Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Kalandraka. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kalandraka. Amosar todas as publicacións

13/11/25

A panadería



 Kalandraka publica este fermoso álbum de Lucía Belarte e David Lorenzo baixo o título de A panadería. Ademais da historia, unha desas que tanto nos cómpren e que afondan na empatía, na tolerancia, no respecto aos demais, chaman a atención as ilustracións, profusas en gris, sen faltar detalle, elaboradas con grafito, que reforzan a comunicación do texto.

Un texto que promove e procura unha sociedade mellor mediante unha fábula protagonizada por unha familia de lobos que non son ben mirados por seren diferentes, ata que demostran que son coma os demais e que tan só queren vivir e traballar canda o resto da xente.


11/06/22

Quen son? Crias de animais. Australia

 


D
e Tándem Seceda e Ester García. Publicado por Kalandraka, temos unha nova entrega de Crías de animais. Quen son? Desta volta viaxamos a Australia. Sete crías marabillosas preséntanse a si mesmas e ás súas curiosidades así como as circunstancias nas que se defenden. Canguro, Koala, cucaburra, ornitorrinco, equidna, diaño de Tasmania, petauro do azucre (deste nin idea, pero encántanlle os doces coma a min!!!) son os poboadores deste libro e de Australia. 

Para non se cansar de ollar! Desexando levarllos ao netiño!


10/06/22

Quen son? Crias de animais. América


 Fermosísimo. Non podía ser doutro xeito, porque xa coñeciamos esta serie de Quen son? Crias de animais. Sete crías que se presentan nunha páxina dándonos pistas para que adiviñemos a que especie pertencen. Na seguinte páxina, a solución ao enigma. Difícil non sabelo polas marabillosas ilustracións que semellan fotografías pintadas. Textos rigorosos que plasman a realidade e nos dan valiosas e sinxelas informacións e curiosidades. O mapache, o tucano, o armadillo, o xaguar, o preguiceiro, a vicuña e o can das pradarías protagonizan este libro. Ao final, unha reflexión importante para compartir coas crianzas, futuro do planeta.

De Tándem Seceda e Ester García. Publica Kalandraka



09/06/22

Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX


Á
esencial colección de Kalandraka, Biblioteca de Pedagogía, chega este volume titulado Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX,  onde comparten páxinas nove protagonistas, Rosa Sensat, María Barbeito, María de Maeztu, María Luisa Navarro, María Sánchez Arbós, Justa Freire, Elbira Zipritia, Marta Mata e Carme Miquel, nove imprescindibles que compartiron unha mesma inquedanza e un fondo compromiso: a educación en valores. Para as persoas que cremos nesa mesma educación, un faro a seguir; para as persoas que ás veces tornamos pesimistas nesta sociedade actual, un optimismo reconfortante; para as persoas que sabemos que o único camiño válido é a educación, unha lembranza de que houbo mulleres precursosas desta nosa crenza. Sempre, un mesmo obxectivo: lograr unha sociedade is xusta, libre e solidaria para todas as persoas.



14/05/22

Avoa de arriba e avoa de abaixo


 Tenrísimo este álbum de Tomie de Paola que vén de publicar Kalandraka: Avoa de arriba e avoa de abaixo é un relato sobre a perda, e faino de xeito tan natural, sen ningún tipo de dramatismo pero cunha historia chea de amor que nos enriquece e nos devolve ás nosas propias avoas perdidas no tempo. Este libro foi publicado por primeira vez en 1973 e é autobiográfico. 

Deses libros clásicos que debemos ter en todas as bibliotecas.



13/05/22

Verme


 U
n deses libros que me volven tola de amor: un libro acordeón! Xa tiñamos un semellante dos mesmos autores, Federico Fernández e Germán González, Balea, e agora toca namorar con Verme, publicado tamén por Kalandraka. Creo que sobran as palabras; só dicirvos que vaiades por el, antes de que se esgote. Porque se non se esgota, este mundo está moi mal. 

Verme é un dispositivo mecánico que pode cavar a terra ao tempo que consegue fertilizala. Os operarios que traballan nel viven asemade un mogollón de aventuras. Só temos que mirar e poñer nós as palabras. Diso se trata, de crearmos nós as historias. 

A traballar!!!

07/05/22

A lenda do santo bebedor


 P
ublica Faktoría K esta tradución de Joseph Roth, A lenda do santo bebedor,  un relato amargo sobre un borracho, un relato sobre o destino, un relato sobre coincidencias improbables, un relato sobre a traxedia. Un relato que nos fai pensar en canto ten de autobiográfico e nos cuestiona  a decisión do autor sobre a súa pretensión: escribir unha historia divertida. A min, cando menos, paréceme todo o contrario, ben deprimente e reflexiva. Desde logo, se foi escrito pouco antes da súa morte, semella ademais ben premonitorio. Un relato cheo de milagres que nos fai crer por un momento nun final feliz ata que rematamos e comprendemos que milagres hai poucos e que a esperanza podémola manter ata o último momento, sabendo que a realidade trunca moitas veces as nosas expectativas.

Un texto de gran calidade e fondura tristura.

06/05/22

Siempre estuve aquí


 T
ráenos Kalandraka este libro de Nadia Terranova con ilustracións de Pia Valentinis, Siempre estuve aquí. Vida en el exilio de María Zambrano, unha homenaxe a unha autora comprometida que percorreu un longo exilio. Unha delicada edición en formato caderno con goma elástica que apetece abrir unha e mil veces e que convida ao lectorado máis novo a formar parte desta expedición pola vida desta muller incomparable.

O libro comeza coa súa infancia e a súa importante época de estudante en Madrid, onde a Poesía, a Filosofía e a Política fan da súa vida unha razón de ser; unha razón de ser comprometida coa liberdade que marcará a súa vida polas circunstancias que vive España e a onde non poderá volver ata 1984, a pesar de que ela "sempre estivo aquí". A escritura como salvación, como medicina. O compromiso social ante todo coa esperanza como vía e como guía para sempre comezar.


25/04/22

Despois do diario de Anne Frank


Q
uen non coñece o Diario de Ana Frank?, un libro que segue a ser unha lectura actual para lembrarnos a historia real que pode volver a suceder. Agora temos da man da Faktoría K este volume, Despois do diario de Anne Frank, de Bas von Benda-Beckmann que pescuda o que lle ocorreu a todas a persoas que estaban agochadas nesa casa que permanece inmortalizada grazas á lectura e que é a máis visitada en Ámsterdam. Un destino absolutamente cruel onde un só logra sobrevivir: o pai da protagonisa, Otto Frank. Ao mesmo teño, unha panorámica dos xenocidios practicados pola poder nazi que remata na "solución final", palabras que non estremecen e que nos levan ata o terror máis absoluto e ata o temor de que algo así volva a suceder. Os campos de concentración, campos de exterminio, campos da humillación humana, permitiron aínda así que algunhas persoas sobreviviran, persoas que son testemuñas tantas veces da capacidade de resistir do ser humano. O libro ofrece a perspectiva da historia dende a moral que todo ser humano debe posuír e non ceder.

A edición enriquécese cun corpo de notas e  cun  corpus fotográfico e documental que resaltan a documentación do autor.

 

17/04/22

Unha cor propia

 


C
ada libro de Leo Lionni é unha celebración. Unha celebración de cor, de vida, de dozura, de sensibilidade. Desta volta Kalandraka tráenos Unha cor propia, unha fábula que nos lembra a importancia de ser un mesmo e de compartir os nosos sentimentos. O camaleón cambia de cor, como sabemos. Pero o noso protagonista non se sente moi de acordo con esta muda, por iso decide vivir nunha folla para ser sempre coma ela; pero co que non contaba é con que tamén a folla varía, e o animaliño tamén o fará canda ela: todo depende das estacións do ano. Cando coñece outro da súa mesma especie, xúntanse para viviren as emocións do cambio da cor ao mesmo tempo: cando se comparte, todo na vida sabe mellor, mesmo a muda da cor!




16/04/22

Rizos de Ouro e os tres osos

 


E
ncantoume esta proposta que nos convida a gozar a editorial Kalandraka dun clásico renovado grazas a Olivier Douzou, Rizos de Ouro e os tres osos. Un xeito de estimular a ollada sobre o álbum e unha invitación ao xogo, para que nenos e nenas se acostumen a observar tamén grazas ás ilustracións, o simbolismo e a abstracción; así, o 0 amarelo é Rizos de Ouro... e os outros números tamén son símbolos a descubrir. Ilustracións rompedoras creadas a partir da xeometría conseguen que este clásico da literatura infantil se convirta nunha aposta suxestiva que propón unha reflexión sobre a liberdade e a curiosidade.

20/03/22

Dous osiños


 D
elicioso e tenro álbum publicado por Kalandraka, Dous osiños de Cailla Koffler, Ylla, foi publicado inicialmente en 1954 como "fotoliteratura". Resulta que a autora foi un referente na súa época, considerada coma unha das mellores fotógrafas de animais no século XX. Unha historia de dous irmáns osos que saen a descubrir o mundo esquecendo a recomendación da súa nai. O marabilloso deste libro é que está feito a partir de fotografías que fan un percorrido polo bosque e encontrándose con outros animais cos que interaccionan na procura da súa nai.


13/03/22

A nota


 E
ste agasallo de Kalandraka é deses que me deixan un sorriso debuxado durante todo o día! Moitísimas grazas por iluminar un día gris! Isto non é un álbum ilustrado... é un despregable! Xa sabedes canto me gustan este tipo de libros... pero é que ademais lelo e chegar a un final tan "riquiñez" superou as miñas expectativas. A nota de Pilar Serrano Burgos e Daniel Montero Galán é un libro ideal para cando vos apeteza ter un detalle a alguén que apreciades e que necesita lembrar que non está só/soa e que debemos sorrir ante a vida porque é o noso don máis prezado.

Unha nota que viaxa de man en man para ledicia de quen a recibe nun barrio moi concurido. E por que non?


20/02/22

Chuvisca

 


Fermosísimo álbum de Fernando Pérez Hernando que publica Kalandraka: Chusvisca é un canto á familia e á oportunidade de enriquecemento que aporta cada persoa a un conxunto. Non sei se realmente pretendía o autor realizar unha metáfora da sociedade individualista que temos, pero ben o consegue a partir dun pequeno detalle: as letras. E con este xoto dunha letra por paxaro chegamos ás cinco vogais e a poder aprendermos e falarmos con todas elas. Por iso o libro é asemade un xogo, un deses que me lembra a infancia de "Canda Farnada sátama asaba pantalán" e que tiñamos que recrear con cada vogal por separado. Arrincoume máis dun sorriso con esa tenrura que desprende e cun final aínda máis evocador.

E as ilustracións, xogando cun escenario case único, coido que son perfectas e acaídas para conseguir o obxectivo proposto.

Xenial.

07/11/21

Selva


 Un álbum que recibe o XIV Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado sempre é ben recibido, pero se aínda por riba non ten palabras, xa me conquista a priori. Selva é de Marina Gibert, publicado por Kalandraka, e conta un paseo incrible dun neno por lugares que semellan moi afastados... ou non tanto. Porque nada é o que parece e de aí a súa orixinalidade, que esperta no lectorado unha curiosidade especial por saber que hai detrás das cores e da xungla, xogando coa perspectiva e cun final totalmente imprevisto que nos leva a un espazo cotián que é quen de albergar todos os espazos.

 

06/11/21

A paso de tartaruga

 


Kalandraka agasállanos cun novo conto tradicional africano adaptado por Boniface Ofogo con ilustracións de Rebeca Luciani: A paso de tartaruga é unha fábula protagonizada polo animal máis sabio e persevarante, que neste caso consegue salvar a todos os animais. Asemade, o conto lémbranos como a supremacía irrereverente do ser humano, que exerce dende que o home é home, conleva a destrución de canto ten ao seu arredor, ultraxando deste xeito a convivencia e o equilibrio coas demais especies e coa natureza. Á vista está.

 

01/11/21

A nai sombra


 Promesas e novos comezos. A nai sombra é isto e moito máis. A portada, tan só, chama. Logo collémolo e non queremos soltalo. Non sabemos se o libro ten unha maxia especial ou é que o libro é máxico por si só. Pero algo ocore. Porque as palabras e as ilustracións son tan fermosas que non queremos rematalo; por non querer, non queremos abrilo demasiado non se nos vaia estragar. Así ocorre coas xoias, supoño, que aínda sabemos que non van desaparecer por moito que as admiremos, temos tanto temos a que suceda que queremos ollalas constantemente. 

A nai sombra, texto de Seán Virgo e ilustracións de Javier Serrano Pérez (algunhas páxinas pensei que pertencían ao meu prezado Cobas) publicado por Kalandraka. Non perdades ocasión de adquirilo.

Ás veces topamos sal nas súas páxinas, a humidade do mar, a brétema que o rodea. Topamos tristura. Topamos delicadeza. Topamos unha man que nos envolve acolledora. E o que máis nos envolve é a melancolía que atrapa o relato, a sombra. Porque aínda que a historia é bastante fatalista (infelicidade e engano) cun pesar mudo que enche cada palabra, é tal a sensación que nos transmite o libro que non rematamos chexs de tristura pero si nunha atmosfera sen palabras da que tardaremos en saír.

 


31/10/21

Poemas bestas e outros bechos


 L
embro que me encantara no seu momento Bechopoemas e outras bestas. Así que agora quedo feliz con esta especie de segunda parte, Poemas bestas e outros bechos,  que nos agasalla Leire Biblao con ilustracións de Maite Mutuberria, igual que acontecía no primeiro libro. Publica Kalandraka, claro. Volvemos ter como protagonistas dos seus versos a criaturas que viven na terra, ou na auga ou que voan. E volvemos ter ganas de ler en voz alta para non sentir a soidade, como 

A medusa necesita agarimo,

persegue os bañistas na auga

para darlles apertas e bicos.


Aí queda iso!

Quen non quere ler poesía?


29/10/21

El vuelo infinito

 


F
ran Pintadera
anímanos a voar. Algo que sempre quixemos, claro! Pero agora poderemos realizar o noso soño cos seus versos e as ilustracións impresionantes de Alejandra Acosta que publica Kalandraka baixo o título de El vuelo infinito. Infinito porque non desexaremos baixar do ceo nin pretenderemos deixar de voar, agora que aprendemos. Emigraremos e volveremos, sempro polo ar. Que sentir durante a travesía? Haberá perigos constantes, riscos e problemas, pero triunfaremos. Liberdade, de verdade, que nos envolve na inmensidade do ceo. Un ceo de versos onde os poemas son as ás.




27/10/21

Escritos en la guerra


 A
guerra con ilustracións de Federico Delicado. Podedes imaxinalo? Xa coa portada sabemos que queremos este libro. Logo, veñen os nomes das persoas que asinan estes relatos, nomes importantes que admiramos: Elvira Menéndez, Rosa Huertas, Antonio García Teijeiro, Mónica Rodríguez, Carmela Trujillo, Gonzalo Moure, Daniel H. Chambers. Sete nomes para sete relatos que evocan outros sete nomes importantes das letras universais. De marco, unha guerra. Calquera guerra, porque... que diferenza hai entre unha guerra e outra? A crueldade? O afastamento? A morte? A tristura? A destrución? Sexa cal sexa a guerra, o resultado é o mesmo. Por iso, estas páxinas falan da importancia que ten a historia, lembrala para non repetila, recordala para fuxir do innecesario.

 Escritos en la guerra  está publicado por  Kalandraka.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.