Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Alvarellos editora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alvarellos editora. Amosar todas as publicacións

01/06/21

Estrita necesidade


 Deses agasallos que non agardas e converten unha tarde en momentos de felicidade. Recibir un libro de Carlos Negro da súa man é un luxo, pero descubrir que os seus versos están acompañados das fotografías de Benxamín Otero é case un exceso. Que sorte de veciñanza! Ambos asinan Estrita necesidade, publicado por Alvarellos.
As fotografías de Benxamín destilan sinceridade. Mans que traballan. Ferramentas que constrúen. Mans que pran á perfección e pousan con coidado o resultado. A pureza da imaxe. A cor e o contraste coa súa ausencia. Perfectos poemas sen versos. As palabras ponas Carlos.

Falamos en masculino, porque o libro é un reflexión sobre a parternidade, unha homenaxe que ambos, Carlos e Benxa, en versos e fotografías, realizan aos pais da posguerra.

esas maus non se herdan

nin a destreza coa garlopa

nunca adquirimos finura

ferranchar non se nos daba


A visión diferente que temos cando somos fillos de cando somos pais.

Cando somos fillos vemos aos nosos pais como entes aos que non desexamos semellarnos, porque son seres cheos de defectos que non queremos compartir. Eles, pola contra, desexan que herdemos, cando menos, as súas virtudes.

Cando somos pais dámonos conta de que anhelamos que os nosos fillos se parezan a nós. Cambia a nosa mentalidade porque xa non somos obxectivos: proxectámonos nos nosos fillos, pretendemos que sexan unha versión mellorada de nós.

A parternidade, como ser pai, é tamén unha das reflexións do poemario.

facerse home

era elaborar os domingos

unha natureza morta con cheiro a cartucho

O libro reflexiona asemade sobre como a posguerra conformou unha forma de ser, as penurias pasadas obsérvanse nalgúns poemas. Tempos de racionamento e austeridade.

en como aproveitas o carozo da mazá

en como arrodeas co coitelo parte podre

nese xesto coa peza da froita

gárdase a fame toda dos corenta

a ansia de que nunca sobre nada

de aproveitar ata a codia máis dura

unha forma de ser xa inquebrantable


 Estas marcan un silencio. O silencio desde o que os pais educan dende a resistencia a un mundo que pousou esperanzas e afectos que non se mencionan.

 o amor 

era regresar á casa 

cunha caixa de mantecadas de Astorga


e o cambio que se produce asemade sobre esta forma de educar. 

 negar a necesidade das bágoas

confundilas con líquido de freos

e o silencio carrexalo no remolque

como travesas prás minas de Asturias

 

 Deixar pasar o tempo, e canda el, o novo diálogo dos afectos

verte avó

ver tocarlle 

á banda 

outra peza

poñerlle música 

a serodios afectos

 

Cambiamos arestora ese silencio polas palabras que nos acompañan.


06/12/20

A miña familia 3+1=7


 I
sha Bottin e Gaspard Talmasse
publican en galego este precioso álbum na editorial Verdemar (Alvarellos) con tradución de María Reimóndez: A miña familia 3+1=7 está inspirado na propia biografía da autora, e fala da tristura e da aceptación dos cambios familiares e xeográficos. Asemade, o valor do amor, da forza, do optimismo e da xenerosidade. É un libro precioso que non debería pasar desapercibido.




26/04/18

La lámpara maravillosa

Publica a editorial Alvarellos en edición facsímil La lámpara maravillosa. Ejercicios espirituales de Ramón del Valle-Inclán, unha xoia de 1916 ilustrada por  José Moya del Pino. É un deses libros para ollar con moita curiosidade, que conta autobiograficamente a paixón polo ocultismo e que necesita transitar por camiños diferentes aos que xa coñece para seguir creando, de aí que probe con drogas como o cannabis. De aí que sinta Santiago como unha rosa, unha rosa de pedra chea de misticismo, unha rosa que non murcha porque é eterna, coma o tempo compostelán.
Esta edición conta cun estudo a cargo de Olivia Rodríguez-Tudela, con fotografías de época e un prólogo feito do neto do autor Jooaquín del Valle-Inclán Alsina.
Unha lámpada marabillosa, en todos os sentidos.


01/02/17

De catro a catro. Manuscrito inédito

Alvarellos Editora tráenos un verdadeiro galano para quen amamos a Manuel Antonio, este facsímil do seu De catro a catro. Unha alfaia para termos na casa e revisar de cando en vez, nunha edición coidadísima en tapa dura que reproduce un caderno contable, o que é o formato orixinal no que se escribiu esta para min obra mestra da nosa Literatura. Anxo Tarrío é quen se ocupa do traballo bibliográfico. Con este libro poderemos observar o traballo que Manuel Antonio realizaba na súa escrita, a importancia que lle daba a certos elementos por riba doutros, tanto textuais como paratextuais, e poderemos deleitarnos coa súa letra imaxinándoo mentres escribía.
Estou feliz de telo!



01/05/16

...e os domingos, un croissant

Tiña unhas altísimas expectativas sobre este libro de Ursula Heinze de Lorenzo, ...e os domingos, un croissant. Diario dun encontro coa vida  publicado por Alvarellos editora. que non se cumpriron, pero aínda así resultou unha lectura interesante porque fala dun momento concreto, dunha volta á vida, dunha loita constante. Falamos dun diario que escribe ao longo de dous meses ingresada no sanatorio psiquiátrico “La Robleda”, preto de Santiago de Compostela. A importancia do libro vén dada porque con el dáse un paso máis para romper un estigma que temos de noso, o tratamento dos problemas psiquiátricos. Asemade, fala sen complexos dos problemas da súa reclusión que da importancia que teñen os afectos para a recuperación. O libro é, pois, un diario de si mesma pero tamén unha descrición de acontecementos e dos problemas das persoas que alí están, así como o enxalzamento de empregados que están para axudar continuamente.
Un libro que axuda a abrir os ollos a unha realidade que temos ao noso carón, que fala da conversa, do riso e mesmo da importancia da ironía para saír adiante.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.