxo arredor do mundo que nos van ensinando o globo, o mundo polo que pasan: o ferrocarril dos Estados Unidos unirá o horario dese inmenso país, o poder oculto que chega a todas parte, a loita das mulleres por ir conquistando posicións masculinas en exclusiva... a historia e a xeografía de xeito ameno. 
De fondo, o inesquecible Jules Verne e os seus personaxis míticos.
Curiosamente, destas dúas mulleres unha fíxose famosa e outra non. As causas?

10/02/18

La chica miedosa que fingía ser valiente muy mal

Esperaba, supoño, outro libro moi diferente deste antes de comezalo por ser moi fan da súa autora, Barbijaputa, e a pesar do estrañamento inicial, o libro gustoume. Falo de La chica miedosa que fingía ser valiente muy mal publicado por Aguilar. O libro resulta moi sinxelo de ler e non se fai para nada longo, xa que o importante é o contido e por iso non topamos unha prosa chea de florituras, o que si temos é ironía, humor, denuncia social, política e moito feminismo. Esta parte é a máis importante e conséguese que forme parte dunha historia de amor de xeito natural, dun xeito eficiente. A moza protagonista é máis que crible: afoga entre a seguridade exterior, con ideas moi claras, e as fraquezas interiores que a agobian e que pretende ocultar... ata que no pode máis. De aí o título, posto que a esta muller está chea de inseguridades, de medos, de decepcións... O normal nunha moza nova. Como o é o feito de estar namorada e pensar que todo pode derrubarse se ese amor fracasa, porque o amor é o que sostén a vida, non a propia persoa. De aí xorde o conflito.
Paga a pena recalar nos personaxes que pululan arredor da protagonista, sobre todo a figura do pai, moi chamativa, e as amizades que vai facendo polo camiño.
Por suposto, a autora aproveita para deitar crítica social nas súas páxinas, ferímonos coas aristas que nos ensina e aprendemos coas súas referencias feministas: así que acertamos de pleno ao escollela como lectura dos nosos clubs de lectura feministas.



23/12/15

Agujetas en las alas


Sorpresa -recoñezo que unha ten os seus prexuízos- foi o primeiro que sentín cando vin este libro de Dani Rovira que publica Aguilar e que goza dunhas ilustracións espectaculares de Mónica de Rivas: Agujetas en las alas y 88 razones para seguir volando está constituído por este número de microrrelatos nos que abonda o amor, a nostalxia, o humor, a paixón, a ilusión... metáforas da vida cotiá que superpoñen imaxes de contos tradicionais. Xogo de equívocos, chaman poderosamente a atención as ilustracións, convertendo este libro nunha lectura deliciosa.
Por suposto, de todo hai neste variedade, algúns gustan máis ca outros, pero recoñezo que foi un bo exercicio para tirar os meus propios prexuízos.


La llamaron Felicidad y ya de muy pequeña sintió la necesidad de ser una fugitiva. Desde entonces el mundo entero la persigue. 

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.