Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Cuarto de inverno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cuarto de inverno. Amosar todas as publicacións

28/05/22

Os libros que hai en min

 


Cando lin Os libros que hai en min publicado por Cuarto de inverno, pensei se eu tamén podería facer un exercicio de reflexión parello ao que realizou Emma Pedreira. Porque na miña vida hai moitos libros tamén; se tento botar a vista atrás (un monte de anos, por outra parte), lembro sobre todo ao Capitán Trueno, que lin e relín mil veces, e os “Clásicos Ilustrados” cos que coñecín todos eses libros dos que falamos hoxe e o noso alumnado non coñece: As aventuras de Tom Sawyer, Hucklebery Finn, todas as obras de Julio Verne, Moby Dick, contos de Grimm... e un longo etcétera. Na páxina 23 deste libro, a nosa autora afirma que chegou tarde á lectura; eu, porén, cheguei moi, moi cedo. Quizais porque tiven a sorte de termos libros na casa xa que meu pai era un gran lector; quizais porque non había outra cousa que facer, literalmente. Pouco despois Emma tamén nos recorda as primeiras lecturas, libros que eu tamén lin na miña infancia, 13 anos antes: Los Hollister, Los Cinco, Los siete, pero quen roubou o meu corazón de verdade foi unha colección dunha nena danesa internada chamada “Puck”: aínda conservo toda a colección de libros que debín reler cando menos 5 veces cada un. Na páxina 37 lembra Emma o seu primeiro libro de poemas (grazas a unha enfermidade), que lle chegou de tal xeito que a converteu en poeta; eu, porén, non cheguei á poesía ata ben máis tarde.

Así pois, para as persoas que amamos a lectura, este libro é asemade un baúl dos tesouros, porque convídanos a realizar, a nós tamén, un exercicio de reflexión persoal.

Así que temos un libro de memoria, de memoria persoal e de memoria lectora, posto que as súas vivencias particulares (curmáns, avós, enfermidades, madureza...) vincúlanse aos libros que van marcando as diferentes etapas da súa vida. É por iso que estamos ante un libro vivo que foxe de academicismos e que pousa a súa particular ollada de xeito desenfadado nos libros que atopou ela ou que dalgún xeito repousaron no seu ollar para convertela nunha lectora voraz. Emma comparte unha das miñas obsesións, e agradézollo: falar de libros, recomendalos, compartilos.

A autora fai organizando un libro de memorias bibliográficas, xa que o seu propio eu, o eu da narradora, pero aquí tamén da autora, constrúese a partir das experiencias lectoras. De aí que o libro comece cunha ‘Declaración de intencións’ que nos dá o punto de inflexión e o matiz creativo de todo o texto: un texto que vai ser un tecido exquisitamente bordado por anécdotas, títulos, críticas, listaxes, datos, fragmentos... compoñendo así un tapiz no que perdernos se amamos ler. Curioso compartir como nun primeiro momento das nosas vidas só temos títulos en castelán escritos por homes; será a nosa propia madureza a que nos leve ao galego e ás mulleres. Na páxina 90 lembra a descuberta do racismo e a descuberta da violencia contra as mulleres aos seus trece anos: no meu caso este achado chegou moitísimo máis tarde, así como o meu particular  gusto por Chimamanda; pola contra, cheguei antes a Jean Austen.

Pero ao mesmo tempo o seu libro fala tamén da súa relación coa escrita, intimamente ligada á lectura.

Outro aspecto suxestivo é o carácter colectivo que a autora logra imprimir neste libro; xa o dixen: o primeiro é repensar a nosa propia historia lectora. Pero é que a autora diríxese constantemente a nós, lectorado que estamos do outro lado do libro, fainos preguntas, convídanos a participar, mesmo realiza un xogo como o de “Rayuela” para non lermos o libro de xeito tradicional. Isto é a outra esencia literaria: a intertextualidade como diálogo. Moitas veces asistimos ao debate de “se a lectura nos fai mellores persoas” (e temo que a resposta é non, visto o lector que foron personaxes como Hitler) pero a literatura si é quen de asumir certas capacidades (cando menos, eu como profa de literatura así o considero), como por exemplo a capacidade de reflexión e a capacidade de creación, non só persoal senón tamén comunitaria. De feito, este libro é un deses espazos común que podemos compartir.

Compartir lectura, libros, é para min unha parte esencial da miña vida; non comprendería vivila doutro xeito: a paixón rebélase en min cando falo de libros, cando o meu alumnado me pide que lle recomende lecturas. Sei que un libro me gusta cando os seus personaxes entran nos meus soños. Nese momento, sei que ese libro apoderouse de min, e iso compráceme enormemente; ben é certo que non todos os personaxes son quen de coarse nos meus soños, o que non implica que esoutros libros non me gusten; pero o feito de me acompañaren fan que sexan dobremente especiais para min. Porque o acto de ler é un acto de dominar a soidade, de dominar, ás veces, a tristura que nos asolaga; é unha maneira de saber que estamos no mundo para algo. As palabras son compañía necesaria. Non son unha relixión, aínda que ás veces poida semellarse; os libros repousan nos seus andeis, aínda que ás veces, non nos deixan camiñar libremente, tanto espazo ocupan nas nosas casas e por tanto nas nosas vidas.

Non podo rematar estas poucas liñas sen falar de algo que ela tamén menciona na páxina 97: acumular libros que nunca leremos. Non sabe ela o acertada que estivo comigo e as miñas propias particularidades ao mencionar unha palabra en xaponés: ‘tsundoku”; a miña casa está chea de libros que sei que non poderei ler nunca, aínda que admito que desexo a miña xubilación para tentar solucionar algunhas destas carencias. Eu si lin a Pennac a mantenta e dígovos que tedes todo o dereito de deixar os libros a medio ler se non vos gustan, entre outros dereitos dos que gozamos como lectoras.

Por outra parte, adoro os álbums ilustrados e os pop-up, como tamén os “libros raros”. Así que está visto que sen nos coñecer, temos moito en común Emma e mais eu.

12/10/21

As palabras están a mirarse arredor da mesa

 


E
ncantoume esta proposta que nos fai Antonio García Teijeiro na editorial Cuarto de inverno con ilustracións de Lidia Cao: As palabras están a mirarse arredor da mesa  é un título dun verso da prezada Gioconda Belli, unha homenaxe que o autor realiza a ela e a outrxs poetas así como á propia poesía como catalizadora de sentimentos e de memoria. Un libro publicado anteriormente pola editorial Everest con ilustracións do incomparable e entrañable Xosé Cobas.

O mundo precisa da poesía, e así o reivindica o autor. Porque a lírica sabe de sentimentos. De cultura e do seu acubillo. Pero tamén do proceso de reflexión que ten que realizar o/a poeta para escribir. Déixao claro:as palabras son o instrumento da escrita, é preciso colocalas ben para falar da dor, da vida, dos sentimentos... As palabras poden esvarar e caer ou poden permanecer dentro dun verso, sentíndose importantes todas e cada unha delas, porque forman un conxunto nas que son importantes e perden a súa aparente sinxeleza (ou pouca importancia). As palabras son territorios, son tatuaxes na pel, son paisaxes das ventás pechas que o/a poeta abre para inmiscirse nun territorio que semellaba afastado e que do que se fai dono/a. As palabras e os silencios, ambos rotundos, ambos precisos e valiosos.

 

Ser poeta é
unha desculpa
para poder dicir,
como Pedro Salinas:
“Serás, amor,
un largo adiós que no se acaba?”
no canto
dun simple
“non sabes, amor, como
te
quero”.  


Un muro diante dos ollos.

Palabras coma fíos invisibles.

Esas mans que escriben na terra.

Coitelos abandonados nos versos.

Pombas que semellan bandeiras.

e beizos que reclaman uns beixos.

Xa alguén escribiu na parede:

Todos somos poetas.

11/03/21

A mestra corremundos


 Paseemos por Ourense da man das irmás Pura e Dora Vázquez Iglesias. Arancha Nogueira, xunto coas ilustracións de Ana Varela, rende unha fermosa homenaxe a estas dúas mulleres afoutas e escritoras que creron no noso país, no ensino e na escrita. Publica Cuarto de Inverno este A mestra corremundos, biografía de ambas autoras aínda que en primeira persoa, xa que é a voz de Dora a que nos guía, unha voz que atravesa espazos e tempos para homenaxear á súa irmá, Pura; unha homenaxe non só á poeta, senón tamén á mestra e á persoa; unha homenaxe á amizade e á querencia por riba de todo das dúas irmás.

02/01/21

Velloucas & Minchas


 Lorena Conde gañou o III Prmeio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con este Velloucas & Minchas, publicado por Cuarto de Inverno, unha lectura que terá éxito, coido eu, entre o lectorado novo (1º, 2º da ESO), xa que consegue manternos pegadxs ás súas páxinas e queremos saber como vai acabar todo. A pesar de introducir na historia un malo demasiado malo, un personaxe dende o meu punto de vista pouco crible e non acabado de construír, as páxinas centratanse en transmitir valores positivos como a diversidade sexual -en persoas maiores, que resulta desde logo máis innovador- e inclusividade (ambos supoño que foron quen lle outorgou o premio). O feito de que as protagonistas -agás as nenas- sexan mulleres maiores que celebran a vida e loitan polos seus dereitos é un dos piares da narración, que se sustentará asemade nunha vila que como todas as vilas ten habitantes diversos, habitantes tolerantes e intolerantes, unha vila que festexa e que baila. Canda esta vila iremos coñecendo unha nena que vive con temor pero tamén con valentía os sucesos que ocorren ao seu arredor, acontecementos que a fan sufrir e que axudarán na súa madureza e na construción da súa personalidade.


20/04/20

irmá paxaro

Se podemos dicir algo deste libro, así, de entrada, é que é fermoso. Pola súa delicadeza na edición, nas ilustracións, no contido... deses libros que só coa portada xa te demoras para recrearte. E o propio nome da editorial é delicioso: cuarto de inverno ten un grande pode de evocación. Así que a portada convida a ler pero tamén convida á abstracción, e mesmo á relaxación. Así que despois entras de crequenas nos seus versos, temendo ferir as palabras só por lelas, porque pertencen a un mundo que non é noso, pertencen a esa irmá paxaro que Tamara Andrés invoca coas ilustracións de María Montes. Un poemario que reflexiona sobre o antes e o despois dunha relación fraternal, dúas irmás que pouco a pouco van voar por diferentes camiños; de aí que estes versos nos acheguen a nostalxia dunha infancia perdida, a morriña do que foi e non volverá ser. O paso do tempo é o determinante para percatarse que este, e non outro, é o terríbel culpable do afastamento; co seu paso inexorable comezan as diferenzas, comezan as distintas preocupacións, e mesmo os segredos. E o que resultaba impensable na infancia dános un batacazo na madureza, cando ese tempo xa pasou e só nos quedan lembranzas amables que quixeramos gardan nun cofre perenne que nunca se humedeza e estrague. Pero a vida non se pode pechar aí, só podemos bogar para seguirl

ela pousou a súa ollada sobre min
e vestiume



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.